DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Venres, 14 de marzo de 2025 Páx. 17131

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2025, da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, pola que se procede á inscrición no Rexistro de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade, da solicitude de depósito do acordo da Comisión Negociadora do II Convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo para a recuperación da cláusula de xubilación.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O día 14.2.2025 tivo entrada nesta oficina a solicitude de inscrición, no Rexistro de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade, do acordo da Comisión Negociadora do II Convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo para a recuperación da cláusula de xubilación.

Segundo. Ao se observaren defectos na documentación presentada, requiriuse a súa corrección o 14.2.2025, que foi respondida correctamente o 17.2.2025.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais é competente para resolver en materia de depósito e inscrición no Rexistro de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade, en virtude do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e do Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Segunda. Son de aplicación o artigo 8 do Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo, e o artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Revisada a documentación achegada e tendo en conta a normativa aplicable, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

RESOLVE:

Proceder á inscrición, no Rexistro de convenios, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade, do acordo da Comisión Negociadora do II Convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo para a recuperación da cláusula de xubilación.

Contra esta resolución poderán interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción desta resolución, de acordo co establecido no artigo 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2025

Pablo Fernández López
Secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais

Acta da reunión extraordinaria da Comisión Negociadora do II Convenio
colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades
da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, celebrada o día 7 de febreiro de 2025

A Comisión Negociadora do II Convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo reúnese en segunda convocatoria, coa asistencia das persoas abaixo indicadas, ás 11.30 horas do venres 7 de febreiro de 2025, no salón reitoral da Universidade de Santiago de Compostela, co fin de tratar os asuntos indicados na orde do día.

Relación de asistentes

– Pola Universidade da Coruña:

Teresa López Fernández, vicerreitora de Profesorado.

Marta García Pérez, secretaria xeral.

María Jesús Grela Barreiro, xerente.

– Pola Universidade de Santiago de Compostela:

Ernesto González Seoane, vicerreitor de Profesorado

Dulce María García Mella, secretaria xeral.

Antonio Javier Ferreira Fernández, xerente.

– Pola Universidade de Vigo:

Adela Sánchez Moreiras, vicerreitora de Profesorado de Ordenación Académica.

María José Bravo Bosch, secretaria xeral.

Yolanda Lesmes Romero, xerente.

– Pola Confederación Intersindical Galega:

Xesús Bermello García.

Pablo Arias Rodríguez (asesor).

Esther Martínez Piñeiro (asesora).

María do Carme Sánchez Carreira.

Santiago Martínez Isasi.

Iris Machado de Oliveira.

Elena Añel Cabanelas.

– Por Comisións Obreiras:

María Luisa Sánchez Simón.

José Antonio Rodríguez Añón.

Justo Arines Piferrer.

Jorge Proupín Castiñeiras.

– Pola Unión Xeral de Traballadores:

Benjamín Rey Sanjurjo.

Arturo Parada Diéguez.

– Pola Central Sindical Independiente y de Funcionarios:

Fernando Avecilla Porto.

Pilar Expósito Díaz.

Manuel Martínez Carballo.

Orde do día

1. Recuperación da cláusula de xubilación forzosa do II Convenio colectivo para o PDI laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

2. Aprobación da acta da sesión.

Logo de analizar a proposta formulada polas universidades, a Comisión Negociadora adopta os seguintes acordos:

1. Recuperar, de conformidade co establecido na Lei 21/2021, do 28 de decembro, de garantía do poder adquisitivo das pensións e doutras medidas de reforzo da sustentabilidade financeira e social do sistema público de pensións, a cláusula de xubilación forzosa existente no II Convenio colectivo para o PDI laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, que quedou sen efecto como consecuencia da entrada en vigor do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro. O artigo correspondente queda redactado nos termos que figuran no acordo que se engade como anexo a esta acta.

2. Facultar o persoal técnico da Secretaría Xeral da Universidade de Santiago de Compostela para a realización dos trámites necesarios para proceder ao rexistro, depósito e publicación deste acordo diante da autoridade laboral.

Non habendo máis asuntos que tratar, a reunión finaliza ás 12.00 horas e a seguir esténdese a presente acta, que asinan en proba de conformidade:

Pola Universidade da Coruña:

Pola Universidade de Santiago de Compostela:

Pola Universidade de Vigo:

Teresa López Fernández

Ernesto González Seoane

Adela Sánchez Moreiras

Pola Confederación Intersindical Galega:

Por Comisións Obreiras:

Xesús Bermello García

José Antonio Rodríguez Añón

Pola Unión Xeral de Traballadores:

Pola Central Sindical Independente e de Funcionarios:

Benjamín Rey Sanjurjo

Fernando Avecilla Porto

ANEXO

Acordo da Comisión Negociadora do II Convenio colectivo para o persoal
docente e investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago
de Compostela e Vigo para a recuperación da cláusula de xubilación

A Comisión Negociadora do II Convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, na súa reunión extraordinaria do día 7 de febreiro de 2025, adoptou o seguinte acordo:

Acórdase recuperar o contido do artigo 42, relativo á xubilación do profesorado laboral, que quedou sen efecto como consecuencia da entrada en vigor do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro. Así, de conformidade co establecido na Lei 21/2021, do 28 de decembro, de garantía do poder adquisitivo das pensións e doutras medidas de reforzo da sustentabilidade financeira e social do sistema público de pensións, o artigo 42 queda redactado do seguinte xeito:

– A xubilación será forzosa ao facer a persoa traballadora a idade de 70 anos, sempre que cumpra os requisitos exixidos para ter dereito ao cento por cento da pensión ordinaria de xubilación na súa modalidade contributiva.

– Tendo en conta as peculiaridades da función docente, o persoal afectado poderá elixir voluntariamente a xubilación na data do cumprimento da idade establecida na alínea anterior ou a xubilación cando finalice o curso académico en que se produza.

– Esta medida vincúlase ao fomento da remuda xeracional e rexuvenecemento do cadro de persoal, á consolidación do emprego temporal e á mellora da calidade do emprego mediante o perfeccionamento profesional.

– As vacantes que se produzan por causa de xubilación vincularanse ás medidas de estabilización, promoción e mellora da calidade no emprego que se prevén neste convenio ou que se poidan acordar no futuro. Estas vacantes serán provistas mediante a contratación de persoal laboral a tempo completo, de maneira que non supoñan unha redución no cadro de persoal docente e investigador das universidades.

– A universidade estará obrigada a informar a representación dos traballadores das xubilacións que se produzan.

– O persoal que no momento da entrada en vigor deste acordo xa tivese cumprida a idade de xubilación fixada nel finalizará a súa relación laboral ao final do curso académico vixente.