DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Venres, 21 de marzo de 2025 Páx. 18488

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 11 de marzo de 2025, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural a cheminea da central termoeléctrica das Pontes de García Rodríguez (A Coruña).

I

Na data do 17.7.2003 redactouse en Moscova a Carta de Nizhny Tagil sobre o patrimonio industrial, promovida polo TICCIH, organización internacional encargada do patrimonio industrial e asesor especial do ICOMOS nesta materia. O documento normativiza, a nivel internacional, os logros acadados no campo do patrimonio mundial ata o momento. Entre eles, establécese unha definición desta categoría de patrimonio específico: o patrimonio industrial componse dos restos da cultura industrial que posúen un valor histórico, tecnolóxico, social, arquitectónico ou científico; e establécese como período histórico de principal interese o que se estende desde o principio da Revolución industrial, na segunda parte do século XVIII, ata a actualidade, esta incluída.

Os conceptos e as ideas da Carta de Nizhny Tagil precisáronse posteriormente nos denominados Os principios de Dublín do ano 2011, aprobados conxuntamente polo ICOMOS e polo TICCIH. Entre as concrecións e os avances establecidos no documento, resulta de interese destacar a relación que se establece entre o medio natural e o cultural, ao expoñerse que os procesos industriais, antigos ou modernos, dependen dos recursos naturais, da enerxía ou das vías de comunicación para produciren e distribuíren os bens no mercado. Neste sentido, as centrais térmicas do norte peninsular localízanse cabo dos xacementos de carbón dos que se van fornecendo durante a segunda parte do século XX para produciren electricidade ata que, posteriormente, se vai substituíndo por un carbón de importación, de maior poder calorífico, a través dos portos máis próximos á central.

A Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio) (en diante, LPCG), forma parte do grupo das denominadas leis do patrimonio cultural de segunda xeración, nas que se actualizan e se recollen os novos parámetros do patrimonio cultural; un concepto, de base subxectiva e non obxectiva, en continua evolución ao depender dos valores que a sociedade do momento lle atribúe e que determinan que conxunto de bens hai que protexer e conservar para a posteridade. Neste sentido a LPCG insire na súa regulación, entre os bens culturais específicos, os bens que integran o patrimonio industrial, como unha categoría específica do patrimonio cultural galego.

En consecuencia, o patrimonio industrial é un concepto regulado xuridicamente hai moi pouco tempo en Galicia, e no resto do contexto estatal e internacional, característica que adoita plasmarse nunha infrarrepresentación nos rexistros, catálogos e inventarios das diferentes administracións, espallados de bens que se integran, fundamentalmente, no patrimonio arquitectónico, etnográfico e arqueolóxico.

II

A central termoeléctrica das Pontes constitúe un elemento esencial, relevante e representativo do patrimonio industrial de Galicia, pola súa contribución ao sistema eléctrico de Galicia e do Estado, ao ser a principal produtora de electricidade non nuclear do Estado español durante décadas, así como especialmente, para a veciñanza das Pontes de García Rodríguez e toda a comarca, cunha fonda pegada nas súas formas de vida e na forma na que perciben o seu territorio, especialmente desde o seu redimensionamento no último cuarto do século XX.

A cheminea de formigón de 36,40 metros de diámetro exterior na base e 356 metros de altura é o elemento máis destacable, único e singular do conxunto, tanto en termos cuantitativos como no relativo á caracterización da paisaxe e á representatividade do total das instalacións e a súa actividade. Esta construción foi no seu momento a máis alta de Europa e un fito emblemático da enxeñaría industrial estatal e internacional, do mesmo xeito que simboliza tanto todo un conxunto excepcional na súa capacidade de produción eléctrica como na súa relación coa mina de lignitos e a súa historia de máis de cen anos desde que se comezaron a estudar as posibilidades do seu aproveitamento.

III

Na data do 21.3.2022 o Ministerio para a Transición Ecolóxica do Goberno de España emite unha resolución pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de desmantelamento dos grupos 1, 2, 3 e 4 da central termoeléctrica das Pontes no TM das Pontes de García Rodríguez (A Coruña) no que non se recolle ningunha medida de conservación polo seu valor cultural de ningunha das partes das súas construcións e instalacións.

Previamente, na data do 4.2.2021 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitir un informe no devandito procedemento no que se indicaba a existencia de elementos potencialmente integrantes do patrimonio cultural de Galicia que non foran convenientemente estudados desde a perspectiva dos seus valores culturais na súa avaliación e que, en conclusión, se estimaba de forma desfavorable a demolición da cheminea.

Na data do 20.6.2022, tendo en conta as evidencias da existencia dun valor cultural sobranceiro da cheminea, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural resolve incoar de oficio o procedemento para declarar ben de interese cultural a cheminea da central termoeléctrica das Pontes de García Rodríguez.

Na tramitación do procedemento administrativo, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural solicita un informe en diversas ocasións e a varios dos órganos consultivos dos que establece o artigo 7 da LPCG, mais no expediente administrativo só consta un dos dous informes preceptivos favorables sobre o valor cultural sobranceiro da cheminea necesarios para poder declarar un ben de interese cultural, segundo establece o artigo 18.2 da LPCG.

En consecuencia, na data do 20.6.2024 o procedemento administrativo para declarar ben de interese cultural a cheminea da central termoeléctrica das Pontes de García Rodríguez caduca, segundo o artigo 20.2 da LPCG, ao ter transcorrido vinte e catro meses desde a data da resolución de incoación sen resolverse e notificarse o procedemento.

Na data do 26.9.2024 entra no Rexistro electrónico da Xunta de Galicia unha solicitude de declaración de ben de interese cultural da cheminea da central térmica das Pontes de García Rodríguez presentada por un particular.

IV

Un dos valores do patrimonio industrial que destaca a Carta de Nizhny Tagil, como conformador do concepto de patrimonio industrial, é o valor social, xuntamente cos valores histórico, tecnolóxico, científico e mesmo estético. O valor social enténdese como o rexistro das vidas dos homes e das mulleres correntes, e como tal, proporciona un importante sentimento de identidade. A definición do valor social comparte co propio concepto de patrimonio cultural en que se tratan de construcións sociais, ao implicar unha selección simbólica de bens e manifestacións culturais que forman parte da memoria dun pobo ou dunha localidade e que contribúen a formalizar a súa identidade cultural.

Neste sentido, para os ponteses e pontesas a cheminea deixou de ser simplemente un elemento industrial para converterse nun símbolo da identidade local, ao representar unha era de crecemento, desenvolvemento e transformación, tanto a nivel económico como social. A cheminea é, por tanto, o referente local simbólico da importante actividade de xeración eléctrica, no panorama do Estado español, que se produciu nese lugar. Como consecuencia deste forte vencello entre a poboación da vila das Pontes e a cheminea, e perante as dúbidas sobre o seu posible futuro, en apenas catro semanas dous mil douscentos seis veciños e veciñas da localidade, tal e como consta no expediente administrativo do Servizo de Inventario, achegaron o seu apoio á declaración como ben de interese cultural galego da cheminea da central térmica das Pontes.

V

A LPCG establece no seu primeiro artigo que «O patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, o recoñecemento e a identidade da cultura galega a través do tempo».

Así mesmo, no seu artigo 8.2 determina que: «[...] terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter, máis sobranceiro no ámbito no ámbito da Comunidade Autónoma sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei». Máis adiante este artigo establece que os bens poden ser inmobles, mobles ou inmateriais.

Por outra parte, o artigo 10.1.a) da LPCG, referido ás categorías de bens inmobles, define como monumento «a obra ou construción que constitúe unha unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico».

No referido á especificidade tipolóxica do patrimonio cultural, a LPCG describe no capítulo V do título VII o Patrimonio industrial integrado por: «[...] os bens mobles e inmobles e os territorios e as paisaxes asociadas que constitúen testemuños significativos da evolución das actividades técnicas, extractivas, tecnolóxicas, da enxeñaría, produtivas e de transformación cunha finalidade de explotación industrial, nos que se recoñeza a súa influencia cultural sobre o territorio e a sociedade e que manifesten de forma significativa e característica valor industrial e técnico».

Ben que o artigo 104 da LPCG indica que se presume a existencia deste valor cultural do patrimonio industrial para os bens anteriores á 1936, o punto terceiro do mesmo artigo indica que pode ser recoñecido este valor á bens construídos con data posterior se así o xustifica un estudo polo miúdo do ben. A documentación e os informes que existen no expediente xustifican o carácter singular e excepcional de parte das instalacións da central termoeléctrica.

VI

A análise do contido da documentación que contén o expediente administrativo, realizada polos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, conclúe que a cheminea da central termoeléctrica das Pontes de García Rodríguez posúe un valor cultural sobranceiro da Comunidade Autónoma de Galicia e, por tanto, é susceptible de ser declarada ben de interese cultural do patrimonio cultural de Galicia.

Tendo en consideración todo o exposto, e o contido da documentación do expediente, e por resultar a cheminea da central termoeléctrica das Pontes de García Rodríguez un ben sobranceiro do patrimonio cultural de Galicia, a directora xeral de Patrimonio Cultural, exercendo as competencias establecidas no artigo 14 do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en virtude do disposto no título I da LPCG e no Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia, e créase o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia,

RESOLVE:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural a cheminea da central termoeléctrica das Pontes conforme o descrito no anexo I desta resolución e proceder cos trámites administrativos precisos para a súa declaración.

Segundo. Ordenar que se anote esta incoación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se lle comunique á Administración xeral do Estado para os efectos da súa anotación no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Terceiro. Aplicar de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural e para os bens inmobles do patrimonio industrial en particular. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro (24) meses, desde a data desta resolución ou producirase a súa caducidade e o remate do réxime provisional establecido.

Cuarto. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Quinto. Notificar esta resolución ás persoas e ás entidades interesadas e ao Concello das Pontes de García Rodríguez.

Sexto. Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación, co fin de que as persoas que poidan ter interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente.

Sétimo. Solicitar o ditame dos órganos consultivos relativos á concorrencia dun valor cultural sobranceiro no ben obxecto desta resolución.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2025

Mª Carmen Martínez Insua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación: a cheminea da central termoeléctrica das Pontes.

2. Descrición xeral:

• Natureza: inmoble.

• Categoría: monumento.

• Especificidade: patrimonio industrial.

• Interese cultural: histórico, arquitectónico, antropolóxico, industrial, científico e técnico.

• Localización: As Pontes de García Rodríguez (A Coruña).

• Coordenadas centrais UTM ETRS89 Fuso 29: 592.045, 4.810.459.

3. O marco histórico.

Os lignitos das Pontes foran descritos polo ilustrado José Cornide e Saavedra cara ao remate do século XVIII, e xa durante o século XIX por Guillermo Schulz na Descrición xeonóstica do Reino de Galicia, que se identificaban con materiais de doada extracción. Os dereitos de explotación e os estudos da viabilidade da súa explotación comezaron a xestionarse xa nos primeiros anos do século XX.

A central térmica das Pontes comeza coa explotación dos lignitos, coa meirande canteira a ceo aberto de todo o territorio español, por Encaso (Empresa Nacional Calvo Sotelo) nos anos corenta do século XX, nun contexto dunha gran depresión económica mundial derivada da inmediata posguerra e a dependencia dun petróleo inaccesible, que promovería unha fábrica de combustibles e de lubricantes derivados dos lignitos, que non resultaría viable, e cunha central térmica que complementaría as hidráulicas da contorna e que alimentaría a partir de finais dos anos cincuenta unha industria de fertilizantes.

Este complexo desenvolvemento industrial asociado ao carbón e á electricidade ten como consecuencia un aumento considerable da poboación do Concello das Pontes, próximo ao 40 % entre os anos 1950 e 1960.

Nos anos setenta as reestruturacións promovidas desde o Estado a través do III Plan de desenvolvemento económico y social de todo o sector enerxético derivado da alza de prezos do petróleo, levou á creación de Endesa (Empresa Nacional de Electricidade) orientada cara ao sector eléctrico. As necesidades neste novo contexto de desenvolvemento industrial da provincia da Coruña, e de todo o sistema eléctrico español, levan a unha gran transformación que multiplica por corenta a capacidade de produción eléctrica, auspiciada tamén polos resultados dos novos estudos que confirmaban a existencia dun meirande potencial enerxético dos lignitos existentes nas Pontes. Todas as instalacións da antiga fábrica de fertilizantes e da central eléctrica existente derrúbanse por completo para dar paso ás novas instalacións, agás os poboados mineiros como o da Veiga, construídos para acolleren a nova poboación que a actividade industrial requiría.

En 1972 comeza a construción da nova central, dando comezo á segunda grande etapa da historia industrial das Pontes, que xa en 1974 se estima que pode duplicar de novo ata a formalización dun sistema de catro ciclos de 350 MW, o que supón a meirande capacidade enerxética española do seu momento con 1.400 MW. A cheminea foi construída entre 1972 e 1976 e, dado o seu volume e dimensións, atópase entre as meirandes construcións de todo o planeta.

No tempo no que se pon en funcionamento a central térmica das Pontes proliferan as centrais térmicas, para complementar as centrais hidroeléctricas na produción de enerxía, que irán substituíndo estas na subministración da enerxía base, ás que despois de sumarían as centrais nucleares. A relevancia da central das Pontes radica en que durante case catro décadas foi a principal mina e a principal central eléctrica de Galicia, así como a principal produtora de electricidade non nuclear do Estado español. A dimensión acadada pola central das Pontes ten un grande impacto non só no emprego local duns tres mil traballadores, entre directos e indirectos, senón tamén no norte de Galicia, nomeadamente coa Planta de Alúmina-Aluminio de San Cibrao, que non sería posible sen o concurso da produción das Pontes, así como na escala do porto de Ferrol e na estrutura das redes de transporte que comunican esta vila co citado porto.

A construción da central implicou, así mesmo, a extensión de toda a ocupación de terreos, especialmente os destinados á explotación mineira, pero tamén os das instalacións da central, coa desaparición e traslado de ducias de lugares e edificacións de todo tipo, o que produciu unha fonda pegada no carácter e nas lembranzas da poboación local, que así mesmo atopou nas propias actividades industriais unha nova forma de vida laboral. Durante este período e como parte da Zona de Urxente Reindustrialización de Ferrol, a vila desenvolve un conxunto de actividades industriais e doutro tipo que configuran a súa identidade industrial.

O combustible empregado para a produción eléctrica eran os propios lignitos locais, a pesar da súa baixa condición calorífica. Nos anos noventa o sistema de produción implicou a importación de carbón de meirande capacidade calorífica e menor produción de contaminantes de xofre, coa adaptación das instalacións para a xestión de decenas de miles de toneladas transportadas desde o porto de Ferrol, e cara ao remate da primeira década do século XXI, incorpórase un novo ciclo de produción eléctrica coa base do combustible de gas natural, que permitiu, así mesmo, a redución da pegada contaminante, momento no que tamén se produce a rexeneración ambiental das zonas de escavación a ceo aberto co gran lago artificial que cobre as canteiras de lignitos.

Nestas novas condicións a súa lonxevidade activa estaba prevista para despois do ano 2030, ben que as condicións derivadas dos custos ambientais e económicos da súa pegada de carbono, o seu carácter contaminante e as políticas enerxéticas estatais e europeas levaron á solicitude da empresa enerxética de peche no ano 2019 e o consecuente proceso de desmantelamento.

4. Descrición física da cheminea.

A cheminea da central termoeléctrica das Pontes é unha construción de formigón armado de sección troncocónica oca, cunha base de 36,40 metros de diámetro e un cumio de 18,90 metros de diámetro, a 356,50 metros de altura, e un grosor tamén variable entre 110 e 30 cm.

Ten a funcionalidade de servir a catro grupos de combustión de carbón, que se recolle desde un parque cuberto cunha malla de celosía estrutural metálica no que se poden almacenar ata 250.000 toneladas de combustible, e catro torres de refrixeración en forma de paraboloides hiperbólicos, tamén de formigón. Estes inmoble e o resto de elementos da instalación está previsto que desaparezan como consecuencia do proceso de desmantelamento da central.

O fuste de formigón da cheminea ten por función protexer e sustentar os condutos metálicos de evacuación dos gases de combustión dos catro grupos á atmosfera. Tamén recolle outras instalacións como escaleiras, un ascensor, plataformas, elementos de seguridade etc. Estímase que nas condicións de desmantelamento da instalación, a protección debera alcanzar a estrutura de formigón, sen prexuízo da conservación, ou a substitución, dos elementos de comunicación vertical interiores, co obxectivo do seu mantemento.

5. O estado de conservación do ben e os seus usos.

O formigón da cheminea foi tratado para a súa conservación durante o ano 2012 por unha empresa especializada, co fin de garantir a súa integridade a longo prazo. Nunha inspección realizada en abril do ano 2024 constatouse que a cheminea mantén un bo estado de conservación, sen observarse danos apreciables que ameacen a súa integridade.

No momento actual a actividade que deu pé á construción da central térmica das Pontes e da súa cheminea cesou. Malia isto, a cheminea podería usarse por parte da súa propiedade como parte de calquera outro desenvolvemento industrial, ao estar habilitada para realizar a súa función orixinaria polo seu actual estado de conservación. Así mesmo, nada impide que a cheminea se dedique a outros usos relacionados co lecer ou co turismo. Por tanto, as posibilidades de utilización da cheminea son amplas e non ten que quedar necesariamente como un referente da paisaxe carente de calquera funcionalidade concreta e excluída da calquera actividade que poida xerar un beneficio ou retorno económico. Estímase, así mesmo, que, independentemente do uso que se lle dea á cheminea, esta posúe unha clara potencialidade como ferramenta didáctica, de interpretación do contexto histórico da «era do carbón», así como do impacto social da actividade industrial na veciñanza das Pontes de García Rodríguez e en como chegou a converterse a cheminea en parte da súa identidade local.

6. A valoración cultural.

A Carta de Nizhny Tagil sobre o patrimonio industrial establece como os seus valores culturais intrínsecos os seguintes: o histórico, o social, o tecnolóxico e o científico.

6.1. O valor cultural histórico.

A central termoeléctrica das Pontes constitúe un elemento esencial, relevante e representativo do sistema eléctrico de Galicia e como consecuencia na súa actividade industrial e na vida cotiá de todas as persoas, especialmente desde o seu redimensionamento no último cuarto do século XX.

A produción eléctrica comeza nesta localización nos anos corenta do século XX, mais non é ata mediados os anos setenta cando se formalizan as actuais instalacións, cuxo tamaño coloca no seu momento a central como a de meirande capacidade de produción do Estado, con 1.400 MW (que no último momento superaba os 2.300 MW nos seus cinco diferentes ciclos), e un elemento significativamente extraordinario, a cheminea de 36 metros de base e 356 metros de altura.

Neste sentido, a cheminea é un testemuño impoñente do desenvolvemento industrial e enerxético da historia moderna española e representa o apoxeo da produción eléctrica baseada no carbón, que foi fundamental no crecemento económica e na industrialización do país.

As primeiras instalacións dos anos 1940 e as aspiracións de producir un combustible propio que garantise a independencia enerxética do comercio exterior son un símbolo propio do proceso histórico da autarquía franquista.

A segunda etapa da térmica tamén constitúe un fito na capacidade de produción eléctrica, a meirande non nuclear, e transcendendo amplamente o seu significado local, pola súa importancia no sistema eléctrico español, polas súas colaboracións no desenvolvemento e na investigación química, ou tamén como obxecto dos debates sobre os seus efectos ambientais e a contaminación.

O proceso de peche das centrais térmicas nun contexto de evitar a súa pegada contaminante e a dependencia dos combustibles fósiles eleva o risco da perda dun patrimonio cultural que polas súas características tamén pode resultar en risco de perda irrecuperable.

Ben que a aposta pola transición enerxética e a descontaminación é irrenunciable, o interese para o patrimonio cultural histórico, industrial, científico e técnico que a actividade industrial das Pontes posúe debe ser conservado pola pervivencia, cando menos, dos seus fitos icónicos máis relevantes e recoñecibles. Neste caso os elementos máis característicos do conxunto, ou cando menos aquel que resulta máis representativo, pode asumir a conservación simbólica dos feitos históricos e os coñecementos científicos e técnicos asociados ao patrimonio industrial.

A gran cheminea posúe características que permiten xustificar a súa singularidade e monumentalidade, polo seu tamaño que a mantén como a máis alta de España e a segunda de Europa; así como a súa representatividade, como parte icónica do conxunto e elemento máis identificable polas súas condicións de apreciación e visualización.

A cheminea é, por tanto, o elemento máis recoñecible e salientable do conxunto industrial, que condiciona a interpretación do espazo no que se localiza, pero tamén un monumento destacable polas súas propias características construtivas e formais.

Os procesos de valoración activa da paisaxe polas comunidades que os habitan e os desfrutan pode sustentarse en fitos e símbolos que acadan unha especial importancia cultural. A potencia formal de elementos como a cheminea, caracterizados polas súas inmensas dimensións e o material do formigón, son observadas á mesma escala que os elementos xeográficos da contorna.

A conservación deste elemento favorece, por tanto, a memoria da funcionalidade que xustificou a súa construción e o mantemento da caracterización dunha paisaxe moldeada ao longo do último medio século segundo os requirimentos da produción eléctrica estratéxica na economía de todo o país.

6.2. O valor cultural, tecnolóxico e científico.

A chegada da Revolución industrial aos diferentes lugares onde se desenvolven actividades de transformación de materias primas en produtos, baixo un esquema capitalista, vai encher estas localidades de chemineas de ladrillos, con diferentes formas e dimensións, mais cunha altura que estaba relacionada con cuestións ambientais e de saúde pública.

A partir de mediados do século XX comezan a construírse de forma sistemática centrais térmicas para a produción de enerxía eléctrica. Estes conxuntos fabrís empregan como material de construción o formigón armado, o que permite ampliar a escala das edificacións e superar os límites construtivos do ladrillo na proxección ascendente das chemineas industriais.

A cheminea da central térmica das Pontes é a primeira en altura das centrais térmicas españolas debido á intensidade das emisións contaminantes que expulsaba, o que a converten nunha mostra sobranceira destas construcións.

A cheminea non só destaca pola súa magnitude e complexidade estrutural, senón que tamén representa un marco de referencia no desenvolvemento científico e tecnolóxico da súa época. Foi deseñada polas prestixiosas empresas M.W. Kellogg Limited e construída por Ekauxea, ambas as dúas mercantís líderes tecnolóxicas no seu tempo. De feito, a cheminea foi no seu día un importante catalizador para a modernización e o avance técnico no Estado español.

Así mesmo, a construción da cheminea permitiu dar un paso importante na formación de técnicos especializados e na introdución de prácticas innovadoras que contribuíron á modernización da industria enerxética e da enxeñaría industrial.

6.3. O valor cultural e social.

O valor social que a veciñanza das Pontes de García Rodríguez, e dos seus representantes institucionais, outorga á cheminea é claro e manifesto. Para as persoas que viven na vila do Eume a cheminea forma parte da súa identidade cultural local e é a súa referencia simbólica do seu pasado industrial, en especial, da enorme escala acadada na xeración de electricidade, que converteron a localidade no maior centro produtor español desta enerxía durante décadas, se se exceptúa a xerada polas centrais nucleares.

Ademais, cómpre sinalar que no expediente administrativo, tramitado no Servizo de Inventario, consta o recoñecemento do valor cultural da cheminea, e o apoio á súa declaración de ben de interese cultural, das máis relevantes institucións e personalidades do patrimonio industrial español e galego: TICCIH España, ICOMOS España, a Sociedad Española para la Defensa del Patrimonio Geológico y Minero (SEDPGYM), a Associació del Museu de la Ciència, la Tècnica i l’Arqueologia Industrial de Catalunya (AMCTAIC), Pilar Biel Ibáñez, Joaquín Sabate Bel, Miguel Ángel Álvarez Areces, Xoán Carmona Badía, Carlos Nárdiz Ortiz e, entre outras, a Asociación Galega do Patrimonio Industrial (BUXA).

Como consecuencia do exposto, a cheminea da central térmica das Pontes posúe un carácter cultural sobranceiro que a fan merecente de ser declarada ben de interese cultural.

7. O réxime de protección e salvagarda.

7.1. O réxime xeral.

A incoación para declarar ben de interese cultural determina a aplicación inmediata, aínda que provisional, do réxime de protección previsto nesta lei para os bens xa declarados, segundo o artigo 17.4 da LPCG.

Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, que de forma resumida son os seguintes:

• Autorización: as intervencións que se pretendan realizar no ben ou no seu contorno de protección terán que ser autorizadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e o seu uso quedará subordinado a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

• Deber de conservación: as persoas titulares de dereitos sobre o ben están obrigadas a conservalo, mantelo e custodialo debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Acceso: as persoas titulares de dereitos sobre o ben están obrigadas a permitirlle o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador e ao persoal técnico da Administración.

• Visita pública: as persoas titulares de dereitos sobre o ben deberán permitir a visita pública nas condicións establecidas na normativa vixente.

• Transmisión: toda pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute deberalle ser notificada á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, con indicación do prezo e das condicións nas que se propoña realizar, e a Administración poderá exercer os dereitos de tenteo ou retracto nas condicións legais establecidas.

7.2. O réxime específico.

• A conservación e o mantemento: durante o período da incoación do procedemento de declaración poderán ser autorizadas tanto as actuacións de mantemento, como as de conservación da cheminea.

• As obras de interese xeral de carácter inaprazable: ao considerar que os obxectivos ambientais de desmantelamento do conxunto da central termoeléctrica resultan de interese xeral e inaprazable, poderán ser autorizadas as actuacións que no seu interior e no contorno proposto deriven do proceso de desmantelamento da central termoeléctrica, en especial aquelas que teñan o obxectivo da retirada de elementos contaminados, ben que deberán adaptarse á necesaria conservación desta estrutura e das instalacións complementarias que faciliten o seu uso, nomeadamente as escaleiras, os guindastres e o ascensor existente, e outros beneficiosos para a súa axeitada interpretación.

• As outras obras fóra do contorno de protección: os límites que se propoñen teñen por obxecto garantir que as actuacións que poidan desenvolverse non afecten a integridade para a conservación da estrutura de formigón da cheminea. Do mesmo xeito, estímase que o desenvolvemento doutras actividades industriais ou a súa integración en espazos libres ou destinados a dotacións ou actividades públicas poden ser compatibles coa conservación do inmoble obxecto de protección.

8. A delimitación do ben e do contorno de protección provisional.

8.1. A delimitación do ben.

A cheminea da central termoeléctrica das Pontes, obxecto da protección proposta, está constituída pola estrutura de formigón e a súa cimentación, de base 36,40 metros de diámetro.

Os elementos e as instalacións interiores que permiten as comunicacións verticais e o acceso ás súas partes non serán obxecto de protección, ben que serán preferentemente conservadas na medida que facilitan as tarefas de mantemento e de conservación, así como outros elementos que resulten compatibles e colaboren á súa interpretación.

O resto de elementos poderá ser obxecto de retirada e de eliminación, no caso de que se acredite o seu beneficio para a conservación ou por estar xustificada a súa retirada no proceso de desmantelamento da central. Especialmente, serán retirados neste proceso os materiais contaminantes que poidan existir.

8.2. O contorno de protección.

Proponse un contorno de protección da cheminea configurado por unha área que circunscribe a cheminea a unha distancia de 45 metros do perímetro da súa base. Esta distancia estímase necesaria para as tarefas de conservación e de mantemento, segundo a documentación consultada no expediente de desmantelamento, sinalado no plano cunha liña azul descontinua ao redor da cheminea.

8.3. O plano base da planimetría do Plan básico autonómico orientado ao norte coa identificación do ben e do contorno de protección e as coordenadas centrais aproximadas.

missing image file