O 13 de febreiro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 12 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa das axudas para a adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento VI501A).
O ordinal sétimo da dita resolución, relativo aos requisitos da adquisición, dispón que para optar á axuda para a adquisición dunha vivenda protexida (modalidade C), a vivenda debe ter sido cualificada definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral ou especial na data de publicación da correspondente convocatoria. No ordinal trixésimo especifícanse os requisitos das persoas solicitantes, establecendo que poderán solicitar as axudas obxecto desta convocatoria: Nas modalidades B e C, as persoas que subscribisen con posterioridade ao 2 de outubro de 2023 un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda, nos termos previstos nesta resolución.
O 14 de xaneiro de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 30 de decembro de 2024 pola que se procede á convocatoria do programa das axudas para a adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025 (código de procedemento VI501A).
O ordinal sexto da dita resolución recolle, de conformidade coas bases reguladoras, que respecto da modalidade C, a vivenda debe ter sido cualificada definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral ou especial na data de publicación da correspondente convocatoria. Así mesmo, respecto dos requisitos das persoas beneficiarias, a necesidade de ter subscrito con posterioridade ao 31 de outubro de 2024 un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda, que cumpra os requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta convocatoria.
Co fin de dar cobertura a supostos que, en aplicación dos requisitos exixidos nas resolucións do 12 de febreiro e do 30 de decembro de 2024, quedarían excluídos da posibilidade de resultar beneficiarios da modalidade C deste programa nas dúas convocatorias, o Instituto Galego da Vivenda e Solo considera oportuno modificar as ditas resolucións.
Polo exposto, en atención ás facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS,
RESOLVO:
Primeiro. Modificar a Resolución do 12 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa das axudas para a adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, nos seguintes termos:
1. Modifícase a letra c) do punto segundo do ordinal sétimo, Requisitos da adquisición, que pasa a ter a seguinte redacción:
c) Na modalidade C, a vivenda debe ter sido cualificada definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral ou especial.
Segundo. Modificar a Resolución do 30 de decembro de 2024 pola que se procede á convocatoria do Programa das axudas para a adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, nos seguintes termos:
1. Modifícase a letra b) do punto primeiro do ordinal quinto, Requisitos das persoas beneficiarias, que pasa a ter a seguinte redacción:
b) Nas modalidades A e B, ter subscrito con posterioridade ao 31 de outubro de 2024 un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda, que cumpra os requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta convocatoria.
Na modalidade C, ter subscrito con posterioridade ao 2 de outubro de 2023 un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda que cumpra os requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta convocatoria.
No caso da modalidade C, o contrato privado deberá estar visado pola área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou, de ser o caso, a escritura pública deberá conter as cláusulas obrigatorias derivadas da cualificación definitiva da vivenda.
2. Modifícase a letra c) do punto segundo do ordinal sexto, Requisitos da adquisición, que pasa a ter a seguinte redacción:
c) Na modalidade C, a vivenda debe ter sido cualificada definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral ou especial.
A publicación desta modificación non altera o prazo de presentación de solicitudes previsto no ordinal noveno da Resolución do 30 de decembro de 2024.
Esta resolución producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2025
María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo
