DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Luns, 10 de marzo de 2025 Páx. 16361

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 25 de febreiro de 2025 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (código de procedemento SI451A).

BDNS (Identif.): 818641.

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser destinatarias das subvencións para o desenvolvemento das actuacións reguladas nesta convocatoria as entidades sen ánimo de lucro que cumpran as obrigas e os requisitos exixidos nesta orde e que, de xeito particular, deben cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Carecer de ánimo de lucro.

c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

e) Cumprir os requisitos e as condicións establecidos na normativa xeral de subvencións.

2. Todos os requisitos exixidos deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución dos programas subvencionados.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar para o ano 2025 subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral, dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para unha recuperación integral.

2. O procedemento para a concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

4. O código deste procedemento administrativo é o SI451A.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 25 de febreiro de 2025 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (código de procedemento SI451A).

Cuarto. Importe

1. Para a concesión destas axudas destinaranse 700.000 euros imputables á aplicación orzamentaria 08.06.313D.481.2 (código de proxecto 2018 00112).

A dita partida orzamentaria finánciase con fondos finalistas do Estado, que os orzamentos xerais do Estado destinan ao desenvolvemento ou á ampliación das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

2. A contía máxima da axuda que se pode conceder a cada entidade ao abeiro desta convocatoria é de 80.000 euros.

3. Ata esgotar o crédito dispoñible, a contía da subvención calcularase aplicando ao gasto subvencionable as porcentaxes de intensidade de axuda que se indican a continuación, en función da puntuación obtida na valoración realizada unha vez aplicados os criterios establecidos no artigo 17:

• Entre 100 e 95 puntos: 100 % do gasto subvencionable.

• Entre 94 e 85 puntos: 90 % do gasto subvencionable.

• Entre 84 e 75 puntos: 80 % do gasto subvencionable.

• Entre 74 e 65 puntos: 70 % do gasto subvencionable.

• Entre 64 e 55 puntos: 60 % do gasto subvencionable.

• Entre 54 e 45 puntos: 50 % do gasto subvencionable.

• Entre 44 e 35 puntos: 40 % do gasto subvencionable.

• Entre 34 e 25 puntos: 30 % do gasto subvencionable.

Non serán beneficiarias desta subvención as entidades que non acaden un mínimo de 25 puntos.

No suposto de esgotar o crédito dispoñible, o resto das solicitudes consideradas subvencionables quedarán en reserva para seren atendidas no caso de producirse algunha renuncia ou por modificación nos programas inicialmente presentados, ou de producirse un incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para estes efectos poderanse realizar sucesivas propostas de resolución.

Así mesmo, no caso de quedar crédito libre de adxudicar, a contía que corresponda a cada unha das entidades que resulten beneficiarias da subvención, e sempre que non exista lista de agarda, poderá repartirse entre elas a partes iguais de xeito que se manteña a proporcionalidade derivada da aplicación dos criterios de baremación, e sen que en ningún caso se poida superar a contía solicitada.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

2. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2025

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade