De conformidade co establecido nos artigos 524, número 1, e 526, número 2, da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial; no artigo 56 e seguintes do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, e mais no Decreto da Xunta de Galicia 119/2005, do 6 de maio, polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia (DOG núm. 94, do 18 de maio), anúnciase a provisión, polo sistema de libre designación, de dous postos de traballo cuxa descrición e requisitos necesarios para o seu desempeño se especifican no anexo I desta convocatoria, consonte as seguintes bases:
Primeira. Participantes
1. Os postos de traballo que se convocan poden ser solicitados por persoal funcionario de carreira pertencente ao corpo de médicos forenses, calquera que sexa a súa situación administrativa, con excepción daquel que se atope nalgunha das situacións previstas no número 2, sempre que reúna as condicións xerais exixidas e os requisitos determinados nesta convocatoria na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e os manteña ata a súa resolución.
2. Non poderán tomar parte na presente convocatoria: a) as persoas declaradas suspensas en firme, mentres dure a suspensión; b) o persoal funcionario que se atope en situación de excedencia voluntaria por interese particular, durante o período mínimo obrigatorio de permanencia na dita situación; c) as persoas sancionadas con traslado forzoso, ata que transcorran un ou tres anos, se se trata dunha falta grave ou moi grave, respectivamente, para destino na mesma localidade en que se lles impuxo a sanción.
Segunda. Presentación de solicitudes
As persoas interesadas deberán presentar as súas solicitudes segundo o anexo II, nas cales farán constar os seus datos persoais, o posto de traballo actual e o posto a que aspiran, no prazo de dez días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.
As solicitudes irán dirixidas á Dirección Xeral de Xustiza, Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e presentaranse por vía electrónica na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Canda a solicitude deberá achegarse a documentación acreditativa dos requisitos exixidos e dos méritos alegados para o posto solicitado.
Igualmente, xuntarase coa instancia unha memoria asinada en que, nunha extensión non superior aos 10 folios, o/a candidato/a realizará unha análise das tarefas do posto solicitado e das condicións e medios necesarios para o seu desempeño, facendo constar, así mesmo, propostas de mellora no desenvolvemento das funcións e todas aqueloutras cuestións que o aspirante considere de interese ou importancia, con base na descrición das funcións do posto.
Terceira. Resolución e adxudicación de destino
Esta convocatoria será resolta pola Dirección Xeral de Xustiza e os nomeamentos efectuaranse no prazo máximo de dous meses contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes.
As persoas designadas poderán ser cesadas con carácter discrecional pola mesma autoridade que as nomeou.
Ao persoal funcionario do corpo de médicos forenses, titular dun posto singularizado que sexa nomeado con carácter definitivo para un posto de libre designación, reservaráselle, durante o tempo que ocupe o dito posto de libre designación, o posto singularizado que ocupase con anterioridade ao dito nomeamento, sempre que ambos os postos sexan da Administración de xustiza e do mesmo ámbito territorial da Administración competente. No caso de que ambos os postos radiquen en distinto ámbito territorial, será de aplicación o establecido no parágrafo seguinte.
Ao persoal funcionario do corpo de médicos forenses que estea ocupando un posto non singularizado e sexa nomeado con carácter definitivo nun posto de libre designación, cando cese no dito cargo será adscrito provisionalmente a unha praza vacante xenérica na sede do instituto onde presta servizos, debendo participar no primeiro concurso de traslados en que se oferten prazas na dita sede. Neste concurso gozará de preferencia para ocupar as vacantes de carácter xenérico.
Cuarta. Publicación da resolución
A resolución desta convocatoria publicarase no DOG e no BOE, e poderase declarar deserta se se considera oportuno.
Quinta. Recursos
Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a Dirección Xeral de Xustiza no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente perante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2025
José Tronchoni Albert
Director xeral de Xustiza
ANEXO I
– Posto número 1.
1. Características do posto:
Nome do posto: subdirector/a.
Centro de destino: Instituto de Medicina Legal de Galicia. Subdirección territorial.
Localidade: Vigo
Código do posto: XG9251820036560310.02.
Corpo: médico forense.
Forma de provisión: libre designación.
Complemento específico: 11.828,76 €.
Complemento xeral do posto: 21.921,96 €.
2. Funcións:
As establecidas no artigo 14 do Decreto 119/2005, do 6 de maio, polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia.
3. Requisitos de participación:
Cinco anos de experiencia profesional como médico forense.
4. Formación específica:
Coñecementos específicos e experiencia nas áreas de actuación propias da medicina forense. Coñecementos en materia de organización do traballo e xestión de persoal. Formación en técnicas de comunicación e atención ao público.
– Posto número 2.
1. Características do posto:
Nome do posto: subdirector/a.
Centro de destino: Instituto de Medicina Legal de Galicia. Subdirección territorial.
Localidade: Pontevedra.
Código do posto: XG9251820036001306.02.
Corpo: médico forense.
Forma de provisión: libre designación.
Complemento específico: 11.828,76 €.
Complemento xeral do posto: 21.921,96 €.
2. Funcións:
As establecidas no artigo 14 do Decreto 119/2005, do 6 de maio, polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia.
3. Requisitos de participación:
Cinco anos de experiencia profesional como médico forense.
4. Formación específica:
Coñecementos específicos e experiencia nas áreas de actuación propias da medicina forense. Coñecementos en materia de organización do traballo e xestión de persoal. Formación en técnicas de comunicación e atención ao público.
