DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Venres, 14 de marzo de 2025 Páx. 17101

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 14 de febreiro de 2025, da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, pola que se procede á inscrición no Rexistro de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade da solicitude de depósito do acordo para o desenvolvemento do proceso extraordinario de encadramento e acceso aos graos da carreira profesional horizontal no ámbito do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) da Universidade de Santiago de Compostela.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O día 13.1.2025 tivo entrada nesta oficina a solicitude de inscrición no Rexistro de convenios colectivos e acordos colectivos de traballo e plans de igualdade do Acordo para o desenvolvemento do proceso extraordinario de encadramento e acceso aos graos da carreira profesional horizontal no ámbito do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) da USC.

Segundo. Ao observárense defectos na documentación presentada, requiriuse a corrección destes o 15.1.2025 que foi respondida correctamente o 15.1.2025.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais é competente para resolver en materia de depósito e inscrición no rexistro de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade, en virtude do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e do Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Segundo. É de aplicación o artigo 8 do Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo, e o artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Revisada a documentación achegada e tendo en conta a normativa aplicable, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

RESOLVE:

Inscribir no Rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo e plans de igualdade o Acordo para o desenvolvemento do proceso extraordinario de encadramento e acceso aos graos da carreira profesional horizontal no ámbito do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) da USC.

Contra esta resolución poderán interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, dentro do prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción desta resolución, de acordo co establecido no artigo 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2025

Pablo Fernández López
Secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais

Acordo para o desenvolvemento do proceso extraordinario de encadramento e acceso aos graos da carreira profesional horizontal no ámbito do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) da USC

O 27 de decembro de 2022 a Universidade de Santiago de Compostela e as organizacións sindicais subscribiron o Acordo para o desenvolvemento do sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa do persoal funcionario e para o establecemento do complemento de desempeño do persoal laboral no ámbito do persoal de administración e servizos da USC (en adiante, Acordo), publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 63, do 30 de marzo de 2023.

Ao abeiro deste Acordo e mediante Resolución reitoral do 15 de marzo de 2023 convocouse o proceso extraordinario para o acceso do persoal de administración e servizos funcionario e laboral da USC ao recoñecemento do complemento retributivo do grao I, cuxos efectos retributivos sobre o persoal a que se lle recoñeceu se completaron ata o 100 % da súa contía no exercicio 2024.

O Acordo incluía o desenvolvemento dun sistema ordinario de recoñecemento da carreira administrativa e do complemento de desempeño, co obxecto de proceder á súa implantación en 2024 ou, na súa falta, a posibilidade de desenvolver un sistema transitorio para acceder ao grao II.

O noso marco normativo, nomeadamente a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, recolle no capítulo II do título VI a regulación da promoción profesional e avaliación do desempeño. E, en concreto, o artigo 77 desta lei establece os principios que se deben observar no deseño da carreira horizontal do persoal funcionario, aínda que deixa pendente o seu desenvolvemento regulamentario.

Eses principios resúmense no seguinte:

1. A división, dentro de cada corpo ou escala, debe ser en categorías (graos) a que debe quedar vencellado un complemento retributivo.

2. A progresión consistirá nun ascenso consecutivo nos graos previstos, para o que serán requisitos necesarios:

a) A antigüidade correspondente.

b) A avaliación positiva do desempeño profesional.

Dado que, polo momento, non está implantado un sistema propio de avaliación do desempeño profesional na USC, un dos requisitos requiridos pola lei para a progresión dentro da carreira ordinaria, abriuse un proceso de negociación para desenvolver un sistema de carreira extraordinario, cun mecanismo de encadramento no grao da carreira profesional horizontal correspondente, ligado ao tempo de servizos prestados e ao recoñecemento da pericia profesional acumulada, xunto coa iniciativa e participación na mellora da calidade por parte do persoal das áreas de administración e servizos da Universidade.

Este acordo divídese en tres seccións, a primeira relativa ás disposicións xerais, a segunda sobre o proceso de avaliación do procedemento extraordinario de encadramento no grao correspondente e a última coas disposicións relativas á comisión de seguimento e á entrada en vigor.

No uso das competencias atribuídas polos estatutos da USC e pola Resolución reitoral do 21 de abril de 2022 sobre delegación de competencias en determinados órganos, o xerente, en representación da Universidade de Santiago de Compostela, e as organizacións sindicais CC.OO., UGT e CSIF, na sesión do 12 de decembro de 2024, subscribiron o seguinte

ACORDO

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O obxecto deste acordo é articular o sistema extraordinario de encadramento no grao da carreira administrativa do persoal funcionario e do complemento de desempeño do persoal laboral, ligado ao tempo de servizos prestados e ao recoñecemento da pericia profesional acumulada, xunto coa iniciativa e participación na mellora da calidade por parte das persoas traballadoras da Universidade.

Artigo 2. Ámbito subxectivo

O ámbito de aplicación deste acordo abrangue o persoal técnico, de xestión e administración e servizos (PTXAS) da USC que se encontre en servizo activo, servizos especiais ou en excedencia por coidado de familiar:

a) Persoal funcionario de carreira

b) Persoal funcionario interino

c) Persoal laboral fixo

d) Persoal laboral temporal

Artigo 3. Exclusións

Queda excluído do acceso ao sistema extraordinario de encadramento obxecto deste acordo:

1. O persoal laboral da USC que teña recoñecida a xubilación parcial anticipada.

2. O persoal de investigación e de apoio á investigación con contratos financiados con cargo a financiamento de I+D+i, para o cal se desenvolverá un sistema de carreira profesional adaptado ás súas características.

Artigo 4. Estrutura do sistema de carreira profesional horizontal

O sistema de carreira profesional horizontal transcorre en catro graos, aos cales se poderá acceder tras un período de permanencia no grao inmediatamente anterior que se describe a continuación:

a) Para o acceso ao grao I: 5 anos de servizo desde o ingreso na USC.

b) Para o acceso grao II: 6 anos desde a adquisición do grao I.

c) Para o acceso grao III: 6 anos desde a adquisición do grao II.

d) Para o acceso grao IV: 7 anos desde a adquisición do grao III.

Artigo 5. Progresión na carreira

A progresión entre os distintos graos, detallados no artigo 4, en cada grupo ou subgrupo, será consecutiva e será preciso reunir os seguintes requisitos no momento da solicitude:

– Estar en situación de servizo activo, servizos especiais ou excedencia por coidado de familiares. Para os efectos de completar o período de permanencia, computarase o tempo transcorrido na situación de servizo activo ou en calquera outra situación administrativa que supoña reserva de praza.

– Non ter recibido ningunha sanción disciplinaria nos últimos 5 anos ou que, de existir, xa estea prescrita.

– Acadar a puntuación mínima exixida para cada grao.

Artigo 6. Cambio de grupo ou subgrupo

1. O persoal que acceda a outro grupo ou subgrupo e que teña recoñecido un grao deberá reiniciar o cómputo no grao I do novo grupo ou subgrupo.

O tempo prestado no anterior grupo ou subgrupo que non foi suficiente para completar o grao computarase como prestado no grao I do novo grupo ou subgrupo.

Este cambio non afectará o grao xa recoñecido. Polo tanto, continuará percibindo o complemento recoñecido do grupo ou subgrupo de orixe, ao cal se engadirán os novos complementos que adquira ata o límite de catro graos. Cando a persoa traballadora teña recoñecidos máis de catro graos, percibirá o complemento correspondente aos catro graos de maior contía.

2. Aplicarase idéntico criterio para o caso do persoal laboral que acceda a corpos e escalas de persoal funcionario ou á inversa, ou se se trata de procesos de integración de persoal laboral en corpos e escalas de persoal funcionario.

Non obstante, o cambio de réxime estatutario a laboral ou viceversa implicará unha nova resolución de recoñecemento do complemento retributivo correspondente.

3. O desempeño de funcións de categoría superior, a través de calquera procedemento (ordinario ou extraordinario) de provisión de postos de traballo, que non supoña un cambio de grupo ou subgrupo non se terá en conta para os efectos de recoñecemento do grao.

Artigo 7. Homologación de graos de carreira recoñecidos noutras administracións públicas

A homologación de graos da carreira profesional, sexa ordinaria ou extraordinaria, recoñecidos noutras administracións públicas deberá ser recíproca e estar prevista mediante convenio ou instrumento de colaboración coa Administración de que se trate.

Artigo 8. O complemento retributivo

1. Os graos que se adquiran aboaranse mediante unha retribución complementaria de carácter fixo que se percibirá exclusivamente na situación de servizo activo, coas seguintes contías:

A1/I

A2/II

C1/III

C2/IV

2.774,64

1.941,72

1.252,32

1.063,20

2. As contías anuais devindicaranse en 12 mensualidades e serán actualizadas anualmente coa porcentaxe de incremento que establezan as sucesivas leis de orzamentos para a retribución do persoal do sector público.

Artigo 9. Encadramento no grao correspondente

1. O sistema extraordinario implica un proceso de encadramento no grao que lle corresponda a cada traballador ou traballadora, tendo en conta o tempo de servizos prestados de forma continuada ou interrompida na USC, en cada un dos grupos ou subgrupos que figuren na súa traxectoria profesional dentro da Universidade, dando lugar ao recoñecemento do grao correspondente en cada un dos grupos ou subgrupos por que transitou.

2. Para os efectos de cómputo do tempo dos servizos prestados na USC, o tempo desenvolto na escala E ou no grupo V asimilarase ao desempeñado no subgrupo C2 ou no grupo IV, respectivamente.

Artigo 10. Efectos económicos do procedemento extraordinario de encadramento

1. O encadramento resultante segundo o artigo 9 dará lugar a unha contía que será a cantidade resultante de sumar as que corresponden a cada un dos graos que se recoñezan, en función do tempo traballado en cada grupo ou subgrupo.

2. O encadramento do punto anterior supón a substitución do grao I xa recoñecido na USC en convocatorias anteriores, pasando a percibir a contía que lle corresponda polos graos agora recoñecidos de conformidade coas dispoñibilidades económicas e coa negociación coa representación do persoal.

En ningún caso suporá unha mingua da contía xa recoñecida en convocatorias anteriores.

3. En función das dispoñibilidades orzamentarias, o pagamento deste complemento correspondente aos graos recoñecidos con efectos económicos do 1 de xaneiro de cada ano, coa distribución resultante da negociación colectiva.

Artigo 11. Procedemento

1. O encadramento realizarase mediante unha convocatoria inicial extraordinaria que se resolverá no prazo máximo de catro meses desde a finalización do prazo de solicitudes. De non ditarse resolución no dito prazo, a solicitude entenderase desestimada.

2. Mentres non se desenvolva un sistema ordinario de carreira, no primeiro trimestre de cada ano, abrirase unha convocatoria que permita a progresión ou o encadramento inicial de persoal que non puidese concorrer na convocatoria prevista no punto anterior.

3. Os efectos económicos e administrativos das resolucións estimatorias serán desde o 1 de xaneiro do ano en que se produza o recoñecemento.

Artigo 12. Desistencia e renuncia

1. O persoal da USC dentro do ámbito de aplicación deste acordo poderá desistir da súa solicitude de recoñecemento do grao antes da súa resolución ou ben renunciar ao grao unha vez recoñecido.

2. Tanto a desistencia como a renuncia comunicaranse a través do rexistro electrónico da USC dirixidas á Xerencia. A USC aceptará sen reservas tanto a desistencia como a renuncia e ditará a resolución correspondente.

3. Os efectos da comunicación de desistencia produciranse desde a data de recepción desta. A renuncia implicará a perda permanente do grao que tivese recoñecido e os dereitos económicos asociados a el desde o mes seguinte á data da resolución.

Sección 2ª. Proceso de avaliación no procedemento extraordinario de
encadramento no grao correspondente

Artigo 13. Requisitos xerais de acceso ao sistema extraordinario de encadramento

O persoal incluído no ámbito de aplicación deste acordo deberá cumprir os requisitos establecidos no artigo 5 na data de remate de presentación de solicitudes que se fixe na convocatoria.

Para o encadramento no grao correspondente só se terá en conta o tempo de servizos prestados ata o 31 de decembro do ano anterior.

Artigo 14. Requisitos específicos de acceso ao sistema extraordinario de encadramento

1. Para acceder ao sistema extraordinario de encadramento o persoal debe contar co número de puntos previstos para cada grupo ou subgrupo e para cada grao, tendo en conta a traxectoria e o tempo traballado na USC, de acordo co seguinte baremo:

Grao I

Grao II

Grao III

Grao IV

(5-10 anos)

(11-16 anos)

(17-23 anos)

(24 anos en adiante)

A1/I

60

80

120

150

A2/II

50

70

100

120

C1/III

40

60

80

100

C2/IV

30

50

60

80

2. Os méritos avaliables serán os adquiridos ata o 31 de decembro do ano anterior á convocatoria.

3. Os méritos avaliaranse segundo a data da súa adquisición, no grupo ou subgrupo que corresponda nese momento temporal.

Artigo 15. Valoración dos méritos

1. Valorarase a súa traxectoria profesional e implicación na actualización e mellora da cualificación profesional a través dos méritos previstos no anexo I deste acordo, de conformidade coa distribución do anexo II:

2. O procedemento de recoñecemento de méritos será o previsto no anexo III.

Sección 3ª. Seguimento do acordo

Artigo 16. Comisión de Seguimento

1. Constitúese unha comisión de seguimento coas funcións de vixilancia, interpretación e control do Acordo, que estará composta por un membro de cada unha das organizacións sindicais asinantes e pola Xerencia da Universidade de Santiago de Compostela, que a presidirá.

2. A Comisión de Seguimento reunirase por iniciativa da presidencia ou da maioría dos representantes da parte social.

Disposición adicional. Primeira convocatoria de encadramento e efectos económicos

Na primeira convocatoria que se realice, a data de referencia para o encadramento será o 31 de decembro de 2024.

Os efectos económicos para a anualidade 2025 serán os previstos no anexo IV deste acordo.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este acordo entrará en vigor no momento da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

E para que así conste asinan este acordo as seguintes persoas,

En Santiago de Compostela o 12 de decembro de 2024

En representación da Universidade de Santiago de Compostela

En representación das organizacións sindicais

Antonio Javier Ferreira Fernández

DNI: 76406823H

Xerente

Catuxa Lombao Vázquez

DNI: 44814712V

Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CC.OO.)

José Ramón Bahamonde Hernando

DNI: 32448412N

Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT)

David Nespereira Ulla

DNI: 44445392P

Central Sindical Independiente y de Funcionarios (CSIF)

ANEXO I

A. Formación

A.1. Recibida: debe reunir as seguintes características:

– Impartida por escolas, centros ou organismos oficiais ou formación ofertada no marco dos acordos de formación para o emprego das AA.PP. e cursos impartidos por organizacións sindicais sempre que estean homologados por organismos oficiais.

– De carácter voluntario ou obrigatorio.

– A través de calquera modalidade ou formato.

– Transversal sobre ferramentas, habilidades, competencias dixitais, lingua galega etc. Para os cursos de lingua galega, computarán aqueles cursos cuxa duración estea acreditada por horas, que permitan acadar un nivel superior ao exixido para acceso ao posto de traballo.

– Valoraranse ata 9 créditos ou 90 horas de materias soltas de plans de estudos oficiais de calquera nivel, que se superasen no período de referencia avaliado, onde 1 crédito equivale a 3 puntos.

– Formación relacionada co coñecemento de linguas estranxeiras: para computalo valoraranse os niveis acreditados do MCER (Marco común europeo de referencia para as linguas) de ata dúas delas, do seguinte xeito:

– Terá un recoñecemento de 50 puntos a obtención dunha (1) titulación de grao, mestrado ou doutoramento oficial, por riba da requirida para o acceso ao grupo profesional de pertenza ou que constitúa unha segunda titulación.

– Excepcionalmente, poderán encadrarse no grao que lles corresponde, aquelas persoas que non acaden a puntuación por criterios de formación sempre que xustifiquen a ausencia de formación e conten co número de anos de servizos prestados na USC, previsto no anexo II. As horas de formación que as persoas teñan acreditadas no seu expediente computaranse de xeito proporcional, debendo acreditar o resto cos servizos prestados na USC.

Con carácter xeral, 1 hora de formación equivale a 0,8 puntos.

Non se valorará a asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares, nin módulos separados dun determinado curso.

A.2. Impartida: coas mesmas características da formación recibida e desagregadas no punto 1.

B. Publicación de traballos científicos e de investigación relacionados coa Administración pública.

C. Dous anos de funcións de dirección, subdirección ou xefatura de servizo ou xefatura de sección ou postos de nivel equivalente.

D. Dous anos en situación de excedencia por coidado de fillos e familiares ou nunha situación en que o/a empregado/a público/a, estando exento/a de desempeñar as funcións inherentes ao seu nomeamento, desenvolva actividades ou funcións de interese xeral ou público ou de carácter representativo: programas de cooperación internacional, membro do Goberno ou órganos de goberno das comunidades autónomas, membro das institucións da Unión Europea ou das organizacións internacionais, cargos electivos de representación política, postos ou cargos directivos en organismos ou entidades instrumentais do sector público, dispensas para a realización de funcións sindicais, participación nos órganos constitucionais ou órganos estatutarios das comunidades autónomas e, en xeral, calquera outra situación similar ás anteriores.

E. Nomeamento e participación na totalidade do proceso como membro dalgún tribunal cualificador de procesos selectivos ou de provisión de postos.

F. Ser beneficiario/a do premio de empregados/as públicos/as innovadores/as convocado pola Axencia Galega de Innovación.

ANEXO II

Puntuación dos méritos

Mérito

Puntos

Formación (A1. Recibida e A2. Impartida)

– 1 hora*0,8 puntos

– 1 crédito ou 10 horas materias soltas plans estudos oficiais*3 puntos

– Nivel de idiomas:

A2

B1

B2

C1

C2

5 puntos

10 puntos

15 puntos

20 puntos

25 puntos

– Titulación oficial de grao/mestrado/doutoramento por riba da requirida para o acceso ao grupo ou subgrupo ou que constitúa segunda titulación: 50 puntos

– Cláusula de servizos prestados sen formación:

Grao I

Grao II

Grao III

Grao IV

20 anos

24 anos

28 anos

32 anos

B) Publicacións de traballos científicos e de investigación relacionados coa Administración pública

Por cada publicación acadaranse 2,5 puntos. Máximo 10 puntos

C) Dous anos de funcións de dirección, subdirección ou xefatura de servizo ou xefatura de sección ou postos de nivel equivalente

Por cada 2 anos, acadaranse 5 puntos. Máximo 15 puntos

D) Dous anos en situación de excedencia por coidado de fillos e familiares ou outra situación en que, estando exento/a de desempeñar as funcións inherentes ao seu nomeamento, desenvolva actividades ou funcións de interese xeral ou público ou de carácter representativo

Por cada 2 anos, acadaranse 5 puntos.

Máximo 15 puntos

E) Nomeamento e participación na totalidade do proceso como membro dalgún tribunal cualificador de procesos selectivos ou de provisión de postos

Por cada proceso selectivo ou de provisión acadaranse 3 puntos.

Máximo 15 puntos

F) Ser beneficiario/a do premio de empregados/as públicos/as innovadores/as convocado pola Axencia Galega de Innovación

2 puntos

ANEXO III

Criterio

Forma de acreditación

a) Formación xeral

Acreditarase mediante copia auténtica do certificado de asistencia ao curso, no cal deberá constar o organismo ou entidade que convocou e impartiu a dita actividade formativa, as datas de realización, o contido do curso e o número de créditos e/ou horas asignados.

Poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue o programa formativo.

Serán válidos, ademais, aqueles diplomas asinados dixitalmente por certificado dixital emitido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), así como aqueles que se poidan referenciar a unha web verificable ou cotexable.

Noutro suposto, deberá achegarse certificación orixinal asinada polo órgano que impartiu a actividade formativa coas datas de realización, o contido do curso e o número de créditos e/ou horas asignados.

Non se valorará a asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares.

b) Formación universitaria

Acreditarase mediante copia auténtica do título expedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ou certificación da respectiva universidade, debidamente asinado, que deixe constancia do mérito invocado pola persoa solicitante.

No relativo aos cursos de doutoramento, para que o dito mérito poida ser obxecto de valoración, a certificación que se achegue deberá deixar constancia expresa de que a persoa solicitante realizou todos os cursos de doutoramento.

No suposto de titulacións obtidas no estranxeiro, achegarase, xunto coa copia auténtica do título, unha tradución xurada deste ou equivalente e credencial de recoñecemento ou homologación da titulación expedida polo Ministerio de Educación español.

ANEXO IV

Efectos económicos do encadramento e acceso aos graos da carreira profesional horizontal no ámbito do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) da USC

1. Na anualidade 2025, finalizado o procedemento de encadramento, a contía resultante recoñecerase con efectos do 1 de xaneiro de 2025, coas seguintes regras:

– O novo recoñecemento substituirá os graos adquiridos.

– O importe percibido durante 2025 polo grao recoñecido en convocatorias anteriores será minorado do pagamento que se realice segundo o resultado da nova convocatoria, agás o previsto no artigo 6.1 in fine deste acordo.

– En termos globais o pagamento suporá un incremento dun 10 % a maiores da contía actual global do complemento que supón un 30 % da totalidade, chegando ao 40 %.

2. A contía anterior verase incrementada adicionalmente, por acordo entre as partes asinantes, na porcentaxe e cos efectos económicos de 2025 que se determinen, tendo en conta os obxectivos en materia de carreira horizontal de PTXAS recollidos no Acordo do Claustro polo que se aprobaron as liñas xerais do orzamento da USC para 2025, logo de avaliación da evolución dos seguintes factores:

– Incrementos dos incentivos á xubilación anticipada do PTXAS e custo da xubilación parcial anticipada respecto do ano 2024.

– Incremento das axudas de matrícula para o PTXAS da Universidade de Santiago de Compostela respecto do ano 2024.

– Incrementos derivados dos resultados das sentenzas sobre achegas ao Plan de pensións do PTXAS da Universidade respecto do ano 2024.

A análise da evolución realizarase xunto coa primeira previsión de peche orzamentario, tendo en conta os datos de execución do capítulo I. Persoal.

3. En función dos resultados do punto anterior, abordarase nese momento a negociación para a anualidade 2026.