DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Luns, 17 de marzo de 2025 Páx. 17346

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2025, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se inclúe no Censo do patrimonio cultural a Casa Grande de Grobas, sita no lugar de Cuíña de Arriba, parroquia de Grobas, no concello de Melide.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (en diante, LPCG) (DOG núm. 92, do 16 de maio).

O artigo 1.2 da LPCG establece que o patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo.

O artigo 14 da LPCG regula o Censo do patrimonio cultural do seguinte xeito:

1. Os bens e as manifestacións inmateriais do patrimonio cultural de Galicia, mentres non sexan declarados de interese cultural ou catalogados, incluiranse no Censo do patrimonio cultural para a súa documentación, estudo, investigación e difusión dos seus valores.

2. Os bens incorporaranse ao Censo do patrimonio cultural por resolución da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural. O Censo será obxecto de continua actualización e as súas incorporacións serán anunciadas no Diario Oficial de Galicia e difundidas por medio das tecnoloxías da información e a comunicación.

3. A inclusión dun ben no Censo do patrimonio cultural non determinará a necesidade de autorización administrativa previa para as intervencións sobre o dito ben. O Censo servirá como elemento de referencia para a emisión dos informes que sexan competencia da consellería competente en materia de patrimonio cultural. Así mesmo, servirá como instrumento complementario para os responsables da xestión sustentable dos recursos culturais, a ordenación do territorio e o desenvolvemento económico.

O artigo 88.1.d) da LPCG presume que concorre un significativo valor arquitectónico nos edificios destinados ao uso privado ou nos conxuntos dos ditos edificios, de carácter rural ou urbano, construídos con anterioridade a 1803, que constitúan testemuño relevante da arquitectura tradicional rural ou urbana ou que configuren o carácter arquitectónico, a fisionomía e o ambiente dos centros históricos das cidades, vilas e aldeas e dos núcleos tradicionais.

A análise do contido da documentación que contén o expediente administrativo, realizada por persoal técnico da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, conclúe que a Casa Grande de Grobas, tamén denominada Casa Grande dos Salgado, posúe uns valores arquitectónicos, artísticos, etnográficos e históricos, polo que forma parte do patrimonio cultural de Galicia e, en consecuencia, proponse a súa inclusión no Censo do patrimonio cultural de Galicia, co fin de que se proceda á documentación, estudo, investigación e difusión dos seus valores.

Polo tanto, no exercicio das competencias exclusivas en materia de protección do patrimonio cultural recoñecidas constitucional e estatutariamente, que me atribúe o artigo 14 do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude (DOG número 101, do 27 de maio), correspóndeme a incorporación de bens e manifestacións inmateriais no Censo do patrimonio cultural.

RESOLVO:

Primeiro. Anotar no Censo do patrimonio cultural de Galicia a Casa Grande de Grobas, sita no lugar de Cuíña de Arriba, parroquia de Grobas, no concello de Melide, cuxa descrición figura no anexo I.

Segundo. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e difundir o seu contido na páxina web corporativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Terceiro. Comunicalles ao Concello de Melide e á propiedade do ben esta inscrición no Censo.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa notificación, ante o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, segundo o establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2025

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación: a Casa Grande de Grobas.

Denominación secundaria: a Casa Grande dos Salgado.

2. Localización:

• Lugar: Cuíña de Arriba.

• Parroquia: Grobas.

• Concello: Melide.

• Coordenadas xeográficas: 571838, 4758487.

• Referencia catastral: 15047A017000420000GB.

3. Descrición do ben:

A Casa Grande de Grobas abrangue unha vivenda principal estilo pazo e diversas construcións adxectivas como un hórreo, un pombal, palleiras, etc., todo delimitado por un peche perimetral monumental construído con cachotaría ao xeito tradicional. Consérvanse, así mesmo, valados tradicionais construídos con chantos de xisto ou lousa.

A edificación principal ten unha planta en U e desenvólvese en dúas plantas con cuberta a dúas augas. Na zona noroeste amosa un volume en forma de torre ameada e con seteiras pero que é froito dunha fase construtiva moito máis recente. O material comunmente empregado para a fábrica é a cachotaría e resérvase a cantaría para elementos estruturais e/ou os esquinais da edificación.

Adóptase o mesmo principio no muro de peche. Na muralla de peche da propiedade consérvase o escudo dos Varelas, procedente en orixe da casa de Ribeiro de Baltar.

Con respecto ás construcións adxectivas que alberga o conxunto, cabe destacar o hórreo de sete estremas, aínda que é probable que algunhas delas correspondan a unha fase construtiva posterior, e o pombal de planta circular.