A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de asistencia social, segundo o disposto no artigo 27.23 do seu Estatuto de autonomía.
A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do sistema galego de servizos sociais, e inclúe entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.
A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece no seu artigo 6 como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.
Así mesmo, a Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, establece no seu artigo 49.1 que a Administración autonómica garantirá a calidade e o carácter inclusivo dos recursos de educación infantil 0-3, avanzará na súa universalización e gratuidade e promoverá unha dotación suficiente de prazas e os recursos para facer efectivas as posibilidades de acceso, permanencia e promoción de toda a poboación infantil a esta etapa educativa, preferentemente en centros públicos.
Na súa consecución, a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, na súa disposición adicional novena prevé, tras a modificación introducida pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas de Galicia, a extensión da medida de gratuidade da atención educativa nas escolas infantís 0-3 para todos os nenos e nenas matriculados nestes centros.
O Decreto 40/2014, do 20 de marzo, polo que se crea a Axencia Galega de Servizos Sociais e se aproban os seus estatutos, establece na súa disposición adicional primeira que esta asumirá desde a súa posta en funcionamento as competencias atribuídas en materia de xestión de escolas infantís á Dirección Xeral de Familia e Inclusión. A nova entidade subrogarase en todas as relacións xurídicas, bens, dereitos e obrigas derivados do exercicio das súas competencias.
A disposición transitoria primeira do dito decreto establece, non obstante, que a persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión desenvolverá transitoriamente e pola súa propia condición as funcións que lle corresponden á Dirección da Axencia Galega de Servizos Sociais ata o nomeamento desta a través do procedemento recollido nestes estatutos. Na mesma disposición establécese que a través das xefaturas territoriais se poderán seguir realizando os labores de apoio para a xestión dos centros da Axencia Galega de Servizos Sociais no seu ámbito territorial, ata que esta dispoña de servizos propios para alcanzar a súa autonomía.
Así mesmo, de conformidade co Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade, atribúeselle á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas autonómicas en materia de acción social de apoio á familia, á infancia e á adolescencia, así como promover e adoptar as medidas que aseguren a conciliación corresponsable da vida persoal, familiar e laboral como medio para garantir un ambiente favorable para a creación e o libre desenvolvemento das familias.
Pola súa vez, a Administración autonómica, no marco das políticas de apoio á familia e á infancia, e en atención ás necesidades do persoal ao servizo do sector público autonómico con responsabilidades familiares manifestadas polas organizacións sindicais que o representan, pon á súa disposición un conxunto de prazas públicas en diferentes cidades da Comunidade Autónoma para a atención dos seus fillos e fillas menores de 3 anos.
En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o Decreto 40/2014, do 20 de marzo,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto convocar, para o curso 2025/26, o procedemento de adxudicación de prazas para fillos e fillas do persoal ao servizo do sector público autonómico en escolas infantís dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais (en adiante Agass) da localidade onde presta servizos (código de procedemento BS402B).
As ditas escolas infantís son as seguintes:
a) Escola infantil de Vite, en Santiago de Compostela.
b) Escola infantil Santa María de Oza, na Coruña.
c) Escola infantil Catabois, en Ferrol.
d) Escola infantil Sagrado Corazón, en Lugo.
e) Escola infantil Antela, en Ourense.
f) Escola infantil do Edificio Administrativo de Pontevedra.
g) Escola infantil A Estrela, do Complexo Administrativo de Vigo.
h) Escola infantil da Cidade da Xustiza de Vigo.
2. Para os efectos desta resolución, considérase persoal ao servizo do sector público autonómico o persoal que presta servizos no ámbito central e periférico na Presidencia, nas consellerías da Xunta de Galicia e nas súas entidades instrumentais.
