DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Venres, 7 de marzo de 2025 Páx. 16084

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 25 de febreiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de profesionais da creación literaria galega en residencias literarias fóra de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT215D).

BDNS (Identif.): 817823.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde aquelas persoas físicas ás que se refire o artigo 1 da presente orde:

Persoas físicas, que interveñan no proceso de creación do libro nos correspondentes labores de escritura, tradución, deseño gráfico e ilustración do libro que acrediten esta condición e desenvolvan o seu traballo no ámbito da Comunidade Autónoma galega.

2. As persoas solicitantes deben estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Obxecto

1. Esta convocatoria ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións para estadías en residencias literarias, que se realicen fóra de Galicia, dirixidas a profesionais da creación literaria galega para fomentar a difusión da cultura galega e o impulso de relacións de cooperación con outros organismos e centros culturais de referencia.

As estadías terán como finalidade que as persoas creadoras realicen a tradución das súas obras, que a súa estadía sexa necesaria para o proceso de investigación previo á creación da obra obxecto da residencia ou que precisen dun espazo e ambiente de traballo que lles permita continuar co desenvolvemento dun proxecto xa iniciado.

2. Para os efectos desta orde, considéranse persoas creadoras as definidas polo artigo 5.1 da Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e a lectura de Galicia: as que interveñen no proceso de creación do libro nos correspondentes labores de escritura, tradución, deseño gráfico e ilustración do libro.

3. Para os efectos da presente orde, considéranse gastos:

3.1. Gastos de viaxe: inclúe os gastos asociados ao desprazamento (ida e volta) da persoa participante ao lugar de celebración da residencia.

3.2. Gastos de transportes internos: inclúe os gastos xerados polo uso de medios de transporte para desprazamentos na localidade ou localidades de celebración da residencia apoiada, incluíndo gastos xerados polos traslados desde e cara ao aeroporto ou estación de chegada ou partida; ou gastos para o desprazamento entre localidades se a participación da persoa creadora ten lugar en distintas localizacións; ou gastos xerados polo traslado cara a ou desde a localidade de celebración da residencia cando o traxecto cuberto polo billete principal, incluído dentro dos gastos de viaxe, non cubra a totalidade do percorrido.

3.3. Gastos de aloxamento e manutención: corresponde cos gastos xerados durante a estancia da persoa participante no lugar de celebración da residencia.

3. 4. Gastos de subscrición dunha póliza de seguro de viaxe: corresponde cos gastos de contratación dunha póliza de seguro que cubra os gastos das eventualidades que poidan xurdir durante a viaxe das persoas creadoras subvencionadas.

3.5. Gastos de subscrición dunha póliza de seguro médico: corresponde cos gastos de contratación dunha póliza de seguro que cubra os gastos das eventualidades de saúde que poidan xurdir durante a estadía das persoas residentes.

4. Só se financiarán os gastos realizados que respondan de xeito directo e indubidable á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para a súa realización.

5. De acordo co artigo 31.2 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións, a persoa beneficiaria da subvención deberá xustificar que os gastos subvencionables deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial de aplicación, ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, de morosidade nas operacións comerciais.

6. Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2025.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 25 de febreiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de profesionais da creación literaria galega en residencias literarias fóra de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT215D)

Cuarto. Importe

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.432A.770.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025 por un importe máximo de 20.000 €.

2. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar ao incremento da contía total das subvencións, de acordo co disposto no 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen que dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de maio de 2025. En todo caso, a publicación da orde producirase antes dun mes da data final de presentación da solicitude.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude