DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Luns, 31 de marzo de 2025 Páx. 19689

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 18 de marzo de 2025 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, para o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e de proxectos de información, prevención e sensibilización en materia de trata con fins de explotación sexual e explotación sexual, así como de apoio ás súas vítimas, preferentemente entre mulleres inmigrantes, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (códigos de procedemento SI431A e SI431E).

BDNS (Identif.): 823186.

De conformidade co previsto no artigo no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/823186

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento das actuacións previstas nesta convocatoria as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Carecer de ánimo de lucro.

c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

d) Non encontrarse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

e) Cumprir os requisitos e condicións establecidos nesta orde e na normativa xeral de subvencións.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar para o ano 2025 as subvencións ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, e de proxectos de información, prevención e sensibilización en materia de trata con fins de explotación sexual e explotación sexual, así como de apoio ás súas vítimas, preferentemente entre mulleres inmigrantes, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

Coa dita finalidade establécense dúas liñas de subvencións:

a) Liña 1: proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia (SI431A).

b) Liña 2: proxectos de información, prevención e sensibilización en materia de trata con fins de explotación sexual e explotación sexual, así como de apoio ás súas vítimas, preferentemente entre mulleres inmigrantes, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia (SI431E).

O procedemento para a concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 18 de marzo de 2025 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, para o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e de proxectos de información, prevención e sensibilización en materia de trata con fins de explotación sexual e explotación sexual, así como de apoio ás súas vítimas, preferentemente entre mulleres inmigrantes, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (códigos de procedemento SI431A e SI431E).

Cuarto. Importe

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de seiscentos trinta mil euros (630.000,00 €), distribuídos nas dúas liñas de subvencións, que se imputarán ás aplicacións orzamentarias seguintes:

Liña de subvención

Aplicación

Código do proxecto

Importe (€)

Liña 1 -SI431A

08.06.313D.481.1

2023 0098

450.000,00

Liña 2-SI431E

08.06.313D.481.1

2012 0931

180.000,00

Total

630.000,00

2. As axudas da liña 1 están cofinanciadas pola Unión Europea nunha porcentaxe do 60 % no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, obxectivo político 4: «Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo dos dereitos sociais»; prioridade 2: «Inclusión social e loita contra a pobreza»; obxectivo específico ES04.8: «Fomentar a inclusión activa co obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación activa, e mellorar a empregabilidade, en particular para os grupos desfavorecidos»; medida 2.H.02: «Axudas para atención integral da explotación sexual e trata».

A contía máxima da axuda que se pode conceder a cada entidade ao abeiro desta liña de subvencións é de 70.000,00 euros.

3. As axudas da liña 2 están financiadas con fondos finalistas do Estado procedentes do Ministerio de Igualdade no marco da Conferencia Sectorial de Igualdade correspondentes á Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.

A contía máxima da axuda que se pode conceder a cada entidade ao abeiro desta liña de axudas é de 18.000,00 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2025

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade