DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Mércores, 19 de marzo de 2025 Páx. 17917

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

EXTRACTO da Orde do 28 de febreiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas privadas, en réxime de concorrencia non competitiva, para o fomento da sustentabilidade no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento IN308D).

BDNS (Identif.): 820786.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a ) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:

(https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/820799)

(https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/820786)

Os códigos asignados pola BDNS corresponden a un mesmo texto de convocatoria.

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas subvencións:

a) Para as liñas 1, 2, 5 e 6, as empresas privadas que, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, realicen actividades reguladas pola Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, e conten co título de carácter administrativo que resulte preceptivo para o desenvolvemento das ditas actividades ou, cando proceda, coa conformidade do órgano administrativo correspondente, todo o cal poderá ser comprobado de oficio pola Administración.

b) Para a liña 3, as empresas privadas con centros de traballo de elaboración de rocha ornamental localizados na Comunidade Autónoma de Galicia, e que non estean incluídas na epígrafe anterior.

Para os efectos desta orde, considéranse actividades de elaboración de rocha ornamental aquelas actividades incluídas na sección C e, en concreto, na clase 23.70 do CNAE.

c) Para as liñas 4 e 6, as empresas privadas que teñan algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia dedicado ao envasado das augas minerais naturais e á explotación de balnearios e que conten co título de carácter administrativo que resulte preceptivo para o desenvolvemento das actividades de conformidade coa Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, todo o cal poderá ser comprobado de oficio pola Administración.

Considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica e do seu modo de financiamento, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas os empresarios persoas físicas que exerzan actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas que exerzan unha actividade económica de forma regular.

Segundo. Obxecto

Aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de axudas da Consellería de Economía e Industria para fomentar e incentivar a sustentabilidade, nas súas dimensións económica, social e ambiental, no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia, así como a súa convocatoria para o ano 2025, a través de seis liñas de actuación.

As axudas que correspondan a actuacións encadradas na liña 1 serán para o financiamento dos investimentos destinados a incrementar a protección do ambiente da zona afectada pola actividade mineira. En xeral, todos aqueles investimentos destinados a previr ou emendar danos ao contorno físico ou aos recursos naturais e, especialmente, os destinados á mellora da calidade do ambiente atmosférico mediante a redución das emisións de po e ruído.

As axudas que correspondan a actuacións encadradas na liña 2 serán para o financiamento dos investimentos destinados a mellorar as condicións laborais en materia de seguridade e saúde dos postos de traballo nas explotacións mineiras. En xeral, todos aqueles investimentos que actúen sobre os riscos relacionados coa seguridade no traballo, hixiene industrial e ergonomía nos postos de traballo e, especialmente, os investimentos destinados á redución da exposición ao po, ao ruído e ás vibracións das persoas traballadoras.

As axudas que correspondan a actuacións encadradas na liña 3 serán para o financiamento dos investimentos destinados a mellorar as condicións laborais das persoas traballadoras en centros de elaboración de rocha ornamental mediante a redución da exposición ao po nos seus postos de traballo.

As axudas que correspondan a actuacións encadradas na liña 4 serán para o financiamento dos investimentos destinados a mellorar a conservación e a xestión sustentable dos acuíferos e/ou captacións dos aproveitamentos das augas minerais, termais e de manancial. En xeral, todos aqueles investimentos destinados a incrementaren a protección cualitativa e cuantitativa do recurso hídrico, especialmente aquelas actuacións que poidan previr afeccións e a contaminación nas contornas da captación, así como nos perímetros de protección.

As axudas que correspondan a actuacións encadradas na liña 5 serán para o financiamento dos investimentos destinados aos procesos de implantación e certificación, así como o seu seguimento anual e renovación das normas UNE 22480: 2019 «Sistema de xestión mineira sustentable. Requisitos» e UNE 22470: 2019 «Sistema de xestión mineiro–mineralúrxica–metalúrxica sustentable. Indicadores», as cales acreditan a implantación dun sistema de xestión mineira sustentable nas empresas do sector mineiro.

As axudas que correspondan a actuacións encadradas na liña 6 serán para o financiamento dos investimentos destinados á adquisición de equipamentos que permitan mellorar a eficiencia enerxética en ámbitos distintos dos edificios nas empresas do sector mineiro, en especial as empresas que se dediquen ao envasado das augas minerais naturais, así como as empresas de explotación de balnearios.

Terceiro. Bases reguladoras

Inclúense no anexo I da Orde do 28 de febreiro de 2025.

Cuarto. Contía

O crédito total consignado para estas subvencións é de 2.400.000,00 €: 650.000,00 euros para as axudas da liña 1, 650.000,00 euros para as axudas da liña 2, 400.000,00 euros para as axudas da liña 3, 285.000,00 euros para as axudas da liña 4, 30.000,00 euros para as axudas da liña 5, e 385.000,00 euros para as axudas da liña 6.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, comezará ás nove horas do décimo quinto día hábil posterior a aquel en que se publique esta orde no Diario Oficial de Galicia e concluirá no mes de vencemento ás nove horas do día ordinal anterior ao día en que comezou o prazo.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2025

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía e Industria