DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Venres, 21 de marzo de 2025 Páx. 18485

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

DECRETO 21/2025, do 17 de marzo, polo que se aproba o cambio de titularidade dun treito da estrada N-551 e dos antigos ramais de conexión entre a A-55 e a N-551, a prol da Comunidade Autónoma de Galicia, e o cambio de titularidade a prol do Estado da glorieta superior que conforma o novo enlace sobre a autovía A-55, os ramais de conexión da glorieta coa autovía e o ramal de conexión da glorieta coa estrada N-551, na provincia de Pontevedra.

A Lei 37/2015, do 29 de setembro, de estradas, establece que a Rede de Estradas do Estado está constituída polas estradas integradas nun itinerario de interese xeral ou cuxa función no sistema de transporte afecte máis dunha comunidade autónoma.

Segundo o disposto no artigo 4.8 da devandita lei, a Rede de Estradas do Estado poderá modificarse:

a) Polo cambio de titularidade de estradas existentes en virtude do acordo mutuo con outras administracións públicas.

b) Pola cesión a outras administracións públicas, respecto daquelas estradas que, pertencendo á Rede de Estradas do Estado, non forman parte da rede básica, cando polas súas características e funcionalidade non for necesaria a súa permanencia na dita rede.

c) Pola incorporación de estradas cuxa titularidade corresponda a outras administracións públicas sempre que cumpran as funcións propias da Rede de Estradas do Estado.

O procedemento para tramitar o dito cambio de titularidade regúlase no artigo 12 do Regulamento xeral de estradas, aprobado polo Real decreto 1812/1994, do 2 de setembro, que exixe a tramitación do correspondente expediente que, xunto co acordo das administracións interesadas, elevarase ao Goberno para a súa aprobación por real decreto e a conseguinte modificación da Rede de Estradas do Estado.

Pola súa banda, a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, establece, no seu artigo 9.4 respecto das estradas de titularidade da Comunidade Autónoma, que os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Segundo o parágrafo segundo do artigo 9.6 da dita Lei 8/2013, no caso de que unha das administracións afectadas sexa a Administración xeral do Estado, aplicarase a regulación sobre o cambio de titularidade prevista na normativa estatal en materia de estradas.

A Administración xeral do Estado é titular das estradas N-551 e A-55 que pertencen na actualidade á Rede de Estradas do Estado.

A Comunidade Autónoma de Galicia, logo da autorización emitida polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible o 14 de febreiro de 2023, executou as obras do proxecto de modificación nº 1 ao proxecto de construción VAC Tui-A Guarda, treito: enlace A-55-enlace de Areas, p.q. 0+000-0+630, de clave PO/16/121.01, e é titular dos treitos postos en servizo tras concluírse estas.

Dado que as obras definidas no dito proxecto de clave PO/16/121.01 teñen como finalidade substituír o enlace preexistente tipo diamante polo novo executado de tipo glorieta elevada, ambas as administracións consideran necesario definir as titularidades dos tramos que conforman as obras, así como os contiguos a elas.

De conformidade co anterior, con data do 17 de xaneiro de 2025, o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta de Galicia asinaron un acordo polo que se procede ao cambio de titularidade a prol da Comunidade Autónoma do treito da N-551 entre o seu inicio no p.q. 0+000 e a glorieta executada aproximadamente no p.q. 0+550, así como os ramais Vigo-Tui e Tui-Portugal que daban continuidade ao antigo enlace tipo diamante entre a A-55 e a N-551, e ao cambio de titularidade a prol do Estado do enlace tipo glorieta elevada (sobre o p.q. 30+200 da A-55), incluída a propia glorieta, os ramais de conexión da glorieta coa autovía A-55 e o ramal de conexión da glorieta coa estrada N-551 (na glorieta do p.q. 0+550 desta).

Segundo o disposto nas cláusulas terceira e cuarta do acordo, a súa validez quedou condicionada á súa aprobación polo Goberno mediante real decreto e a correspondente aprobación polo Consello de Goberno da Comunidade Autónoma mediante decreto.

De conformidade co anterior, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de marzo de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación dos cambios de titularidade

1. Apróbase o cambio de titularidade a prol do Estado da glorieta superior que conforma o novo enlace sobre a autovía A-55, os ramais de conexión da glorieta coa autovía A-55 e o ramal de conexión da glorieta coa estrada N-551.

2. Apróbase o cambio de titularidade a prol da Comunidade Autónoma de Galicia dun treito da estrada N-551 (entre o seu inicio no p.q. 0+000 e a glorieta executada aproximadamente no p.q. 0+550), así como dos ramais de conexión entre a A-55 e a N-551.

Artigo 2. Competencias e efectos

Os cambios de titularidade aprobados non implican ningunha transferencia de medios económicos, persoais ou materiais entre ambas as administracións. Cada unha delas asumirá todas as competencias que dimanan das ditas titularidades e o seu exercicio a través, exclusivamente, dos seus propios medios económicos, materiais e persoais.

Artigo 3. Formalización dos cambios de titularidade

Os cambios de titularidade referidos serán efectivos a partir da formalización da acta de entrega, que se subscribirá no prazo dun mes desde a entrada en vigor do real decreto e deste decreto.

Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas:

https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Disposición derradeira única. Publicación

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de marzo de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas