DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Mércores, 26 de marzo de 2025 Páx. 19034

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 12 de marzo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e coa negociación colectiva, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025 (códigos de procedemento TR807K e TR807L).

O artigo 6.8 da Lei 30/2015, do 9 de setembro, de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, establece que ao financiamento das accións formativas dirixidas á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas coa negociación colectiva e co diálogo social se destinará a contía que anualmente estableza a Lei de orzamentos xerais do Estado e que regulamentariamente se establecerán as bases reguladoras para a concesión das subvencións públicas correspondentes, así como os mecanismos de xustificación e pagamento.

O Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a citada Lei 30/2015, do 9 de setembro, na súa redacción orixinal sinalaba na disposición adicional cuarta, parágrafo primeiro, que a execución destes fondos lles correspondería ao Servizo Público de Emprego Estatal en colaboración coa Fundación Estatal para a Formación no Emprego. Esta disposición adicional, entre outras, foi anulada polo Tribunal Constitucional na Sentenza 71/2018, do 21 de xuño de 2018, por entender que altera de forma inxustificada a regra xeral de atribución da competencia executiva ás comunidades autónomas en materia laboral. Por iso actualmente hai que entender que, con cargo aos fondos mencionados no artigo 6.8 da Lei 30/2015, do 9 de setembro, se financiarán tanto as convocatorias de ámbito estatal que xestione o Servizo Público de Emprego Estatal como as que efectúen as comunidades autónomas no seu respectivo ámbito territorial.

O Ministerio de Traballo e Economía Social aprobou a Orde ES/1079/2022, do 10 de novembro, que modifica a Orde TMS/379/2019, do 28 de marzo, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións por parte do Servizo Público de Emprego Estatal para o financiamento de plans de formación de ámbito estatal dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e coa negociación colectiva. Esta norma, aínda que regula de forma detallada os plans de ámbito estatal, permite a concesión destas axudas de forma harmónica polas distintas administracións públicas, no marco da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e con base na habilitación financeira conferida polo artigo 6.8 da Lei 30/2015, do 9 de setembro.

A disposición adicional primeira da Orde TMS/379/2019, do 28 de marzo, establece que lles corresponde ás comunidades autónomas a xestión destas subvencións no seu respectivo ámbito territorial, para o cal poderán aprobar normativa propia, en función dos seus requirimentos de xestión, as especialidades derivadas da súa organización administrativa e a normativa de aplicación no seu ámbito de xestión. Neste sentido, financiaranse con cargo aos fondos procedentes dos orzamentos xerais do Estado para formación profesional para o emprego que sexan distribuídos polo Servizo Público de Emprego Estatal, plans de formación de ámbito autonómico compostos por actividades formativas dirixidas á capacitación para o diálogo social e coa negociación colectiva, promovidos polas organizacións sindicais ou asociacións empresariais representativas no dito ámbito autonómico.

O Decreto 147/2024, do 20 de maio, establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, mantendo as competencias en políticas activas de emprego, política laboral, relacións laborais, seguridade e saúde laboral, orientación e promoción laboral.

No exercicio destas funcións, á Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración correspóndenlle a dirección e coordinación das competencias da Comunidade Autónoma en materia laboral, así como a promoción, coordinación, desenvolvemento, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia laboral, responsabilidade social empresarial, igualdade laboral e de medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral nas empresas, e a modulación das relacións laborais cos axentes económicos e sociais.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Obxecto, actividades subvencionables, entidades beneficiarias e importe

Artigo 1. Obxecto da subvención

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2025 as axudas que lles concederá a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ás organizacións sindicais e asociacións empresariais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e coa negociación colectiva, de acordo coa Orde TES/1079/2022, do 10 de novembro, que modifica a Orde TMS/379/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo (códigos de procedemento TR807K e TR807L).

2. Esta convocatoria ten ámbito na Comunidade Autónoma de Galicia, e a súa programación, xestión e control correspóndelle á Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Artigo 2. Liñas e actividades subvencionables

1. Ao abeiro destas bases reguladoras poderanse conceder subvencións para a realización dos seguintes plans de formación:

a) Liña 1 (código de procedemento TR807K). Plans de formación, compostos por actividades formativas dirixidas á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e coa negociación colectiva, promovidos polas organizacións sindicais ou empresariais previstas no artigo 5.1.a) desta orde. As actividades formativas poderán ser:

– Cursos de formación cuxo contido estea relacionado co diálogo social e coa negociación colectiva.

– Xornadas, seminarios e ciclos de conferencias cuxo contido verse sobre as funcións relacionadas co diálogo social e coa negociación colectiva.

– Encontros internacionais que conten con persoal experto doutras nacionalidades para ter un intercambio de información sobre o diálogo social e coa negociación colectiva en distintos países.

– Paneis, foros e obradoiros de persoal experto que comparta información sobre boas prácticas en diálogo social e en negociación colectiva dos distintos sectores.

b) Liña 2 (código de procedemento TR807L). Plans de formación, compostos por actividades formativas dirixidas á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas coa negociación colectiva, promovidos polas organizacións sindicais ou empresariais previstas no artigo 5.1.b) desta orde. As actividades formativas poderán ser:

– Cursos de formación cuxo contido estea relacionado coa negociación colectiva.

– Xornadas, seminarios e ciclos de conferencias cuxo contido verse sobre as funcións relacionadas coa negociación colectiva.

– Encontros nacionais ou internacionais que conten con persoal experto doutras comunidades autónomas ou nacionalidades para ter un intercambio de información sobre a negociación colectiva en distintos ámbitos territoriais.

– Paneis, foros e obradoiros de persoal experto que comparta información sobre boas prácticas en negociación colectiva dos distintos sectores.

2. As áreas de formación prioritarias establecidas nesta convocatoria son as que se relacionan a continuación:

a) Plans de igualdade.

b) Medidas que fomenten a igualdade entre homes e mulleres.

c) Os salarios, fenda salarial e categorías profesionais.

d) Conciliación da vida laboral e familiar (permisos, licenzas, adaptación de xornada e horario laboral, teletraballo, etc.).

e) Linguaxe non sexista.

f) Protocolos de actuación fronte ao acoso.

g) Formación continua e para o acceso ao emprego.

h) Calidade no emprego.

i) A gobernanza da dixitalización e robotización.

l) A protección de datos das persoas traballadoras.

m) Distribución e control da xornada.

n) Responsabilidade social empresarial (RSE).

3. Os plans de formación deben conter necesariamente, como mínimo, unha actividade formativa consistente nun curso de formación.

4. A duración das actividades formativas subvencionables deberá ser a seguinte:

– Cursos de formación dunha duración igual ou superior a 8 horas, por cada edición.

– Xornadas, seminarios e ciclos de conferencias dunha duración de ata 48 horas.

– Encontros internacionais dunha duración de ata 48 horas.

– Paneis, foros e obradoiros de expertos dunha duración de ata 48 horas.

5. Modalidade das actividades formativas subvencionables:

Os cursos de formación poderán ser presenciais ou en teleformación. O resto de actividades deberán ser presenciais.

6. Número de persoas participantes por cada edición das actividades formativas subvencionables:

– Os cursos de formación e os obradoiros de persoal experto formaranse en grupos de 30 persoas participantes como máximo.

– As xornadas, seminarios, ciclos de conferencias, encontros internacionais, paneis e foros formaranse en grupos de 100 persoas participantes como máximo.

Cando os cursos de formación se desenvolvan mediante teleformación, deberá haber unha titora ou titor; esta modalidade de impartición deberá realizarse a través dunha plataforma virtual de aprendizaxe que posibilite a interactividade do alumnado, titores e titoras, e recursos situados en distinto lugar, e que asegure a xestión dos contidos, un proceso de aprendizaxe sistematizada para as persoas participantes, o seu seguimento continuo e en tempo real, así como a avaliación de todo o proceso. A impartición deberá contar cunha metodoloxía apropiada para esta modalidade, complementada con asistencia titorial, e deberá cumprir os requisitos de accesibilidade e deseño universal.

Artigo 3. Finalidade das actividades formativas subvencionadas e destinatarios finais

1. As actividades formativas financiadas ao abeiro desta convocatoria teñen como finalidade o desenvolvemento de plans de formación que inclúan actividades formativas dirixidas á capacitación de persoas vinculadas con organizacións sindicais e asociacións empresariais de ámbito autonómico, para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social autonómico e coa negociación colectiva.

2. As actividades formativas financiadas ao abeiro desta convocatoria deberán estar destinadas á mellora e eficacia da formación das persoas vinculadas con organizacións sindicais e asociacións empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social autonómico e coa negociación colectiva, e non se poderán dirixir especificamente ao ámbito da Administración pública.

3. Poderán ser persoas destinatarias finais e participantes nos plans de formación as persoas vinculadas coas organizacións sindicais e asociacións empresariais de ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia que, en razón da súa actividade, estean relacionadas cos procesos de negociación colectiva e/ou diálogo social, ben a través da súa participación directa, ben a través da súa dirección, apoio ou asistencia técnica sindical ou empresarial.

Artigo 4. Réxime de concesión e incompatibilidades

1. As subvencións concederanse en réxime de concorrencia competitiva respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade.

2. Estas axudas serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen prexuízo de que o importe das subvencións percibidas, illadamente ou en concorrencia con outras axudas ou subvencións, non supere o custo da actividade que se vai desenvolver.

Artigo 5. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións que se regulan nesta convocatoria:

a) En relación coas subvencións destinadas ao financiamento de actividades formativas dirixidas á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e coa negociación colectiva no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (liña 1):

1º. As organizacións sindicais de carácter intersectorial que participan no dito ámbito, nos termos establecidos no artigo 7 da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, así como as fundacións ou outras entidades constituídas por aquelas para a consecución de calquera deses fins.

2º. As organizacións empresariais de carácter intersectorial que participan no dito ámbito, nos termos establecidos na disposición adicional sexta do texto refundido do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, así como as fundacións ou outras entidades constituídas por aquelas para a consecución de calquera deses fins.

b) En relación coas subvencións destinadas ao financiamento de actividades formativas dirixidas á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas coa negociación colectiva no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (liña 2):

As organizacións sindicais e empresariais que participan no dito ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, así como as fundacións ou outras entidades constituídas por aquelas para a consecución daqueles fins.

2. Para efectos destas subvencións, considéranse de ámbito autonómico as organizacións sindicais e asociacións empresariais que estean lexitimadas para a negociación colectiva sectorial nun ámbito xeográfico e funcional específico que non exceda os límites da Comunidade de Galicia, de acordo co establecido nos números 2 e 3 do artigo 87 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

3. No caso de que a entidade solicitante sexa unha fundación ou outra entidade vinculada cunha organización sindical ou empresarial, substituirá esta última para todos os efectos previstos nesta orde.

4. Nos supostos recollidos no número 1, non poderán ser beneficiarias as organizacións que se encontren integradas nunha entidade de ámbito federal ou confederal, cando a federación ou a confederación da cal formen parte sexa tamén beneficiaria destas subvencións.

5. Cando a entidade beneficiaria sexa unha asociación empresarial, os seus membros asociados que se comprometan a efectuar a totalidade ou parte das actividades que fundamentan a concesión da subvención en nome e por conta daquela terán igualmente a consideración de beneficiarios.

6. Non poderán obter a condición de entidades beneficiarias das subvencións as entidades e organizacións en quen concorra algunha das circunstancias a que se refire o artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Non poderán ter a condición de entidades beneficiarias as administracións públicas, as sociedades públicas ou as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

Artigo 6. Financiamento

1. Esta subvención financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.324A.481.2 da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, cun crédito por importe de 584.213,00 €, co código de proxecto 2020 00013.

2. O financiamento correspondente a esta convocatoria desagregarase, por cada unha das liñas descritas no artigo 2 desta orde, do seguinte xeito:

a) 70 por cento para as subvencións destinadas ao financiamento dos plans de formación da liña 1: 408.949,10 euros.

b) 30 por cento para as subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación da liña 2: 175.263,90 euros.

Artigo 7. Orzamento máximo subvencionable

1. As subvencións previstas nesta orde destinaranse a cubrir os gastos susceptibles de financiamento, sempre que estean directamente relacionados coa realización das actuacións obxecto dela. En ningún caso a cantidade que se vaia percibir poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada.

2. No caso de que o financiamento correspondente a algún dos tipos de plans de formación sinalados no artigo 6.2 desta orde non se aplique na súa totalidade, a contía non aplicada poderase destinar a incrementar a correspondente ao outro tipo de plans de formación.

3. A subvención solicitada que se vai ter en conta en cada solicitude axustarase ao orzamento asignado a cada liña, reflectido no artigo anterior.

Ademais, dentro de cada unha das liñas, destinarase o 50 por cento dos fondos dispoñibles ao financiamento de plans presentados polas organizacións empresariais e o 50 por cento restante aos presentados por organizacións sindicais.

No caso de non esgotarse os fondos dispoñibles para unha das partes, o remanente aplicarase á outra parte.

4. A contía máxima de subvención que se pode conceder por cada actividade formativa realizada determinarase mediante o produto do número de horas desta polo número de alumnado ou persoas participantes e polo importe do módulo correspondente.

Os módulos económicos máximos (custo hora por participante) serán os que a continuación se establecen en función da actividade que se van desenvolver:

a) Cursos de formación en modalidade presencial: 15,60 €.

b) Cursos de formación en modalidade de teleformación: 9 €.

c) Xornadas, seminarios, ciclos de conferencias e encontros internacionais: 28 €.

d) Paneis, foros e obradoiros de persoal experto: 20 €.

5. No caso da liña 1, unha entidade solicitante non poderá solicitar, nin se lle poderá conceder, un importe superior a 204.474,55 euros no caso de asociacións empresariais e 68.158,18 euros no caso de organizacións sindicais.

No caso da liña 2, unha entidade solicitante non poderá solicitar, nin se lle poderá conceder, un importe superior a 15.000 euros.

Artigo 8. Ampliación do crédito dispoñible

Conforme o establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, poderán ditarse novas resolucións cando existan fondos que proveñen de renuncias de subvencións, inicialmente concedidas, ou doutros remanentes. Neste caso, non poderán ter en conta outras solicitudes distintas das presentadas inicialmente. A ampliación de crédito publicarase no Diario Oficial de Galicia, sen que tal publicidade supoña a apertura do prazo para presentar novas solicitudes ou o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

CAPÍTULO II

Gastos subvencionables

Artigo 9. Gastos subvencionables e período de imputación

1. As actividades formativas incluídas nos plans de formación e os gastos que deriven delas deberán executarse desde o 1.1.2025 ata o 31.10.2025.

2. Considerarase gasto realizado o que fose efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

3. Consideraranse gastos subvencionables aqueles que, de maneira indubidable, estean relacionados coa actividade obxecto da subvención, resulten estritamente necesarios para a súa execución e fosen contraídos durante o período de execución establecido para a realización da actividade obxecto da axuda. En ningún caso o custo de adquisición dos bens ou servizos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

4. Con carácter xeral, serán susceptibles de financiamento os seguintes gastos:

a) Custos directos da actividade formativa:

1º. As retribucións das persoas formadoras internas e externas; pódense incluír salarios, seguros sociais, axudas de custo e gastos de locomoción, no suposto de contratación laboral, e gastos de contratación, no suposto de contrato de servizos e, en xeral, todos os custos imputables ás persoas formadoras no exercicio das actividades de preparación, impartición, titoría e avaliación das persoas participantes das actividades formativas. Estes gastos deberán presentarse debidamente desagregados por horas dedicadas á actividade que se impute.

2º. Os gastos de amortización de equipos didácticos e plataformas tecnolóxicas, calculados con criterios de amortización aceptados nas normas de contabilidade, así como o alugamento ou arrendamento financeiro deles, excluídos os seus xuros, soportados na execución das actividades formativas.

Estes gastos deberán presentarse debidamente desagregados por actividade formativa e imputaranse polo número de persoas participantes no caso de uso individual dos equipos ou plataformas.

3º. Gastos de medios didácticos e/ou adquisición de materiais didácticos, así como os gastos en bens consumibles utilizados na realización das actividades formativas, incluíndo o material de protección e seguridade. Así mesmo, no caso da teleformación, os custos imputables aos medios de comunicación utilizados entre persoal formador e persoas participantes. Estes gastos deberán presentarse debidamente desagregados por actividade formativa e imputaranse polo número de persoas participantes no caso de uso individual dos equipos ou plataformas.

4º. Os gastos de alugamento, arrendamento financeiro, excluídos os seus xuros, ou amortización das aulas, obradoiros e demais superficies utilizadas no desenvolvemento da formación.

Estes gastos deberán presentarse debidamente desagregados por actividade formativa e imputaranse polo período de duración da actividade. Os gastos de amortización calcularanse segundo normas de contabilidade xeralmente aceptadas, e será aplicable o método de amortización segundo as táboas aprobadas polo Regulamento do imposto de sociedades.

5º. Gastos de seguro de accidentes e responsabilidade civil das persoas participantes. Estes gastos deberán presentarse desagregados por actividade formativa e a súa imputación farase polo número de persoas participantes.

6º. Gastos de transporte, manutención e aloxamento para as persoas participantes nas actividades formativas, cos límites fixados na Orde EHA/3771/2005, do 2 de decembro, pola que se revisa a contía dos gastos de locomoción e das axudas de custo no imposto sobre a renda das persoas físicas e na Orde HFP/792/2023, do 12 de xullo, pola que se revisa a contía das axudas de custo e asignacións para os gastos de locomoción no imposto sobre a renda das persoas físicas. Estes gastos deberán presentarse debidamente desagregados por actividade formativa e a súa imputación farase polo número de persoas participantes.

7º. Os custos de avaliación e control da calidade da formación.

8º. Gastos de publicidade e difusión das actividades formativas.

b) Custos indirectos da actividade formativa:

1º. Os custos de persoal de apoio tanto interno como externo, os gastos necesarios para coordinar a actividade formativa e todos os necesarios para a xestión e execución da actividade formativa.

2º. Os gastos financeiros directamente relacionados coa actividade subvencionada e que resulten indispensables para a adecuada preparación ou execución desta. Non serán subvencionables os xuros debedores das contas bancarias.

3º. Outros custos: luz, auga, calefacción, mensaxaría, correo, limpeza e vixilancia, asociados á execución da actividade formativa.

De conformidade co artigo 29, número 9, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estes custos deberán ser imputados polo beneficiario á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo con principios e normas de contabilidade xeralmente admitidas e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

A suma dos custos indirectos non poderá superar o 10 por cento do custo total da actividade formativa realizada e xustificada.

5. En todo caso, os custos subvencionables deben responder a custos reais, efectivamente realizados, pagados e xustificados mediante facturas ou documentos contables de valor probatorio equivalente.

6. Os gastos subvencionables rexeranse, en todo caso, polo disposto no artigo 29 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 10. Subcontratación

1. A entidade beneficiaria poderá subcontratar parcial ou totalmente, por unha soa vez e nos termos establecidos no artigo 13 da Orde TMS/379/2019, do 28 de marzo, a realización da actividade formativa, fóra do previsto no número 3 deste artigo.

A contratación de persoal docente para a impartición da formación subvencionada por parte da entidade beneficiaria non se considerará subcontratación. Por contratación de persoal docente considérase, exclusivamente, a contratación de persoas físicas.

Tampouco se considerará subcontratación a contratación daqueles outros gastos en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma do plan de formación subvencionado.

2. Non se poderán subcontratar en ningún caso actividades formativas que, aumentando o custo da actividade obxecto da axuda, non acheguen valor engadido ao seu contido.

3. Non se poderán subcontratar con terceiras persoas as funcións de planificación e coordinación do plan de formación, que terá que executar a entidade beneficiaria con medios propios dos cales deberá dispoñer.

A entidade beneficiaria asumirá, en todo caso, a responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte ao Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, e tanto aquel como a entidade subcontratista deberán asegurar o desenvolvemento satisfactorio das funcións dos organismos de seguimento e control.

4. No caso de que a entidade beneficiaria concerte con terceiros a realización da actividade formativa, deberá terse en conta o seguinte:

a) Se o importe da subcontratación efectuada por unha entidade beneficiaria supera os limiares cuantitativos establecidos no artigo 27.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, é dicir, cando a actividade concertada exceda o 20 por cento do importe da subvención concedida correspondente a tal entidade e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a dita entidade beneficiaria deberá solicitar autorización previa do órgano concedente, e para ese efecto remitirase, o contrato que se prevé formalizar entre a entidade beneficiaria e a/s entidade/s subcontratista/s.

b) En caso de subcontratación por calquera entidade beneficiaria cunha entidade vinculada a ela, ademais do cumprimento dos requisitos anteriores, o artigo 27.7.d) da citada Lei 9/2007 exixe que se obteña a autorización expresa previa do órgano concedente e que o importe subvencionable non exceda o custo incorrido pola entidade vinculada. A acreditación do custo realizarase na xustificación nos mesmos termos establecidos para a acreditación dos gastos do beneficiario.

5. As autorizacións previas a que se alude no punto anterior aprobaranse mediante resolución do órgano concedente emitida no prazo de vinte (20) días desde a solicitude da autorización presentada por quen ten a consideración de entidade beneficiaria. Entenderase outorgada a autorización cando transcorra o citado prazo sen pronunciamento do órgano concedente. Para estes efectos, as entidades subcontratantes deberán achegar os modelos de contrato que se vaian formalizar para a súa autorización previa.

6. Na elección dos provedores será de aplicación o establecido no artigo 29.3 Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. As entidades beneficiarias serán responsables de que na execución da actividade subcontratada a terceiros se respecten os límites establecidos na Orde TES/1079/2022, do 10 de novembro, que modifica a Orde TMS/379/2019, do 28 de marzo, e, de ser o caso, nesta orde.

8. A entidade beneficiaria non poderá subcontratar en ningún caso a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con aquelas persoas ou entidades que se encontren nas circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

CAPÍTULO III

Procedemento

Artigo 11. Forma e lugar de presentación das solicitudes (para os dous procedementos TR807K e TR807L)

1. Cada solicitude presentada deberá conter un único plan de formación.

2. Unha entidade solicitante poderá presentar como máximo, no conxunto da convocatoria, un plan por cada liña. No caso de que presente máis dunha solicitude por liña, solo se terá en conta aquela que se presentase en primeiro lugar.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), conforme os anexos I e II.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá utilizarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. Todos os requisitos exixidos ás entidades solicitantes se entenderán cumpridos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 12. Prazo de presentación de solicitudes (para os dous procedementos TR807K e TR807L)

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Para este efecto, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación no DOG.

3. Se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 13. Documentación complementaria (para os dous procedementos TR807K e TR807L)

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representatividade da organización sindical solicitante no correspondente ámbito territorial, sectorial e intersectorial, segundo corresponda.

b) No caso de organizacións empresariais ou fundacións ou outras entidades constituídas por estas, certificado en que conste o número de empresas con que conta.

c) Orzamento total solicitado por actividades formativas (anexo III).

d) Plan de formación (anexo IV), que conterá a seguinte información:

1º. Formulación xeral da proposta.

2º. Actividades formativas solicitadas, xustificación da súa conveniencia e adecuación da proposta.

3º. Deseño e contidos do plan de formación.

4º. Obxectivos das actividades formativas.

5º. Resultados esperados do plan de formación.

6º. Metodoloxía de desenvolvemento do plan de formación.

7º. Por cada actividade formativa deberán detallarse o número de persoas participantes, o número de horas de formación, a modalidade de impartición, o número de sesións ou edicións que se van impartir por cada unha e o custo da actividade.

e) Copia da escritura de constitución da entidade solicitante, de se tratar dunha persoa xurídica, que acredite o seu domicilio social.

f) Documentación acreditativa da representación legal suficiente para actuar en nome da entidade solicitante.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electrónicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4 No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. De conformidade co establecido no artigo 8.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, terán tamén a condición de entidades beneficiarias os membros asociados da entidade beneficiaria que se comprometan a executar a totalidade ou parte da actividade que fundamenta a concesión da subvención en nome e por conta desta. Neste caso, xunto coa solicitude deberán achegar adicionalmente:

a) Nomeamento dunha persoa representante ou apoderada única da asociación ou agrupación, con poderes suficientes para cumprir cos deberes das entidades beneficiarias.

b) Copia do instrumento de formalización da asociación ou agrupación.

c) Certificado expedido por quen teña estas facultades na organización, de acordo cos seus estatutos, no cal se acredite a condición de membro asociado integrante da asociación.

d) Copia do compromiso de execución formalizado polas entidades asociadas ou agrupadas, subscrito pola representación legal destas, no cal se concreten as partes do proxecto que realizará cada entidade.

e) Compromiso de responsabilidade solidaria dos seus membros e de non disolución mentres non transcorran os prazos de prescrición legalmente previstos.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificados de estar ao día no pagamento á Axencia Estatal da Administración Tributaria, á Tesouraría Xeral da Seguridade Social e á Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presente os documentos correspondentes.

Artigo 15. Tramitación de solicitudes

1. A instrución do procedemento corresponderalle ao Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, que realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. O procedemento que se seguirá na instrución dos expedientes será o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes:

a) Se a solicitude non está debidamente cuberta ou a documentación presentada contén erros ou é insuficiente, o órgano instrutor, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, requirirá a entidade interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de dez (10) días, emende a falta ou presente os documentos requiridos, coa advertencia de que, se así non o fai, se considerará desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

b) O órgano instrutor poderá solicitarlles a outros organismos os informes técnicos que considere necesarios para a idónea valoración dos plans.

Artigo 16. Avaliación e Comisión de Avaliación

1. Unha vez instruídos os expedientes, pasarán –para o seu exame– á Comisión de Avaliación, que informará o órgano instrutor, quen elevará a proposta á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, quen, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, será quen resolva poñendo fin á vía administrativa.

2. A Comisión de Avaliación estará formada pola persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións Laborais, que a presidirá, a persoa titular do Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral, unha persoa que ocupe o posto de xefe/a de sección do Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral, que actuarán como vogais, e unha persoa funcionaria designada pola Presidencia da Comisión, quen exercerá as funcións de Secretaría.

A Comisión poderá ser asistida por expertos externos.

Na composición da Comisión de Avaliación procurarase acadar unha presenza equilibrada entre mulleres e homes.

3. A dita comisión poderá adoptar validamente os seus acordos, sempre que asistan a ela a persoa que exerza a Presidencia, ou persoa en quen delegue, un ou unha vogal e o secretario ou secretaria. Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Avaliación teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituída por un funcionario ou funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais.

4. A Comisión de Avaliación, de maneira motivada, poderá requirir das entidades solicitantes información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

5. A Comisión de Avaliación, unha vez avaliadas as solicitudes presentadas, realizará un informe no cal se concretará o resultado da avaliación efectuada con base nos criterios de valoración que se establecen nesta orde, propoñendo as cantidades asignadas a cada entidade beneficiaria e relacionando, así mesmo, as solicitudes para as cales se propón a súa denegación ou inadmisión, con indicación da causa.

6. A Presidencia da Comisión, tendo en conta o informe da Comisión de Valoración, elevará a proposta de resolución ante o órgano competente para resolver.

Artigo 17. Criterios de valoración das solicitudes

1. A valoración das solicitudes realizarase de acordo cos seguintes criterios:

a) Representatividade das organizacións solicitantes no correspondente ámbito cunha puntuación máxima de 70 puntos.

Esta puntuación distribuirase en función da porcentaxe de representatividade con que conte cada organización no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coa seguinte ponderación:

1º. Para as organizacións sindicais: a representatividade sindical en 31 de decembro de 2024, referida exclusivamente ao ámbito territorial de Galicia, concluído o proceso de eleccións sindicais previsto no título II do actual texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e en virtude do sistema de medición da representatividade das organizacións sindicais para os efectos das axudas previstas nesta orde.

