O artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia recoñécelles ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia o dereito a colaboraren e compartiren a vida social e cultural do pobo galego.
A Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, define a galeguidade como o dereito das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia a colaboraren e a compartiren a vida social e cultural do pobo galego, tal e como sinala o artigo 7.1 do Estatuto de autonomía de Galicia.
En aplicación desta, procede establecer o marco normativo ao cal se deberá axustar o procedemento de concesión de subvencións que lles posibiliten ás entidades e persoas galegas establecidas noutras comunidades autónomas ou no exterior a realización de programas de actividades que lles sexan propias e, sinaladamente, nas áreas formativas, culturais e de mocidade.
Segundo o establecido no artigo 49 do Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración (DOG núm. 101, do 27 de maio), a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de emigración e retorno e, en particular, as recollidas na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, e as relacións e o apoio ás persoas e ás comunidades galegas no exterior, así como o fomento e a promoción da súa actividade e funcionamento.
A Secretaría Xeral da Emigración ten como un dos seus obxectivos a promoción e o desenvolvemento de actividades culturais e de tempo libre dirixidas á xuventude galega do exterior para reforzar os seus vínculos con Galicia, así como o fomento da participación desta nos programas e servizos que ao seu favor organice a Xunta de Galicia, e para acadar esta finalidade cóntase coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude.
Para realizar todas estas funcións, a Secretaría Xeral da Emigración dispón de distintas liñas de axudas e subvencións baseadas nos principios de publicidade e concorrencia, segundo os criterios establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con cargo aos fondos públicos.
En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión das axudas correspondentes ao programa Conecta con Galicia no Camiño, para o ano 2025, que ten por finalidade facilitarlles aos participantes o enriquecemento persoal a través da convivencia con outros mozos e mozas galegos de diferentes procedencias e a realización de actividades que lles procurarán un maior coñecemento do territorio e da situación sociocultural actual de Galicia, a través do percorrido de distintos tramos do Camiño de Santiago ata chegar a Compostela e doutras actividades complementarias (código de procedemento PR930D).
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócase este programa para o ano 2025.
3. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 2. Convocatoria e características do programa
1. Poderán participar no programa Conecta con Galicia no Camiño, que se desenvolverá entre os días 19 e 31 de xullo do ano en curso, ata un total de 120 mozas e mozos galegos con idades comprendidas entre os 18 e os 21 anos na data do inicio. Destas prazas, 96 resérvanse para residentes no estranxeiro e 24 para aqueles que residan en Galicia.
En concreto, mediante esta resolución convócase o programa e regúlase o procedemento para a concesión das 96 prazas reservadas para persoas que residen no estranxeiro. No anexo I detállase a súa distribución, prevista en función das áreas de residencia das persoas solicitantes e das modalidades de financiamento. O proceso de selección das 24 prazas restantes corresponderalle á Dirección Xeral de Xuventude.
Durante o desenvolvemento do programa de actividades, todos os participantes residirán nun dos aloxamentos dependentes da Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude reservados para estes efectos: ben na residencia xuvenil Altamar, sita en Vigo (Pontevedra), ou ben na residencia xuvenil Florentino López Cuevillas, sita en Ourense.
A distribución dos participantes entre elas será decidiraa a Secretaría Xeral da Emigración, que procurará a integración de mozos e mozas procedentes de diferentes lugares para favorecer a amizade, o intercambio cultural e a transmisión de experiencias entre eles.
2. O contido do programa, con independencia do lugar de residencia, consistirá na realización dun tramo do Camiño de Santiago e doutras actividades complementarias orientadas a profundar en diferentes aspectos da situación socioeconómica de Galicia, o seu sistema educativo superior e o patrimonio cultural vencellado ao contorno da cidade de residencia.
O percorrido polo Camiño de Santiago (100 km) realizarase a pé e corresponderase, en función de cal sexa o lugar de aloxamento, Vigo ou Ourense, cos respectivos tramos galegos do Camiño Portugués ou da Vía da Prata ata Compostela.
O detalle do programa completo comunicaráselles aos participantes nunha reunión previa á realización da viaxe a Galicia, que convocará a Secretaría Xeral da Emigración nos respectivos países de residencia. Esas sesións informativas irán encamiñadas, ademais, ao coñecemento da realidade galega en xeral, das condicións da viaxe e do réxime interno das residencias en que serán aloxados/as (do 19 ao 31 de xullo).
Durante todo o programa procurarase favorecer non só as relacións entre toda a mocidade participante, senón tamén con outras persoas procedentes do exterior retornadas, así como o encontro co persoal da Secretaría Xeral da Emigración, que estará á súa disposición para o que lles poida interesar.
Ademais, co fin de facilitar que os participantes procedentes do exterior poidan reforzar os lazos cos seus familiares residentes en Galicia, permitirase que as persoas que así o manifesten na solicitude poidan prorrogar a súa estadía durante un período aproximado de quince (15) días contados desde o día 31 de xullo.
3. Cos obxectivos de lograr a efectiva difusión deste programa para vindeiras convocatorias e de garantir os principios de transparencia, accesibilidade da información e veracidade (artigo 2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno), recolleranse experiencias e mesmo imaxes das instalacións e das persoas participantes, que poderán ser empregadas para noticias contidas en xornais, publicacións e tamén divulgadas tanto a través de servizos da sociedade da información como na páxina web https://emigracion.xunta.gal/
Para estes efectos, a presentación da solicitude de participación implica a autorización para a publicación destas imaxes, que serán incorporadas ao ficheiro «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», co tratamento previsto na normativa de aplicación.
Artigo 3. Persoas beneficiarias
1. Con carácter xeral, poderán optar a unha praza para participar neste programa os mozos e as mozas con residencia habitual no estranxeiro que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter unha idade comprendida entre os 18 e os 21 anos o día 19 de xullo de 2025.
b) Ter nacido en Galicia ou ser descendentes de persoa emigrante galega residente no exterior.
c) Ter a nacionalidade española.
d) Encontrarse vinculadas con calquera concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) cunha antigüidade mínima de tres (3) meses contados desde o día da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
e) Carecer de discapacidades e outros impedimentos que lles impidan realizar a viaxe e participar con normalidade nas actividades do programa.
2. Ademais deses requisitos xerais, as persoas solicitantes, en función da modalidade de financiamento a que opten, deberán ter en conta as seguintes disposicións:
No caso de optaren ás prazas con financiamento do 100 %, o importe total dos ingresos e rendas que perciban todos os membros da unidade familiar do solicitante non poderá superar o límite da cantidade que resulte do dobre da base de cálculo da prestación por razón de necesidade aprobada en 2025 para o país de residencia, ou, no caso de residir en Europa, do salario mínimo interprofesional no país de residencia para o ano desta convocatoria, multiplicado polo número de persoas que convivan menos unha.
As persoas interesadas restantes, que entendan que os ingresos da unidade familiar do solicitante supere ese tope, deberán optar por unha das prazas ofertadas na modalidade de copagamento conforme o especificado no anexo I desta convocatoria, e, no caso de seren seleccionadas, aboar, no prazo dos dez días seguintes ao da publicación da resolución de adxudicación das axudas, a cantidade de 800 € se residen en América, ou de 250 € se residen en Europa, en concepto de custo da viaxe. O correspondente importe seralle aboado directamente á empresa contratada pola Xunta de Galicia para os desprazamentos.
Para estes efectos, terán a consideración de rendas ou ingresos computables todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas, os bens ou dereitos de que dispoña anualmente a persoa beneficiaria e/ou a súa unidade económica familiar, derivadas tanto do traballo como do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles. Considerarase unidade familiar aquela que estea integrada pola persoa solicitante, o seu pai ou a súa nai ou, se é o caso, o cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade de aquel/a, e demais parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o segundo grao que convivan con ela.
Artigo 4. Financiamento, gastos subvencionables e compatibilidade
1. Financiamento.
As axudas do programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización de gasto. Os servizos que se lles prestan ás persoas participantes nesta convocatoria serán obxecto de licitación, de acordo coa normativa de contratos do sector público.
2. Gastos subvencionables: viaxes, estadía e actividades do programa.
A Secretaría Xeral da Emigración faise cargo da organización da viaxe, dos traslados en avión das persoas participantes residentes no estranxeiro, mediante o financiamento total ou parcial do custo dos voos de ida e volta, así como tamén, no caso de persoas que residan a máis de 400 km dos aeroportos internacionais, dos voos internos dentro do país ata o aeroporto de saída. As viaxes en avión desde o país de residencia e de volta a este serán, en todo caso, con destino e orixe nun aeroporto de Galicia. Así mesmo, inclúese o transporte daquelas beneficiarias que realicen un retorno inmediato desde a residencia ata o aeroporto de saída.
Todos os gastos das persoas que opten por regresar quince (15) días despois do remate das actividades do programa serán pola súa conta (aloxamento, manutención e traslados, incluíndo o transporte ata o aeroporto de retorno).
A Secretaría Xeral da Emigración faise cargo tamén dos gastos derivados do desenvolvemento das actividades do programa e da manutención de todas as persoas participantes durante os días festivos e fins de semana.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora na execución deste programa poñendo á disposición das persoas beneficiarias os servizos de manutención, en réxime de pensión completa, durante os días laborables, e do aloxamento nas residencias xuvenís de Altamar (situada en Vigo), e na residencia Florentino López Cuevillas (situada en Ourense), durante toda a estadía.
3. Compatibilidade.
As axudas outorgadas ao abeiro desta resolución son compatibles con calquera outra axuda que poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vaia levar a cabo a persoa beneficiaria.
Artigo 5. Forma e lugar de presentación das solicitudes
1. Cada persoa que pretenda participar só poderá presentar unha solicitude e nela fará constar os seus datos, a modalidade de axuda a que opta (financiada ao 100 % ou copagamento da viaxe) e a preferencia para o regreso.
A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.
2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo II), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a seguir, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes:
• No Brasil:
– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.
– Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.
– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.
– Asociación Cultural Hispano-Galega Cabaleiros de Santiago en Salvador de Bahía.
• En Venezuela:
– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.
• En Cuba:
– Federación de Sociedades Galegas.
A utilización desta vía requirirá que a persoa solicitante autorice a persoa responsable da entidade colaboradora que se detalle no modelo normalizado de solicitude para que remita a súa solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, e non exime as persoas solicitantes da obriga de cubrir e asinar a solicitude segundo o anexo II.
No caso de utilizar esta vía, é recomendable que as solicitudes se presenten cunha antelación suficiente respecto ao do remate do prazo de presentación das solicitudes.
Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que empezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
De acordo co artigo 30.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Artigo 7. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación da persoa solicitante:
a) Documentación acreditativa do seu nacemento en Galicia ou da ascendencia galega, que inclúa a documentación acreditativa do parentesco, cando proceda.
b) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade: documento de identidade do país de residencia e pasaporte español en vigor ou, excepcionalmente, outros documentos en que consten os datos persoais e a nacionalidade.
c) Certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular ou outro documento oficial xustificativo que acredite a residencia continuada no exterior, en que conste a dilixencia de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular.
d) Unha fotografía recente tamaño carné.
e) Informe médico, conforme o modelo oficial que figura como anexo III, de non padecer enfermidade infecto-contaxiosa nin ter discapacidades que lles impidan participar con normalidade en actividades recreativas e deportivas.
f) Para as persoas participantes que opten polas prazas financiadas ao 100 %: xustificantes acreditativos das tres últimas nóminas ou certificación de ingresos realizada por contador público e validada pola entidade profesional correspondente, e acreditación do resto de ingresos brutos, así como das rendas ou pensións de calquera natureza que perciban as persoas integrantes da unidade económica familiar. No caso de que non perciban ingresos, unha declaración responsable que o faga constar.
2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de maneira presencial en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Artigo 8. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– Datos do Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE), para acreditar que a persoa solicitante se encontra vinculada cun concello galego desde, polo menos, tres (3) meses antes do día da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites de maneira presencial en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 10. Comisión Avaliadora
1. Os expedientes de solicitude serán avaliados por un órgano colexiado integrado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración, o cal emitirá o informe en que concrete o resultado da avaliación, que elevará ao órgano instrutor para que formule a correspondente proposta de resolución.
A dita comisión avaliadora poderá contar coa asistencia doutros órganos colexiados que se constitúan, por petición da Secretaría Xeral da Emigración, nas delegacións da Xunta de Galicia na Arxentina e O Uruguai para avaliar as solicitudes presentadas por residentes neses países. De ser o caso, esas comisións serán presididas polas persoas titulares das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, respectivamente, que nomearán o resto dos seus compoñentes entre o persoal que traballe nelas.
2. Se algunha das comisións de avaliación citadas así o considera, poderá encargar informes que comproben a veracidade dos datos achegados nas solicitudes. Os resultados obtidos teranse en conta na avaliación das solicitudes e, se é o caso, darán lugar ao rexeitamento da solicitude.
3. O funcionamento da Comisión de Valoración rexerase polo disposto na sección terceira do capítulo I, título I, da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia.
Artigo 11. Criterios de prelación
1. Para a selección dos solicitantes atenderase aos seguintes criterios:
– En primeiro lugar, serán seleccionadas aquelas persoas que nacesen en Galicia; despois, as que sexan fillos ou fillas de emigrantes galegas e, de quedaren prazas vacantes, serán seleccionados os netos e as netas destas persoas, e así sucesivamente ata o terceiro grao de descendentes de persoas emigrantes galegas.
– Dentro de cada grao de parentesco, terán preferencia as persoas solicitantes que non participasen en edicións anteriores dos programas Conecta convocados pola Secretaría Xeral da Emigración, e despois as de maior idade. De ter a mesma idade (computando os anos, meses e días desde a data de nacemento ata a o día de comezo da actividade), o empate desfarase pola orde alfabética do primeiro apelido a partir da letra «F», que é a resultante do sorteo que tivo lugar en xaneiro deste año, en cumprimento do disposto no artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo consta na Resolución do 21 de xaneiro de 2025 da Consellería de Facenda e Administración Pública (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro).
2. As prazas que queden vacantes á vista da relación do punto anterior poderán ser distribuídas pola Secretaría Xeral da Emigración entre as solicitudes doutros países, comezando por aqueles que teñan un maior número de solicitudes admitidas. O número de prazas obxecto de redistribución non poderá superar o 25 % do total.
Artigo 12. Órganos competentes e instrución do procedemento
1. O órgano competente para a instrución do procedemento de selección das prazas para residentes no exterior é a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais, e, para a súa resolución, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.
2. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que estas reúnen os requisitos establecidos nesta resolución, elaboraranse listas provisionais de solicitudes admitidas e excluídas por países, nas cales se indicará, de ser o caso, a documentación que se require ou a causa de exclusión. Estas listas serán publicadas no prazo máximo de cincuenta (50) días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal), e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións e entidades colaboradoras citadas no artigo 5.2.
3. As persoas interesadas dispoñerán dun prazo de dez (10) días, contados desde o día seguinte ao da publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración das listas provisionais (https://emigracion.xunta.gal), para formularen as alegacións ou achegaren os documentos para emendar o expediente de solicitude. Transcorrido ese prazo sen que se emende, consideraranse desistidas da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo da resolución que se deberá ditar nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4. Transcorrido ese prazo, vistas as solicitudes presentadas e a documentación posteriormente incorporada aos expedientes, e de conformidade co disposto nesta resolución, a Comisión Avaliadora prevista no artigo 10 emitirá o seu informe, tras o cal se elaborarán as listas definitivas de persoas solicitantes admitidas e excluídas, por países e modalidade de pagamento, segundo a orde de prelación, que se publicarán na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal) e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións e entidades colaboradoras citadas no artigo 5.2.
5. Con posterioridade, a persoa titular da Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais formulará a proposta de resolución, debidamente motivada, que elevará á titular da Secretaría Xeral da Emigración.
Artigo 13. Resolucións
1. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, vista a proposta de resolución do órgano instrutor relativa ás 96 prazas convocadas para as persoas residentes no exterior, ditará a correspondente resolución da convocatoria.
A continuación, a dita resolución publicarase na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal) e nos taboleiros de anuncios das delegacións e entidades colaboradoras citadas no artigo 5.2, coas correspondentes listas das persoas beneficiarias, as persoas excluídas do proceso de selección e, de ser o caso, as desistidas e as renuncias, así como das restantes persoas solicitantes admitidas que conformarán a lista de reserva na orde resultante da aplicación dos criterios detallados no artigo 11.
Esta publicación poderá producir os efectos da notificación de acordo co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
A partir desa data, non será admisible ningún cambio, agás causas de forza maior ou outras debidamente xustificadas e autorizadas pola Secretaría Xeral da Emigración.
2. No caso de que con posterioridade á resolución, por motivo de renuncias, non ter pagado en prazo o importe correspondente en concepto de copagamento ou outras circunstancias que imposibiliten a viaxe, queden prazas sen cubrir, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá resolver, nas condicións que considere oportunas para non prexudicar o desenvolvemento normal do programa, a adxudicación das prazas vacantes ás persoas solicitantes seguintes que figuren nas listas de reserva, ás cales lles serán notificadas segundo o disposto na dita Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Como nos supostos anteriores, a partir da data da notificación efectiva da resolución de adxudicación non será admisible ningún cambio, agás causas de forza maior ou debidamente xustificadas e validadas pola Secretaría Xeral da Emigración.
3. O prazo máximo para resolver será de tres (3) meses, contados desde o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se diten as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 14. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuarase preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.
2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.
3. No caso de optar pola notificación en papel, efectuaranse a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias, seguimento e control
1. Con carácter xeral, as persoas beneficiarias das axudas están obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación que considere precisas a Secretaría Xeral da Emigración para asegurar o cumprimento do contido e das condicións do programa e os demais requisitos legais e regulamentarios que prevexa a normativa xeral da Xunta de Galicia.
Para ese fin, comprométense a prestar toda a colaboración que lles sexa requirida e a facilitar canta documentación lles sexa requirida por esta secretaría xeral e polos órganos correspondentes da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino das axudas.
2. En particular, as persoas que resulten adxudicatarias dunha praza para participar neste programa quedan obrigadas ao cumprimento dos seguintes requisitos:
a) Comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración calquera posible alteración das circunstancias postas de manifesto no seu expediente de solicitude durante a tramitación do expediente de modo que, con anterioridade á viaxe, a Secretaría Xeral da Emigración poida adoptar a resolución de modificación ou revogación da concesión que corresponda.
b) Incorporarse á actividade e regresar polos medios e nos prazos establecidos.
c) Respectar as normas de réxime interno dos lugares de aloxamento, así como todas aquelas que se lles dean no transcurso das actividades, nas cales, en todo caso, terán a obriga de participar, e, en xeral, as establecidas pola lexislación vixente na materia. Non cumprir estas normas poderá ter como consecuencia, logo do trámite de audiencia, a expulsión do programa e o regreso ao seu país de orixe no primeiro voo dispoñible.
d) As persoas beneficiarias que pretendan regresar quince (15) días despois do remate do programa de actividades ao seu lugar de residencia habitual deberán confirmar, cunha antelación mínima de quince (15) días respecto ao inicio do programa, os datos de contacto de polo menos unha persoa coa cal permaneza durante a súa estadía en Galicia. No suposto de que algunha precise viaxar fóra do ámbito territorial desta comunidade autónoma durante ese período, deberá comunicalo mediante un escrito asinado por ela coa suficiente antelación, explicando os motivos que xustifiquen esa circunstancia e manifestando que asume todos os riscos e os custos que poidan derivar dos desprazamentos e da estadía. A Secretaría Xeral da Emigración non se fará cargo deles en ningún caso.
e) As persoas beneficiarias que presenten a baixa ou renuncia ao programa deberán comunicalo por escrito á Secretaría Xeral da Emigración, como mínimo quince (15) días antes da viaxe, con indicación da causa. Nos casos, de incumprimento desta obriga ou de ter presentado unha renuncia por motivos que, segundo o parecer desta secretaría, non estean xustificados, comunicaráselle á persoa adxudicataria que non poderá recuperar a cantidade que, de ser o caso, xa aboase en concepto de copagamento, e que será penalizada, de modo que na seguinte convocatoria de axudas para participar nun programa similar non poderá resultar beneficiaria.
3. Nos supostos en que se declare a procedencia do reintegro, considerarase como cantidade recibida, que haberá que reintegrar, o importe dos billetes pagados pola Secretaría Xeral da Emigración xunto cos correspondentes xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 3.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 16. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 17. Réxime de recursos
1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición, ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición adicional única. Información ás persoas interesadas
1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e, xunto cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
2. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa
Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e o cumprimento do establecido nesta resolución.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2025
Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración
ANEXO I
Distribución das prazas convocadas mediante esta resolución
|
País de residencia dos solicitantes |
Número total de prazas |
Prazas segundo a modalidade de financiamento |
|
|
Axuda 100 % |
Copagamento custos viaxe: (800 € América-250 € Europa) |
||
|
A Arxentina |
28 |
20 |
8 |
|
O Brasil |
11 |
8 |
3 |
|
Cuba |
10 |
9 |
1 |
|
O Uruguai |
11 |
8 |
3 |
|
Venezuela |
11 |
10 |
1 |
|
Resto de América |
9 |
6 |
3 |
|
Resto de Europa |
16 |
9 |
7 |
|
Total |
96 |
70 |
26 |
