A Orde do 27 de outubro de 2010 (DOG nº 212, do 4 de novembro) pola que se desenvolve o procedemento para o nomeamento e prórroga de persoal emérito no ámbito sanitario, sobre a base do Decreto 36/2010, do 11 de marzo (DOG nº 56, do 24 de marzo), establece no seu artigo 2.2 que as xerencias iniciarán o procedemento, de ser o caso, no momento que se determine mediante resolución da Xerencia do Servizo Galego de Saúde publicada no Diario Oficial de Galicia. A resolución deberá especificar en cada caso o número de persoas que poderán ser nomeadas persoal emérito, tendo en conta as limitacións establecidas no artigo 10 do Decreto 36/2010, do 11 de marzo.
En desenvolvemento da dita previsión, a Xerencia do Servizo Galego de Saúde
RESOLVE:
Primeiro. Iniciar o procedemento para o nomeamento de persoal emérito.
Segundo. O número de persoas que poderán ser nomeadas persoal emérito ao abeiro desta resolución será catro.
Terceiro. As xerencias das áreas sanitarias promotoras de nomeamento de persoal emérito dun/dunha profesional xubilado/a na citada área sanitaria deberán iniciar o procedemento e remitir as candidaturas á Xerencia do Servizo Galego de Saúde no prazo máximo dun mes desde a data de entrada en vigor desta resolución.
As xerencias avaliarán, para as propostas que realicen, tanto o curriculum vitae como o proxecto, que debe estar aliñado coas estratexias do Servizo Galego de Saúde.
Tamén terán en conta a implicación co organismo, as habilidades e boas actitudes do/da profesional implicado/a nos equipos de traballo, e emitirán un informe ao respecto disto.
A Comisión de Avaliación terá en conta para a proposta que se realice tanto o curriculum vitae do/da profesional coma o proxecto, e deberá motivar a proposta de candidatos/as que realicen.
As corporacións e institucións públicas relacionadas co ámbito sanitario poderán presentar solicitudes de nomeamento de persoal emérito no prazo de dez (10) días, contados desde a entrada en vigor desta resolución, ante a Xerencia da área sanitaria que corresponda ao posto desempeñado pola persoa que se vai promover, cos mesmos requisitos.
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2025
José Ramón Parada Jorgal
Xerente do Servizo Galego de Saúde
