DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Luns, 24 de marzo de 2025 Páx. 18781

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 11 de marzo de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución relativa ao deslindamento entre o monte veciñal en man común Monte Comunal Serra de San Mamede e O Lombo, no concello de Viana do Bolo.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC Serra de San Mamede, pertencente á CMVMC de San Mamede, e o MVMC O Lombo, pertencente á CMVMC de Tabazoa de Hedroso, no concello de Viana do Bolo, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 29.9.2022, a CMVMC de San Mamede presentou un escrito (Rexel 2022/2392614), en que solicita a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Tabazoa de Hedroso.

Coa solicitude achegouse a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Solicitude de conciliación presentada no Xulgado de Paz de Viana do Bolo.

– Certificacións dos acordos das respectivas asembleas xerais.

– Memoria e planos.

Segundo. O informe do Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense, do 31 de xaneiro de 2023, fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Serra de San Mamede, pertencente á CMVMC de San Mamede, e o MVMC O Lombo, pertencente á CMVMC de Tabazoa de Hedroso, desde o vértice a1 (o situado máis ao N) ata o vértice a2 (o situado máis ao S).

Logo de analizar os vértices e a súa localización, conclúese que, de conformidade co indicado na propia memoria técnica, o vértice a1 ten a consideración de punto auxiliar, o cal, a través dun pequeno treito que discorre, xusto antes do vértice 1, pola liña de termo Viana do Bolo-A Veiga, permite pechar o perímetro do MVMC Serra de San Mamede. Así mesmo, tamén recibe a consideración de punto auxiliar o vértice a2, na medida en que non se trata de ningún marco ou referencia significativa do lindeiro, aínda que neste caso constitúe un punto situado no perímetro de ambos os montes.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. Esta resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 31 de xaneiro de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 17 de febreiro de 2025:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Serra de San Mamede, pertencente á CMVMC de San Mamede, e o MVMC O Lombo, pertencente á CMVMC de Tabazoa de Hedroso, no concello de Viana do Bolo.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 11 de marzo de 2025

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense