DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Venres, 14 de marzo de 2025 Páx. 17259

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2025, do Departamento Territorial de Lugo, pola que se declara a utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, dunha instalación eléctrica no concello de Lugo (expediente IN407A 2023/91 AT).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Begasa, con enderezo para os efectos de notificación na rúa Aller Ulloa, 9, P. I. As Gándaras, 27003 Lugo, aprécianse os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 19 de marzo de 2024, a empresa solicitou a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica de referencia, despois de obter as autorizacións administrativas previa e de construción pola Resolución do 4 de marzo de 2024, da Xefatura Territorial de Lugo (DOG núm. 58, do 21 de marzo de 2024), a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE núm. 310, do 27 de decembro), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e xuntando a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro de 2013), e o artigo 143 do Real decreto 1955/2000, antes citado.

Segundo. A declaración de utilidade pública someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante o Acordo deste departamento territorial do 25 de outubro de 2024. Este acordo foi publicado no diario El Progreso do 5 de novembro de 2024 e no DOG do 5 de novembro de 2024, no taboleiro de anuncios deste departamento territorial e no taboleiro de anuncios do Concello de Lugo. Con esta resolución achegouse a relación de bens e dereitos afectados.

Terceiro. Durante o trámite de información pública non se presentaron alegacións.

A estes feitos son de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A este departamento territorial correspóndelle resolver sobre esta solicitude, de acordo coas competencias que resultan do Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados na Lei 24/2013, e na Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Terceiro. Sen prexuízo do anterior, cómpre ter en conta que, consonte o artigo 151 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria e os titulares dos bens e dereitos poden convir un mutuo acordo, causando a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.

De acordo co exposto e en virtude das competencias que ten atribuídas, este departamento territorial

RESOLVE:

Primeiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica obxecto deste expediente, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que o representante da Administración proceda, na data e hora que a cada interesado se lle notificarán individualmente, ao levantamento das actas previo á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no diario El Progreso do 5 de novembro de 2024 e no DOG do 5 de novembro de 2024, expostas no taboleiro de anuncios deste departamento territorial e no taboleiro de anuncios do Concello de Lugo. Así mesmo, faise constar que ata o momento do levantamento das actas previas se poderán formular as alegacións que se consideren oportunas, para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados que foi publicada nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito perante este Departamento Territorial de Economía e Industria (Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo).

Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación, ou ben, tentada a notificación, non se puidese realizar, e así dirixirlle ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan, de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa notificación/publicación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Lugo, 26 de febreiro de 2025

Gustavo José Casasola de Cabo
Director territorial de Lugo