DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Luns, 31 de marzo de 2025 Páx. 19737

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 26 de marzo de 2025 pola que se modifica a Orde do 20 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2025 os compromisos de mantemento de forestacións, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027 (código de procedemento MR670C).

O día 14 de xaneiro de 2025, a Consellería do Medio Rural publicou a Orde do 20 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2025 os compromisos de mantemento de forestacións, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027 (código de procedemento MR670C).

Esta orde encádrase na Intervención 6502.2–Compromisos de mantemento de forestación e sistemas agroforestais-, Subintervención 65022_01–Mantemento de forestacións ou repoboacións forestais contidas no Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 (PEPAC) e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

A citada orde é unha convocatoria en concorrencia non competitiva en cumprimento das directrices establecidas pola Comisión na resposta do 14 de febreiro de 2023; e en relación coa previsión de que os Estados membros deben asignar un orzamento suficiente para que as devanditas intervencións cubran toda a área obxectivo e as necesidades identificadas polo que este órgano xestor adquiriu o compromiso de ampliar o crédito da orde de convocatoria (artigo 15.3) no caso necesario.

A dotación asignada no código de proxecto 15.03.713B.770.0.2024 00105 é insuficiente para atender a todas as solicitudes que cumpren cos criterios da orde de axudas, polo que cómpre, mediante esta orde, ampliar a dotación orzamentaria das anualidades 2025, 2026, 2027, 2028 e 2029 para a concesión das mencionadas axudas.

O artigo 15 da citada orde de convocatoria indica que existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e indica que o órgano concedente procederá a publicar esta ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. Neste caso procede o incremento do orzamento da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Por todo o anterior, procede ampliar a dotación orzamentaria asignada con cargo ás dispoñibilidades orzamentarias existentes na aplicación 15.03.713B.770.0 por importe de 625.000 euros, distribuídos nas anualidades 2025 a 2029, con 125.000 euros anuais.

Ademais, considérase necesario harmonizar o texto da orde de convocatoria e incluír no artigo 2 a orde de convocatoria de primas de mantemento das forestacións do ano 2023 (DOG núm. 227, do 29 de novembro de 2022).

A modificación da orde de convocatoria proposta non implica unha modificación de prazos e non afecta o prazo de presentación de solicitudes.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e na demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da Orde do 20 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2025 os compromisos de mantemento de forestacións, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027 (código de procedemento MR670C)

A Orde do 20 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2025 os compromisos de mantemento de forestacións, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027 (código de procedemento MR670C), queda redactada como segue:

Un. Modifícase o número 1 do artigo 2 da referida orde, que queda redactado como segue:

«1. Poderán ser persoas beneficiarias todos os titulares dos expedientes pagados antes do 31 de decembro de 2024 ao abeiro das seguintes ordes: Orde do 25 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais e se convocan para o ano 2020 (DOG núm. 232, do 5 de decembro de 2019); do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais e se convocan para o ano 2021 (DOG núm. 18, do 28 de xaneiro); do 27 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais e se convoca para o ano 2022 (DOG núm. 21, do 1 de febreiro) e do 23 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais e se convoca para o ano 2023 (DOG núm. 232, do 7 de decembro de 2022) cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (en diante, Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (procedemento MR670B); e que non fosen beneficiarios das primas de mantementos convocadas nos anos 2019 (DOG núm. 23, do 1 de febreiro), 2020 (DOG núm. 229, do 2 de decembro de 2019), 2021 (DOG núm. 14, do 22 de xaneiro), 2022 (DOG núm. 242, do 20 de decembro de 2021) e 2023 (DOG núm. 227, do 29 de novembro de 2022) (código de procedemento MR670C) e que acepten os compromisos de mantemento de forestacións establecidos no artigo 3».

Dous. Modifícase o número 1 do artigo 15 da referida orde, que queda redactado como segue:

«1. As accións previstas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 15.03.713B.770.0 2024 00105 e coa seguinte distribución anual:

Ano

2025

2026

2027

2028

2029

Total

Importe (€)

1.085.000

1.085.000

1.085.000

1.085.000

1.085.000

5.425.000»

Artigo 2. Ausencia de efectos sobre o prazo de solicitudes

A modificación prevista no artigo 1 desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2025

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural