Exposición de motivos
I
O artigo 34.3 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que, no marco das normas básicas do Estado, a Comunidade Autónoma pode «regular, crear e manter a súa propia televisión, radio e prensa e, en xeral, todos os medios de comunicación social para o cumprimento dos seus fins». Con base nesta competencia estatutaria, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 9/1984, do 11 de xullo, de creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, que permitiu a posta en marcha e a consolidación duns medios públicos de comunicación audiovisual que contribuíron de modo innegable á normalización da lingua galega, ao reforzamento da identidade do pobo galego, á promoción da cultura galega e ao desenvolvemento do sector audiovisual en Galicia.
A primeira lei reguladora da radio e da televisión de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia foi substituída, nun contexto tecnolóxico e normativo moi mudado, pola ata agora vixente Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia. Esta lei unificou os tres entes instrumentais que existían (a Compañía de Radio-Televisión de Galicia e as sociedades Radiotelevisión Galicia, S.A., e Televisión de Galicia, S.A.) nunha única sociedade mercantil pública autonómica, a Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A., para gañar eficacia na xestión, e incorporou garantías de independencia dos medios públicos de comunicación audiovisual respecto do poder executivo. Ademais, introduciu os instrumentos do mandato marco e do contrato programa para a concreción plurianual da misión de servizo público dos devanditos medios, mantendo o modelo mixto de financiamento, que combina a compensación polo cumprimento da misión de servizo público cos ingresos publicitarios ou derivados doutros dereitos. Baixo esta nova normativa, a Radio Galega e a Televisión de Galicia continuaron a desenvolver con éxito a súa misión de servizo público, cunha presenza consolidada e estable nas audiencias, superior á media que acada o conxunto dos medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade das comunidades autónomas, unha situación financeira saneada e un réxime organizativo razoablemente eficaz.
Porén, no momento presente concorren dúas circunstancias que fan necesario un cambio da normativa reguladora dos medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia.
Por unha banda, cómpre salientar o novo marco normativo establecido pola Lei 13/2022, do 7 de xullo, xeral de comunicación audiovisual, xa totalmente en vigor, que incorpora ao ordenamento xurídico español a Directiva 2010/13/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 10 de marzo de 2010, sobre a coordinación de determinadas disposicións legais, regulamentarias e administrativas dos estados membros relativas á prestación de servizos de comunicación audiovisual (Directiva de servizos de comunicación audiovisual), coas modificacións introducidas nela pola Directiva (UE) 2018/1808 do Parlamento Europeo e do Consello, do 14 de novembro de 2018. A esta lei súmaselle o recente Regulamento (UE) 2024/1083 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de abril de 2024, polo que se establece un marco común para os servizos de medios de comunicación no mercado interior e se modifica a Directiva 2010/13/UE (Regulamento europeo sobre a liberdade dos medios de comunicación).
Por outra banda, ademais desas novidades normativas, hai que ter en conta a fonda transformación dixital que se está a producir nos medios de comunicación audiovisual e á cal a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) non é allea. A realidade actual é que, como outras empresas audiovisuais, públicas e privadas, a CRTVG non se limita xa a xestionar un conxunto de canles de radio e televisión, senón que se transformou nunha plataforma de servizos de comunicación audiovisual, malia o seu marco regulador continuar a ser o mesmo.
O marco dixital está a converter os medios de comunicación en estruturas necesitadas de constante innovación e transformación. A converxencia e a conectividade multiplican as posibilidades de produción e as redes de distribución a través de canles, plataformas e dispositivos fixos ou móbiles ofrecen máis posibilidades de interacción coas audiencias e de personalización de contidos, as cales aínda se verán incrementadas no futuro próximo. A relación entre tecnoloxía, industria, medios públicos, xéneros, audiencias e persoas seguirá a mudar a través de ofertas multiplataforma, que inclúen tamén novas ferramentas de intelixencia artificial, uso de algoritmos e asistentes de voz e mais realización audiovisual. Na vangarda dos novos paradigmas mediáticos, os medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia deben liderar a transición tecnolóxica a prol da conectividade xeneralizada coa cidadanía, da defensa da identidade de Galicia e da promoción, a difusión e o impulso da lingua galega, do enriquecemento do pluralismo e a diversidade da sociedade e mais da alfabetización para o uso responsable dos servizos de comunicación. A súa difusión e achega de valor público a Galicia xa non só se poden considerar como as dunha entidade tradicional de radiodifusión, senón como as dunha nova plataforma galega de servizos públicos de comunicación audiovisual para a era de Internet.
Neste contexto de acelerada transformación dixital, o servizo público de comunicación audiovisual da Comunidade Autónoma de Galicia non se pode continuar entendendo e definindo legalmente como un conxunto de canles de radio, de televisión e de servizos de información en liña; abrangue a produción, a edición e a difusión de programas, contidos e servizos audiovisuais a través de redes de comunicacións electrónicas, en calquera das modalidades que o progreso tecnolóxico admite, tal como recolle esta nova lei no seu artigo 2.1. De aí que a propia denominación do prestador do servizo deba mudarse de «Corporación Radio e Televisión de Galicia» para «Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia» (CSAG), como entidade con forma de sociedade mercantil pública autonómica que integra os medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia e os programas, os contidos e os servizos que estes producen, editan e difunden no marco da sociedade dixital.
II
Esta lei conta con cincuenta e nove artigos estruturados en tres títulos, dúas disposicións adicionais, unha disposición derrogatoria e seis disposicións derradeiras.
O título I, relativo ás disposicións xerais, regula en primeiro lugar o obxecto da lei, que, na liña do xa exposto, se concreta na regulación dos servizos que prestan os medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia no marco da sociedade dixital e que configuran o servizo público de comunicación audiovisual da Comunidade Autónoma. Ademais, contén a definición deste servizo público e o acordo formal da súa prestación en réxime de xestión directa, a través dos medios públicos de comunicación audiovisual que se integran na Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, así como o ámbito do servizo. En relación con este último, débese salientar que as limitacións territoriais tradicionais á cobertura do servizo de comunicación audiovisual televisivo lineal e radiofónico non resultan aplicables aos demais servizos que se difunden a través de redes de comunicacións electrónicas e de sistemas de Internet.
O título II ocúpase en dous capítulos de definir a misión e os principios do servizo público de comunicación audiovisual da Comunidade Autónoma de Galicia. A misión de servizo público mantén e reforza os seus elementos tradicionais. Así, incídese na necesidade de os servizos informativos dos medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia estaren conformados por profesionais da información, suxeitos a normas de autorregulación destinadas a fortalecer a calidade, a profesionalidade e a independencia deses contidos informativos; no impulso da produción propia, vinculada ao fomento do desenvolvemento do sector audiovisual galego; na utilización da lingua galega, tanto na produción propia coma na edición e difusión da produción allea, sen prexuízo da posibilidade de empregar adicionalmente outras versións lingüísticas cando así o xustificar a finalidade de dar a coñecer a identidade cultural de Galicia fóra do territorio da comunidade autónoma, na liña do compromiso recollido pola Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias no seu artigo 12.1.b), relativo a favorecer os distintos medios de acceso noutras linguas ás obras producidas nas linguas rexionais ou minoritarias; na garantía do dereito de acceso aos medios públicos de comunicación audiovisual; e no fomento do desenvolvemento do sector audiovisual galego e da produción independente. A todo isto engádese como novidade a misión de alfabetización mediática e dixital de toda a cidadanía galega a que debe contribuír o servizo público de comunicación audiovisual da Comunidade Autónoma, en colaboración co sistema educativo, en especial para loitar contra os procesos de desinformación e para promover o uso responsable dos datos, as redes e as novas ferramentas de intelixencia artificial, ás cales nesta lei se fan referencias explícitas nos seus artigos 10.2, 42.2.f) e 50.e), dirixidas a garantir o cumprimento dos principios éticos e xurídicos que deben respectar.
Os principios xerais do servizo público de comunicación audiovisual sintetízanse, de acordo co establecido pola lexislación xeral de comunicación audiovisual, nos seguintes: o respecto da dignidade humana e dos valores constitucionais e estatutarios; a universalidade no acceso ao servizo público de comunicación audiovisual; a veracidade da información; a independencia, rendición de contas, transparencia e responsabilidade dos medios públicos de comunicación audiovisual; e a innovación e excelencia. O capítulo II do título II desenvolve o contido destes principios xerais, que inspirarán a actuación dos medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia no cumprimento da súa misión de servizo público.
O título III, o máis extenso da lei, desenvolve en seis capítulos o réxime organizativo, de financiamento e de control do prestador do servizo público de comunicación audiovisual da Comunidade Autónoma, a xa mencionada Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia. A súa natureza e o seu réxime xurídico non cambian con respecto á actual Corporación Radio e Televisión de Galicia, polo que formalmente se trata da mesma sociedade mercantil pública autonómica, que muda a súa denominación e experimenta algúns axustes organizativos.
En particular, no capítulo II do título III, relativo aos órganos da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, fortalécense as garantías que rodean a elección da persoa titular da Dirección Xeral e dos demais membros do Consello de Administración, en aplicación do establecido no Regulamento (UE) 2024/1083 do Parlamento Europeo e o Consello, do 11 de abril do 2024. Igualmente, mantense o rigoroso réxime de incompatibilidades que xa se lles viña aplicando a esas persoas, en garantía da súa independencia e neutralidade.
Unha importante novidade organizativa da lei é a creación do Consello Asesor de Participación Social e Profesional, como órgano de participación externa da sociedade galega e interna das persoas profesionais da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia. A súa composición combina a diversidade da presenza de representantes dos distintos sectores sociais e económicos implicados na prestación do servizo público da comunicación audiovisual, elixidos polo Parlamento de Galicia e pola Xunta de Galicia, con criterios que garantan o respecto do pluralismo existente na sociedade galega, e a de representantes do persoal da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, xunto co máximo órgano unipersoal de goberno e administración desta, a Dirección Xeral.
En materia de persoal, o capítulo III do título III perfila con máis detalle que a lei anterior o réxime do persoal directivo da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, en liña coa regulación do persoal directivo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais desta que recolle a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e coas últimas orientacións xurisprudenciais. Resulta tamén salientable a introdución dunha referencia expresa ao persoal de natureza artística, pola súa especial relevancia para os medios de comunicación audiovisual.
A concreción da misión de servizo público, desenvolvida no capítulo IV do título III, lévase a cabo a través duns novos instrumentos: o mandato estratéxico, que é aprobado polo Parlamento de Galicia e ten a consideración de mandato marco para os efectos da lexislación xeral de comunicación audiovisual, de seis anos de duración; e o contrato plurianual de xestión, que ten a consideración de contrato-programa para eses efectos e tres anos de duración. Alén diso, incorpórase un artigo relativo á autorregulación e á corregulación, en cumprimento das previsións sobre o fomento destas que contén a lexislación xeral de comunicación audiovisual.
Finalmente, os capítulos V e VI do título III regulan o réxime económico e o control externo da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia. No que atinxe ao financiamento desta, mantense o actual sistema mixto, conformado pola percepción das compensacións polo cumprimento da misión de servizo público, ademais dos ingresos e os rendementos das súas actividades e da participación no mercado da publicidade. Tamén se incide na necesidade dunha separación progresiva de actividades que distinga claramente as que se realizan en cumprimento da misión de servizo público daquelas de carácter comercial. Canto ao control externo, comprende o control parlamentario e da autoridade audiovisual a través dos mecanismos que xa se viñan aplicando, aos cales se suma o control por parte do Consello de Contas, ao ser a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia parte do sector público autonómico.
A lei complétase con dúas disposicións adicionais, unha disposición derrogatoria, que derroga expresamente a Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, e seis disposicións derradeiras.
As disposicións adicionais diríxense a garantir, por unha banda, o cumprimento dos principios e os criterios que rexen o nomeamento dos membros dos órganos de goberno e administración da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e, por outra banda, a constitución e a renovación no prazo destes órganos e en concreto da Dirección Xeral, sen alterar o principio de elección por unha maioría cualificada para tratar de garantir o máximo consenso posible.
Pola súa banda, as disposicións derradeiras adaptan á nova lei a disposición adicional décimo cuarta da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; prevén o cambio de denominación da actual «Corporación Radio e Televisión de Galicia» para «Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia» e os demais axustes nos seus estatutos sociais que exixe a nova lei, así como a primeira elección consonte esta da persoa titular da Dirección Xeral e dos demais membros do Consello de Administración e mais a aprobación do primeiro mandato estratéxico. Alén diso, conteñen a habilitación para ditar as disposicións que foren necesarias para desenvolver e aplicar esta lei, así como a determinación do momento da súa entrada en vigor.
III
Esta lei axústase aos principios de boa regulación contidos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico de Galicia. As medidas previstas nela responden á satisfacción de necesidades de interese xeral coa debida proporcionalidade, eficacia e eficiencia. Inclúense na norma os obxectivos perseguidos a través dela e a súa xustificación, tal como exixe o principio de transparencia.
Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo, en nome do rei, a Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital.
TÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
1. Esta lei ten por obxecto regular os servizos que prestan os medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia no marco da sociedade dixital e que configuran o servizo público de comunicación audiovisual da Comunidade Autónoma.
2. O obxecto desta lei inclúe:
a) A definición do servizo público de comunicación audiovisual da Comunidade Autónoma de Galicia, o acordo da súa prestación, a súa misión e os seus principios.
b) A determinación do modelo de xestión do servizo e o réxime organizativo, de financiamento e de control do prestador deste.
Artigo 2. Definición do servizo público de comunicación audiovisual da Comunidade Autónoma de Galicia e acordo de prestación
1. O servizo público de comunicación audiovisual da Comunidade Autónoma de Galicia é un servizo esencial de interese económico xeral, consistente na produción, edición e difusión de programas, contidos e servizos audiovisuais diversos para todo tipo de públicos e de todo tipo de xéneros, a través de redes e de sistemas de comunicacións electrónicas, en calquera das modalidades que estes permitan.
2. Acórdase a prestación do servizo público de comunicación audiovisual da Comunidade Autónoma de Galicia en réxime de xestión directa, a través dos medios públicos de comunicación audiovisual que se integran na Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG).
Artigo 3. Ámbito do servizo público de comunicación audiovisual da Comunidade Autónoma de Galicia
1. Os medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia prestarán, en todo caso, o servizo de comunicación audiovisual televisivo lineal e radiofónico. Poden prestar tamén servizos de comunicación audiovisual televisivos e servizos de comunicación sonora por petición, servizos a través de televisión conectada e calquera outro tipo de servizo de comunicación audiovisual que permitan os sistemas, redes e plataformas de Internet e que contribúa ao cumprimento da misión de servizo público definida nesta lei.
2. Os servizos de comunicación audiovisual por ondas hertzianas terrestres que prestan os medios públicos de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia comprenden o ámbito xeográfico de cobertura coincidente co territorio da comunidade autónoma. Pódense estender ás comunidades autónomas limítrofes con afinidades lingüísticas e culturais logo do asinamento do oportuno convenio, nos termos que establece a lexislación xeral de comunicación audiovisual.
A difusión dos demais servizos de comunicación audiovisual que presten os medios públicos de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia non está suxeita a limitacións territoriais.
TÍTULO II
Misión e principios do servizo público de comunicación
audiovisual da Comunidade Autónoma de Galicia
CAPÍTULO I
Misión do servizo público de comunicación audiovisual
da Comunidade Autónoma de Galicia
Artigo 4. Misión
1. O servizo público de comunicación audiovisual da Comunidade Autónoma de Galicia ten como misión:
a) Promover, difundir e impulsar a lingua galega e dar a coñecer a identidade cultural e lingüística de Galicia. Terá en conta, dentro deste punto, a comunidade galega emigrante.
b) Difundir programas, contidos e servizos que fomenten os principios e os valores constitucionais e estatutarios; en especial, o principio de igualdade, con particular atención á igualdade entre mulleres e homes, a liberdade de información e a liberdade de expresión, para contribuír á formación dunha opinión pública plural.
c) Reflectir nos seus programas, contidos e servizos o pluralismo político, social e cultural da sociedade galega.
d) Promover o acceso da sociedade galega ao coñecemento cultural, científico, histórico e artístico, así como satisfacer as súas necesidades informativas, culturais, educativas e de entretemento con contidos de calidade, ademais de con programas especialmente dirixidos á infancia e á xuventude e mais á alfabetización mediática e dixital da cidadanía.
e) Promover o incremento e a divulgación do arquivo da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia como exemplo de compendio da cultura contemporánea galega.
2. Os medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia non poden dedicar servizos a emitir en exclusiva comunicacións comerciais audiovisuais.
Artigo 5. Servizos informativos
1. A misión de servizo público definida nesta lei implica que os servizos informativos dos medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia sexan conformados por profesionais da información, con suxeición aos principios xerais de programación e ás normas de estilo e autorregulación.
2. As normas de estilo e autorregulación dos servizos informativos dos medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia son un instrumento destinado a fortalecer a calidade, a profesionalidade e a independencia dos contidos informativos ofrecidos polos devanditos medios, e responderán aos principios xerais que inspiran esta lei. Son aprobadas polo órgano colexiado de goberno e administración do prestador do servizo público de comunicación audiovisual da Comunidade Autónoma de Galicia, despois de oír as organizacións sindicais representativas e o Consello Asesor de Participación Social e Profesional previsto nesta lei.
Artigo 6. Impulso da produción propia
A misión de servizo público dos medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia inclúe o impulso da produción propia dos seus programas, contidos e servizos, de forma que esta abranga a maioría dos programas difundidos polo servizo de comunicación audiovisual televisivo lineal nas canles xeneralistas, atendendo aos recursos materiais e humanos de que dispoña o prestador do servizo.
Artigo 7. Uso da lingua
Os medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia producirán os seus programas, contidos e servizos en lingua galega e garantirán a edición e difusión en galego dos programas, os contidos e os servizos de produción allea, sen prexuízo da posibilidade de utilizaren adicionalmente outras linguas cando así o xustificar a finalidade de dar a coñecer a identidade cultural de Galicia fóra do territorio da comunidade autónoma, en cumprimento da misión de servizo público definida nesta lei.
Artigo 8. Procesos electorais
Durante os procesos electorais aplicarase o réxime especial que establezan as normas electorais. O control do cumprimento do devandito réxime correspóndelle á xunta electoral competente.
Artigo 9. Dereito de acceso
1. O dereito de acceso aos medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia materialízase a través dos seguintes medios:
a) A participación dos grupos sociais, políticos e sindicais representativos, como fontes e portadores de información e opinión no conxunto dos programas, contidos e servizos.
b) O establecemento de espazos específicos nos servizos de comunicación audiovisual televisivo lineal e radiofónico fixados polo órgano colexiado de goberno e administración do prestador do servizo, após oír o Consello Asesor de Participación Social e Profesional previsto nesta lei.
2. Garantirase a dispoñibilidade de medios técnicos e humanos para a realización dos espazos necesarios para o correcto exercicio do dereito de acceso.
Artigo 10. Alfabetización mediática e dixital
1. Os medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia cumprirán a súa misión de servizo público de alfabetización mediática contribuíndo, en colaboración co sistema educativo, a desenvolver competencias, coñecementos, destrezas e actitudes de comprensión e valoración crítica que permitan a cidadanía de todas as idades acceder e analizar criticamente a información, discernir entre feitos e opinións e recoñecer as noticias falsas e os procesos de desinformación.
2. Así mesmo, os medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia colaborarán co sistema educativo na alfabetización dixital da cidadanía, co fin de promover o uso e o acceso responsable aos datos, ás redes sociais e ás ferramentas de intelixencia artificial, algoritmos e sistemas de recomendación por parte dos distintos sectores da sociedade galega, especialmente aqueles máis necesitados de actuacións de mellora das competencias, dos coñecementos, das destrezas e das actitudes que lles permitan utilizar con eficacia e con seguridade os servizos de información e de comunicación.
3. A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia promoverá contidos que axuden a poboación de idade avanzada para estimular o envellecemento activo e paliar a soidade non desexada.
Artigo 11. Promoción do desenvolvemento do sector audiovisual galego e da produción independente
1. Os medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, en cumprimento da misión de servizo público definida nesta lei, contribuirán ao desenvolvemento do sector audiovisual para a mellora da súa achega á economía galega.
2. En particular, os medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia promoverán e difundirán as obras audiovisuais de produción independente realizadas en Galicia.
3. No marco do previsto neste artigo, e de acordo cos principios de subsidiariedade e complementariedade, os medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia participarán, xunto coas administracións públicas e o sector audiovisual, nos programas sectoriais de actuación que contribúan a consolidar a produción cinematográfica e audiovisual galega, a ficción e os documentais.
CAPÍTULO II
Principios do servizo público de comunicación audiovisual
da Comunidade Autónoma de Galicia
Artigo 12. Principios
Os medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia actuarán no desempeño da misión de servizo público definida nesta lei con suxeición aos seguintes principios:
a) Respecto da dignidade humana e dos valores constitucionais e estatutarios.
b) Universalidade no acceso ao servizo público de comunicación audiovisual.
c) Veracidade da información.
d) Independencia, rendición de contas, transparencia e responsabilidade.
e) Innovación e excelencia.
Artigo 13. Principio de respecto da dignidade humana e dos valores constitucionais e estatutarios
O respecto da dignidade humana e dos valores constitucionais e estatutarios no ámbito do servizo público de comunicación audiovisual da Comunidade Autónoma de Galicia inclúe, en particular:
a) O respecto da honra, da intimidade e da propia imaxe das persoas e mais a garantía dos dereitos de rectificación e de réplica.
b) O respecto do pluralismo ideolóxico, político, social e cultural da sociedade galega.
c) A non-discriminación das persoas por razón de idade, sexo, discapacidade, orientación sexual, identidade de xénero, expresión de xénero, raza, cor, orixe étnica ou social, características sexuais ou xenéticas, lingua, relixión, crenzas, opinións políticas ou de calquera outro tipo, nacionalidade, patrimonio, nacemento ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.
d) A promoción da igualdade entre mulleres e homes, transmitindo unha imaxe igualitaria e non-discriminatoria.
e) A difusión dunha imaxe axustada, respectuosa, apreciativa, inclusiva e libre de estereotipos das persoas con discapacidade.
f) A protección da xuventude e da infancia fronte aos contidos que poidan afectar negativamente a súa saúde ou o adecuado desenvolvemento da súa personalidade, con especial atención á prevención de condutas adictivas.
g) A protección dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias en relación coa publicidade e con outras modalidades de comunicación comercial audiovisual.
h) A contribución á conciliación da vida persoal e familiar, mediante a racionalización dos horarios no servizo de comunicación audiovisual televisivo lineal en aberto.
i) O respecto dos dereitos de propiedade intelectual.
Artigo 14. Principio de universalidade no acceso ao servizo
Para a efectividade do principio de universalidade no acceso ao servizo público de comunicación audiovisual, os medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia garantirán:
a) A maior cobertura territorial posible do territorio da comunidade autónoma de Galicia polo servizo de comunicación audiovisual televisivo lineal e o servizo de comunicación audiovisual radiofónico, así como a súa máxima continuidade, tendo en conta as obrigas legais e as recomendacións técnicas aplicables.
b) A accesibilidade universal aos servizos de comunicación audiovisual, con especial atención ás persoas con diversidade funcional, mediante recursos factibles, ferramentas e pautas de accesibilidade visual, auditiva e cognitiva, incluídos a tradución audiovisual, a audiodescrición, o subtitulado e o emprego da lingua de signos, así como da aprendizaxe a través de internet.
c) A difusión en aberto dos servizos de comunicación audiovisual que se presten en cumprimento da misión de servizo público definida nesta lei. Unicamente poderán ser de acceso condicionado aqueles servizos excluídos do ámbito do servizo público de comunicación audiovisual da Comunidade Autónoma de Galicia polo mandato estratéxico do prestador do servizo.
Artigo 15. Principio de veracidade da información
Consonte o principio de veracidade da información, os contidos informativos que difundan os medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia axustaranse aos seguintes criterios:
a) Veracidade, calidade, obxectividade e imparcialidade.
b) Diferenciación, de forma clara e comprensible, entre información e opinión.
c) Respecto do pluralismo político, social e cultural, ben como da libre expresión das opinións.
d) Fomento da libre formación da opinión do público.
Artigo 16. Principios de independencia, de rendición de contas, de transparencia e de responsabilidade
1. A independencia e a rendición de contas dos medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia garántense a través do réxime organizativo e de control da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia que se establece no título III desta lei.
2. A xestión da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia axustarase aos principios de transparencia e responsabilidade. Deberá asumir e implantar de maneira efectiva criterios de sustentabilidade social empresarial.
Artigo 17. Principios de innovación e de excelencia
En cumprimento dos principios de innovación e de excelencia, os medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia fomentarán a produción audiovisual de calidade e a súa difusión en todas as modalidades que permita o estado da tecnoloxía.
TÍTULO III
Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia
CAPÍTULO I
Natureza e réxime xurídico
Artigo 18. Natureza xurídica
1. A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia é unha sociedade mercantil pública autonómica na que se integran os medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia que prestan o servizo público de comunicación audiovisual de acordo co previsto no número 2 do artigo 2.
2. A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia ten a forma de sociedade anónima e o seu capital estará participado na súa totalidade e de forma directa pola Comunidade Autónoma de Galicia.
3. A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia goza de autonomía na súa xestión e actúa con independencia funcional respecto do Consello da Xunta de Galicia e da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 19. Réxime xurídico
1. A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia réxese:
a) En primeiro lugar, por esta lei, polos seus estatutos sociais e pola lexislación xeral de comunicación audiovisual.
b) En segundo lugar, pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
c) Na falta da normativa anterior, pola lexislación mercantil.
2. Os estatutos sociais da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia incorporarán as previsións desta lei relativas aos órganos da sociedade e ás súas competencias.
3. Os estatutos sociais da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e as súas modificacións serán aprobados pola xunta xeral da sociedade, logo do acordo favorable do Consello da Xunta de Galicia, e serán inscritos no rexistro mercantil.
4. O obxecto social da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia incluirá a prestación do servizo público de comunicación audiovisual nos termos previstos nesta lei, así como todas aquelas actividades necesarias para o cumprimento da misión de servizo público definida nela ou que estean relacionadas coa comunicación audiovisual.
5. As pretensións que se deduzan con respecto aos acordos dos órganos de goberno e administración da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia son competencia dos xulgados e os tribunais da orde xurisdicional que corresponda en cada caso segundo a lexislación procesual.
Artigo 20. Medios para a prestación do servizo
1. A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia deberá contar coa organización, a estrutura e os recursos humanos e económicos suficientes para asegurar o cumprimento da misión de servizo público definida nesta lei, incluídos os necesarios para garantir a provisión de programas, contidos e servizos territoriais.
2. A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia pode constituír entidades que adopten a forma de sociedade mercantil ou participar no seu capital, sempre que o obxecto social de tales entidades estea vinculado coas actividades e as funcións daquela, incluídas as de servizo público. A adquisición ou a perda da participación maioritaria no capital social das devanditas sociedades require a autorización previa do Consello da Xunta de Galicia.
3. A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e as sociedades sobre as que exerza o control, nos termos do artigo 42 do Código de comercio, non poden participar no capital social de prestadores do servizo de comunicación audiovisual de titularidade privada.
Artigo 21. Cooperación
Para cumprir mellor a misión de servizo público definida nesta lei, a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia pode subscribir convenios de cooperación con outras entidades prestadoras do servizo público de comunicación audiovisual, coas administracións públicas e coas entidades vinculadas a estas ou dependentes delas.
Artigo 22. Operacións de fusión e escisión, e disolución
1. As operacións de fusión ou escisión da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia requiren o acordo favorable do Consello da Xunta de Galicia.
2. A disolución da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia require o acordo favorable do Consello da Xunta de Galicia, despois de oír o Parlamento de Galicia.
CAPÍTULO II
Organización
Sección 1ª. Órganos da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia
Artigo 23. Órganos
1. Son órganos de goberno e administración da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia o Consello de Administración e a Dirección Xeral.
2. Os membros do Consello de Administración e a persoa titular da Dirección Xeral son nomeados seguindo procedementos transparentes, abertos, efectivos e non-discriminatorios e mais criterios transparentes, obxectivos, non-discriminatorios e proporcionados, de acordo co previsto nesta lei.
3. A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia contará cun Consello Asesor de Participación Social e Profesional, como órgano de participación externa da sociedade galega e interna das persoas profesionais dos medios públicos de comunicación audiovisual integrados nela.
Sección 2ª. Consello de Administración
Artigo 24. Definición e composición
1. O Consello de Administración é o órgano colexiado de goberno e administración da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
2. O Consello de Administración componse de sete membros, dos cales un é a persoa titular da Dirección Xeral.
Artigo 25. Elección e nomeamento dos membros do Consello de Administración
1. Os membros do Consello de Administración distintos da persoa titular da Dirección Xeral son elixidos polo Parlamento de Galicia por maioría de dous terzos. Se non se acadar esta maioría, no prazo dun mes repetirase a votación e abondará para a elección unha maioría de tres quintos.
2. As persoas propostas a través dos grupos parlamentarios deben ter experiencia profesional acreditada e prestixio recoñecido, nos termos establecidos polo artigo seguinte. Do mesmo xeito, teranse en conta criterios de proporcionalidade e de pluralidade ideolóxica, política, social e cultural e garantirase o cumprimento do principio de composición ou presenza equilibrada de mulleres e homes, consonte a Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.
3. As persoas propostas a través dos grupos parlamentarios comparecerán perante a comisión correspondente do Parlamento de Galicia na forma que determina o Regulamento do Parlamento, co fin de se examinar a súa idoneidade para o cargo.
4. A xunta xeral da sociedade nomeará os membros do Consello de Administración elixidos polo Parlamento de Galicia.
5. As vacantes no Consello de Administración serán cubertas na mesma forma prevista nos números anteriores e deberase respectar a pluralidade de orixe. O mandato dos novos membros terá unha duración equivalente ao tempo que lles quedar de mandato aos membros aos cales substitúen.
Artigo 26. Experiencia profesional acreditada e prestixio recoñecido
1. Para os efectos do disposto no artigo anterior, presúmese que unha persoa posúe unha experiencia profesional acreditada e un prestixio recoñecido para ser membro do Consello de Administración se reúne algún dos seguintes requisitos:
a) Ter desempeñado funcións de administración, de alta dirección, de control ou asesoramento ou funcións de similar responsabilidade en entidades públicas ou privadas.
b) Ter méritos relevantes de carácter profesional, docentes ou de investigación en ámbitos relacionados coa comunicación.
2. Na composición do Consello de Administración débese garantir a presenza de persoas que desempeñasen funcións de administración, de alta dirección, de control ou asesoramento ou funcións de similar responsabilidade en entidades públicas ou privadas e de persoas que teñan méritos relevantes de carácter profesional, docentes ou de investigación en ámbitos relacionados coa comunicación.
Artigo 27. Duración do mandato
1. O mandato dos membros do Consello de Administración é de cinco anos, contados desde o seu nomeamento.
2. O mandato é renovable por unha soa vez.
3. Despois de se esgotar o mandato, os membros do Consello de Administración continúan no exercicio das súas funcións ata a renovación no cargo ou ata a toma de posesión das persoas que os substitúan.
Artigo 28. Cesamento
Os membros do Consello de Administración cesan no seu cargo polas seguintes causas:
a) Expiración do prazo do seu mandato.
b) Incapacidade permanente para o exercicio do cargo.
c) Renuncia expresa notificada formalmente ao Consello de Administración.
d) Defunción.
e) Inhabilitación para o emprego ou cargo público ou condena por delito doloso, declaradas en sentenza firme.
f) Incompatibilidade sobrevida.
g) Separación aprobada polo Parlamento de Galicia por maioría de dous terzos, por proposta da xunta xeral da sociedade, logo da instrución do correspondente expediente contraditorio por parte do Consello de Administración, por non desenvolver as súas funcións de acordo co establecido nesta lei e nas normas que a desenvolveren.
Artigo 29. Estatuto persoal
1. Os membros do Consello de Administración actúan no exercicio do seu cargo con plena independencia e neutralidade, sen poderen recibir instrucións, directrices ou calquera outra clase de indicación do Consello da Xunta de Galicia, da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, dos partidos políticos, dos sindicatos ou doutras institucións ou entidades.
2. Os membros do Consello de Administración exercen as súas funcións con suxeición aos deberes de dilixencia, fidelidade, lealdade, segredo e responsabilidade establecidos na lexislación mercantil e axustan a súa actuación aos principios de legalidade, de obxectividade e de bo goberno.
3. Os membros do Consello de Administración terán dedicación exclusiva e estarán suxeitos ao réxime de incompatibilidades dos altos cargos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
4. En todo caso, a condición de membro do Consello de Administración é incompatible:
a) Coa condición de membro do Parlamento de Galicia ou do Consello da Xunta de Galicia.
b) Co exercicio de calquera outro cargo de elección ou de designación política.
c) Coa pertenza a órganos de dirección en partidos políticos ou en organizacións sindicais ou empresariais.
5. Os membros do Consello de Administración non poden ter intereses directos nin indirectos en empresas publicitarias, editoriais, xornalísticas, de comunicación corporativa, de produción ou distribución de películas cinematográficas, discográficas ou de programas filmados ou gravados en calquera tipo de soporte ou medio tecnolóxico nin en ningún tipo de entidade relacionada coa subministración ou a dotación de material, de servizos ou de programas á Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
Artigo 30. Competencias e funcións
Correspóndenlle ao Consello de Administración as seguintes competencias e funcións:
a) Aprobar a organización básica da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
b) Aprobar a creación das comisións de participación, asesoramento e control interno do propio Consello. En todo caso, o Consello de Administración constituirá no seu seo unha Comisión de Economía e Control.
c) Aprobar o regulamento interno e as demais normas de funcionamento do propio Consello.
d) Resolver as solicitudes de autorización ou de recoñecemento de compatibilidade dos membros do Consello de Administración, excluída a persoa interesada, logo do informe da Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Aprobar as directrices básicas en materia de persoal e os instrumentos de ordenación do persoal e as súas modificacións.
f) Nomear o persoal directivo designado pola persoa titular da Dirección Xeral e formalizar o seu cesamento, no suposto de destitución por parte daquela.
g) Elaborar e aprobar os criterios reitores da dirección editorial da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
h) Aprobar, por proposta da persoa titular da Dirección Xeral, o plan xeral de actuación da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
i) Aprobar o programa de actuacións, investimentos e financiamento e os anteproxectos de orzamentos da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia elaborados pola persoa titular da Dirección Xeral, así como formular as contas anuais.
j) Aprobar, por proposta da persoa titular da Dirección Xeral, o informe anual sobre a xestión da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e sobre o cumprimento da misión de servizo público definida nesta lei, para a súa remisión á autoridade audiovisual competente.
k) Aprobar as normas de estilo e autorregulación dos servizos informativos dos medios públicos de comunicación audiovisual integrados na Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, logo de oír as organizacións sindicais representativas e o Consello Asesor de Participación Social e Profesional, así como o procedemento para elixir a representación neste das persoas profesionais dos devanditos medios.
l) Elaborar e aprobar as normas reguladoras da emisión de publicidade, tendo en conta os criterios de autorregulación do sector, ademais da normativa de protección da saúde das persoas menores de idade e de prevención das condutas adictivas.
m) Velar polo cumprimento da misión de servizo público definida nesta lei, nos termos establecidos polo mandato estratéxico e polo contrato plurianual de xestión.
n) En xeral, as facultades indelegables que lle corresponden ao consello de administración das sociedades de capital consonte a lexislación mercantil.
ñ) As demais que lle atribúan expresamente esta lei ou os estatutos sociais.
Artigo 31. Presidencia
1. A Presidencia do Consello de Administración é exercida por un dos seus membros, excluída a persoa titular da Dirección Xeral, de acordo coa orde rotatoria que estableza o propio Consello, por períodos de seis meses.
2. Correspóndenlle á Presidencia do Consello de Administración acordar a convocatoria das sesións do órgano, fixar a orde do día de acordo coa Dirección Xeral e presidir as sesións, moderando o desenvolvemento dos debates, nos termos que dispoña o regulamento interno e as demais normas de funcionamento do Consello de Administración.
Alén diso, a Presidencia coordina o funcionamento do Consello de Administración coa Dirección Xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
3. A persoa titular da Presidencia do Consello de Administración non exercerá funcións de representación nin de dirección executiva da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, que corresponden exclusivamente á persoa titular da Dirección Xeral.
Artigo 32. Secretaría
1. A Secretaría do Consello de Administración é exercida por unha persoa con titulación universitaria en Dereito, que non pode ter a condición de membro do Consello de Administración e asiste ás reunións deste con voz mais sen voto.
2. A designación e a destitución da persoa titular da Secretaría correspóndelle ao Consello de Administración, así como a súa substitución temporal nos supostos de vacante, de ausencia ou de enfermidade, consonte o que establezan os estatutos sociais.
3. Correspóndenlle á Secretaría do Consello de Administración as funcións que lle atribúan os estatutos sociais e, en todo caso, efectuar a convocatoria das sesións do órgano por orde da Presidencia, preparar o despacho dos asuntos, redactar e autorizar as actas das sesións e expedir as certificacións dos acordos aprobados, co visto e prace da Presidencia, e asesorar en dereito o órgano.
4. A persoa titular da Secretaría está suxeita ao estatuto persoal establecido para os membros do Consello de Administración no artigo 29, agás o previsto no seu número 3.
5. O Consello de Administración fixará as retribucións e o sistema de contratación da persoa titular da Secretaría cando esta non pertenza ao cadro de persoal da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia. No caso de pertencer ao devandito cadro de persoal, o Consello fixará a retribución que lle corresponda pola realización das funcións inherentes ao cargo.
Artigo 33. Funcionamento
1. O Consello de Administración reúnese en sesión ordinaria, como mínimo, unha vez ao mes e en sesión extraordinaria cando o soliciten a persoa titular da Dirección Xeral ou unha terceira parte dos seus membros.
2. Para a constitución válida do Consello de Administración, para os efectos de realizar sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presenza das persoas titulares da Presidencia e da Secretaría, ou, de ser o caso, das que as substitúan, e mais da metade, polo menos, dos demais membros do órgano.
3. Os acordos do Consello de Administración son adoptados por maioría de votos, agás que os estatutos sociais ou a lexislación mercantil establezan outra cousa. O voto da persoa titular da Dirección Xeral terá carácter dirimente cando se produciren empates nas votacións.
Sección 3ª. Dirección Xeral
Artigo 34. Definición, elección e nomeamento
1. A Dirección Xeral exerce de forma permanente as funcións de goberno, administración e representación da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia que lle atribúen esta lei e os estatutos sociais.
2. A persoa titular da Dirección Xeral é elixida polo Parlamento de Galicia por maioría de dous terzos. Se non se acadar esta maioría, no prazo dun mes poderase repetir a votación e abondará para a elección unha maioría de tres quintos.
3. A candidatura a titular da Dirección Xeral é formulada pola comisión parlamentaria correspondente, na forma que determine o Regulamento do Parlamento, entre persoas que teñan formación acreditada de nivel de educación superior, coñecementos e competencias profesionais, prestixio recoñecido e experiencia en xestión empresarial, administración ou investigación científica na actividade da comunicación audiovisual e no goberno corporativo.
4. A persoa proposta comparecerá perante a comisión correspondente do Parlamento de Galicia, co fin de se examinar a súa idoneidade para o cargo.
5. O Consello de Administración nomeará a persoa titular da Dirección Xeral na primeira sesión que realice logo da elección desta por parte do Parlamento de Galicia.
Artigo 35. Duración do mandato
1. O mandato da persoa titular da Dirección Xeral é de cinco anos, contados desde o seu nomeamento, e ten carácter renovable.
2. Despois de se esgotar o mandato, a persoa titular da Dirección Xeral continúa no exercicio das súas funcións ata a renovación no cargo ou ata a toma de posesión da persoa que a substitúa.
Artigo 36. Cesamento
1. A persoa titular da Dirección Xeral cesa no seu cargo polas seguintes causas:
a) Expiración do prazo do seu mandato.
b) Incapacidade permanente para o exercicio do cargo.
c) Renuncia expresa notificada formalmente ao Consello de Administración.
d) Defunción.
e) Inhabilitación para o emprego ou cargo público ou condena por delito doloso, declaradas en sentenza firme.
f) Incompatibilidade sobrevida.
g) Separación aprobada polo Parlamento de Galicia por maioría de dous terzos, por proposta da xunta xeral da sociedade ou do Consello de Administración, logo da instrución do correspondente expediente contraditorio, por non desempeñar as súas funcións de acordo co establecido nesta lei e nas normas que a desenvolveren.
2. Alén diso, a persoa titular da Dirección Xeral será separada do seu cargo polo Consello de Administración cando, logo da liquidación do orzamento anual da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, se constatar a concorrencia dalgunha das seguintes circunstancias por causas imputables á súa xestión:
a) Un empeoramento do resultado orzado cunha desviación igual ou superior ao dez por cento da compensación pola prestación do servizo público de comunicación audiovisual.
b) A existencia dunha desviación orzamentaria por exceso igual ou superior ao dez por cento das cifras aprobadas para o total das dotacións tanto do orzamento de explotación coma do orzamento do capital, excluídos do cómputo do primeiro os impostos e os resultados e do cómputo do segundo a variación do capital circulante.
Artigo 37. Estatuto persoal
1. A persoa titular da Dirección Xeral actúa no exercicio do seu cargo con plena independencia e neutralidade, sen poder recibir instrucións, directrices ou calquera outra clase de indicación do Consello da Xunta de Galicia, da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, dos partidos políticos, dos sindicatos ou doutras institucións ou entidades.
2. A persoa titular da Dirección Xeral exerce as súas funcións con suxeición aos deberes de dilixencia, fidelidade, lealdade, segredo e responsabilidade establecidos na lexislación mercantil e axusta a súa actuación aos principios de legalidade, de obxectividade e de bo goberno.
3. A persoa titular da Dirección Xeral terá dedicación exclusiva e estará suxeita ao réxime de incompatibilidades dos altos cargos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
4. En todo caso, a condición de persoa titular da Dirección Xeral é incompatible:
a) Coa condición de membro do Parlamento de Galicia ou do Consello da Xunta de Galicia.
b) Co exercicio de calquera outro cargo de elección ou de designación política.
c) Coa pertenza a órganos de dirección en partidos políticos ou en organizacións sindicais ou empresariais.
5. A persoa titular da Dirección Xeral non pode ter intereses directos nin indirectos en empresas publicitarias, editoriais, xornalísticas, de comunicación corporativa, de produción ou distribución de películas cinematográficas, discográficas ou de programas filmados ou gravados en calquera tipo de soporte ou medio tecnolóxico nin en calquera tipo de entidade relacionada coa subministración ou dotación de material, servizos ou programas á Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
Artigo 38. Competencias e funcións
1. A persoa titular da Dirección Xeral representa a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e desempeña a súa dirección executiva. Ademais, correspóndenlle as seguintes competencias e funcións:
a) Adoptar e executar cantos actos, actuacións ou decisións sexan necesarios para o desempeño da dirección executiva da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
b) Elaborar o plan anual de actividades, a memoria anual e os anteproxectos de orzamentos da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
c) Actuar como órgano de contratación da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
d) Autorizar os pagamentos e os gastos da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
e) Aprobar a estrutura organizativa da dirección da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e as súas modificacións.
f) Exercer a xefatura superior do persoal da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e desenvolver as directrices básicas do Consello de Administración en materia de persoal.
g) Designar e destituír o persoal directivo de acordo co previsto nesta lei e nos estatutos sociais.
h) Impulsar, orientar, coordinar e inspeccionar os servizos da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
i) Ditar as disposicións, as instrucións e as circulares relativas ao funcionamento da organización interna.
j) Propor, para ser sometido á xunta xeral da sociedade, o nomeamento dos auditores de contas ou das sociedades de auditoría.
k) Asinar o contrato plurianual de xestión convido baixo as directrices do mandato estratéxico.
l) Establecer as directrices oportunas para que os programas, os contidos e os servizos da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia cumpran a misión de servizo público definida nesta lei, nos termos establecidos polo mandato estratéxico e polo contrato plurianual de xestión.
m) Cumprir e facer cumprir a lei e os acordos do Consello de Administración.
n) As demais funcións de goberno e administración da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia non atribuídas expresamente a outros órganos por esta lei, polos estatutos sociais ou pola lexislación mercantil.
2. As dúbidas que no transcurso da actividade da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia poidan xurdir respecto da atribución dunha competencia ao Consello de Administración ou á Dirección Xeral resolveranse sempre a favor desta última.
Sección 4ª. Comisión de Economía e Control
Artigo 39. Comisión de Economía e Control
A composición e as normas de funcionamento da Comisión de Economía e Control son fixadas polos estatutos sociais ou, se for o caso, polo regulamento interno do Consello de Administración, que garantirán a independencia do seu funcionamento.
Sección 5ª. Consello Asesor de Participación Social e Profesional
Artigo 40. Definición
O Consello Asesor de Participación Social e Profesional é o órgano de participación externa da sociedade galega e interna das persoas profesionais da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, que ten como finalidade contribuír a fortalecer a participación, así como a calidade, a profesionalidade e a independencia da información e, en xeral, dos programas, os contidos e os servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 41. Composición
1. O Consello Asesor de Participación Social e Profesional está composto por quince membros, segundo a seguinte distribución, na que se garantirá o cumprimento do principio de composición ou presenza equilibrada de mulleres e homes, conforme a Lei 7/2023, do 30 de novembro:
a) Nove membros en representación dos sectores da cultura, a ciencia e a tecnoloxía, a educación e a sanidade, das entidades locais, das organizacións de persoas consumidoras e usuarias, das organizacións de persoas con discapacidade e das organizacións profesionais do sector audiovisual e da comunicación, elixidos polo Parlamento de Galicia por maioría de dous terzos ou, de non se acadar esta, por maioría de tres quintos en segunda votación, dentro da mesma sesión plenaria.
b) Tres membros en representación dos sectores das industrias culturais e do audiovisual, a lingua e as tecnoloxías e redes de comunicación, designados polo Consello da Xunta de Galicia por proposta dos órganos superiores ou de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competentes en tales materias.
c) Dous membros en representación das persoas profesionais dos medios públicos de comunicación audiovisual integrados na Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, elixidos polo procedemento que establecer o Consello de Administración.
d) A persoa titular da Dirección Xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
2. O mandato dos membros do Consello Asesor de Participación Social e Profesional, exceptuada a persoa titular da Dirección Xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, é de dous anos, renovable por unha soa vez. Após se esgotar o mandato, os membros continúan en funcións ata a renovación no cargo ou ata o nomeamento das persoas que os substitúan.
3. Os membros do Consello Asesor de Participación Social e Profesional non terán dedicación exclusiva ao cargo nin percibirán remuneracións polo exercicio deste, sen prexuízo das indemnizacións que corresponderen pola asistencia ás súas sesións.
4. En todo caso, a condición de membro do Consello Asesor de Participación Social e Profesional é incompatible:
a) Coa condición de membro do Parlamento de Galicia ou do Consello da Xunta de Galicia.
b) Co exercicio de calquera outro cargo de elección ou de designación política, agás nas entidades locais.
c) Coa pertenza a órganos de dirección en partidos políticos ou en organizacións sindicais ou empresariais.
5. O Consello Asesor de Participación Social e Profesional contará cunha presidenta ou un presidente elixido de entre os seus membros por maioría absoluta, que exercerá as funcións inherentes á presidencia dun órgano colexiado. A Dirección Xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia proporá un membro do seu persoal con cualificación suficiente para que actúe como secretario do órgano, con voz mais sen voto.
Artigo 42. Funcións
1. Correspóndelle ao Consello Asesor de Participación Social e Profesional velar pola riqueza do pluralismo do discurso público democrático, pola diversidade de opinións e pola participación proporcionada a prol da formación da opinión pública galega, así como pola calidade, a profesionalidade, a obxectividade, a imparcialidade, a veracidade e a independencia dos contidos difundidos polos medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Para cumprir as funcións previstas no número anterior, a persoa titular da Dirección Xeral informará o Consello Asesor de Participación Social e Profesional sobre as seguintes materias:
a) Os criterios e as medidas que garantan o dereito de acceso e participación dos grupos sociais e políticos significativos en función da súa relevancia, a súa representatividade e o seu ámbito de actuación.
b) As liñas de programación dos contidos de información, formación e entretemento, segundo os principios de prestación do servizo público de comunicación audiovisual recollidos nesta lei, e as medidas e iniciativas que puideren contribuír a mellorar a súa calidade.
c) O desenvolvemento de accións de alfabetización mediática e dixital, de accesibilidade e posta en valor dos servizos públicos de comunicación audiovisual na sociedade dixital, de protección dos dereitos individuais e dixitais fronte ao odio, a violencia e a desigualdade e de uso responsable dos datos e das redes.
d) As actividades de sustentabilidade social empresarial desenvolvidas pola Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
e) As pautas e as medidas de protección dos dereitos das persoas menores de idade nos contidos dos servizos da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia sobre a involucración en situacións de risco, violencia, vulnerabilidade, trastornos alimentarios, condutas adictivas, acoso e ciberacoso.
f) As estratexias e os medios de promoción da innovación da dixitalización, da introdución responsable da intelixencia artificial e da colaboración coas institucións públicas e as empresas de Galicia sobre servizos converxentes de internet das cousas.
g) O fomento dos principios e os valores promovidos pola Declaración europea sobre os dereitos e principios dixitais para a década dixital no que corresponda ao marco dos programas estratéxicos e os contratos plurianuais de xestión da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
h) O desenvolvemento das novas capacidades de difusión de contidos multilingües que permitan as redes globais e as tecnoloxías da información e a comunicación, co fin de dar a coñecer a identidade cultural de Galicia fóra do territorio da comunidade autónoma, en cumprimento da misión de servizo público definida nesta lei.
i) As normas e as actividades de autorregulación e corregulación internas e externas que promova ou nas que participe a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
j) Calquera outra materia na que o Consello de Administración ou a Dirección Xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia requiran do asesoramento do órgano.
Artigo 43. Réxime de funcionamento
1. O Consello Asesor de Participación Social e Profesional aprobará un regulamento de réxime interno.
2. O Consello Asesor de Participación Social e Profesional reúnese de forma ordinaria unha vez cada catro meses e con carácter extraordinario cando o solicite a maioría dos seus membros.
3. Os acordos do órgano son adoptados mediante o voto da maioría absoluta dos seus membros.
4. A Dirección Xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia proporcionará o apoio material que o Consello Asesor de Participación Social e Profesional precise para o desenvolvemento das súas funcións.
CAPÍTULO III
Persoal
Artigo 44. Membros do Consello de Administración
1. Os membros do Consello de Administración, incluída a persoa titular da Dirección Xeral, vincúlanse á Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia por unha relación mercantil, sen prexuízo das especialidades establecidas nesta lei.
2. O Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de facenda, aproba as retribucións que lles corresponde percibir á persoa titular da Dirección Xeral e aos demais membros do Consello de Administración. Estas cantidades intégranse no orzamento da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e, polo tanto, nos termos en que proceda, na lei de orzamentos que o Parlamento de Galicia aprobe cada ano.
Artigo 45. Persoal de alta dirección e persoal directivo profesional
1. Terá a consideración de persoal de alta dirección da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia o persoal desta que cumpra os requisitos establecidos no artigo 1.2 do Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección. Este persoal rexerase polo establecido na indicada normativa laboral. A súa selección efectuarase con suxeición aos principios de publicidade, concorrencia, mérito e capacidade entre persoas que demostren a súa cualificación profesional.
2. Terá a consideración de persoal directivo profesional da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia o persoal desta que desempeñe postos de traballo definidos como tales na estrutura directiva da entidade aprobada pola persoa titular da Dirección Xeral, en atención á especial responsabilidade, competencia técnica, complexidade ou relevancia das funcións xerenciais ou de dirección e coordinación asignadas a eles.
3. A selección do persoal directivo profesional efectuarase mediante unha convocatoria pública, de acordo cos principios de concorrencia, mérito e capacidade, entre o persoal laboral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia ou outras persoas que cumpran os requisitos necesarios para participaren na convocatoria. A súa designación efectuarase tras a apreciación discrecional por parte do órgano competente da idoneidade das persoas candidatas en relación cos requisitos exixidos para desempeñar o posto. O persoal directivo profesional da Corporación de Servizos Audiovisuais terá a condición de persoal directivo para os efectos do establecido no artigo 1.4 do Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección.
4. O persoal directivo profesional estará suxeito a avaliación periódica consonte os criterios de eficacia e eficiencia, de responsabilidade pola súa xestión e de control de resultados en relación cos obxectivos que lle sexan fixados. O cesamento nos postos directivos producirase por causas obxectivas vinculadas a unha avaliación negativa do desempeño, á perda da confianza ou a graves e continuadas dificultades de integración no equipo directivo, apreciadas polo órgano superior xerárquico do cal a persoa directiva dependa directamente. Os contratos que se formalicen farán referencia a estas circunstancias e incluirán expresamente as causas de extinción expresadas como condicións resolutorias do contrato.
5. As condicións retributivas do persoal recollido neste artigo serán as establecidas no Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, ou na norma que o substitúa.
Artigo 46. Persoal laboral
1. O persoal ao servizo da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia réxese:
a) Polas disposicións aplicables do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego de Galicia.
b) Polo texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, e as demais normas de dereito laboral.
c) Polos convenios colectivos.
d) Polo correspondente contrato de traballo.
2. No tocante á selección e a contratación, tamén son aplicables as disposicións relativas ás sociedades mercantís públicas autonómicas recollidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
3. A contratación do persoal laboral fixo realizarase conforme os principios de igualdade, de mérito, de capacidade e de publicidade, mediante procesos selectivos convocados pola Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia no marco do que estableza a lexislación básica en materia de reposición de efectivos de persoal nas entidades do sector público e a que aprobe a Comunidade Autónoma de Galicia en desenvolvemento desta.
Artigo 47. Persoal de natureza artística
A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia pode subscribir contratos ao abeiro da normativa que regula a relación especial de traballo das persoas artistas en espectáculos públicos á cal se refire a alínea e) do número 1 do artigo 2 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.
CAPÍTULO IV
Concreción da misión de servizo público
Artigo 48. Mandato estratéxico
1. Os obxectivos xerais da función de servizo público que debe cumprir a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia establécense normativamente para un período de seis anos a través do correspondente mandato estratéxico, que ten a consideración de mandato marco para os efectos do previsto na lexislación xeral de comunicación audiovisual.
2. O mandato estratéxico é aprobado polo Parlamento de Galicia por unha maioría de dous terzos. Se non se acadar esta maioría, incluirase o asunto na orde do día dunha próxima sesión plenaria e abondará para a aprobación unha maioría de tres quintos. De non se acadar tampouco esta última maioría, incluirase o asunto na orde do día dunha próxima sesión plenaria e a aprobación realizarase por maioría absoluta.
Artigo 49. Contrato plurianual de xestión
1. A concreción e o desenvolvemento dos obxectivos xerais da misión de servizo público da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia realízanse mediante a subscrición co Consello da Xunta de Galicia, por un período de tres anos, do correspondente contrato plurianual de xestión, que ten a consideración de contrato-programa para os efectos do previsto na lexislación xeral de comunicación audiovisual.
2. O contrato plurianual de xestión incluirá, como mínimo, as seguintes cuestións:
a) As achegas con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia destinadas a compensar a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia pola prestación do servizo público de comunicación audiovisual.
b) Os medios para a adecuación e a actualización do custo das actividades e dos obxectivos acordados ás variacións do escenario económico, garantindo sempre o cumprimento do mandato estratéxico e o obxectivo de estabilidade orzamentaria.
c) Os obxectivos da política de eficiencia, rendibilidade, produtividade, persoal e reestruturación técnica, así como os métodos indicadores da súa avaliación e a forma de render conta deles, que desenvolverá a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia no cumprimento da súa misión de servizo público.
d) Os contidos de servizo público que deba ofrecer a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, con concreción das porcentaxes de xéneros de programación.
e) Os efectos que deberán derivar do incumprimento dos compromisos acordados.
f) O control da execución do contrato plurianual de xestión e dos resultados derivados da súa aplicación.
3. Entre os obxectivos específicos que deberá desenvolver a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia poderanse considerar, ademais dos propios da actividade de comunicación audiovisual, aqueloutros de natureza organizativa ou económica que contribúan a cumprir mellor a misión de servizo público.
Artigo 50. Autorregulación e corregulación
No marco dos principios xerais que inspiran esta lei, e para cumprir mellor a misión de servizo público definida nela, a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia pode adherirse ou desenvolver, segundo as respectivas facultades propias do Consello de Administración e da Dirección Xeral, as normas e pautas de autorregulación e corregulación que se estimen convenientes, no marco do previsto pola lexislación xeral de comunicación audiovisual, sobre as seguintes materias, entre outras:
a) A protección dos dereitos das persoas menores de idade, en particular nos eidos do tratamento adecuado en noticiarios e programas de contido informativo de actualidade nos que se informe de que se viron involucradas en situacións de risco ou violencia ou aparezan persoas menores en situación de vulnerabilidade; a inclusión de descritores audiovisuais e de sistemas visibles de cualificación por idades que discriminen os contidos prexudiciais para o seu desenvolvemento físico, mental ou moral; os límites da emisión de programas ou contidos que conteñan escenas de violencia gratuíta, pornografía, consumo de substancias psicoactivas ou de promoción ou normalización de condutas adictivas sen substancia, de programas relacionados co esoterismo ou as paraciencias baseados na participación activa das persoas usuarias ou de programas de actividades de xogos de azar e apostas, agás as excepcións legalmente permitidas; e o control de algoritmos, etiquetaxes e sistemas de recomendación inseguros.
b) O cumprimento responsable da normativa publicitaria e de autocontrol da comunicación comercial no servizo público de comunicación audiovisual da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) O respecto dos principios xerais do servizo público de comunicación audiovisual da Comunidade Autónoma de Galicia nas interaccións públicas desenvolvidas a través das redes sociais dixitais que comprendan os dominios propios da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia en internet.
d) O desenvolvemento de pautas de comportamento para a protección e a utilización responsable dos datos das persoas usuarias.
e) As tecnoloxías e as ferramentas de intelixencia artificial que cumpran a normativa aplicable e recoñezan de forma responsable e transparente o nivel de risco do seu despregamento, garantindo o respecto á dignidade humana e aos dereitos fundamentais, así como a súa fiabilidade.
f) O desenvolvemento de normas de boas prácticas corporativas e profesionais de funcionamento para fortalecer a calidade do servizo público de comunicación audiovisual da Comunidade Autónoma de Galicia.
CAPÍTULO V
Réxime económico
Artigo 51. Sistema de financiamento
1. O sistema de financiamento da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia dotaraa dos recursos económicos que lle permitan cumprir a misión de servizo público definida nesta lei dun xeito eficaz. Alén diso, respectará os principios seguintes:
a) Compatibilidade coa normativa vixente en materia de competencia, en especial coa normativa de axudas de estado.
b) Garantía de estabilidade orzamentaria para o cumprimento efectivo das funcións de servizo público.
c) Sostemento exclusivo de actividades e contidos relacionados coa función de servizo público.
2. O financiamento da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia baséase nun sistema mixto conformado pola percepción das compensacións polo cumprimento da misión de servizo público, ademais dos ingresos e rendementos das súas actividades e da participación no mercado da publicidade.
3. As compensacións polo cumprimento das obrigas de servizo público consígnanse nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia. Estas compensacións teñen carácter anual e non poden superar o custo neto do servizo público prestado no correspondente exercicio orzamentario, entendéndose por tal a diferenza entre os custos totais da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e os seus outros ingresos distintos das compensacións.
Se no pechamento dun exercicio se constatar que a compensación supera o custo neto en que se incorreu nese período, o importe en exceso minorarase da compensación orzada para o exercicio seguinte a aquel no que se producise o exceso.
4. A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia non pode utilizar a compensación pública para baixar inxustificadamente os prezos da súa oferta comercial e de servizos nin para presentar ofertas desproporcionadamente elevadas fronte a competidores privados por dereitos de emisión sobre contidos no mercado audiovisual.
Artigo 52. Recurso ao endebedamento
1. A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e calquera outra sociedade na cal posúa, directa ou indirectamente, a maioría do capital social só poden realizar operacións de crédito, na medida e cos límites máximos establecidos na normativa vixente, para financiar os seus investimentos en inmobilizado material e inmaterial e para atender necesidades transitorias de tesouraría.
2. Os límites do endebedamento quedan fixados, para cada exercicio, na lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia de cada ano.
Artigo 53. Separación estrutural de actividades e sistema de contabilidade analítica
1. A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia procederá progresivamente á separación estrutural das súas actividades para garantir os prezos de transferencia e o respecto das condicións de mercado, de conformidade coa Lei 4/2007, do 3 de abril, de transparencia das relacións financeiras entre as administracións públicas e as empresas públicas, e de transparencia financeira de determinadas empresas.
2. Co fin de cuantificar o custo neto do servizo público, a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia disporá de separación de contas por actividades e contará cun sistema de contabilidade analítica que separe a imputación de ingresos e custos da actividade de servizo público dos contidos comerciais e das restantes actividades.
Artigo 54. Réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade, de intervención e de control financeiro
1. O réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade, de intervención e de control financeiro da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia sométese ao establecido no número 3 do artigo 103 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e nas demais disposicións que lle sexan aplicables, así como ás previsións da presente lei.
2. Xunto cos orzamentos de explotación e capital, a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia remitirá unha memoria da avaliación económica do investimento ou dos investimentos que vaian iniciarse no exercicio, así como a expresión dos obxectivos que se pretendan acadar nel.
Artigo 55. Contas anuais e auditoría externa
1. Sen prexuízo do sinalado nesta lei, as contas anuais da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia réxense polos principios e as normas de contabilidade recollidos no plan xeral contable e son revisadas por persoas auditoras de contas de acordo co disposto na lexislación mercantil.
2. As contas anuais son formuladas polo Consello de Administración e son sometidas, xunto coa proposta de distribución de resultados, á aprobación da xunta xeral da sociedade, consonte a lexislación mercantil. Após seren aprobadas, serán remitidas ao Parlamento de Galicia para o seu coñecemento e a persoa titular da Dirección Xeral comparecerá perante a comisión de control parlamentario correspondente.
Artigo 56. Patrimonio
1. Para cumprir cos seus fins, a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia dispón dun patrimonio propio, distinto do da Comunidade Autónoma de Galicia, integrado polo conxunto de bens, dereitos e obrigas dos cales é titular.
2. Os bens e os dereitos do patrimonio da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia son, en todo caso, de dominio privado ou patrimoniais.
3. A xestión, a administración, a explotación e a disposición dos bens e os dereitos do patrimonio da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia réxense polo disposto nesta lei, polas normas reguladoras do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e, supletoriamente, polas normas do dereito privado.
4. A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia velará pola conservación e a custodia dos seus arquivos documentais e audiovisuais e, en particular, dos documentos e fondos que, de acordo coa normativa de patrimonio cultural, deban integrar o patrimonio documental e bibliográfico de Galicia, facilitando o acceso e o uso para fins de investigación e educativos. O Consello de Administración establecerá as condicións para o seu uso comercial.
CAPÍTULO VI
Control externo
Artigo 57. Control parlamentario
1. O Parlamento de Galicia exerce o control da xestión e do cumprimento por parte da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia da misión de servizo público definida nesta lei, a través da Comisión Permanente non Lexislativa de Control da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
2. Para o efecto do previsto no número anterior, a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, sen prexuízo do disposto no artigo 55.2, presentaralle con carácter anual á Comisión Permanente non Lexislativa de Control da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia un informe referido á execución do mandato estratéxico e do contrato plurianual de xestión, así como unha memoria sobre a execución da misión de servizo público referida ao conxunto das súas actividades, programas, contidos e servizos.
Artigo 58. Control por parte da autoridade audiovisual
1. A autoridade audiovisual da Comunidade Autónoma de Galicia avalía se os novos servizos significativos que pretenda prestar a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia se axustan ao valor da misión de servizo público definida nesta lei e se alteran a competencia no mercado audiovisual. Durante a avaliación daráselles audiencia ás persoas e aos grupos interesados e os resultados desta faranse públicos.
2. A autoridade audiovisual establecerá un procedemento para que se poida solicitar a súa intervención no caso de incumprimento por parte da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia da súa misión de servizo público.
Artigo 59. Control por parte do Consello de Contas
Correspóndelle ao Consello de Contas, no exercicio das funcións que estatutaria e legalmente ten atribuídas, o control periódico do financiamento público que reciba a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, así como as medidas de reequilibrio necesarias para que o seu destino sexa o establecido nesta lei.
Disposición adicional primeira. Garantía do cumprimento dos principios e os criterios de nomeamento dos membros dos órganos de goberno e administración da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia
De o considerar necesario para garantir a maior efectividade dos principios e os criterios enumerados no número 2 do artigo 23, a Presidencia do Parlamento de Galicia poderá achegar un informe externo independente de valoración do currículo das persoas propostas como membros do Consello de Administración e como titular da Dirección Xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, emitido por unha entidade mercantil acreditada de auditoría de cumprimento corporativo, competencias e servizo público.
Disposición adicional segunda. Garantía da constitución e da renovación no prazo da Dirección Xeral, órgano de goberno e administración da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia
Co fin de garantir a constitución e a renovación no prazo correspondente dos órganos de goberno e administración da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e de evitar a indebida prolongación das situacións de interinidade, de non se acadar a maioría de tres quintos establecida para a elección da persoa titular da Dirección Xeral no número 2 do artigo 34 dentro do prazo previsto no devandito precepto, a elección realizarase por maioría absoluta na seguinte sesión plenaria do Parlamento de Galicia.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Queda derrogada a Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, e cantas disposicións de igual ou de inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei.
Disposición derradeira primeira. Modificación da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia
A disposición adicional décimo cuarta da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, queda redactada da seguinte maneira:
«Disposición adicional décimo cuarta. Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, S.A.
A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, S.A., réxese pola súa normativa específica. As previsións desta lei aplicaránselle cando a devandita normativa o estableza expresamente, así como nos aspectos non regulados por ela, neste último caso sempre que as previsións desta lei sexan compatibles coa natureza e carácter especial da sociedade».
Disposición derradeira segunda. Cambio da denominación da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A., e adaptación dos estatutos sociais a esta lei
1. A actual Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A., mudará a súa denominación para asumir a de «Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, S.A.», prevista por esta lei. Todas as referencias que as normas en vigor realicen á Compañía de Radio-Televisión de Galicia ou á Corporación Radio e Televisión de Galicia entenderanse feitas á Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
2. No prazo máximo de tres meses desde a entrada en vigor desta lei, a xunta xeral da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A., aprobará, logo do acordo favorable do Consello da Xunta de Galicia, a modificación dos estatutos sociais que mude a denominación da sociedade para «Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, S.A.», e realice as demais adaptacións destes ao establecido nesta lei.
Disposición derradeira terceira. Primeira elección consonte o establecido por esta lei dos membros dos órganos de goberno e administración da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia
1. No prazo de tres meses desde a entrada en vigor desta lei, a Mesa do Parlamento de Galicia aprobará, consonte o Regulamento do Parlamento, as normas reguladoras do procedemento para a elección de acordo co establecido por esta lei da persoa titular da Dirección Xeral e dos membros do Consello de Administración da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
Este procedemento garantirá que, antes de expirar o prazo sinalado no parágrafo anterior, dous grupos parlamentarios ou unha quinta parte dos membros do Parlamento poidan solicitarlles aos órganos competentes a inclusión na orde do día do pleno da elección dos órganos da sociedade.
2. Unha vez que entre en vigor a modificación dos estatutos sociais prevista na disposición derradeira segunda, entenderase expirado o mandato da persoa titular da Dirección Xeral e dos demais membros do Consello de Administración da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, que continuarán no exercicio das súas funcións ata a toma de posesión das persoas que os substitúan, e procederase á súa renovación conforme o establecido por esta lei.
3. Para a primeira elección conforme o establecido por esta lei dos membros do Consello de Administración da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia non se terán en conta os mandatos en que as persoas propostas, se for o caso, exercesen os mesmos cargos cando a sociedade tiña a denominación de «Corporación Radio e Televisión de Galicia».
Disposición derradeira cuarta. Primeiro mandato estratéxico da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia
O primeiro mandato estratéxico da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia será tramitado e aprobado polo Parlamento de Galicia no prazo de seis meses, contados desde o nomeamento, de acordo co establecido por esta lei, da persoa titular da Dirección Xeral.
Disposición derradeira quinta. Habilitación normativa
Autorízase o Consello da Xunta de Galicia e os órganos competentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para ditaren cantas disposicións foren necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta lei.
Disposición derradeira sexta. Entrada en vigor
Esta lei entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, catorce de marzo de dous mil vinte e cinco
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
