O día 14.4.2024 o Diario Oficial de Galicia núm. 73 publicou o Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia.
O día 24.4.2024 o Diario Oficial de Galicia núm. 81 publicou o Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.
Pola súa banda, o Decreto 223/2022, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, na súa disposición transitoria primeira prevé que a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e a Subdirección Xeral de Infraestruturas Agrarias manterán a súa adscrición, competencias, estrutura e funcións na forma indicada no artigo 2.1.f), nos artigos 24 e 25 do Decreto 149/2018, do 5 de decembro, mentres non se aproben os novos estatutos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, e respecto dos servizos de infraestruturas agrarias sinala que se manterán mentres non se aproben os anteditos estatutos. Na actualidade aínda non se aprobaron uns novos estatutos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, polo que esta disposición transitoria segue vixente.
A actividade administrativa relativa aos procesos de concentración e reestruturación parcelaria, de competencia da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, leva consigo unha acumulación de funcións na súa persoa titular que, polo seu volume, provoca un indesexable retardo dos citados procedementos. Isto fai aconsellable que naqueles asuntos que non exixan unha atención directa e persoal dela se recorra á delegación de competencias, sempre no marco do debido respecto aos principios informadores da actividade administrativa, que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1, en prol dunha maior axilidade da actuación que redunde en beneficio tanto da propia Administración como dos administrados.
A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos interese públicos exixe.
O artigo 9.1 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, recolle a posibilidade de delegar o exercicio das competencias, indicando que os órganos das diferentes administracións públicas poderán delegar o exercicio das competencias que teñan atribuídas noutros órganos da mesma Administración, aínda cando non sexan xerarquicamente dependentes, ou en organismos públicos ou entidades de dereito público vinculados ou dependentes daquelas.
Nese mesmo sentido, o número 1 do artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dispón que o exercicio das competencias cuxa titularidade corresponda a órganos da Administración autonómica poderá ser delegado noutros órganos da propia Administración autonómica ou dalgunha entidade integrante do sector público autonómico.
Vistas a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia; a Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, e demais disposicións de aplicación ao caso,
De acordo con todo o anterior,
RESOLVO:
Primeiro. Delegar nos servizos de infraestruturas agrarias dos departamentos territoriais da Consellería do Medio Rural as facultades que seguidamente se indican, en materia de reordenación parcelaria, tanto concentración como reestruturación parcelaria:
• Resolución dos expedientes de recoñecemento de titularidade de parcelas de achega, tanto nos procesos de concentración, como de reestruturación parcelaria, ata a declaración de firmeza das bases.
• Resolución das solicitudes de cambio de titularidade respecto das parcelas de achega e dos predios de substitución.
• Emenda de erros materiais detectados por instancia de parte ou de oficio, na documentación integrante das bases, sempre e cando non sexan consecuencia de materias propias de recurso de alzada.
Segundo. Deixar sen efecto a delegación de competencias contida na Resolución do 26 de setembro de 2017 (DOG núm. 189, do 4 de outubro).
Terceiro. Ordenar que esta resolución se publique no Diario Oficial de Galicia, para xeral coñecemento, producindo efectos desde o día seguinte ao da súa publicación.
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2025
Mª Paz Rodríguez Rivera
Directora xeral de Desenvolvemento Rural
