O Pleno da Corporación Provincial da Deputación de Pontevedra na súa sesión ordinaria do día 31 de xaneiro de 2025 adoptou o acordo de aprobación provisional dos estudos de ordenación e delimitación de treitos urbanos de solo de núcleo rural nas marxes das estradas provinciais. Estes estudos buscan acadar unha mellora e simplificación administrativa, co obxectivo final da mellora das relacións entre a cidadanía e as administracións públicas, mediante a aplicación do réxime especial de protección do dominio público viario que se prevé para eles nos artigos 23.3 e 38.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia. Este réxime especial consiste fundamentalmente en que a ordenación detallada nas marxes da estrada, para construcións, instalacións ou edificacións nos treitos urbanos, se regulará só mediante o correspondente instrumento de planeamento urbanístico, agás aqueles actos que afecten o dominio público viario como as parcelacións, a creación ou a modificación de accesos e as ocupacións temporais ou permanentes deste dominio, que seguirán requirindo autorización sectorial desta deputación.
Logo do estudo pormenorizado do planeamento urbanístico vixente na provincia, cumpren as condicións necesarias para o recoñecemento destes treitos urbanos de solo de núcleo rural, para os efectos da normativa de estradas de Galicia e en relación coas estradas provinciais, os existentes nos termos municipais de Vilaboa, Moaña, Marín, Fornelos de Montes, Ponteareas, Silleda, A Estrada, Cerdedo no T.M. de Cerdedo-Cotobade, Valga e Vilanova de Arousa.
Polo tanto, e de conformidade co disposto no artigo 63 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia, os anteditos estudos dos concellos mencionados sométense a información pública polo prazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, período en que a documentación pode ser examinada polas persoas que o desexen co obxecto de formularen as alegacións que consideren oportunas, que deberán versar sobre a xustificación do establecemento da liña límite de edificación na forma proposta no expediente.
Durante este prazo, o expediente estará dispoñible para a súa consulta nos seguintes lugares:
• Nas oficinas do Servizo de Infraestruturas e Vías Provinciais, situadas na planta baixa do Edificio Administrativo da Deputación Provincial de Pontevedra (avenida de Montero Ríos, s/n), de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas.
• Na páxina web da Deputación Provincial de Pontevedra: https://www.depo.gal
• Na casa do concello de Vilaboa, Moaña, Marín, Fornelos de Montes, Ponteareas, Silleda, A Estrada, Cerdedo-Cotobade, Valga e Vilanova de Arousa.
O que se fai público para xeral coñecemento e demáis efectos.
Pontevedra, 11 de marzo de 2025
O presidente da Deputación Provincial de Pontevedra
P.D. (R.P. nº 2025000361, do 20.1.2025)
Belén Cachafeiro Anta
Deputada delegada de Infraestruturas Públicas e Mobilidade