A máxima puntuación de 70 puntos outorgarase a quen teña a maior participación e 0 puntos para quen non teña ningunha participación, e asignaráselles a puntuación aos demais solicitantes proporcionalmente.

2º. Para as asociacións empresariais: a representatividade das asociacións empresariais acreditarase mediante certificado emitido pola persoa representante legal, onde se indique o número de empresas con que contan con respecto á totalidade de empresas das entidades concorrentes.

A máxima puntuación de 70 puntos outorgarase a quen teña a maior representatividade e 0 puntos a quen non teña ningunha representatividade, e asignaráselles a puntuación aos demais solicitantes proporcionalmente.

b) Formulación xeral, deseño e contido do plan de formación, cunha puntuación máxima de 30 puntos que se distribuirán do seguinte modo:

1º. Coherencia cos obxectivos e resultados esperados: cunha puntuación máxima de 10 puntos que se distribuirán atendendo aos seguintes parámetros:

– Deseño do plan de formación, capacidade de resposta do plan ás necesidades de formación identificadas para o colectivo destinatario. Máximo 5 puntos. Valorarase que a entidade achegue un estudo das necesidades formativas detectadas na materia obxecto de subvención e identifique o colectivo destinatario. Os resultados do estudo deben vir nun documento separado ao plan de formación, se achega o resultado dese estudo: 5 puntos.

– Alcance do plan e capacidade técnica da entidade solicitante, tendo en conta o número de actividades formativas, independentemente das edicións, e o número de persoas participantes previstos. Máximo 5 puntos.

• A entidade solicitante ten previsto realizar menos de 5 actividades formativas que non chegan a 100 persoas participantes: 1 punto.

• A entidade solicitante ten previsto realizar menos de 5 actividades formativas que chegan a 100 persoas participantes: 2 puntos.

• A entidade solicitante ten previsto realizar 5 actividades formativas que chegan a 100 persoas participantes: 3 puntos.

• A entidade solicitante ten previsto realizar máis de 5 actividades formativas que non chegan a 100 persoas participantes: 4 puntos.

• A entidade solicitante ten previsto realizar máis de 5 actividades formativas que chegan a máis de 100 persoas participantes: 5 puntos.

2º. Metodoloxía de desenvolvemento. Cunha puntuación máxima de 10 puntos. Valorarase:

– Modalidade de impartición: valoraranse as actividades formativas desenvolvidas en modalidade presencial cando supoñan, polo menos, o 60 por cento das actividades do plan de formación cunha puntuación de 5 puntos.

– Seguimento e avaliación. Valorarase con 5 puntos que a entidade solicitante achegue un plan de seguimento e avaliación das actuacións formativas que se van realizar.

3º. Incorporación no plan formativo de actividades formativas correspondentes ás áreas de formación que se consideran prioritarias no artigo 2 desta orde: cunha puntuación máxima de 10 puntos. Cada actividade debe sinalar expresamente que áreas de formación cobre.

Ata 10 puntos cando se inclúa, polo menos, o 75 por cento das áreas e 0 puntos cando non se inclúa ningunha, e o resto de puntos asignarase en proporción ás áreas incluídas no plan.

2. Non se financiarán plans de formación que obteñan menos de 20 puntos na valoración global da solicitude.

3. No caso de empate na puntuación obtida, determinarase como criterio de desempate a puntuación establecida en cada un dos criterios de valoración segundo a orde de prelación establecida no artigo 17.1 desta orde. No caso de persistir o empate, teranse en conta a data e a hora exacta de presentación da solicitude.

4. Unha vez instruídas todas as solicitudes, no caso de que o importe das axudas que se concedan sexa igual ou inferior ao orzamento inicial da convocatoria, non se aplicarán os criterios de valoración en cumprimento do artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Resolución e recursos

1. A resolución dos expedientes, logo do informe da Comisión de Avaliación e da proposta da persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións Laborais e a fiscalización da Intervención Delegada da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, corresponderalle á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e seralles notificada ás entidades interesadas no prazo de dez (10) días desde que se dite. Unha vez notificadas as resolucións, as entidades interesadas dispoñerán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. No momento en que se teña constancia da aceptación da subvención, procederase ao pagamento anticipado do 25 por cento do importe da subvención concedida mediante transferencia bancaria á conta corrente de que sexa titular o beneficiario.

3. Unha vez acreditado o inicio do plan de formación, a entidade beneficiaria poderá solicitar o pagamento dun segundo anticipo dun 35 por cento.

4. Por último, en calquera momento a partir da comunicación do inicio a que se refire o punto anterior, sempre que non rematase o prazo de execución do plan de formación subvencionado e por solicitude da entidade beneficiaria, procederase ao pagamento dun terceiro anticipo polo importe do 40 por cento restante da subvención, unha vez acreditada a execución dun 50 por cento do plan de formación obxecto de subvención.

Considerarase executado un 50 por cento do plan de formación cando se impartise un mínimo do 50 por cento das horas de formación previstas no total do plan de formación.

5. Os anticipos recollidos nos números 3 e 4 faranse efectivos no prazo máximo de tres meses, contados desde a presentación polo beneficiario da documentación requirida para solicitalos e, en todo caso, sempre con anterioridade ao remate do prazo establecido para a execución.

6. As entidades solicitantes dos pagamentos anticipados quedan exoneradas da constitución de garantía segundo o disposto no artigo 65.4.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

7. De acordo co sinalado no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta que se trata dun procedemento baixo o réxime de concorrencia competitiva, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os cinco (5) meses contado desde a data de entrada da solicitude no Rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase rexeitada a solicitude.

8. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición, ante a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente recurso contencioso-administrativo, ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

9. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración publicará na súa páxina web e no DOG a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a súa publicación na citada páxina web.

Artigo 19. Práctica das notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 20. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 21. Prazo para a execución e xustificación dos plans de formación

1. Todas as accións deberán estar finalizadas con data límite do 31 de outubro de 2025, agás que na resolución de concesión se estableza unha data posterior.

2. O prazo para a presentación da documentación xustificativa da subvención será ata o 15 de novembro de 2025.

Artigo 22. Xustificación das subvencións

1. As entidades beneficiarias quedarán obrigadas a xustificar a realización da actividade formativa subvencionada, o destino dos fondos recibidos e o cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, segundo o anexo V da convocatoria. Os custos subvencionables deben responder a custos reais, efectivamente realizados, pagados e xustificados mediante facturas ou documentos contables de valor probatorio equivalente e que se realizaron durante o período de execución da actuación.

2. A entidade beneficiaria xustificará o cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos na resolución de concesión da subvención, mediante a presentación dunha conta xustificativa ante a Subdirección Xeral de Relacións Laborais.

3. A dita conta xustificativa presentarase con achega de xustificantes de gasto de acordo co previsto nos artigos 72 e 73 do Regulamento da Lei xeral de subvencións, aprobado polo Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo, e non terá que ir acompañada de informe de auditoría.

4. A entidade beneficiaria deberá presentar a seguinte documentación:

a) Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas, dos resultados obtidos e do número total de persoas beneficiadas do plan de formación (desagregadas por sexo). A memoria estará integrada pola certificación de finalización do plan de formación, a certificación da execución de cada actividade formativa e as actuacións de avaliación desenvolvidas.

b) Táboa relativa aos datos das persoas participantes por actividade formativa segundo o modelo que figura na sede electrónica.

c) Memoria económica xustificativa do custo das actividades formativas, que conterá:

1º. Relación clasificada dos gastos subvencionables en que se incorreu con motivo da realización da formación.

2º. Documentación xustificativa que acredite os custos relativos ás actividades formativas subvencionadas.

A este respecto, os custos xustificaranse con facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa respecto dos gastos incluídos no punto anterior, así como coa documentación acreditativa do pagamento.

As facturas deberán emitirse especificando o detalle dos servizos ou conceptos a que se refiren. No caso dos xustificantes relativos a custos directos, deberá constar neles o número de expediente a que se imputan os custos facturados. O dito dato poderá ser incorporado pola entidade beneficiaria mediante un selo sobre o orixinal da factura se non foi incluído na súa expedición polo provedor correspondente.

A documentación a que se refire este punto deberá presentarse accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, co selo previo que se menciona no parágrafo anterior, de ser o caso.

En ningún caso os custos indirectos poderán superar o 10 por cento do custo total da actividade formativa realizada e xustificada.

3º. Xustificante da devolución da contía da subvención recibida non utilizada e, de ser o caso, dos rendementos financeiros non aplicados. Así mesmo, deberase achegar acreditación expedida pola entidade bancaria en que se certifique o importe dos rendementos financeiros obtidos por cada entidade beneficiaria da subvención concedida ou a inexistencia destes.

4º. Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia, cando os houber.

d) As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, solicitaría o beneficiario, así como unha memoria xustificativa da elección cando esta non recaia sobre a proposta económica máis vantaxosa.

5. O beneficiario da subvención estará obrigado a conservar, durante un prazo de catro (4) anos, os xustificantes da realización da actividade que fundamenta a concesión da subvención, así como da aplicación dos fondos recibidos. O citado prazo computarase a partir do momento en que finalice o período establecido para presentar a citada xustificación por parte do beneficiario.

As entidades que, sen transcorrer o citado período, decidan suspender a súa actividade ou disolverse, deberán remitirlle copia da citada documentación ao órgano competente.

6. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que a entidade beneficiaria da subvención presente a documentación exixida, será requirida para que a presente no prazo improrrogable de dez (10) días. Así mesmo, cando a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, na comprobación da subvención, aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola/s beneficiaria/s, poñerao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. A falta de presentación da xustificación ou a non corrección no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención (artigos 45 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

7. Tras a recepción da documentación requirida procederase á revisión e valoración dos documentos xustificativos da execución. Unha vez feita a revisión, realizarase a proposta de pagamento ou a revogación da subvención.

8. Revisada a xustificación e sempre que esta se axuste ao disposto nesta orde, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais emitirá as certificacións para poder facer efectiva a correspondente liquidación da axuda concedida.

Artigo 23. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias as que se detallan no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; en especial as seguintes:

1. Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Realizar a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención.

3. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

4. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

5. O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, funcións para as cales poderá designar, mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, persoal técnico ou funcionario da dita consellería.

6. A obriga da entidade beneficiaria de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

7. Garantir a gratuidade das actividades formativas para as persoas participantes que interveñan nelas.

8. As entidades beneficiarias darán a coñecer o carácter público do financiamento, por parte do Servizo Público de Emprego Estatal, da actividade subvencionada en todas as actuacións relacionadas coa difusión e o seu desenvolvemento.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá dárselles cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 8 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no número 4 do citado artigo.

Artigo 25. Publicación na BDNS

De conformidade co previsto no artigo 20.8 a) da Lei 38/2003, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por este, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 26. Reintegro

1. O incumprimento dos requisitos establecidos nesta orde e demais normas aplicables, así como das condicións que se estableceron na resolución de concesión, dará lugar, logo do oportuno procedemento de reintegro, á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida máis os xuros de demora correspondentes, conforme o disposto no título II, capítulo I, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 16 da Orde TMS/379/2019, do 28 de marzo.

2. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) Procederá non realizar o pagamento ou o posterior reintegro da totalidade da axuda concedida nos seguintes casos:

1º. O incumprimento das obrigas ou compromisos regulados por esta orde e os aceptados pola entidade beneficiaria.

2º. O incumprimento das obrigas exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención, recollidas no artigo 24 desta orde.

3º. No caso de que non se presente ningunha da documentación exixida.

4º. O incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas nesta orde.

5º. A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que impidan a concesión.

b) Procederá o pagamento parcial ou, a posteriori, o reintegro parcial, en proporción ao gasto non xustificado ou aos datos coñecidos despois do pagamento, nos seguintes supostos:

1º. A presentación só de parte da documentación exixida ou que esa documentación sexa incorrecta.

2º. Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro, en ambos os casos, na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

3. O procedemento de reintegro iniciarase de oficio desde o momento en que se aprecie a existencia dalgún dos supostos de reintegro previstos nos números 1 e 2 deste artigo e, de ser o caso, conforme o disposto no artigo 49 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Ditarase resolución no prazo máximo de doce meses desde a data do acordo de iniciación en que se exixe, se procede, o reintegro. Contra a citada resolución caberá interpoñer recurso de alzada nos termos recollidos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 27. Modificación de resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión destas axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, fóra dos casos permitidos nesta orde, ou que o importe supere o custo total da actividade subvencionada que desenvolverá a entidade beneficiaria, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación, segundo o establecido no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 28. Revogación

1. Procederá a revogación da axuda, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo das competencias que ten a Inspección de Traballo e Seguridade Social en virtude do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 29. Seguimento e control

1. Co fin de garantir o cumprimento das condicións que motivan a realización das actividades formativas, estas serán obxecto de seguimento e control efectivo en tempo real e expost por parte da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, co apoio técnico que para tal fin se poida solicitar. De igual forma, as entidades beneficiarias estarán sometidas ás actuacións de fiscalización do resto de organismos da Xunta de Galicia, estatais e comunitarios aplicables.

Así mesmo, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais poderá solicitar e revisar a documentación xustificativa dos gastos efectivamente realizados, correspondentes ás actuacións subvencionadas.

2. No caso de que a actividade formativa subvencionada sexan accións formativas, a entidade beneficiaria comunicaralle o inicio dos grupos formativos á Subdirección Xeral de Relacións Laborais, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

A comunicación de inicio dos grupos formativos, salvo causa de forza maior, poderase realizar ata o mesmo día de inicio.

A relación de persoas participantes deberá remitirse de forma telemática á Subdirección Xeral de Relacións Laborais, ata o quinto día lectivo incluído, desde o comezo do grupo formativo e, en todo caso, antes de que se imparta o 25 % das horas de formación. Esta relación de persoas participantes poderá incluír ata un 20 % máis das previstas para cubrir posibles baixas ao comezo do curso e estarán identificados na comunicación de maneira diferenciada.

Na dita relación achegarase información sobre os datos identificativos da persoa participante, datos do perfil e de contacto.

3. Para as actividades formativas como xornadas, obradoiros ou similares, a entidade beneficiaria comunicaralle á Subdirección Xeral de Relacións Laborais, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, a relación de persoas que teñen previsto acudir á actuación formativa concreta, indicando as datas e o lugar de realización, así como o contido e o número de horas de duración da actuación formativa.

A comunicación de inicio destas actividades formativas, salvo causa de forza maior, poderase realizar ata o mesmo día de inicio.

4. Así mesmo, a entidade beneficiaria deberá comunicarlle á Subdirección Xeral de Relacións Laborais calquera incidencia ou cambio que se produza no desenvolvemento da acción subvencionada, que supoña unha adaptación nos procesos, sen alterar o obxecto nin as condicións da resolución de concesión. Estas incidencias deberán comunicarse en canto se produzan.

5. As comunicacións realizaranse preferentemente, de conformidade co establecido no artigo 16.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, a través da sede electrónica da Xunta. En calquera caso, no suposto de non se pode realizar, en calquera momento do prazo establecido, a comunicación por parte das persoas interesadas, esta poderá, así mesmo, realizarse de conformidade cos sistemas establecidos no artigo 16.4 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro.

6. Para os efectos de determinar a subvención unha vez executada a formación, nas actividades presenciais considerarase que un/unha alumno/a finalizou a formación cando asistise, polo menos, ao 75 % da duración da actividade formativa. Así mesmo, nas actividades formativas impartidas mediante a modalidade de teleformación considerarase que finalizou a actividade aquel alumnado que realizase, polo menos, o 75 % dos controis periódicos de seguimento da súa aprendizaxe ao longo dela, con independencia das horas de conexión.

De se producir abandonos das persoas participantes, poderase incorporar outro alumnado á formación en lugar daqueles. Esta substitución admitirase sempre que se produza antes de acadar o 25 % da duración da acción formativa.

De acaeceren abandonos con posterioridade á impartición do 25 % da duración da acción formativa, admitiranse desviacións por acción formativa de ata un 15 % do número de persoas participantes que as iniciasen.

Disposición adicional única. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias, respecto das resolucións de concesión, das que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da Consellería.

Disposición derradeira primeira. Remisión normativa

En todo o non disposto nesta orde serán de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; a Orde TES/1079/2022, do 10 de novembro, que modifica a Orde TMS/379/2019, do 28 de marzo, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións polo Servizo Público de Emprego Estatal para o financiamento de plans de formación de ámbito estatal, dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e coa negociación colectiva; en canto lle sexa de aplicación e con carácter supletorio, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición derradeira segunda. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta disposición.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2025

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file