DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Xoves, 6 de marzo de 2025 Páx. 15854

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 25 de febreiro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas de xuros en préstamos concedidos con fondos públicos para o ano 2025, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408E).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do día 27 de xaneiro de 2025, acordou, por unanimidade dos seus membros asistentes, aprobar as bases reguladoras das axudas de xuros en préstamos concedidos con fondos públicos, e facultou a súa directora xeral para a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicación e convocatoria das bases reguladoras

Publicar as bases reguladoras das axudas de xuros en préstamos concedidos con fondos públicos e proceder á súa convocatoria para o ano 2025, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408E).

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computarse transcorridos 5 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ás 9.00 horas, e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que, conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será publicado no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

b) O 1 de decembro de 2025, ás 14.00 horas.

Terceiro. Dotación orzamentaria

Os créditos dispoñibles para a concesión nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7700, cunha dotación de 2.500.000 € para o exercicio 2025 e 2.500.000 € para o exercicio 2026.

A persoa titular da Dirección Xeral do Igape poderá ampliar o crédito, logo de declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. Prazo de duración do procedemento

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses desde a recepción no rexistro do Igape da solicitude de axuda, e non poderá superar o 30 de decembro de 2025.

Quinto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario.

Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), i), k), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2025

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas de xuros en préstamos concedidos con fondos públicos

O Igape é o instrumento básico de acción da Xunta de Galicia para impulsar o desenvolvemento competitivo do sistema produtivo galego, planeando e executando as actuacións do Goberno autónomo para o apoio aos investimentos considerados estratéxicos no ámbito de Galicia.

En xullo de 2020, o Consello Europeo acordou un instrumento excepcional de recuperación temporal, coñecido como NextGenerationEU, dotado con 750.000 millóns de euros, para o conxunto dos Estados membros.

O Fondo de recuperación garante unha resposta europea coordinada cos Estados membros para facer fronte ás consecuencias económicas e sociais da pandemia. Estes fondos poden utilizarse para conceder préstamos reembolsables por un volume de ata 360.000 millóns de euros. O Mecanismo para a recuperación e a resiliencia (MRR) constitúe o núcleo do Fondo de recuperación. A súa finalidade é apoiar o investimento e as reformas nos Estados membros para lograr unha recuperación sustentable e resiliente, á vez que se promoven as prioridades ecolóxicas e dixitais da UE.

Dentro do MRR, España recibirá un total de aproximadamente 140.000 millóns de euros, dos cales 60.000 millóns corresponden a transferencias non reembolsables. Ademais, poderá acceder a un volume máximo de 80.000 millóns de euros en préstamos.

O Fondo de resiliencia autonómica (FRA) é un instrumento creado baixo o Mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR) para mellorar o acceso ao financiamento nas comunidades autónomas españolas. Cunha dotación orzamentaria de 20.000 millóns de euros, o seu obxectivo principal é promover investimentos que impulsen a sustentabilidade e a resiliencia económica nestas rexións. En particular, o FRA busca mellorar a competitividade rexional, fomentar a innovación e apoiar a transición verde e dixital. Os investimentos están orientados a reducir as desigualdades territoriais, fortalecer a cohesión social e económica, e asegurar que as comunidades autónomas poidan afrontar futuros desafíos económicos con maior solidez.

A xestión do FRA está a cargo do Banco Europeo de Investimentos (BEI) e do Fondo Europeo de Investimentos (FEI), que actúan como xestores dos instrumentos financeiros. Estas entidades encárganse da identificación, avaliación e seguimento dos proxectos financiados. A Administración central, a través do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e do Ministerio de Facenda e Función Pública, é responsable do deseño e supervisión do fondo.

Cos anteriores fondos está prevista a posta en marcha de múltiples liñas de financiamento, algunhas delas entremediadas coas entidades bancarias privadas, e outras directas con determinadas entidades públicas.

XesGalicia, Sociedad Gestora de Entidades de Inversión de Tipo Cerrado, S.A.U. (XesGalicia), é unha sociedade mercantil pública autonómica da Xunta de Galicia, adscrita á Consellería de Economía e Industria, cuxo obxectivo é apoiar o crecemento do tecido empresarial galego, impulsar o desenvolvemento e a consolidación económica e industrial de Galicia, así como fomentar o emprendemento e a innovación. Financia o desenvolvemento empresarial mediante participacións temporais e minoritarias no capital social das empresas, e tamén outorga préstamos participativos ordinarios e a longo prazo, todo iso a través da xestión e administración de diferentes fondos específicos e da sociedade Sodiga Galicia, Sociedad de Capital Riesgo, S.A.

Tanto as operacións de préstamo elixibles con fondos NextGenerationEU para o financiamento directo de proxectos en Galicia como aquelas concedidas por Xesgalicia comparten os seus obxectivos co Igape, na medida en que favorecen a implantación de proxectos nesta comunidade autónoma e a mellora competitiva das empresas galegas. Todas estas operacións se caracterizan, ademais, por financiar proxectos cun perfil de risco de crédito elevado, ao actuaren facilitando recursos de forma complementaria ao sector bancario. Por isto último, as condicións financeiras de tipo de xuro adoitan ser menos competitivas que as que habitualmente obteñen no mercado as grandes empresas solventes.

Co obxecto de que as iniciativas que se vaian desenvolver en Galicia que conten con financiamento procedente das fontes antes descritas poidan beneficiarse dunha mellora no custo financeiro, proponse esta liña de axuda complementaria, consistente nunha subvención dos xuros nestas operacións, o que favorecerá a viabilidade económica das empresas beneficiarias, mellorando a súa capacidade para atender os seus compromisos de devolución. Ademais, incentívase nas empresas galegas a utilización deste tipo de financiamento a longo prazo, máis adaptado aos fluxos de retorno dos proxectos ca o financiamento habitual ofrecido polas entidades bancarias.

A convocatoria destas axudas deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

A tramitación destas axudas exclúe a concorrencia competitiva, con base no establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, por canto serán subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras, ata o esgotamento do crédito.

Xustifícase a excepcionalidade pois neste caso non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial de apoiar calquera operación financeira que, cumprindo os requisitos especificados nestas bases, supoña dotar as persoas beneficiarias da liquidez necesaria para poder financiar as súas operacións correntes e de investimento, e o seu crecemento.

Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos coa debida dilixencia e en todo momento, mantendo a posibilidade de prazos de solicitude máis dilatados no tempo.

Artigo 1. Obxecto

Estas bases regulan as condicións e o procedemento de tramitación da subvención de xuros de préstamos subscritos coas entidades e para as modalidades de financiamento subvencionable especificadas no anexo I destas bases.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases as persoas físicas ou xurídicas titulares de préstamos concedidos e formalizados a partir do ano 2020, para o desenvolvemento de proxectos empresariais con impacto directo en Galicia, coas entidades e modalidades relacionadas no anexo I, que se atopen ao día nos pagamentos nos ditos préstamos, que desenvolvan unha actividade económica empresarial en Galicia e que teñan os seus centros de traballo localizados maioritariamente nesta comunidade autónoma.

2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:

a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas inmersas nun procedemento de insolvencia, ou que reúnan os requisitos para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores. En particular, entenderanse nesta situación se están declaradas en concurso, salvo que neste adquirise eficacia un convenio, ou cando concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 2.4 do Real decreto lexislativo 1/2020, do 5 de maio, polo que se aproba o texto refundido da Lei concursal. Tamén se encadrarán neste suposto aquelas empresas que estean en proceso de negociación cos seus acredores, ao abeiro do libro segundo do Real decreto lexislativo 1/2020, salvo que adquirise eficacia un plan de reestruturación.

c) As entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007.

d) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas posteriores modificacións, cando as persoas solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

Artigo 3. Características da axuda do Igape

1. A axuda consistirá na subvención dos xuros das operacións de préstamo contratadas a partir do 1 de xaneiro de 2020 coas entidades e nas modalidades relacionadas no anexo I, co obxecto de desenvolver proxectos empresariais con impacto directo en Galicia. O importe da subvención que se conceda será o menor dos seguintes importes:

a) Un máximo de 3 puntos porcentuais de xuros calculados na taxa anual equivalente sobre o capital vivo previsto no contrato en cada período de liquidación, segundo o pactado no contrato de financiamento ou póliza de préstamo, que se xeren e que se deberán pagar entre o 1.1.2025 e o 31.10.2026.

b) O importe bruto total dos xuros ordinarios que se xeren e que se deberán pagar entre o 1.1.2025 e o 31.10.2026. Para estes efectos, consideraranse pagadas no período as retencións sobre os rendementos de capital que figuren incluídas, de ser o caso, nas liquidacións de xuros correspondentes.

c) O importe que, sumado ás axudas de minimis percibidas pola titular e sociedades vinculadas nos tres últimos anos, falte para chegar ao límite de axudas de minimis aplicable á persoa beneficiaria.

Respecto das alíneas a) e b) anteriores asúmense as hipóteses seguintes:

– Mantemento do capital vivo previsto no calendario de amortización en vigor no momento da solicitude, sen amortizacións anticipadas.

– Nos préstamos a tipo variable e nos préstamos participativos, para a determinación da axuda que se vaia conceder, considérase o tipo de xuro en vigor no momento da solicitude.

A subvención concedida terá un carácter de subvención máxima. No momento da liquidación, nos casos de amortizacións anticipadas, e/ou nos supostos en que durante o período de liquidación o tipo de xuro aplicado rexistre unha baixada respecto ao tomado en conta para o cálculo da axuda na resolución de concesión, o importe da axuda será axustado para que o importe bruto da subvención non supere en ningún caso o importe dos xuros ordinarios efectivamente aboados pola persoa beneficiaria no préstamo subvencionado.

2. Para os efectos destas bases, enténdese por taxa anual equivalente o tipo de xuro anual que é financeiramente equivalente ao tipo de xuro pagado coa periodicamente pactada no contrato ou póliza de préstamo ao longo do ano, e calcularase coa seguinte fórmula: Taxa anual equivalente = (1+x/f) ^f – 1, onde «x» é o tipo de xuro nominal expresado en tanto por un, e «f» é a frecuencia dos pagamentos de xuros, expresada en número de pagamentos por ano (1 = anual, 2 semestral, 3 cuadrimestral, 4 trimestral, 6 bimestral e 12 mensual).

3. A axuda será aboada ás persoas titulares na conta bancaria que designen.

4. Compatibilidade e límites.

As axudas financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis e cumprirán co establecido no Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro); no Regulamento (CE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño), no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), ou nas normas que os modifiquen ou substitúan.

A concesión das axudas destas bases queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada pero, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea para as axudas de minimis que estean vixentes no momento da concesión da axuda. De xeito xeral e na data de publicación das presentes bases, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 300.000 euros nos tres anos previos á concesión da subvención. Para as empresas do sector da pesca, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 40.000 euros durante os tres anos previos á concesión da subvención. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 50.000 euros.

A solicitude e obtención doutras axudas ou subvencións de minimis deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento da solicitude da axuda. O incumprimento do disposto neste punto considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

5. No caso de que a axuda calculada conforme o punto primeiro supere os límites indicados no punto 4, axustarase o importe total da axuda bruta aos ditos límites. Será causa de denegación se as axudas de minimis xa percibidas nos tres anos previos á concesión da subvención superan os ditos límites.

6. De acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto 1149/2011, do 29 de xullo, polo que se establece e regula o Rexistro español de axudas de minimis no sector pesqueiro (BOE núm. 223, do 16 de setembro), no caso de que a persoa beneficiaria sexa unha empresa do sector pesqueiro, o Igape publicará a subvención concedida ao abeiro destas bases no citado rexistro expresando a información a que se fai referencia no anexo I do dito real decreto.

Artigo 4. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Para presentar a solicitude, a persoa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que se realizase a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que a persoa asinante da solicitude exerza a representación legal da persoa solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade da persoa solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dunha única persoa solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dunha persoa solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todas as persoas asinantes autorizan unha delas para presentar a solicitude. Este documento deberá ser asinado electronicamente por cada unha das persoas autorizantes.

Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificación dixital da persoa presentadora, e transferido este ao Igape, anotarase unha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o Rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

As persoas solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da presentación na oficina virtual do Igape (https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual).

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará polos seguintes medios de proba:

1º. As persoas físicas e xurídicas que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, en que afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro. Poderán tamén acreditar a dita circunstancia por algún dos medios de proba previstos no punto 2º e con suxeición á súa regulación.

2º. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:

i. Certificación emitida por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagamentos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se alcanza o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecido na Lei 3/2004, do 29 de decembro, determinado neste punto, con base na información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.

Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.

ii. No caso de que non sexa posible emitir a certificación do auditor a que se refire o número anterior, Informe de procedementos acordados elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que, con base na revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pagamento a provedores da sociedade nunha data de referencia, conclúa sen detectar excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou no caso de que se detectasen, estas non impidan alcanzar o nivel de cumprimento requirido no punto segundo da letra d) da disposición derradeira sexta da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.

b) Pólizas ou contratos de financiamento das operacións das cales se solicita subvencionar os xuros.

c) Certificación emitida pola entidade prestamista, en que se identifiquen a titular, a operación financeira, a modalidade de operación, o capital vivo nas datas 31.12.2024 e de emisión, e que indique expresamente que non ten cantidades vencidas pendentes de pagamento. Para o caso de préstamos a tipo de xuro variable, deberá incluír o tipo de xuro nominal anual aplicable en 1.1.2025 e as modificacións producidas ata a data de emisión do certificado.

d) Memoria explicativa do proxecto empresarial que se financia co préstamo para o que se solicita a subvención, que detalle os investimentos e gastos financiados e o impacto para as actividades da empresa en Galicia.

e) Cadro de amortización que detalle claramente o capital vivo previsto nos períodos de liquidación de xuros comprendidos entre o 1.1.2025 e o 31.10.2026.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder do Igape ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Imposto de actividades económicas (IAE).

f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Certificado de renda (IRPF).

j) Informes da vida laboral necesarios para a comprobación da localización dos centros de traballo.

k) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

l) Consulta de concesións pola regra de minimis.

m) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo II) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas ou entidades solicitantes deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados telematicamente accedendo ao enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Artigo 8. Instrución dos procedementos

1. A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no formulario e na documentación presentada.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se o formulario de solicitude non reúne os datos exixidos, o Igape requirirá a persoa ou entidade solicitante para que, no prazo de dez días hábiles contado desde o seguinte ao do requirimento, emende a falta, con indicación de que, en caso contrario, se considerará que desiste da súa petición, e arquivarase o expediente logo da correspondente resolución.

Artigo 9. Resolución, silencio administrativo e recursos

Unha vez verificado que na solicitude se cumpren os requisitos establecidos nestas bases, a persoa titular da Dirección da Área de Financiamento elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, que resolverá por delegación do Consello de Dirección.

A persoa titular da Dirección da Área de Financiamento é o órgano competente para resolver o arquivo, as desistencias e a renuncia de dereitos nos expedientes tramitados na súa área, nos casos previstos na lexislación vixente, por delegación do Consello de Dirección.

2. Na resolución de concesión farase constar o importe da subvención concedida, cuantificando o importe máximo que se lle aboará á persoa titular nas liquidacións durante os exercicios 2025 e 2026. Informarase a persoa beneficiaria sobre o carácter de minimis da axuda, facendo unha referencia expresa e completa ao regulamento de minimis que corresponda.

3. Na resolución denegatoria farase constar o motivo da denegación. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007.

4. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

As solicitudes resolveranse atendendo á súa prelación temporal ata o esgotamento do crédito, do cal se dará a correspondente publicidade. Para os efectos da determinación da prelación temporal, a data que se terá en conta será a data e hora de presentación da solicitude.

No caso de presentación de achegas ou de que a solicitude requira emenda, teranse en conta a data e a hora en que a persoa solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida. No caso de que máis dunha solicitude teña a mesma data de presentación, prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación fose anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral e, en último caso, prevalecerá aquela á cal o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será o establecido na resolución de convocatoria. O dito prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 22 da Lei 39/2015. Transcorrido tal prazo sen que se notifique resolución expresa, poderá entenderse desestimada.

6. As resolucións ditadas ao abeiro destas bases poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Potestativamente, recurso previo de reposición:

– Ante a persoa titular da Dirección da Área de Financiamento, no caso de recursos de reposición contra as resolucións de arquivamento.

– Ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, no caso de recursos de reposición contra as resolucións de concesión ou denegación das axudas, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

En ambos os casos, o prazo para interpoñer o recurso será dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, se for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 10. Notificacións

As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento que non sexan obxecto de publicación se efectuarán só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno (en diante, Lei 1/2016), e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 12. Liquidación da axuda

1. Para o cobramento da subvención concedida, a persoa beneficiaria, dentro dos prazos establecidos no punto 4 deste artigo, deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

2. A persoa beneficiaria deberá presentar a solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo III), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, a persoa beneficiaria deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.

4. Establécense dous prazos de presentación de solicitudes de cobramento:

a) Desde o 1.11.2025 ata o 15.11.2025, para o cobramento das liquidacións de xuros xerados e pagados desde o 1.1.2025 ata o 31.10.2025.

b) Desde o 1.11.2026 ata o 15.11.2026, para o cobramento das liquidacións de xuros xerados e pagados desde o 1.11.2025 ata o 31.10.2026.

5. As persoas beneficiarias deberán xuntar, en cada unha das liquidacións, os xustificantes que acrediten o pagamento dos xuros obxecto de subvención no período correspondente, os cales poderán consistir en documentos acreditativos das liquidacións ou boletas bancarias, en que se detalle o capital vivo, o período de liquidación e o tipo de xuro aplicado, mais o extracto bancario que xustifique o cargo na conta. Alternativamente, poderán achegar un certificado emitido pola entidade prestamista en que figuren os devanditos datos e mais as datas de pagamento de cada unha das liquidacións.

De conformidade co artigo 67.4 do Decreto 11/2009, exímese da constitución de garantías para o pagamento á conta que constitúe a liquidación da subvención do período sinalado na letra a) do punto 4 anterior, logo da autorización polo Consello da Xunta de Galicia.

Así mesmo, de conformidade co artigo 62.4 do Decreto 11/2009, o pagamento á conta que constitúe a liquidación da subvención do período sinalado na letra a) do punto 4 anterior poderá superar o 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, logo de autorización polo Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento da axuda no suposto de incumprimento das condicións establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, nas presentes bases reguladoras ou na resolución de concesión.

Así mesmo, de concorreren os motivos de incumprimento mencionados no parágrafo anterior, procederá o reintegro por parte da persoa beneficiaria da axuda pagada, xunto cos xuros de mora correspondentes, que se contarán desde o momento do pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

2. Acreditar un gasto subvencionable inferior ao previsto en calquera dos períodos de liquidación sinalados no punto 4 do artigo 12, pola realización de amortizacións anticipadas nas operacións financeiras subvencionadas ou calquera outro motivo, suporá a perda proporcional da axuda concedida.

3. A falta de presentación nos prazos establecidos da liquidación correspondente a calquera dos períodos indicados no punto 4 do artigo 12 suporá a perda da subvención do correspondente período. A falta de presentación no prazo establecido da liquidación correspondente ao período indicado na letra b) do referido artigo non será causa de reintegro do pagamento á conta da subvención correspondente ao período indicado na letra a) que, de ser o caso, fose liquidada.

Artigo 14. Control

As persoas beneficiarias da subvención prevista nestas bases quedan obrigadas a someterse ás actuacións de control que efectúen o Igape ou os órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións financeiras acollidas a estas bases.

Artigo 15. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro); no Regulamento (CE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño), no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), ou nas normas que os modifiquen ou substitúan.

En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015.

ANEXO I

Entidades e modalidades de financiamento subvencionable

Entidade prestamista

Modalidade de financiamento

Xesgalicia-Sodiga Galicia, Sociedad de Capital Riesgo, S.A., Fondo Galicia Compite FICC, Galicia Iniciativas Emprendedoras, FICC, Fondo Galicia Innova Tech, FICC

Todas as modalidades

Instituto de Crédito Oficial

Liña ICO-Verde de financiamento directo.

Liñas de financiamento directo ICO do Plan de recuperación e resiliencia

Banco Europeo de Investimentos (BEI)

Liñas de financiamento directo BEI

Instrumento financeiro de cofinanciamento BEI MRR

missing image file
missing image file
missing image file