Artigo 2. Requisitos para ser persoa adxudicataria
Serán requisitos para ser persoa adxudicataria de praza nas escolas infantís 0-3, obxecto desta resolución:
a) Que o neno ou a nena xa nacese no momento de presentación da solicitude e teña a súa residencia en Galicia.
b) Que teña unha idade mínima de tres meses na data de ingreso na escola infantil en que obteña praza e non teña feitos os 3 anos de idade o 31 de decembro de 2025. Non obstante o anterior, poderanse eximir do límite de idade dos 3 anos os nenos e as nenas con necesidades específicas de apoio educativo, de acordo co Decreto 229 /2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que as familias que xa escolarizasen un fillo ou filla no mesmo centro ou en calquera outro centro da Rede pública autonómica A Galiña Azul, que comprende as escolas infantís 0-3 dependentes da Agass e do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e do Benestar, deberán estar ao día no pagamento das cotas polos servizos complementarios recibidos na data de presentación da solicitude, tanto nos supostos de renovación de praza como de novo ingreso nos centros da Agass.
Artigo 3. Calendario e horario de apertura das escolas
1. Nas escolas infantís 0-3 ás cales se refire esta resolución o curso escolar dará comezo o venres 5 de setembro de 2025.
2. Os centros permanecerán abertos de luns a venres, excluídos os días considerados festivos no calendario laboral e os días 24, 26, 29, 30 e 31 de decembro de 2025.
Así mesmo, con carácter xeral, todos os centros permanecerán pechados durante o mes de agosto correspondente ao curso 2025/26.
3. Excepcionalmente, no mes de agosto de 2026, sempre que exista unha demanda igual ou superior a 15 alumnos/as, podería abrirse un centro por localidade. Nestes casos, o seu peche diario realizarase ás 17.00 horas. Neste suposto a familia deberá xustificar con base en motivos laborais ou de saúde a necesidade de levar a nena ou o neno ao centro durante o citado período do mes de agosto.
En todo caso, o alumnado poderá asistir ao centro un máximo de once meses dentro do período de setembro de 2025 a agosto de 2026 do curso 2025/26.
4. A permanencia do alumnado no centro será, con carácter xeral, dun máximo de 8 horas diarias, coincidentes co horario laboral da persoa solicitante, agás causas excepcionais e convenientemente xustificadas. Estes supostos serán estudados e, de ser o caso, autorizados pola Dirección da Agass.
5. A Dirección da Agass poderá autorizar tempos de reunión para o persoal das escolas dentro do horario de apertura destas. As direccións das escolas infantís deberán informar as familias das datas e horas en que estas reunións teñan lugar no momento de matriculación das nenas e nenos.
Artigo 4. Prestacións das escolas infantís
1. As persoas ao servizo do sector público autonómico solicitantes de praza para unha das escolas infantís de 0-3 da Agass poderán optar por unha das seguintes modalidades de servizo:
a) Atención educativa con comedor.
b) Atención educativa sen comedor.
A opción dos servizos elixidos farase constar na solicitude e manterase durante todo o curso, agás circunstancias sobrevidas debidamente acreditadas que xustifiquen a necesidade de modificación da opción elixida inicialmente.
2. O horario para o alumnado que opte pola modalidade de servizo prevista na letra b) do número anterior será o establecido polo centro con base nos seus criterios organizativos de funcionamento.
3. Os nenos e nenas que teñan concedida praza sen servizo de comedor poderán facer uso deste servizo en días soltos, sempre que se comunique ante a Dirección do centro con antelación suficiente e se aboe o prezo estipulado, de acordo co establecido no artigo 19.
Artigo 5. Forma, lugar e prazo para presentar as solicitudes
1. As solicitudes para a renovación de praza do alumnado escolarizado durante o curso 2024/25, así como as de novo ingreso (procedemento BS402B) presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), marcando a opción que corresponda, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. O prazo para presentar as solicitudes, tanto de reserva de praza como de novo ingreso, comeza o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finaliza o día 4 de abril de 2025.
3. Admitiranse, con carácter excepcional, as solicitudes presentadas ata o día 31 de outubro de 2025. Esta admisión estará condicionada á existencia de prazas dispoñibles para o grupo de idade do neno ou da nena no centro onde se solicita a praza.
Artigo 6. Documentación complementaria
1. Para a renovación de praza e novo ingreso, as persoas interesadas ao servizo do sector público autonómico deberán achegar coa solicitude o anexo III, no caso de persoas solicitantes separadas ou divorciadas, que necesitan dunha autorización expresa do proxenitor ou proxenitora, non solicitante, para presentar a solicitude de praza.
2. Ademais, para novo ingreso, as persoas interesadas deberán achegar, coa solicitude, a seguinte documentación:
a) Copia do libro de familia ou, na súa falta, outro documento que acredite oficialmente a situación familiar.
b) Informe sobre a necesidade de integración na escola infantil, acreditada por un equipo de valoración e orientación da Consellería de Política Social e Igualdade, no caso dos nenos e das nenas con necesidades específicas de apoio educativo.
c) Copia da resolución administrativa de acollemento ou de garda con fins adoptivos cando estean formalizados por outra comunidade autónoma distinta da galega.
d) Se procede, outros documentos en que consten incidencias sociofamiliares, computables no baremo, nos supostos en que este fose de aplicación e que a seguir se relacionan:
1º. Xustificante actualizado de ocupación da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso, no suposto de persoas traballadoras que non estean dadas de alta no réxime xeral da Seguridade Social.
2º. Certificado administrativo de monoparentalidade expedido por outra comunidade autónoma.
3º. Copia do título de familia numerosa, no caso de que non sexa expedido pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no artigo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 7. Comprobación de datos
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña a súa consulta:
a) Documento nacional de identidade/número de identificación de estranxeiro (DNI/NIE) da persoa ao servizo do sector público autonómico solicitante e da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso.
b) Declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) da persoa solicitante, da/do cónxuxe ou parella e demais membros da unidade familiar, de ser o caso, correspondente ao último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento de presentación da solicitude.
c) Situación física do posto de traballo do Rexistro Central de Persoal da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal da Consellería de Facenda e Administración Pública.
2. Nos supostos de solicitudes de novo ingreso, consultaranse ademais os seguintes datos, cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) Resolución de acollemento ou garda con fins adoptivos do neno ou da nena para quen se solicita praza, formalizados pola Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Certificado de monoparentalidade recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Título de familia numerosa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Certificado de alta na Seguridade Social, na data de presentación da solicitude, da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso.
3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos acreditativos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
5. A persoa solicitante asinará na declaración responsable que forma parte da solicitude que dispón do documento asinado pola persoa cónxuxe ou parella da persoa solicitante ou outros membros da unidade familiar, de ser o caso, no cal autoriza a comprobación dos datos desta última, conforme o modelo do anexo II. O devandito documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento.
Así mesmo, no caso de que a persoa cónxuxe ou parella da persoa solicitante, ou outros membros da unidade familiar, de ser o caso, se opoñan á comprobación de datos, farano constar na dita declaración responsable e, consecuentemente, presentarán os documentos que os acrediten.
Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 9. Instrución do procedemento
1. A Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación, da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica e os Servizos de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica dos departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, como órganos responsables da tramitación dos expedientes, en aplicación da disposición transitoria primeira do Decreto 40/2014, do 20 de marzo, polo que se crea a Axencia Galega de Servizos Socias e se aproban os seus estatutos, comprobarán que estes reúnen os requisitos recollidos nesta resolución.
2. Nos supostos en que os expedientes non estean completos, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, de acordo co establecido no artigo 73 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, con indicación de que, se non o fixer así, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase que desiste da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.
3. Os órganos responsables da tramitación da instrución dos expedientes, referidos no número 1, poderán reclamar en calquera momento todos aqueles datos que coiden precisos para a máis eficaz realización da súa función e a súa debida acreditación documental.
Artigo 10. Valoración das solicitudes e baremo de admisión
1. Aplicaráselles a todas as solicitudes de novo ingreso un procedemento de valoración en función do baremo, de conformidade cos criterios que se determinan nos números 2 e 3.
2. Para aplicar os criterios económicos recollidos neste número tomarase como base a renda per cápita mensual da unidade familiar da persoa ao servizo do sector público autonómico, referida ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente, calculada de acordo coas regras establecidas na normativa de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades do sector público autonómico, de servizos sociais. A puntuación outorgarase en función do nivel de renda da unidade familiar, de acordo cos seguintes tramos:
a) Inferior ao 50 % do IPREM: 4 puntos.
b) Do 50 % e inferior ao 75 % do IPREM: 3 puntos.
c) Do 75 % e inferior ao 100 % do IPREM: 2 puntos.
d) Igual ou superior ao 100 % do IPREM: 1 punto.
3. Para a aplicación dos criterios sociofamiliares, a puntuación outorgarase en función das variables seguintes:
a) Por ocupación laboral da nai, titora ou acolledora: 2 puntos.
b) Por ocupación laboral do pai, titor ou acolledor: 2 puntos.
c) Por familia numerosa: 2 puntos.
d) Por familia monoparental: 2 puntos.
e) Outras circunstancias sociofamiliares susceptibles de valoración a xuízo da Comisión de Valoración: ata 2 puntos.
4. A selección das solicitudes efectuarase en función da puntuación acadada segundo o citado baremo. Para estes efectos, todas as circunstancias ou feitos alegados serán acreditados documentalmente.
No caso de obter igual puntuación, terán preferencia as solicitudes de atención educativa con servizo de comedor e xornada completa e, de persistir o empate, daráselle prioridade á renda per cápita máis baixa.
5. Unha vez adxudicadas as prazas de renovación, para a prelación na adxudicación de prazas de novo ingreso, con carácter xeral, terán preferencia, por esta orde de prelación, os fillos e fillas do persoal que preste servizo no propio centro para o cal se solicita praza; os e as solicitantes con irmán ou irmá con praza adxudicada, de renovación ou de novo ingreso, no centro para o cal se solicita praza, así como os nenos e as nenas con medidas administrativas de tutela ou garda en situación de acollemento familiar.
6. Nas escolas infantís de Santa María de Oza e de Catabois, tras o resultado da aplicación do previsto no número 5 e do baremo recollido nos números 2 e 3, as prazas adxudicaranse conforme a orde de prelación seguinte:
a) Persoal empregado público da Xunta de Galicia que preste servizo nos departamentos territoriais e nas entidades instrumentais con sede na cidade da Coruña e na cidade de Ferrol, respectivamente.
b) Persoal de servizos dos departamento territoriais e das entidades instrumentais con sede na cidade da Coruña e na cidade de Ferrol, respectivamente.
7. Na escola infantil Sagrado Corazón de Lugo, tras o resultado da aplicación do previsto no número 5 e do baremo recollido nos números 2 e 3, as prazas adxudicaranse conforme a orde de prelación seguinte:
a) Persoal empregado público da Xunta de Galicia que preste servizo nos departamentos territoriais e nas entidades instrumentais con sede na cidade de Lugo.
b) Persoal de servizos dos departamento territoriais e das entidades instrumentais con sede na cidade de Lugo.
8. Na escola infantil Antela de Ourense, tras o resultado da aplicación do previsto no número 5 e do baremo recollido nos números 2 e 3, as prazas adxudicaranse conforme a orde de prelación seguinte:
a) Persoal empregado público da Xunta de Galicia que preste servizo nos departamentos territoriais e nas entidades instrumentais con sede na cidade de Ourense.
b) Persoal de servizos dos departamento territoriais e das entidades instrumentais con sede na cidade de Ourense.
9. Nas escolas infantís do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra, do Complexo Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo e da Cidade da Xustiza de Vigo, tras o resultado da aplicación do previsto no número 5 e do baremo recollido nos números 2 e 3, as prazas adxudicaranse conforme a orde de prelación seguinte:
a) Persoal empregado público que preste servizos no Edificio Administrativo de Pontevedra, no Complexo Administrativo de Vigo ou na Cidade da Xustiza de Vigo, respectivamente.
b) Resto de persoal que desempeñe o seu traballo no Edificio Administrativo de Pontevedra, no Complexo Administrativo de Vigo ou na Cidade da Xustiza de Vigo, respectivamente.
c) Persoal empregado público da Xunta de Galicia que preste servizos noutras dependencias distintas do Edificio Administrativo de Pontevedra, do Complexo Administrativo de Vigo ou na Cidade da Xustiza de Vigo, nas súas respectivas cidades.
10. No caso de que, unha vez adxudicadas as prazas reguladas nesta resolución, queden vacantes nos centros recollidos no punto 9, chamarase das listas de espera das escolas infantís da Agass das cidades de Pontevedra e Vigo, respectivamente, sen que a renuncia supoña a baixa na lista de espera.
Artigo 11. Comisións de valoración
1. Constituirase unha Comisión de Valoración para baremar as solicitudes por cada unha das escolas infantís relacionadas no artigo 1. Esta comisión rexerase polo establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e mais na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no relativo aos órganos colexiados.
2. A Comisión de Valoración das solicitudes dos fillos/as de persoal dos servizos centrais para a escola infantil de Vite terá a seguinte composición:
a) Presidente/a: presidente/a: a persoa titular do servizo competente en materia de conciliación familiar.
b) Secretario/a: unha persoa ao servizo da Administración adscrita á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.
c) Vogais:
1º. Unha persoa ao servizo da Administración adscrita á Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.
2º. Unha persoa ao servizo da Administración adscrita á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.
3º. A persoa titular da Dirección da escola infantil 0-3 de Vite.
4º. Un/unha representante sindical da Xunta de Persoal.
5º. Un/unha representante sindical do Comité de Empresa.
3. As comisións de valoración das demais solicitudes serán competencia dos departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade e terán, respectivamente, a seguinte composición:
a) Presidente/a: a persoa titular do servizo competente en materia de familia, infancia e dinamización demográfica.
b) Secretario/a: unha persoa ao servizo da Administración adscrita ao Servizo de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.
c) Vogais:
1º. Unha persoa ao servizo da Administración adscrita ao Servizo de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.
2º. A persoa titular da dirección da escola infantil 0-3 correspondente.
3º. Unha persoa representante da Xunta de Persoal.
4. Os acordos tomaranse por maioría simple e resolverá, no caso de empate, a presidencia.
5. No caso de ausencia dalgunha das persoas que integran a Comisión de Valoración, será substituída pola persoa designada pola presidencia da comisión.
Se, por calquera causa, a persoa que exerza a presidencia non puider asistir á comisión, será substituída pola persoa que designe a persoa titular da Dirección Xeral da Agass.
6. Na composición das comisións de valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.
Artigo 12. Relación provisional de persoas adxudicatarias de praza
1. Unha vez baremadas as solicitudes, as comisións de valoración emitirán un informe en que se concrete o resultado da valoración efectuada. Á vista deste informe, os órganos administrativos aos cales lles corresponde a instrución dos expedientes elaborarán a proposta de selección, de acordo co seguinte:
a) A Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación elaborará e elevaralle a proposta de selección, onde determine a cota polos servizos complementarios, e os descontos aplicables en cada caso, sempre de acordo coas tarifas en vigor segundo o disposto no artigo 19, á persoa titular da dirección da Agass, no caso das persoas solicitantes da escola infantil de Vite.
b) Os Servizos de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica dos departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo elaborarán e elevaranlles a proposta de selección, onde determinen a cota polos servizos complementarios, e os descontos aplicables en cada caso, sempre de acordo coas tarifas en vigor segundo o disposto no artigo 19, ás persoas titulares dos departamentos territoriais correspondentes, no caso das persoas solicitantes das escolas infantís de Santa María de Oza e de Catabois, Sagrado Corazón, Antela e do Edificio Administrativo de Pontevedra do Complexo Administrativo de Vigo e Cidade da Xustiza de Vigo.
2. As relacións provisionais de persoas admitidas e a lista de espera coa puntuación obtida por cada solicitante poderanse consultar nos servizos centrais da Consellería de Política Social e Igualdade e da Consellería de Facenda e Administración Pública, nos Servizos de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica dos departamento territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, así como na páxina web https://www.xunta.gal/politica-social e nos respectivos centros.
Artigo 13. Reclamacións
As persoas solicitantes poderán efectuar as reclamacións que consideren oportunas no prazo dos 5 días hábiles posteriores á data da exposición pública da relación provisional.
Estas reclamacións entenderanse resoltas coa publicación da lista definitiva.
Artigo 14. Resolución do procedemento
1. A resolución de adxudicación de prazas de renovación e de novo ingreso será ditada pola persoa titular da Dirección da Agass no caso da escola infantil de Vite e polas persoas titulares territoriais dos departamentos da Consellería de Política Social e Igualdade da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, por delegación da persoa titular da Dirección da Agass, no caso das escolas infantís situadas na respectiva provincia.
Unha vez examinadas e resoltas as posibles reclamacións, as relacións definitivas de persoas admitidas e a lista de espera coa puntuación obtida, en relación coas sometidas á baremación, en cada caso, faranse públicas o día 30 de maio de 2025. Tales relacións publicaranse na páxina web https://www.xunta.gal/politica-social e nos respectivos centros.
2. Con carácter xeral, o prazo máximo para resolver e notificar este procedemento será de 3 meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ou desde a entrada da solicitude no Rexistro, nos casos de solicitudes de renovación. Transcorrido o citado prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.
Artigo 15. Publicación dos actos administrativos
Publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos de requirimento de emenda de documentación, así como as correspondentes resolucións, sen prexuízo do disposto no artigo 46 da mesma lei. Esta publicación producirá os efectos de notificación.
Artigo 16. Réxime de recursos
As resolucións ditadas ao abeiro desta resolución esgotan a vía administrativa e contra elas pode interporse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. No caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.
Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interporse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución expresa. Se a resolución é presunta, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ao abeiro dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Artigo 17. Matrícula
1. As persoas que obteñan praza disporán de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de adxudicación, para presentar o impreso de matrícula debidamente cuberto xunto coa copia do carné de vacinación do neno ou nena, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal ‒poderán acceder á Carpeta cidadá da persoa interesada‒, ou no centro onde obtivesen a dita praza.
Nos supostos de ingreso pasado o prazo ordinario, disporase de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión da praza, para realizar este trámite.
O cumprimento do calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación, así como a formalización da matrícula no prazo sinalado, son imprescindibles para confirmar a praza. No caso contrario a persoa interesada decaerá da súa solicitude.
2. O impreso de matrícula facilitarase nos propios centros, así como na páxina web https://www.xunta.gal/politica-social
Artigo 18. Lista de espera
1. A lista de espera estará constituída polas solicitudes que non acaden a puntuación necesaria para obter praza, ordenadas segundo a prelación establecida no artigo 10.5 e de acordo coa puntuación obtida pola aplicación do baremo, segundo o disposto no artigo 10.2 e 10.3.
2. As vacantes producidas ao longo do curso escolar cubriranse coas solicitudes que quedasen en lista de espera en cada grupo de idade, por rigorosa orde de puntuación dentro de cada grupo de prelación.
3. As solicitudes que non se presenten nos prazos fixados serán tramitadas e avaliadas para a súa inclusión na lista de espera, e ocuparán o lugar que lles corresponda segundo a prelación establecida no artigo 10.5 e de acordo coa puntuación obtida pola aplicación do baremo segundo o disposto no artigo 10.2 e 10.3.
Artigo 19. Prezos polos servizos complementarios
1. Os prezos que deberán pagar as persoas usuarias polos servizos complementarios durante o curso 2025/26 serán os establecidos na normativa de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades do sector público autonómico de servizos sociais ao ser gratuíta a atención educativa para todo o alumnado solicitante de prazas.
2. Aboaranse once mensualidades por curso, agás nos casos establecidos na devandita normativa de prezos.
3. A falta de asistencia á escola infantil durante un determinado período non supón redución nin exención ningunha do pagamento das cotas correspondentes aos servizos complementarios, agás nos casos establecidos na dita normativa de prezos.
4. O prezo fixado inicialmente para os servizos complementarios revisarase nos seguintes casos:
a) Modificación das circunstancias que determinan os descontos recollidos na normativa vixente en materia de prezos públicos.
b) Variación no número de membros da unidade familiar.
Para estes efectos, a persoa beneficiaria queda obrigada a lle comunicar ao órgano competente para resolver calquera variación que se produza nos supostos que deron lugar ao cálculo do prezo público que se lle aplica.
A solicitude de modificación da cota, se é o caso, será resolta polo órgano competente que corresponda en función da localidade de prestación de servizos da persoa solicitante, de acordo co establecido no artigo 14, e aplicarase a partir do primeiro día do mes natural seguinte ao da data da correspondente resolución.
Artigo 20. Baixas
1. Será causa de baixa nas escolas infantís:
a) O cumprimento da idade máxima regulamentaria de permanencia no centro.
b) A solicitude das persoas proxenitoras ou representantes legais.
c) A falta de pagamento do prezo establecido polos servizos complementarios durante dous meses consecutivos ou tres alternos, calquera que sexa o curso escolar a que se refire a débeda, sen prexuízo da reclamación desta polo procedemento administrativo de constrinximento.
d) A comprobación de falsidade nos documentos ou nos datos achegados.
e) A incompatibilidade ou inadaptación absoluta para permanecer no centro.
f) A falta de asistencia continuada durante cinco días sen causa xustificada.
2. Naqueles casos en que se produza unha falta de asistencia prolongada, deberá presentarse cunha periodicidade mensual a documentación acreditativa da causa que a produce. O incumprimento desta obriga será causa de baixa.
3. As baixas motivadas polo establecido na letra e) do número 1 serán resoltas pola persoa titular da Dirección da Agass, por proposta da directora ou director territorial correspondente, unha vez oída a dirección do centro ao cal asiste a alumna ou alumno e unha vez realizado o trámite de audiencia da/das persoa/s interesada/s. O prazo de resolución será de 2 meses desde o inicio do expediente. Nos demais supostos a baixa aprobarase mediante resolución da persoa titular da Dirección da Agass ou do departamento territorial que corresponda en función da localidade de prestación de servizos da persoa solicitante, no prazo dun mes contado desde o inicio da causa que deu orixe á baixa correspondente.
Contra as resolucións ditadas no procedemento anterior será de aplicación o establecido no artigo 16.
4. As baixas producidas ao longo do curso escolar por calquera dos motivos anteriormente expostos cubriranse coas solicitudes que queden en lista de espera en cada grupo de idade, por rigorosa orde de puntuación dentro da prelación establecida no artigo 10.
Artigo 21. Información ás persoas interesadas
Sobre este procedemento administrativo, que ten o código BS402B, poderase obter documentación normalizada ou información na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, no portal da Consellería de Política Social e Igualdade http://politicasocial.xunta.gal, no teléfono 012, así como nos enderezos electrónicos seguintes:
012@xunta.es
administrativos.familia.coruna@xunta.gal
familia.politicasocial.lugo@xunta.gal
familia.politicasocial.ourense@xunta.gal
familia.ctb.vigo@xunta.gal
demografiaeconciliacion@xunta.gal
Disposición adicional primeira. Ratio de nenos/as con necesidades específicas de apoio educativo
No caso de integrar nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo, en ningún caso poderá haber máis dun alumno ou dunha alumna con estas necesidades por aula. Para os efectos de ratio, estas prazas contabilizarán como dúas.
Disposición adicional segunda. Adxudicación de prazas ao persoal traballador da Autoridade Portuaria de Vigo
Con carácter excepcional, o persoal ao servizo da Autoridade Portuaria de Vigo poderá concorrer ao procedemento de adxudicación de prazas para a escola infantil do Complexo Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo. As prazas adxudicaránselle conforme a orde de prelación prevista no artigo 10.9.c).
Disposición derradeira primeira. Delegación de competencias
Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Dirección da Agass nas persoas titulares dos departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade para as resolucións de adxudicación e baixas establecidas nesta convocatoria.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2025
O/a director/a da Axencia Galega de Servizos Sociais
P.S. (Disposición transitoria primeira do Decreto 40/2014, do 20 de marzo;
DOG núm. 66, do 4 de abril)
Jacobo Rey Sastre
Director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica
