DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Xoves, 6 de marzo de 2025 Páx. 15940

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 21 de febreiro de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorgan a autorización de desmantelamento parcial das instalacións actuais do parque eólico Serra da Panda e as autorizacións administrativas previa e de construción das instalacións relativas ao proxecto de renovación tecnolóxica deste parque eólico, sito nos concellos de Mañón e Ortigueira e promovido por Iberdrola Renovables Galicia, S.A. (expediente IN408A/2024/008).

Tras ser examinado o expediente iniciado por solicitude de Iberdrola Renovables Galicia, S.A. en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do Proxecto de renovación tecnolóxica do parque eólico Serra da Panda, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 15.11.2001, a Dirección Xeral de Industria resolveu autorizar as instalacións electromecánicas, aprobar o proxecto de execución e recoñecer a condición de instalación acollida ao réxime especial do parque eólico denominado Coriscada II (actualmente Serra da Panda). Este proxecto incluía un total de 28 aeroxeradores Gamesa G-47, de 660 kW de potencia nominal unitaria, o que supoñía unha potencia total de 18,48 MW.

Segundo. O 27.11.2001, a Delegación Provincial da Coruña da Consellería de Industria e Comercio emitiu a acta de comprobación e a autorización de posta en marcha parcial para 25 dos 28 aeroxeradores do parque eólico. Posteriormente, o 15.10.2002, a mencionada delegación provincial emitiu a acta de comprobación e a autorización de posta en marcha para a totalidade do parque eólico.

Terceiro. O 16.1.2002, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou o cambio de titularidade e subrogación dos dereitos e obrigas en virtude das autorizacións administrativas outorgadas ao parque eólico Serra da Panda (anteriormente Coriscada II) a favor da sociedade Sistemas Energéticos Serra da Panda, S.A. Nesta resolución recóllese, ademais, o cambio de denominación do parque eólico, que pasa a denominarse Serra da Panda.

Cuarto. O 13.5.2002, a Consellería de Industria e Comercio declarou a utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico.

Quinto. O 20.3.2003, o Consello da Xunta de Galicia aprobou definitivamente o proxecto sectorial denominado Parque eólico Serra da Panda.

Sexto. O 31.5.2004, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou o cambio de titularidade e a subrogación dos dereitos e obrigas en virtude das autorizacións administrativas outorgadas ao parque eólico Serra da Panda a favor da sociedade Iberdrola Energías Renovables de Galicia, S.A.

Sétimo. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, outorgáronse as autorizacións administrativas previa e de construción, e declarouse a utilidade pública, en concreto, da repotenciación parcial do parque eólico Serra da Panda, sito nos concellos de Mañón e Ortigueira (A Coruña) e promovido pola sociedade Iberdrola Renovables Galicia, S.A. (IN661A 2016/1).

Con esta repotenciación parcial, que consistiu na substitución de seis aeroxeradores modelo Gamesa G-47, de 660 kW de potencia unitaria, por dous novos, modelo Gamesa G-97, de 2.000 kW de potencia unitaria (limitada a 1.980 kW), o parque eólico quedou composto por 24 aeroxeradores.

Oitavo. O 24.5.2019, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria emitiu a autorización de explotación para a repotenciación parcial do parque eólico Serra da Panda.

Noveno. O 23.2.2024, Iberdrola Renovables Galicia, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o Proxecto de renovación tecnolóxica do parque eólico Serra da Panda, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

As actuacións proxectadas consisten, con carácter xeral, no desmantelamento de 19 aeroxeradores existentes (mantéñense 5 máquinas) e na instalación de tres novos, polo que queda composto o parque eólico por 8 aeroxeradores.

Décimo. O 15.4.2024, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (DXPERN), actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, notificoulle á promotora o cumprimento dos requisitos da súa solicitude.

Décimo primeiro. O 22.4.2024, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle informe á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de acordo co previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009.

Décimo segundo. O 23.5.2024, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu un informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica o seguinte: «2.1. Segundo se desprende do contido da nota interior con que se solicita o informe, a distancia mínima que se deberá considerar é a prevista na disposición adicional quinta da Lei 8/2009, do 22 de decembro, introducida pola da Lei 18/2021, do 25 de febreiro, de medidas económicas e financeiras de Galicia, é dicir, cinco veces a altura do aeroxenerador (buxa+pa). Neste caso: 5 x (84 + 58,5) = 712,5 m.

