DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 2 de abril de 2025 Páx. 20217

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

EXTRACTO da Resolución do 24 de marzo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio á cooperación en actividades de información e promoción dos produtos agrícolas e alimenticios galegos acollidos a réximes de calidade realizadas por grupos de produtores, no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027, e se convocan para o exercicio orzamentario 2025 (código de procedemento MR302A).

BDNS (Identif.): 823827.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/823827

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as agrupacións que reúnan produtores (entendidos como tales os titulares de explotacións agrarias ou de instalacións de transformación) que cooperen entre si para a información e promoción dos produtos agrícolas e alimenticios amparados por un réxime de calidade.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e efectuar a convocatoria para o ano 2025 das axudas que, en réxime de concorrencia competitiva, vai conceder a Axencia Galega da Calidade Alimentaria para actuacións de información e promoción dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 24 de marzo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio á cooperación en actividades de información e promoción dos produtos agrícolas e alimenticios galegos acollidos a réximes de calidade realizadas por grupos de produtores, no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027, e se convocan para o exercicio orzamentario 2025 (código de procedemento MR302A).

Cuarto. Importe

Trátase de subvencións a fondo perdido do 70 % do gasto realizado. O orzamento total da convocatoria é de dous millóns de euros (2.000.000 €) para a anualidade 2025 e dun millón de euros (1.000.000 €) para a anualidade 2026.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2025

Martín Alemparte Vidal
Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria