BDNS (Identif.): 821929.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):
Primeiro. Persoas beneficiarias
1. As persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas e as súas agrupacións domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade maioritariamente en Galicia.
2. As entidades locais galegas que leven a cabo festivais obxecto da convocatoria e cumpran as condicións e criterios establecidos nestas bases, sempre que cumprisen co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, o que deberán acreditar antes da concesión, segundo o previsto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades galegas.
3. As asociacións, fundacións ou outras formas xurídicas sen ánimo de lucro, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas que carezan de personalidade xurídica propia, tales como comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado.
Segundo. Finalidade
Fixar as bases reguladoras das subvencións, en concorrencia competitiva, a festivais de artes escénicas de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector, e aprobar a súa convocatoria para o ano 2025.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 12 de marzo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de artes escénicas e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento CT213A).
Cuarto. Importe
O crédito destinado ao financiamento destas axudas é de 280.000 euros, con cargo ao orzamento do ano 2025 da Axencia Galega das Industrias Culturais, no código de proxecto 2015 00003, nas aplicacións e contías que se reflicten no cadro seguinte:
|
Aplicación |
13.A1.432B.460.0 |
13.A1.432B.470.0 |
13.A1.432B.481.0 |
|
Contía |
30.000 € |
60.000 € |
190.000 € |
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2025
José Carlos López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais
