1ª) Antecedentes.
No porto do Carril existen instalacións de atracada destinadas ao sector pesqueiro que, como parte do dominio público dependente da Comunidade Autónoma de Galicia adscrito á entidade pública empresarial Portos de Galicia, precisan, para a asignación da súa utilización aos usuarios interesados, do correspondente título administrativo de ocupación, mediante outorgamento das correspondentes autorizacións de utilización, de xeito que se regularicen e ordenen as ditas prazas de atracada.
2ª) Normativa aplicable.
Os criterios xerais e o resto da normativa que rexen esta convocatoria están na Resolución do 29 de marzo de 2022 pola que se aproba o procedemento de autorización para a utilización de instalacións de atracada en pantalán, fondeo e depósito en seco en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, para embarcacións profesionais de 3ª, 4ª e 5ª lista (DOG núm. 68, do 7 de abril), accesible vía web no seguinte ligazón:
https://portosdegalicia.gal/documents/10627/103281/RESOLUCI%C3%93N+29-3-2022+procedemento+autorizaci%C3%B3n+utilizaci%C3%B3n+instalaci%C3%B3ns+atracada+fondeo+e+dep%C3%B3sito+seco+%28gl%29/aa00730c-27c5-4e8e-91ce-4b31c6f09a0a
3ª) Obxecto.
Ao encontrarse as instalacións de atracada para embarcacións profesionais destinadas ao sector pesqueiro do Carril en proceso de reorganización, é preciso que todas as embarcacións que desexen obter unha praza de amarre, utilicen ou non na actualidade unha atracada, soliciten a correspondente autorización de utilización.
Por este motivo, anúnciase a apertura dunha convocatoria pública para a presentación de solicitudes no citado porto.
As instalacións que se poñen á disposición pódense consultar no anexo que se xunta neste acordo. Neste anexo poderanse consultar a tipoloxía de prazas de atracada, as frotas a que van dirixidas, así como a súa localización. Tamén se poderán consultar na seguinte ligazón:
https://portosdegalicia.gal/documents/10627/103363/202203_PLAZAS+PESQUERAS+CARRIL.pdf/4f542e5a-3a7f-49ba-8dd4-58aa6c96e742
Non obstante, a distribución, o tamaño ou calquera outra característica das prazas, poderanse modificar durante a convocatoria por motivos de explotación portuaria debidamente xustificada.
4ª) Requisitos exixidos aos interesados.
1. Poderán formalizar a solicitude persoas xurídicas e entidades sen personalidade xurídica públicas ou privadas, así como os traballadores autónomos e traballadoras autónomas para os trámites e actuacións que realicen no exercicio da súa actividade profesional. O solicitante deberá ser o titular da embarcación, o armador ou o seu consignatario.
2. De existiren varios titulares, presentará a solicitude aquel que teña unha maior porcentaxe de participación na titularidade da embarcación ou aquel que actúe en representación dos propietarios.
3. No caso de solicitantes doutros países, que non teñan residencia no territorio nacional, deberán designar un representante, para todos os efectos que dimanen da autorización, con domicilio no territorio nacional. Este representante será o mesmo que presente a solicitude.
5ª) Forma, lugar e prazo de presentación.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos de conformidade co establecido no procedemento IF503A publicado na sede electrónica da Xunta de Galicia, xunto coa documentación indicada no dito procedemento e a referida na cláusula 6ª deste acordo.
O procedemento iniciarase a través da opción «Tramitar en liña» e será accesible a través da seguinte ligazón:
https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=IF503A
2. O prazo de presentación de solicitudes será de vinte (20) días naturais a partir do día seguinte ao da publicación no DOG deste acordo.
Adicionalmente, Portos de Galicia poderá establecer outros medios de publicidade complementarios á publicación no DOG co fin de facilitarlles o coñecemento desta convocatoria aos interesados.
6ª) Documentación e tramitación.
1. Deberanse achegar a documentación indicada no mencionado procedemento IF503A publicado na sede electrónica da Xunta de Galicia para as autorizacións de atracada e a indicada nesta cláusula 6ª. Toda a documentación deberá estar informatizada ou escaneada para xuntala á solicitude na epígrafe «Anexar documentación», unha vez iniciada a solicitude, tras cubrir os datos.
2. Como requisito de documentación específico respecto ás embarcacións profesionais para servizo da acuicultura, deberase presentar certificado de descarga no dito porto, xuntándoo á solicitude, emitido pola asociación ou entidade que acredite as ditas descargas, en que se especifiquen o porto e os kg por especies descargadas no período indicado no procedemento. Estes datos poderán ser contrastados por Portos de Galicia.
As embarcacións de acuicultura de servizo aos parques de cultivo, de ser o caso, acreditarán a súa actividade mediante o volume de vendas na lonxa do Carril.
3. Lémbrase que entre os requisitos que deben cumprir os interesados está a acreditación da inscrición da embarcación no rexistro correspondente, a través do procedemento «PE624A-Rexistro de buques de pesca e outros recursos mariños vivos; auxiliares de pesca, de explotacións de acuicultura e artefactos dedicados ao cultivo ou estabulación de especies mariñas», accesible vía web a través da seguinte ligazón:
https://sede.xunta.gal/detalleprocedemento?langId=es_ES&langId=es_ES&codtram=PE624A
7ª) Criterios de outorgamento das prazas de amarre.
1. As prazas de amarre asignaránselles de forma prioritaria ás embarcacións das listas que cumpran cos requisitos deste acordo e ata esgotar as solicitudes dunha mesma lista, na seguinte orde:
– Primeiro: embarcacións da 3ª lista.
– Segundo: embarcacións da 4ª lista.
– Terceiro: embarcacións da 5ª lista.
2. En caso de que exista maior número de solicitudes que de prazas na 3ª e 4ª lista, unha vez comprobado que as embarcacións teñen base no porto do Carril e acreditan o mínimo de vendas exixido, adxudicaranse as prazas segundo o volume medio anual de vendas declarado, en orde descendente. En caso de empate entre solicitudes, adxudicaráselle a praza á que presentase a solicitude completa con anterioridade.
As vendas ou descargas realizadas pola embarcación solicitante nun porto distinto do porto onde se solicita a atracada diminuirase multiplicando o importe declarado por 0,75 se se trata dun porto autonómico e por 0,5 se se trata dun porto estatal.
3. Como criterios xerais, para poder ser adxudicatario dunha praza nesta convocatoria o solicitante deberá acreditar a actividade cumprindo o seguinte:
a) Para embarcacións dedicadas á captura e extracción con fins comerciais de peixe e outros recursos vivos (principalmente 3ª lista):
• Acreditar un volume medio de vendas en lonxa nos anteriores 12 meses enteiros, contado desde o día seguinte ao da apertura do prazo da convocatoria, non inferior ao salario mínimo interprofesional multiplicado polo número medio de tripulantes da embarcación acreditado mediante os TC2 ou lista de tripulantes, certificados polo ISM ou Capitanía Marítima.
• Acreditar un volume de vendas en portos autonómicos do 25 % sobre o total anual declarado nos últimos 12 meses enteiros, contado desde o día seguinte ao da apertura do prazo da convocatoria. Para acreditar este aspecto, deberanse indicar no formulario dispoñible no procedemento IF503A as vendas realizadas e a tripulación da embarcación. Portos de Galicia poderá comprobar se as ditas declaracións son coincidentes coas realizadas para liquidar a tarifa X-4 de pesca fresca ou coas declaradas e rexistradas en www.pescadegalicia.gal 2
b) No suposto de embarcacións auxiliares de explotacións de acuicultura (principalmente 4ª lista):
• Acreditar un valor de venda de produtos descargados en portos autonómicos cun volume medio nos anteriores 12 meses enteiros, contado desde o día seguinte ao da apertura do prazo da convocatoria, non inferior ao salario mínimo interprofesional multiplicado polo número de tripulantes da embarcación. Para acreditar este aspecto, deberase achegar certificado de vendas dos produtos descargados nos últimos 12 meses enteiros pola embarcación, con indicación do/dos porto/s de descarga.
• Acreditar un volume de descargas en portos autonómicos do 25 % sobre o total anual declarado nos últimos 12 meses enteiros, contados desde o día seguinte ao da apertura do prazo da convocatoria.
4. Para acreditar estes aspectos, deberanse indicar no formulario da solicitude as descargas realizadas e a tripulación da embarcación. Portos de Galicia poderá comprobar a veracidade dos datos.
5. En ambos os supostos, por causas debidamente acreditadas de paro forzoso, veda, ou outros motivos debidamente xustificados, poderá tomarse en consideración o valor do exercicio previo onde non concorran as ditas causas de paralización da actividade.
7. Unha vez realizada a adxudicación, de resultaren prazas libres poderánselles outorgar estas prazas ás solicitudes, aínda que non cumpran as condicións anteriores, segundo os criterios específicos que se establezan en cada caso.
8ª) Resolución da convocatoria.
1. Recibidas as solicitudes, e unha vez analizada a documentación achegada, a adaptación da solicitude de ocupación de instalacións de atracada en pantalán, fondeo e depósito en seco ás prazas postas á disposición, o cumprimento dos requisitos deste procedemento e calquera outro condicionante, resolverase a solicitude autorizándoa, denegándoa ou incluíndo a solicitude na lista de espera, segundo proceda.
2. O prazo máximo para resolver o expediente será de tres (3) meses desde o remate do prazo para enviar as solicitudes. Transcorrido este sen que se dite resolución expresa, a correspondente solicitude entenderase desestimada.
3. No caso de que nas instalacións en servizo existan prazas vacantes, comprobarase que a embarcación cumpre os mínimos exixidos e se axusta ás dimensións da praza solicitada, e que existe praza vacante para as dimensións da dita embarcación, e resolverase sen máis trámite.
5. No suposto de que non existan prazas abondo para atender a demanda solicitada, as embarcacións que non sexan adxudicatarias dunha praza pasarán á lista de espera indicada na cláusula décimo segunda da Resolución do 29 de marzo de 2022.
6. Cando non se poida acreditar a actividade mínima indicada na cláusula 7ª desta convocatoria, podería constituír causa de denegación da solicitude, en función da demanda de prazas existentes na instalación.
7. Unha vez resolta a autorización, entenderase que o solicitante acepta as condicións desta se, no prazo máximo de dez (10) días desde a súa recepción, non presenta manifestación en contra.
8. As prazas ocupadas sen autorización serán desaloxadas no caso de que non se formule a solicitude para a súa regularización ou o solicitante non resulte adxudicatario dunha destas.
9ª) Aboamento das taxas portuarias.
A persoa titular da autorización deberá aboar a taxa portuaria vixente en cada momento aplicable á atracada en pantalán, fondeo e depósito en seco de embarcacións pesqueiras e auxiliares de acuicultura, así como as demais taxas portuarias que poidan ser de aplicación, como se recolle na condición décimo cuarta da Resolución do 29 de marzo de 2022 xa referida, de conformidade coa Lei 6/2003, de prezos, taxas e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.
Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2025
Juan Sanmartín Ferreiro
Director de Portos de Galicia
