DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Venres, 7 de marzo de 2025 Páx. 16184

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 19 de febreiro de 2025, do tribunal nomeado para cualificar o proceso selectivo para o ingreso na agrupación profesional de persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de persoal de limpeza e cociña, convocado pola Resolución do 16 de novembro de 2023 (Diario Oficial de Galicia número 221, do 21 de novembro), pola que se lles dá publicidade a diversos acordos.

O tribunal nomeado pola Resolución do 18 de outubro de 2024 (DOG núm. 210, do 30 de outubro) e modificada pola Resolución do 19 de novembro de 2024 (DOG núm. 223, do 19 de novembro), para cualificar este proceso selectivo,

ACORDOU:

Primeiro. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, en sesión que tivo lugar o 12 de febreiro de 2025, logo de revisar as alegacións presentadas, anúlanse as preguntas 43, 44 e 53. No seu lugar computarán as preguntas de reserva número 83, 84 e 85, respectivamente.

As restantes reclamacións desestímanse na súa totalidade.

Segundo. De conformidade co disposto na base III.1.1.1 da convocatoria, o exercicio cualificarase de 0 a 100 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de cincuenta (50) puntos.

Mediante a Resolución deste tribunal, do 8 de decembro de 2024, déuselles publicidade aos parámetros para a cualificación do exercicio, que establecen que superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas, sempre que acaden, en cada unha das partes, un mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes. Unicamente de se dar o caso de que o número de aspirantes que superaron o exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata acadar a dita cifra sempre que obteñan, en cada unha das partes, o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitas as deducións por respostas incorrectas, que descontarán un cuarto dunha pregunta correcta. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.

Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela persoa aprobada que marque o corte se consideran igualmente aptas.

O exercicio cualificarase de 0 a 100 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de cincuenta (50) puntos. Asignaráselles a valoración de 50 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada segundo os criterios anteriores. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 50 e os 100 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. As persoas aspirantes que non superen o exercicio serán declaradas non aptas.

Terceiro. Unha vez feita a corrección dos exames nas sesións realizadas os días 17 e 19 de febreiro de 2025 de acordo cos criterios anteriores, e feitas as deducións segundo o establecido na base II.1.1.1 da convocatoria, non se acada o número máximo de aspirantes establecido na dita base da convocatoria, na cal se establecía que superarían o exercicio as persoas aspirantes que acadasen as mellores puntuacións, ata completar un número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas, sempre que acaden, en cada unha das partes do exercicio, o mínimo do 50 % das respostas correctas (10 da primeira parte e 30 da segunda parte do exercicio).

Para a obtención do número de persoas aptas foi preciso aplicar o criterio subsidiario do mínimo do 40 % de respostas correctas netas en cada unha das partes, común e específica, polo que é necesario un total de 32 respostas correctas (8 da primeira parte e 24 da segunda parte do exercicio).

Segundo este criterio, e tendo en conta a nota obtida polo/a aspirante que ocupa o posto determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas, a nota de corte queda fixada en 38,75 preguntas netas, que é acadada por 468 aspirantes.

As persoas que non acadaron a porcentaxe mínima nalgunha das partes non son cualificadas por non ser posible asignar unha puntuación homologable á do resto das persoas aspirantes.

Cuarto. Publicar no portal web corporativo https://www.funcionpublica.xunta.gal as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo, así como a relación das que non acadaron os mínimos establecidos na base II.1.1.1 da convocatoria.

Quinto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, as persoas aspirantes poderán formular as alegacións que consideren oportunas ás puntuacións, que se presentarán a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal).

Sexto. De acordo co disposto na base III.13 da resolución da convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2025

Eva Fachado Rubio
Presidenta do tribunal