DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Xoves, 6 de marzo de 2025 Páx. 15874

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 25 de febreiro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas de xuros en préstamos concedidos con fondos públicos para o ano 2025, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408E).

BDNS (Identif.): 818270.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

As persoas físicas ou xurídicas titulares de préstamos concedidos e formalizados a partir do ano 2020 para o desenvolvemento de proxectos empresariais con impacto directo en Galicia, coas entidades e modalidades relacionadas no anexo I das bases, que estean ao día nos pagamentos dos ditos préstamos, que desenvolvan unha actividade económica empresarial en Galicia e que teñan os seus centros de traballo localizados maioritariamente nesta comunidade autónoma.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto regular as condicións e o procedemento de tramitación da subvención de xuros de préstamos subscritos coas entidades e para as modalidades de financiamento subvencionable especificadas no anexo I das bases.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 25 de febreiro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas de xuros en préstamos concedidos con fondos públicos para o ano 2025, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408E).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7700, cunha dotación de 2.500.000 € para o exercicio 2025 e 2.500.000 € para o exercicio 2026.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computarse transcorridos 5 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ás 9.00 horas, e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que, conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será publicado no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

b) O 1 de decembro de 2025, ás 14.00 horas.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2025

Patricia Villajos Grande
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica