Antecedentes de feito:
Primeiro. O día 14.2.2025 tivo entrada nesta oficina a solicitude de inscrición no Rexistro de convenios colectivos e acordos colectivos de traballo e plans de igualdade da Acta da reunión ordinaria da Comisión Paritaria do II Convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo realizada o día 7 de febreiro de 2025 para a adaptación do seu contido aos cambios normativos producidos con posterioridade á súa aprobación.
Segundo. Ao observárense defectos na documentación presentada, requiriuse a corrección destes o día 14.2.2025 e que foi respondida correctamente o 17.2.2025.
Consideracións legais e técnicas:
Primeiro. A Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais é competente para resolver en materia de depósito e inscrición no Rexistro de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade, en virtude do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e do Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Segundo. É de aplicación o artigo 8 do Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo, e o artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Revisada a documentación achegada e tendo en conta a normativa aplicable, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
RESOLVE:
Inscribir no Rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo e plans de igualdade a Acta da reunión ordinaria da Comisión Paritaria do II Convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo realizada o día 7 de febreiro de 2025 para a adaptación do seu contido aos cambios normativos producidos con posterioridade á súa aprobación.
Contra esta resolución poderán interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, dentro do prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción desta resolución, de acordo co establecido no artigo 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2025
Pablo Fernández López
Secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais
Acta da reunión ordinaria da Comisión Paritaria do II Convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo realizada o día 7 de febreiro de 2025
A Comisión Paritaria do II Convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo reúnese en segunda convocatoria, coa asistencia das persoas abaixo indicadas, ás 11.00 horas do venres, 7 de febreiro de 2025, no Salón Reitoral da Universidade de Santiago de Compostela, co fin de tratar os asuntos indicados na orde do día.
Relación de asistentes
– Pola Universidade da Coruña:
Teresa López Fernández, vicerreitora de Profesorado.
Marta García Pérez, secretaria xeral.
María Jesús Grela Barreiro, xerenta.
– Pola Universidade de Santiago de Compostela:
Ernesto González Seoane, vicerreitor de Profesorado.
Dulce María García Mella, secretaria xeral.
Antonio Javier Ferreira Fernández, xerente.
– Pola Universidade de Vigo:
Adela Sánchez Moreiras, vicerreitora de Profesorado de Ordenación Académica.
María José Bravo Bosch, secretaria xeral.
Yolanda Lesmes Romero, xerenta.
– Pola Confederación Intersindical Galega:
Xesús Bermello García.
Pablo Arias Rodríguez (asesor).
Esther Martínez Piñeiro (asesora).
María do Carme Sánchez Carreira.
Santiago Martínez Isasi.
Iris Machado de Oliveira.
Elena Añel Cabanelas.
– Por Comisións Obreiras:
María Luisa Sánchez Simón.
José Antonio Rodríguez Añón.
Justo Arines Piferrer.
Jorge Proupín Castiñeiras.
– Pola Unión Xeral de Traballadores:
Benjamín Rey Sanjurjo.
Arturo Parada Diéguez.
– Pola Central Sindical Independiente y de Funcionarios:
Fernando Avecilla Porto.
Pilar Expósito Díaz.
Manuel Martínez Carballo.
Orde do día
1. Lectura e aprobación, se procede, de actas de sesións anteriores.
2. Ratificación do Acordo da Comisión Paritaria do II Convenio colectivo para o PDI laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo para a adaptación do seu contido aos cambios normativos producidos con posterioridade á súa aprobación.
3. Aprobación da acta da sesión.
Logo da oportuna deliberación, a comisión adopta os seguintes acordos:
1. Aprobar as actas das reunións extraordinarias da Comisión Paritaria realizadas os días 21 de novembro de 2024 e 17 de xaneiro de 2025.
2. Ratificar o Acordo da Comisión Paritaria do II Convenio colectivo para o PDI laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo para a adaptación do seu contido aos cambios normativos producidos con posterioridade á súa aprobación, que se achega como anexo a esta acta. O dito acordo engadirase como addenda ao mencionado convenio e terá valor de articulado de convenio.
3. Facultar o persoal técnico da Secretaría Xeral da Universidade de Santiago de Compostela para a realización dos trámites necesarios para proceder ao rexistro, depósito e publicación deste acordo diante da autoridade laboral.
Non habendo máis asuntos que tratar, a reunión finaliza ás 11.30 horas e a seguir expídese esta acta, que asinan en proba de conformidade,
|
Pola Universidade da Coruña, Teresa López Fernández |
Pola Universidade de Santiago de Compostela, Ernesto González Seoane |
Pola Universidade de Vigo, Adela Sánchez Moreiras |
|
Pola Confederación Intersindical Xesús Bermello García |
Por Comisións Obreiras, José Antonio Rodríguez Añón |
|
Pola Unión Xeral de Traballadores, Benjamín Rey Sanjurjo |
Pola Central Sindical Independiente y de Funcionarios, Fernando Avecilla Porto |
ANEXO
Acordo da Comisión Paritaria do II Convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo para a adaptación do seu contido aos cambios normativos producidos con posterioridade á súa aprobación
A aprobación e entrada en vigor da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do Sistema universitario, trouxo consigo un bo número de cambios no ámbito do profesorado, en particular como consecuencia da creación de novas figuras, que en certos casos substitúen outras existentes ata o momento, así como mediante a modificación das características doutras, sinaladamente as de profesorado axudante doutor e asociado. Estas innovacións súmanse a outras producidas con posterioridade á aprobación do II Convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, como as derivadas da aprobación da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación; da Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia; da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; do Real decreto 103/2019, do 1 de marzo, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador predoutoral en formación, así como das modificacións introducidas na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.
Por estas razóns, e co obxectivo de adaptar, ao abeiro do artigo 9.3.g) do convenio, o seu contido aos cambios normativos producidos con posterioridade á súa aprobación, a Comisión Paritaria do II Convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, na súa reunión do 7 de febreiro de 2025, adopta os seguintes acordos:
Primeiro. Actualizar a denominación das organizacións sindicais asinantes do convenio, concretamente da Unión Xeral de Traballadores (UGT) (artigo 1).
Segundo. No referente ás referencias normativas contidas no articulado do convenio, acórdase a súa actualización, de xeito que se substitúan as mencións de normas derrogadas polas normas vixentes que correspondan.
• Artigo 4.1.a). Substitúese a referencia á Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (LOU), por unha referencia á Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do Sistema universitario (LOSU).
• Artigo 4.1.b). Substitúense as referencias á Lei 13/1986, do 14 de abril, de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica, e á Lei 12/1993, do 6 de agosto, de fomento de investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, por unhas referencias á Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, e á Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, respectivamente.
• Artigo 4.1.c). Substitúese a referencia ao Real decreto 63/2006, do 27 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador en formación, por unha referencia ao Real decreto 103/2019, do 1 de marzo, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador predoutoral en formación.
• Artigo 11. Substitúese a referencia á Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (LOU), por unha referencia á Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do Sistema universitario (LOSU).
• Artigo 12. Substitúese a referencia ao Real decreto 63/2006, do 27 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador en formación, por unha referencia ao Real decreto 103/2019, do 1 de marzo, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador predoutoral en formación.
• Artigo 25. Substitúese a referencia ao artigo 70 da LOU por unha referencia ao artigo 57 da LOSU.
• Artigo 26. Substitúense as referencias á Lei orgánica de universidades e á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, por unha referencia á Lei orgánica do sistema universitario e á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, respectivamente.
• Artigo 38. Substitúese a referencia á Lei orgánica de universidades por unha referencia á Lei orgánica do sistema universitario.
• Artigo 39. Substitúese a referencia á Lei orgánica de universidades por unha referencia á Lei orgánica do sistema universitario.
Terceiro. No referente ao ámbito persoal e material do convenio (artigo 4), engádese un punto 3, que queda redactado do seguinte xeito:
Este convenio será de aplicación tamén a todas as figuras de profesorado laboral existentes antes da entrada en vigor da LOSU.
Cuarto. No referente ás funcións do PDI e lugar de prestación do traballo (artigo 11), engádese a «transferencia de coñecemento» entre as funcións do persoal docente e investigador. Ademais, engádese un novo parágrafo, que ocupa o quinto lugar, que queda redactado do seguinte xeito:
Todo o persoal ten dereito a contar cun posto de traballo axeitado e cos medios necesarios para o desenvolvemento do seu labor.
Quinto. No referente ao establecido no convenio acerca das diferentes categorías de profesorado, adóptanse os seguintes acordos:
1. Profesorado axudante doutor contratado ao abeiro da Lei orgánica 6/2001 (artigo 14).
Poderá permanecer na súa mesma situación ata a extinción do contrato e continuarán séndolle de aplicación as normas específicas correspondentes a esta categoría vixentes no momento en que se concertou o seu contrato de traballo. A aquelas persoas que, ao finalizar o seu contrato, non obtivesen a acreditación para a figura de profesor ou profesora permanente laboral, prorrogaráselles o seu contrato por un ano adicional.
2. Profesorado axudante doutor contratado ao abeiro da Lei orgánica 2/2023.
A súa contratación axustarase ás seguintes regras:
a) As universidades poderán contratar baixo esta modalidade persoas que posúan o título de doutora ou doutor sen necesidade de acreditación. Ningunha persoa poderá ser contratada mediante esta modalidade, na mesma ou en distinta universidade, por un tempo superior a seis anos.
b) A finalidade do contrato será desenvolver as capacidades docentes e de investigación e, de ser o caso, de transferencia e intercambio do coñecemento, e de desempeño de funcións de goberno da universidade. Para o desenvolvemento da súa capacidade docente, as profesoras e profesores axudantes doutores deberán realizar, no primeiro ano de contrato, un curso de formación docente inicial cuxas características serán establecidas polas universidades, de acordo coas súas unidades responsables da formación e innovación docente do profesorado.
c) As profesoras e profesores axudantes doutores desenvolverán tarefas docentes ata un máximo de 180 horas lectivas por curso académico, de xeito que a actividade docente resulte compatible co desenvolvemento de tarefas de investigación para atender os requirimentos para a súa futura acreditación.
d) O contrato será de carácter temporal e implicará unha dedicación a tempo completo. A dedicación será, en todo caso, compatible coa realización de traballos científicos, tecnolóxicos, humanísticos ou artísticos nos termos do artigo 60 da LOSU.
e) A duración do contrato será de seis anos. Transcorridos os tres primeiros anos do contrato, a universidade realizará unha avaliación orientativa do desempeño das profesoras e dos profesores axudantes doutores, que poderá encargarse ás axencias de calidade competentes. Esta avaliación terá como obxectivo valorar o progreso e a calidade da actividade docente e investigadora e, de ser o caso, de transferencia e intercambio do coñecemento do profesorado, que deberán conducilo a atinxir os méritos requiridos para obter a acreditación necesaria para concursar a unha praza de profesorado permanente unha vez finalizado o contrato.
O cómputo do prazo límite de duración do contrato e da súa avaliación interromperase nas situacións de incapacidade temporal e nos períodos de tempo dedicados ao desfrute de permisos, licenzas, flexibilidades horarias e excedencias por xestación, embarazo, nacemento, adopción, garda con fins de adopción, acollemento, lactación, risco durante a xestación, embarazo ou lactación, violencia de xénero e outras formas de violencia contra a muller, así como por razóns de conciliación ou coidado de familiares ou persoas dependentes.
Cando o contrato se concerte cunha persoa con discapacidade, poderá ter unha duración máxima de oito anos tendo en conta a súa finalidade e o grao das limitacións na actividade.
Así mesmo, cando as ditas situacións desen lugar á redución da xornada, o contrato prorrogarase polo tempo equivalente á xornada que reducise.
3. Profesorado colaborador contratado ao abeiro da Lei orgánica 6/2001 (artigo 15).
Poderá continuar no desempeño das súas funcións docentes e investigadoras de acordo co previsto no seu contrato. O seu encargo docente será equivalente ao das profesoras e profesores titulares de escola universitaria, no caso de non seren doutores, ou ao das profesoras e profesores titulares de universidade, no caso de teren o título de doutor.
Así mesmo, as persoas que estean contratadas como colaboradoras con carácter indefinido, posúan o título de doutor ou obteñan esta titulación e reciban a avaliación positiva para a figura de profesora ou profesor permanente laboral, accederán directamente a esta categoría nas súas propias prazas.
4. Profesorado contratado doutor (artigo 16).
As persoas contratadas como profesoras e profesores contratados doutores manterán os dereitos e deberes recollidos no seu contrato. Se así o solicitan, poderán integrarse na categoría de profesoras e profesores permanentes laborais, nas mesmas prazas que ocupen, e computarase como data de ingreso a que tivesen na categoría de orixe.
5. Profesorado permanente laboral.
A contratación de profesoras e profesores permanentes laborais axustarase ás seguintes regras:
a) As universidades poderán contratar baixo esta modalidade persoas que posúan o título de doutora ou doutor e que conten coa acreditación correspondente, emitida por parte da Anaca ou das axencias de calidade das comunidades autónomas, de acordo coas súas competencias.
b) A finalidade do contrato será desenvolver tarefas docentes, de investigación, de transferencia e intercambio do coñecemento e, de ser o caso, de desempeño de funcións de goberno da universidade.
c) O contrato será de carácter fixo e indefinido, con dereitos e deberes de carácter académico e categorías comparables ás do persoal docente e investigador funcionario, e implicará unha dedicación a tempo completo, aínda que poderá ser a tempo parcial por pedimento do interesado ou interesada cos requisitos, condicións e efectos establecidos regulamentariamente. A dedicación será, en todo caso, compatible coa realización de traballos científicos, tecnolóxicos, humanísticos ou artísticos nos termos do artigo 60 da LOSU.
d) O seu encargo docente será equivalente ao dun profesor titular de universidade.
6. Profesorado asociado contratado ao abeiro da Lei orgánica 6/2001 (artigo 17).
Os contratos de profesorado asociado formalizados ao abeiro da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, poderán renovarse nas mesmas condicións e coa mesma dedicación docente ata que as prazas estean incluídas nun proceso de estabilización dos previstos na Lei 20/2021, do 28 de decembro, e en calquera caso ata como máximo o 30 de xuño de 2028.
As universidades negociarán procesos de estabilización das prazas de profesorado asociado conforme o disposto na Lei 20/2021, do 28 de decembro, no prazo establecido na disposición transitoria novena bis da LOSU, e de acordo coas condicións profesionais e de dedicación docente previstas no artigo 79.b) da LOSU. O sistema de selección nestes procesos será o de concurso garantindo os principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade e concorrencia, coas particularidades do artigo 86.2 da LOSU. Esas prazas non computarán na taxa de reposición de efectivos. Da resolución destes procesos non poderá resultar, en ningún caso, incremento de efectivos.
No prazo establecido no punto primeiro, e para o suposto de prazas de profesorado asociado cunha dedicación docente superior á prevista no citado artigo 79.b) da LOSU, as universidades públicas poderán articular procesos de estabilización destas prazas a través de actuacións específicas que favorezan o paso de profesorado asociado con título de doutor/a á figura de profesorado axudante doutor.
7. Profesorado asociado contratado ao abeiro da Lei orgánica 2/2023.
A súa contratación axustarase ás seguintes regras:
a) As universidades poderán contratar baixo esta modalidade especialistas e profesionais de recoñecida competencia que acrediten exercer a súa actividade principal fóra do ámbito académico universitario cando existan necesidades docentes específicas relacionadas co seu ámbito profesional.
b) A finalidade do contrato será desenvolver tarefas docentes a través das cales acheguen os seus coñecementos e experiencia profesionais á universidade, naquelas materias en que esta experiencia resulte relevante. As ditas tarefas docentes non poderán incluír o desempeño de funcións estruturais de xestión e coordinación. O profesorado asociado poderá desenvolver tarefas docentes ata un máximo de 120 horas lectivas por curso académico.
c) O contrato será de carácter indefinido y implicará unha dedicación a tempo parcial, sen que a súa convocatoria estea suxeita á taxa de reposición de efectivos. A contratación deste profesorado non formará parte da oferta de emprego público nin dos instrumentos similares de xestión das necesidades de persoal a que se refire o artigo 70 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público.
d) Será causa obxectiva de extinción do contrato a perda sobrevida de calquera dos requisitos establecidos na alínea a). No suposto de cesamento da actividade principal, a finalización do contrato producirase unha vez que conclúa o curso académico en que se desenvolve a actividade docente.
e) A duración e dedicación establecida non será de aplicación ao profesorado asociado de ciencias da saúde, que se rexerá pola súa regulación específica.
8. Profesorado visitante contratado ao abeiro da Lei orgánica 2/2023 (artigo 18).
A súa contratación axustarase ás seguintes regras:
a) As universidades poderán contratar baixo esta modalidade docentes e investigadoras ou investigadores doutras universidades e centros de investigación, tanto españois como estranxeiros, que poidan contribuír significativamente ao desempeño dos centros universitarios.
b) A finalidade do contrato será desenvolver tarefas docentes ou investigadoras, así como, de ser o caso, de transferencia e intercambio do coñecemento e innovación, na especialidade en que a persoa contratada destacase.
c) O contrato terá unha duración máxima de dous anos, improrrogable e non renovable, e implicará unha dedicación a tempo parcial ou completo, segundo o acorden as partes.
9. Profesorado emérito (artigo 19).
O nomeamento de profesoras e profesores eméritos axustarase ás seguintes regras:
a) As universidades, de acordo cos seus estatutos, poderán nomear profesoras e profesores eméritos entre o persoal docente e investigador funcionario ou laboral xubilado que prestase servizos destacados no ámbito docente, de investigación ou de transferencia e intercambio do coñecemento e innovación na mesma universidade.
b) A finalidade deste nomeamento será contribuír desde a súa experiencia a mellorar a docencia e a impulsar a investigación e a transferencia e intercambio do coñecemento e da innovación.
c) Os requisitos de desempeño e acceso a esta modalidade, así como as funcións que poderá desempeñar, serán definidos por cada universidade.
10. Profesorado distinguido contratado ao abeiro da Lei orgánica 2/2023.
A súa contratación axustarase ás seguintes regras:
a) As universidades, de acordo cos seus estatutos e os procedementos de selección que establezan, poderán contratar baixo esta modalidade docentes e investigadoras ou investigadores, tanto españois como estranxeiros, que estean desenvolvendo a súa carreira académica ou investigadora no estranxeiro, e cuxa excelencia e contribución científica, tecnolóxica, humanística ou artística sexan significativas e recoñecidas internacionalmente, e a duración e condicións determinaranse de acordo co disposto pola Lei 14/2011, do 1 de xuño, para a modalidade de persoal investigador distinguido.
b) A finalidade do contrato será desenvolver tarefas docentes, investigadoras, de transferencia e intercambio do coñecemento, de innovación ou de dirección de grupos, centros de investigación e programas científicos e tecnolóxicos singulares. As profesoras e profesores distinguidos poderán desenvolver tarefas docentes por unha dedicación máxima de 180 horas lectivas por curso académico.
11. Profesorado substituto contratado ao abeiro da Lei orgánica 2/2023.
A contratación de profesorado para substituír o persoal docente e investigador con dereito a reserva de posto de traballo que suspenda temporalmente a prestación dos seus servizos por aplicación do réxime de permisos, licenzas ou situacións administrativas, incluídas as baixas médicas de longa duración, distintas á de servizo activo ou que impliquen unha redución da súa actividade docente, rexerase pola normativa xeral aplicable a estes supostos, coas seguintes peculiaridades:
a) A selección do profesorado substituto producirase mediante os procedementos de concurso público aplicables, podendo as universidades establecer instrumentos específicos para a súa xestión e cobertura, incluídas as bolsas de emprego.
b) O contrato abranguerá a actividade docente lectiva e non lectiva prevista no artigo 75 da LOSU, e non poderá superar a asignada á profesora ou profesor substituído, nin poderá estenderse a actividades universitarias doutra natureza, como as de investigación ou o desempeño de funcións estruturais de xestión e coordinación, a non ser que teñan relación directa coa actividade docente.
c) A duración do contrato, incluídas as súas renovacións ou prórrogas, corresponderase coa da causa obxectiva que o xustificou.
A contratación de profesorado para cubrir temporalmente un posto de traballo ata que remate o proceso de selección para a súa cobertura definitiva realizarase de acordo cos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, e nos termos establecidos na Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.
Sexto. No referente ao importe das horas extraordinarias ou complementarias (artigo 20 in fine), introdúcese unha previsión relativa á súa actualización:
A súa retribución fíxase para o ano 2025 en 37,82 euros. Esta cantidade actualizarase en anos sucesivos conforme o disposto no artigo 33.
Sétimo. No referente aos plans de estabilización do persoal investigador (artigo 23, in fine), modifícase a redacción, que queda do seguinte xeito:
As universidades negociarán coa representación lexítima das persoas traballadoras plans de estabilización do persoal investigador contratado ao abeiro daqueles programas que así o prevexan nas súas convocatorias.
Oitavo. No referente ao procedemento de selección e tribunais (artigo 26), engádese unha mención ao profesorado distinguido entre as figuras de profesorado exceptuadas da contratación mediante concurso público. Ademais, establécese a obriga de comunicar as convocatorias de concursos de persoal docente e investigador ao rexistro público do Ministerio de Universidades.
Noveno. No referente á xornada de traballo (artigo 27), engádese un parágrafo final relativo ao dereito á desconexión dixital, que queda redactado nos seguintes termos:
As universidades garantirán o dereito do persoal docente e investigador á desconexión dixital fóra da súa xornada laboral, nos termos establecidos no artigo 88 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
Décimo. No referente ás retribucións do profesorado asociado, asociado de ciencias da saúde e lector/a (artigo 32.5, 32.6 e 32.9, respectivamente), precísase que as retribucións recollidas na táboa anexa ao convenio son as correspondentes aos anos 2009 e 2010. Polo demais, engádense os seguintes parágrafos relativos ás retribucións do profesorado axudante doutor LOSU, do profesorado permanente laboral, do profesorado visitante e do profesorado substituto:
Profesorado axudante doutor contratado ao abeiro da Lei orgánica 2/2023. A súa retribución será a mesma que a establecida no convenio para o profesorado axudante doutor contratado ao abeiro da Lei orgánica 6/2001.
Profesorado permanente laboral. A súa retribución será a mesma que a do profesorado titular de universidade.
Profesorado visitante contratado ao abeiro da Lei orgánica 2/2023. A súa retribución será a mesma que a do profesorado permanente laboral.
Profesorado substituto. A súa retribución será a mesma que a establecida no convenio para o profesorado interino de substitución.
Décimo primeiro. No referente á carreira académica (artigo 35), modifícase do seguinte xeito a redacción dos parágrafos segundo e terceiro:
Cando o profesorado axudante doutor reúna os requisitos exixidos pola lexislación universitaria para acceder ás categorías de profesorado permanente laboral ou titular de universidade, se é o caso, a universidade creará unha praza que se corresponda coa acreditación por el/ela obtida, por transformación da praza de profesor/a axudante doutor/a.
Os contratos de profesorado contratado doutor ou permanente laboral transformaranse en prazas de profesorado titular de universidade cando o profesor/a contratado/a obteña a acreditación correspondente e así o solicite. A universidade facilitará, na medida en que o permita a lexislación vixente, o seu acceso á nova praza.
Décimo segundo. No referente a vacacións, permisos e licenzas, actualízanse as súas denominacións e duracións ao establecido na lexislación vixente, en concreto:
a) Modifícase a redacción do artigo 37.1.b), que queda do seguinte xeito:
b) Por accidente ou enfermidade graves, hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización que precise de repouso domiciliario do cónxuxe, parella de feito ou parentes ata o primeiro grao por consanguinidade ou afinidade, así como de calquera outra persoa distinta das anteriores que conviva coa persoa traballadora no mesmo domicilio e que requira o coidado efectivo daquela, cinco días hábiles.
b) Engádese no artigo 37.1 unha nova alínea b.2), que queda redactada do seguinte xeito:
Permiso parental para o coidado de fillo, filla ou menor acollido a cargo por tempo superior a un ano, ata o momento en que o menor cumpra oito anos: terá unha duración non superior a oito semanas, continuas ou descontinuas, poderá desfrutarse a tempo completo ou en réxime de xornada a tempo parcial, cando as necesidades do servizo o permitan e conforme os termos que regulamentariamente se establezan.
c) Modifícase a redacción do artigo 37.1.f), que queda do seguinte xeito:
Para a realización de exames prenatais pola traballadora embarazada e técnicas de preparación ao parto pola traballadora embarazada e a persoa non xestante.
d) Modifícase a redacción do artigo 37.1.g), no cal se engade ao final do segundo parágrafo «parto, adopción, garda con fins de adopción ou acollemento múltiples».
e) Modifícase a duración do permiso por parto (artigo 37.2.a), que terá unha duración de vinte e dúas semanas ininterrompidas. Esta mesma duración establécese para os casos de desfrute simultáneo de períodos de descanso que se mencionan no parágrafo terceiro.
f) Modifícase a duración do permiso por adopción ou acollemento, tanto preadoptivo como permanente ou simple (artigo 37.2.b), que terá unha duración de vinte e dúas semanas ininterrompidas. Esta mesma duración establécese para os casos de desfrute simultáneo de períodos de descanso que se mencionan no parágrafo terceiro.
g) Substitúese a denominación de «permiso de paternidade polo nacemento, acollemento ou adopción dunha filla ou fillo» polo de «permiso de proxenitor diferente da nai biolóxica polo nacemento, garda con fins de adopción, acollemento ou adopción dunha filla ou fillo» e fíxase a súa duración en dezaseis semanas a partir da data do nacemento, da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola cal se constitúa a adopción, das cales as seis semanas inmediatamente posteriores ao feito causante serán, en todo caso, de descanso obrigatorio.
h) Engádese á fin do artigo 37 un novo punto, que queda redactado do seguinte xeito:
Ademais dos mencionados neste artigo, concederanse aqueloutros permisos e licenzas que figuren na lexislación laboral de aplicación.
Décimo terceiro. Engádese un artigo relativo á igualdade entre os membros do persoal docente e investigador coa seguinte redacción:
As universidades comprométense a establecer medidas orientadas a corrixir toda situación que poida xerar ao seu persoal situacións de discriminación por razón de sexo, xénero, etnia, grupo social, nacionalidade ou identidade sexual, expresión de xénero ou diversidade familiar. Con este fin, as universidades negociarán plans de igualdade e protocolos de actuación fronte ao acoso sexual e por razón de sexo, que recollerán cando menos as materias mencionadas no artigo 46.2 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo. Igualmente, negociarán nos termos do Real decreto 1026/2024, do 8 de outubro, o conxunto planificado de medidas para a igualdade e non discriminación das persoas LGTBI+.