2.2. Unha vez comprobados os planeamentos vixentes nos concellos afectados pola área de incidencia urbanística proposta (Normas subsidiarias de planeamento do Concello de Ortigueira, do 27.5.1993, e Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Mañón do 18.5.2016) e as coordenadas dos tres aeroxeneradores que constitúen a pepotenciación II, especificadas no punto 4 do apéndice 1, Memoria do proxecto de execución, conclúese que todos os aeroxeneradores cumpren a citada distancia mínima coas diferentes delimitacións de solos urbanos, urbanizables e de núcleo rural con carácter residencial, o que se informa para que sexa tido en conta pola DXPERN na tramitación do proxecto».

Décimo terceiro. O 27.5.2024, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas remitiulle a documentación técnica do Proxecto de renovación tecnolóxica do parque eólico Serra da Panda á unidade tramitadora para continuar a tramitación, de acordo co indicado no artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo cuarto. Mediante o Acordo do 16 de agosto de 2024, da Dirección Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción e o estudo de impacto ambiental (EIA) do Proxecto de renovación tecnolóxica do parque eólico Serra da Panda, nos concellos de Mañón e Ortigueira (A Coruña) (expediente IN408A 2024/008).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal La Voz de Galicia, ambos do 28.8.2024, e permaneceu exposto ao público nas dependencias da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Coruña, así como no portal web da dita consellería. Así mesmo, o dito acordo remitíuselles aos concellos afectados, Mañón e Ortigueira, para a súa exposición pública.

Durante o dito período de exposición pública presentáronse diversas alegacións, todas elas contestadas pola promotora.

Décimo quinto. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o Departamento Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Concello de Mañón, Concello de Ortigueira, Deputación Provincial da Coruña, UFD Distribución Electricidad, S.A., Retegal e Cellnex Telecom (Retevisión).

A continuación, relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia, o 4.10.2024; o Concello de Mañón, o 27.11.2024; UFD Distribución Electricidad, S.A., o 16.9.2024; Retegal, o 27.9.2024, e Cellnex Telecom (Retevisión), o 10.9.2024. A promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para emitir os condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo sexto. O 9.12.2024, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático remitiulle o expediente á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo sétimo. O 16.12.2024, Iberdrola Renovables Galicia, S.A. achegou a documentación refundida resultante dos informes emitidos, entre ela o Proxecto modificado de renovación tecnolóxica do parque eólico Serra da Panda 18,48 MW, asinado dixitalmente polo enxeñeiro industrial Javier Amian Sánchez, o 10.12.2024, e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid o 11.12.2024, co número 202404832. Así mesmo, achega declaración responsable relativa ás separatas do mencionado proxecto de execución.

Décimo oitavo. O 30.1.2025, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade formulou a declaración de impacto ambiental do Proxecto de renovación tecnolóxica do parque eólico Serra da Panda, que se fixo pública mediante o Anuncio do 31 de xaneiro de 2025 da dita dirección xeral (DOG número 30, do 13 de febreiro).

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido recibíronse os seguintes informes: Augas de Galicia, Demarcación Galicia Costa; Subdirección Xeral de Residuos e Economía Circular; Dirección Xeral de Emerxencias e Interior; Dirección Xeral do Patrimonio Cultural; Dirección Xeral do Patrimonio Natural; Dirección Xeral de Saúde Publica; Instituto de Estudos do Territorio; Concello de Mañón e Sociedade Galega de Historia Natural.

Décimo noveno. O 7.2.2025, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático requiriulle á promotora a documentación técnica refundida resultante dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos que emitiron informe durante a tramitación do expediente.

Vixésimo. O 7.2.2025, a promotora deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior e achegou unha declaración responsable na que manifesta que, unha vez emitida a declaración de impacto ambiental, a documentación refundida presentada o 16.12.2024, recollida no antecedente de feito décimo sétimo, continúa sendo a definitiva. Así mesmo, achega unha declaración responsable relativa ás separatas do proxecto de execución.

Vixésimo primeiro. O 13.2.2025, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático emitiu informe técnico sobre o proxecto de execución refundido da renovación tecnolóxica do parque eólico Serra da Panda, recollido no antecedente de feito décimo sétimo.

Vixésimo segundo. O Proxecto da renovación tecnolóxica do parque eólico Serra da Panda conta coa autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea emitida o 30.10.2024, na cal se establece, ademais, o correspondente condicionado.

Vixésimo terceiro. O parque eólico Serra da Panda conta cos dereitos de acceso e conexión vixentes á rede para unha potencia de 18,48 MW.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG número 203, do 25 de outubro), pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG número 39, do 26 de febreiro), polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG número 251, do 31 de decembro), polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG número 248, do 30 de decembro), polo artigo 39 da Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG número 246, do 29 de decembro), e polo artigo 30 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG número 246, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nas demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. No que respecta ás alegacións recibidas durante a tramitación do expediente, e vistas as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. En relación coas distancias a núcleos de poboación, es necesario indicar que, tal e como se recolle no antecedente de feito décimo segundo, o 23.5.2024 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33 da Lei 8/2009, onde se indica:

«2.1. Segundo se desprende do contido da nota interior coa cal se solicita o informe, a distancia mínima que cómpre considerar é a prevista na disposición adicional quinta da Lei 8/2009, do 22 de decembro, introducida pola da Lei 18/2021, do 25 de febreiro, de medidas económicas e financeiras de Galicia, é dicir, cinco veces a altura do aeroxenerador (buxa+pa). Neste caso: 5 x (84 + 58,5) = 712,5 m.

2.2. Tras seren comprobados os planeamentos vixentes nos concellos afectados pola área de incidencia urbanística proposta (Normas subsidiarias de planeamento do Concello de Ortigueira do 27.5.1993 e Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Mañón do 18.5.2016), así como as coordenadas dos tres aeroxeneradores que constitúen a repotenciación II, especificadas no punto 4 do apéndice 1 da Memoria do proxecto de execución, conclúese que todos os aeroxeneradores cumpren a citada distancia mínima coas diferentes delimitacións de solos urbanos, urbanizables e de núcleo rural con carácter residencial, o que se informa para que sexa tido en conta pola DXPERN na tramitación do proxecto».

2. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 30.1.2025, na cal se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao cal o proxecto foi sometido, e tal e como se recolle no antecedente de feito décimo oitavo, recibíronse informes dos seguintes organismos: Augas de Galicia, Demarcación Galicia Costa; Subdirección Xeral de Residuos e Economía Circular; Dirección Xeral de Emerxencias e Interior; Dirección Xeral do Patrimonio Cultural; Dirección Xeral de Patrimonio Natural; Dirección Xeral de Saúde Publica; Instituto de Estudos do Territorio; Concello de Mañón e Sociedade Galega de Historia Natural.

3. No que respecta á alegación na cal se pon de manifesto que o proxecto sometido a información pública non está subscrito por técnico competente, cómpre manifestar que o técnico asinante do proxecto posúe a titulación de enxeñeiro industrial e está colexiado, co número 21.090, no Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid. Tal e como se recolle no antecedente de feito décimo sétimo e no punto terceiro do «resolvo» da presente resolución, o proxecto ao cal se lle outorga a autorización de construción conta co visado do mencionado colexio oficial, efectuado o 11.12.2024 co número 202404382.

4. En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, e aínda que non constitúe o obxecto desta resolución a declaración de utilidade pública, cómpre indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas e corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

No que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, e só no caso de que non se chegase a un acordo previo entre o promotor eólico e as persoas afectadas, no procedemento expropiador fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

Cuarto. A continuación, recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) do Proxecto de renovación tecnolóxica do parque eólico Serra da Panda, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 30.1.2025:

a) Tal e como se recolle na epígrafe 7 da DIA, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade resolve: «Formular a declaración de impacto ambiental do Proxecto de renovación tecnolóxica do parque eólico Serra da Panda, nos concellos de Ortigueira e Mañón (A Coruña), promovido por Iberdrola Renovables Galicia, S.A., en cumprimento do disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e concluír que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado e o programa de vixilancia ambiental que figuran ao longo deste documento, que prevalecerán sobre todo o anterior».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do Proxecto de renovación tecnolóxica do parque eólico Serra da Panda.

No epígrafe 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

5. Condicións ambientais.

5.1. Condicións particulares.

5.2. Condicións xerais.

5.2.1. Protección da atmosfera.

5.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

5.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

5.2.4. Xestión de residuos.

5.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

5.2.6. Integración paisaxística e restauración.

5.3. Outras condicións.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a autorización de desmantelamento parcial das instalacións actuais do parque eólico Serra da Panda cuxas características principais son as seguintes:

Solicitante: Iberdrola Renovables Galicia, S.A.

Enderezo: r/ Circunvalación, 17, A Rúa (Ourense).

Denominación do proxecto: parque eólico Serra da Panda.

Potencia autorizada/evacuable: 18,48 MW.

Concellos afectados: Ortigueira e Mañón (A Coruña).

Orzamento de execución material (sen IVE): 750.546,65 €.

Actuacións de desmantelamento proxectadas:

• Desmantelamento de 19 aeroxeradores Gamesa G47, de 660 kW de potencia nominal unitaria, cunha altura da buxa de 45 m e cun diámetro de rotor de 47 m, incluída a totalidade dos seus compoñentes.

Indícanse a continuación as coordenadas dos aeroxeradores que se van desmantelar:

Aeroxerador para desmantelar

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

A-1

598.834,96

4.833.036,68

A-2

598.970,96

4.832.973,68

A-3

599.105,96

4.832.910,67

A-4

599.182,96

4.832.767,67

A-5

599.258,96

4.832.623,67

A-7

599.445,96

4.832.325,66

A-8

599.538,96

4.832.176,66

A-9

599.789,96

4.832.222,66

A-10

599.891,96

4.832.090,66

A-11

599.993,96

4.831.957,65

A-13

600.094,98

4.831.644,62

A-14

599.967,95

4.831.432,65

A-15

600.084,97

4.832.746,66

A-16

600.059,97

4.832.526,66

A-17

600.034,96

4.832.307,66

A-18

600.214,97

4.832.236,66

A-19

600.394,97

4.832.166,65

A-20

600.574,97

4.832.096,65

A-26

600.734,98

4.833.196,66

• Desmantelamento dunha torre meteorolóxica.

• Desmantelamento e restauración das cimentacións, das plataformas de montaxe, das canalizacións eléctricas subterráneas de media tensión e dos vieiros que queden sen uso.

As instalacións principais existentes que se conservan son as seguintes:

– 5 aeroxeradores, 3 deles modelo Gamesa G-47, cunha potencia nominal unitaria de 0,66 MW, rotor de 47 m de diámetro e altura de buxa de 45 m, e os outros dous modelo Gamesa G-97, cunha potencia nominal unitaria de 2 MW, limitada a 1,98 MW, rotor de 97 m de diámetro e altura de buxa de 78 m.

As coordenadas destes aeroxeradores son as seguintes:

Aeroxerador

Coordenadas

ETRS89 UTM 29N

Modelo

X

Y

A-29

601.474,03

4.832.227,13

G97-1,98

A-30

600.959,00

4.832.171,00

G97-1,98

A-23

600.483,31

4.833.704,90

G47-0,66

A-24

600.623,98

4.833.548,67

G47-0,66

A-25

600.614,72

4.833.278,35

G47-0,66

– Subestación 20/132 kV do parque eólico, excepto no que respecta ás actuacións de reconfiguración do sistema de 20 kV que se recollen no proxecto de execución que se autoriza. As coordenadas da localización da subestación son as seguintes:

Subestación

Coordenadas

ETRS89 UTM 29N

X

Y

1

600.106,33

4.832.492,47

2

600.111,13

4.832.510,08

3

600.124,34

4.832.506,97

4

600.123,94

4.832.505,28

5

600.139,10

4.832.501,70

6

600.133,73

4.832.476,56

7

600.115,09

4.832.480,51

8

600.117,16

4.832.489,74

– 2 circuítos da rede eléctrica soterrada de media tensión a 20 kV e liña de interconexión entre os aeroxeradores e a subestación SET PE Serra da Panda 20/132 kV existente. O circuíto 3 conecta os aeroxeradores A-23, A-24 e A-25 coa subestación e o circuíto 4 conecta os aeroxeradores A-29 e A-30 coa subestación.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa previa ás instalacións do Proxecto de renovación tecnolóxica do parque eólico Serra da Panda, sito nos concellos de Mañón e Ortigueira (A Coruña) e promovido por Iberdrola Renovables Galicia, S.A. para unha potencia de 18,48 MW.

Terceiro. Outorgar a autorización administrativa de construción do Proxecto de execución da renovación tecnolóxica do parque eólico Serra da Panda, sito nos concellos de Mañón e Ortigueira (A Coruña), composto polo documento denominado «Proxecto modificado de renovación tecnolóxica do parque eólico Serra da Panda 18,48 MW», asinado dixitalmente polo enxeñeiro industrial Javier Amian Sánchez, o 10.12.2024, e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid, o 11.12.2024, co número 202404832.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Iberdrola Renovables Galicia, S.A.

Enderezo social: rúa Circunvalación, 17, A Rúa, 32350 Ourense.

Denominación: Renovación tecnolóxica do parque eólico Serra da Panda.

Potencia instalada: 18,84 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 18,48 MW.

Produción neta: 63.645 MWh/ano.

Horas equivalentes netas anuais: 3.444.

Concellos afectados: Ortigueira e Mañón (A Coruña).

Orzamento de execución material: 10.577.986,33 €.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

600.375

4.833.786

2

600.875

4.833.786

3

600.875

4.832.916

4

601.708

4.833.005

5

601.875

4.832.286

6

600.875

4.831.786

7

600.375

4.831.786

8

600.375

4.830.957

9

600.143

4.830.803

10

599.875

4.831.286

11

598.375

4.833.286

12

599.125

4.833.286

13

599.875

4.832.786

Coordenadas dos novos aeroxeradores proxectados:

Aeroxerador

Coordenadas

ETRS89 UTM 29N

X

Y

SP7.1

599.485

4.832.329

SP7.2

599.790

4.832.223

SP7.3

599.946

4.831.390

Características técnicas principais das novas instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– Instalación de 3 aeroxeradores modelo Vestas V117-4.3 HH84, con potencia unitaria de 4,3 MW e con rotor tripá de 117 m de diámetro, altura de buxa de 84 m, sistema de orientación de góndola activo, sistema de cambio de paso variable de pa e velocidade variable de xiro do rotor.

– 3 centros de transformación de potencia unitaria de 4.700 kVA e relación de transformación 20/0,72 kV, situados na parte traseira da góndola dos aeroxeradores, co seu correspondente aparellaxe de seccionamento, manobra e protección.

– Dous novos circuítos da rede eléctrica soterrada de media tensión a 20 kV e liña de interconexión entre os aeroxeradores e a subestación SET PE Serra da Panda 20/132 kV existente. Un dos circuítos que se vai executar (circuíto 1) conecta os aeroxeradores SP7.1 e SP7.2 coa subestación e conta cunha lonxitude aproximada de 1.263 m, e execútase en condutores de aluminio tipo XLPE AI (AS) 12/20 kV 3x1x500 mm² e XLPE AI 12/20 kV 3x1x150 mm². O outro circuíto que se vai executar (circuíto 2) conecta o aeroxerador SP7.3 coa subestación, ten unha lonxitude aproximada de 1.456 m e está composto na súa totalidade por un condutor de aluminio tipo XLPE AI 12/20 kV 3x1x150 mm².

– Na subestación reconfigúrase o sistema de 20 kV para adaptalo á nova disposición dos circuítos.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Iberdrola Renovables Galicia, S.A. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O número 5.1.7 da declaración de impacto ambiental sinala: «O importe do aval, que fixará o órgano substantivo, será actualizable e unha parte corresponderá á fase de obras (incluída a desmontaxe do parque actual) e outra de desmantelamento e abandono de instalacións». En consecuencia, fíxase o importe do aval en 190.744 euros, dos cales 84.964 euros corresponderán á fase de obras e 105.780 euros á de desmantelamento do parque eólico.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG número 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG número 37, do 23 de febreiro).

4. As actuacións de desmantelamento parcial das instalacións iniciais do parque eólico realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que se aproban mediante esta resolución, así como conforme o establecido ao respecto na declaración de impacto ambiental.

En todo o relativo á produción, almacenamento, xestión, reutilización ou transporte de residuos, observarase o disposto pola Subdirección Xeral de Residuos e Economía Circular no seu informe. No que respecta ás posibles zonas de limpeza das cubas das formigoneiras e de lavado de vehículos, observarase o disposto nas condicións 5.2.2.8, 5.2.4.2 e 5.2.4.3 da DIA.

Respecto aos traballos de eliminación das cimentacións, en particular as dos aeroxeradores, priorizarase que a súa realización sexa conforme o sinalado polos organismos que se pronunciaron ao respecto (direccións xerais de Patrimonio Natural e de Planificación e Ordenación Forestal, esta última atendendo ao seu informe emitido no marco da tramitación substantiva de autorización). No caso de que o promotor considere necesario realizar algunha matización ou modificación na execución dos ditos traballos, deberá elaborar un documento en que xustifique axeitadamente a solución proposta, o cal deberá contar, logo do inicio das obras, cos informes favorables dos organismos referidos anteriormente.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

En todo caso, tal e como se recolle no condicionado técnico establecido por Retegal, S.A. o 27.9.2024, aceptado pola promotora, esta deberá realizar, unha vez executada a instalación, unha campaña de medidas de cobertura de TDT nas localidades do contorno.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

6. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 30.1.2025, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

De acordo co establecido no punto 5.1.2 da declaración de impacto ambiental, con respecto ao informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a promotora deberá elaborar unha proposta detallada referente ás medidas adicionais sinaladas pola dita dirección xeral para garantir a minimización do impacto por colisión en aves (pintado das aspas dos aeroxeradores de acordo cos criterios establecidos pola antedita dirección xeral e implementar tecnoloxías de redución do impacto por colisión, tales como sistemas de detección baseados en vídeo) e quirópteros (restricións segundo o calendario establecido pola dirección xeral ou aquelas derivadas do anexo do informe da dita dirección xeral), así como as diversas actuacións que se van desenvolver no marco do programa de vixilancia ambiental para verificar a eficacia das ditas medidas.

O documento que elabore a promotora para dar cumprimento ao anterior deberá contar, previamente ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral do Patrimonio Natural.

De acordo co establecido no punto 5.1.3 da DIA, con respecto ao informado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, en canto ao programa de investigación e posta en valor dos xacementos tumularios Mámoa do Alto da Coriscada 4 e Mámoa do Alto da Coriscada 1, que debe consensuar coa dirección xeral, así como a memoria descritiva das actuacións e adecuacións proxectadas na contorna do camiño de Arrieiros, que deberán achegarlle antes da implantación das obras, a promotora deberá actuar segundo as directrices recollidas pola antedita dirección xeral nos seus informes, sen prexuízo do resto do condicionado.

Os documentos que elabore a promotora para dar cumprimento ao anterior deberán contar, previamente á realización das obras, co informe favorable da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

De acordo co establecido no punto 5.1.6 da DIA, previamente ao inicio das obras (incluída a desmontaxe do parque actual), a promotora deberá presentar ante a Dirección Xeral de Saúde Pública a documentación e información relativas á modelización e simulación acústica solicitada no seu informe. O documento que elabore o promotor deberá contar, previamente á realización das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Saúde Pública.

7. Con carácter previo á comunicación de inicio de obras, o promotor deberá acreditar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático que conta cos títulos habilitantes municipais de natureza urbanística dos terreos de implantación do parque eólico, previstos no artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

8. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberalle achegar ao Servizo de Seguimento e Oficina Técnica, da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria, o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 6 da declaración de impacto ambiental do 30.1.2025.

9. A promotora deberá comunicarlle o inicio das obras con anterioridade ao prazo de dez (10) días á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, e achegará toda a documentación necesaria establecida nesta resolución e na declaración de impacto ambiental.

10. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante o departamento territorial un certificado de final de obra, subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que se aproba mediante esta resolución, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

11. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, o Servizo de Enerxías Renovables e Infraestruturas do Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático inspeccionará as obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

12. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

13. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

14. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia da persoa interesada.

15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para realizar as obras das instalacións autorizadas.

16. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2025

Paula María Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático