Tras aprobar o Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (Egap) para o ano 2025, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,
RESOLVO:
Convocar, no marco do Ciclo de conferencias sobre presente e futuro do emprego público na Administración poscovid, a conferencia denominada Motivación e prestixio no servizo público, de acordo coas bases que se indican a seguir.
Primeira. Obxectivos
Os obxectivos desta acción formativa son os seguintes:
– Fomentar a vocación de servizo, tratando de inspirar os empregados públicos para desempeñar as súas funcións con compromiso e sentido de responsabilidade social.
– Fortalecer a motivación e o liderado, identificando estratexias para incrementar a motivación dos empregados públicos e fomentando o liderado, a proactividade e a satisfacción do servizo prestado como elementos fundamentais para o desempeño eficiente das súas funcións.
– Resaltar a importancia do prestixio institucional e analizar o impacto da reputación e o recoñecemento do servizo público na cidadanía.
– Desenvolver estratexias para a mellora do desempeño, a través de ferramentas e metodoloxías para mellorar a produtividade, a eficiencia e a calidade do servizo nas institucións públicas.
– Promover a ética e a integridade na xestión pública.
Segunda. Persoas destinatarias
Esta actividade está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional; ao persoal empregado público da Administración local galega, da Administración de xustiza e das universidades do Sistema universitario de Galicia, así como ao alumnado e persoas interesadas en xeral.
Terceira. Desenvolvemento
Modalidade de impartición: presencial.
Lugar: Escola Galega de Administración Pública (Egap), rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.
Data: venres, 28 de marzo de 2025.
Horario: de mañá, das 12.30 ás 14.30 horas.
Duración: 2 horas lectivas.
Cuarta. Número de prazas
A capacidade do local.
Quinta. Inscrición
1. A inscrición nesta actividade formativa só poderá realizarse por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e requisitos de selección establecidos na bases segunda e sétima, respectivamente.
3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar en «nome do curso»: conferencia Motivación e prestixio no servizo público.
5. O prazo para a inscrición nesta actividade estará habilitado desde as 9.00 horas do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 23 de marzo de 2025.
Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.
Sexta. Comprobación de datos
1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para tramitar o procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opoña a iso.
2. No caso de que a persoa interesada mostre oposición a esta consulta, deberá indicalo expresamente incluíndo os motivos para iso relacionados coa súa situación particular e enviar, ademais, os documentos a cuxa consulta se opón, que indiquen a súa situación administrativa, o tipo de persoal e a antigüidade na Administración, a través do seguinte correo: novas.egap@xunta.gal
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
4. A Egap poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.
Sétima. Criterios de selección
A admisión levarase a cabo de acordo co indicado na base segunda desta convocatoria respecto ás persoas destinatarias desta actividade. A orde de selección virá determinada pola data e a hora de presentación das solicitudes ata completar a capacidade do local.
Oitava. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas
A Egap publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as listaxes das persoas seleccionadas para participar nesta actividade, en reserva, no caso de que o número de solicitudes sexa superior ao número de prazas dispoñibles, e, de ser o caso, as persoas excluídas nesta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE número 236, do 2 de outubro).
Novena. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia
1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.
2. Renuncia:
a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada o máis axiña posible e, en todo caso e como máximo, o día 25 de marzo de 2025, achegando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE número 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.
b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:
– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.
– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.
– Por razóns de conciliación familiar.
– Por outras causas xustificadas documentalmente.
3. A asistencia e a puntualidade:
a) Serán obrigatorias a asistencia e a puntualidade.
b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.
c) As faltas de asistencia:
1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas da actividade. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia desta actividade formativa.
2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.
Décima. Certificado de asistencia oficial
Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas rexistradas que completasen a asistencia mínima requirida, igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola Egap e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de impartición, a data e o lugar de realización desta actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.
Décimo primeira. Facultades da Egap
1. A Egap reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.
2. A Egap garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.
Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2025
Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública
