DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 2 de abril de 2025 Páx. 20181

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

RESOLUCIÓN do 24 de marzo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio á cooperación en actividades de información e promoción dos produtos agrícolas e alimenticios galegos acollidos a réximes de calidade realizadas por grupos de produtores, no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027, e se convocan para o exercicio orzamentario 2025 (código de procedemento MR302A).

Os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios da Unión Europea e nacionais confiren un valor engadido aos produtos amparados por eles e melloran as súas posibilidades de comercialización. Estes réximes de calidade, entre os que estarían as denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas, así como as producións ecolóxicas e artesanais, serven tamén para aumentar a rendibilidade das explotacións, co que se reforza o tecido produtivo no ámbito rural. Por outra parte, ademais de ser unha medida efectiva para asegurar a pervivencia das explotacións xa existentes e incentivar a implantación doutras novas, estes réximes ofrecen ás persoas consumidoras maiores garantías sobre a orixe, a calidade, as características dos produtos e o seu proceso de produción.

Por iso, as administracións deben articular as medidas necesarias para apoiar as actividades de información e promoción levadas a cabo por grupos de produtores con relación aos produtos regulados por algún réxime de calidade. Estas medidas contribúen a divulgar e dar a coñecer entre as persoas consumidoras as propiedades destes produtos e os beneficios para o seu benestar persoal, facendo máis atractiva a súa compra. Por outra banda, é necesario acompañar os produtos agroalimentarios de calidade diferenciada cunha comercialización adecuada para potenciar as súas oportunidades de mercado. A mellora da información sobre a existencia e as especificacións dos réximes de calidade aumentará a sensibilización da cidadanía sobre a dispoñibilidade de produtos de alta calidade.

O Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC), financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos (UE) 1305/2013 e (UE) 1307/2013, establece os obxectivos xerais e as distintas intervencións para a súa consecución, entre as que están as axudas á cooperación en accións de información e promoción de réximes de calidade.

De acordo co mencionado regulamento, no Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC) de España para a axuda da Unión, financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2022) 6017 final, do 31 de agosto de 2022, e as súas modificacións, que deron lugar á versión vixente do PEPAC aprobada pola Decisión de execución da Comisión C (2024) 6133 final, do 30 de agosto de 2024, inclúese a intervención 7132, Cooperación para a promoción dos produtos agrícolas e alimenticios en réximes de calidade. No marco desta intervención inclúese a subintervención 7132.03, Promoción réximes de calidade (promoción tipo 3), e nesta resolución establécense as bases para a súa aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia. Estas axudas ampáranse tamén no establecido no artigo 58 do Regulamento (UE) 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, e foron comunicadas polo Estado á Comisión Europea co número de axuda SA.108973.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e efectuar a convocatoria para o ano 2025 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas a apoiar a cooperación en actividades de información e promoción dos produtos agrícolas e alimenticios galegos amparados por un réxime de calidade, realizadas por agrupacións de produtores, correspondentes á intervención 7132, Cooperación para a promoción dos produtos agrícolas e alimenticios en réximes de calidade, subintervención 7132.03, Promoción réximes de calidade (promoción tipo 3), do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (en diante, PEPAC), de conformidade coas disposicións aplicables á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (en diante, Feader) (procedemento MR302A).

CAPÍTULO I

Bases reguladoras das axudas para o apoio á cooperación para a promoción
dos produtos agrícolas e alimenticios en réximes de calidade

Artigo 2. Fins

A concesión das subvencións reguladas nesta resolución pretende contribuír á consecución dos seguintes obxectivos:

a) Mellorar a información ás persoas consumidoras sobre a existencia e as especificacións dos produtos agroalimentarios amparados por réximes de calidade.

b) Favorecer a penetración nos mercados dos alimentos con calidade diferenciada e inducir ao seu consumo.

c) Mellorar a posición dos agricultores na cadea de valor.

Artigo 3. Definicións

Para os efectos desta resolución entenderase por:

a) Agrupación de produtores. Agrupacións ou organizacións de produtores agroalimentarios, asociacións sen ánimo de lucro ou entidades instrumentais que estean constituídas como órganos de xestión de figuras de calidade de produtos agroalimentarios, que cooperan entre si para a información e promoción dos produtos agrícolas e alimenticios nos réximes de calidade definidos na alínea b). En particular, teñen esa consideración os consellos reguladores que xestionen produtos do sector agroalimentario acollidos a un réxime de calidade e as entidades asociativas sen ánimo de lucro en que participan produtores -entendidos como tales os titulares de explotacións agrarias ou de instalacións de transformación- implicados nalgún réxime de calidade dos alimentos. No caso das ditas entidades asociativas, os seus asociados terán que ser maioritariamente produtores vinculados ao programa de calidade de que se trate, e o obxecto social da entidade terá que incluír a realización de actividades relacionadas directamente coa información aos consumidores ou a promoción do produto de calidade a que se refira o programa.

b) Réxime de calidade. Teñen esa consideración:

1º. As denominacións de orixe protexidas, as indicacións xeográficas protexidas e as especialidades tradicionais garantidas do ámbito agroalimentario recoñecidas conforme o Regulamento (UE) 2024/1143 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de abril de 2024, relativo ás indicacións xeográficas para viños, bebidas espirituosas e produtos agrícolas, así como especialidades tradicionais garantidas e termos de calidade facultativos para produtos agrícolas, polo que se modifican os regulamentos (UE) núm. 1308/2013, (UE) 2019/787 e (UE) 2019/1753, e se derroga o Regulamento (UE) núm. 1151/2012.

2º. A produción agraria ecolóxica, regulada polo Regulamento (UE) 2018/848 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018, sobre produción ecolóxica e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos e polo que se derroga o Regulamento (CE) 834/2007 do Consello.

3º. A produción artesanal de alimentos regulada a través do Decreto 174/2019, do 19 de decembro, polo que se regula a artesanía alimentaria.

c) Proxecto de información e promoción. Conxunto de accións cuxo alcance sexa axeitado para contribuír a aumentar a información sobre os produtos en cuestión, suficientemente elaborado para avaliar a súa coherencia, conformidade e rendibilidade. O proxecto conterá, cando menos, a situación inicial de partida e os integrantes do proxecto, as fases e obxectivos para o desenvolvemento de accións e actividades de información e promoción que se van realizar, así como o detalle das actuacións, incluíndo os investimentos e gastos asociados e a acreditación da viabilidade técnica, económica e financeira. Unha mesma agrupación non poderá presentar máis dun proxecto en cada convocatoria anual. Ademais, para garantir un impacto mínimo, os proxectos atendibles terán en conta un investimento non inferior a 60.000 euros.

d) Acción. Conxunto de operacións relacionadas que son necesarias para unha actuación promocional concreta. Tería esa consideración, sen ánimo exhaustivo, a organización ou participación nunha feira; unha campaña de publicidade nos puntos de venda ou a través doutras canles (medios de comunicación, soportes publicitarios, utilización de tecnoloxías da información e a comunicación etc.), un estudo de mercado, técnico ou de avaliación do impacto das actividades sobre o público ou sobre a comercialización de cada produto; unha actuación para a formación e a promoción mediante a realización de cursos, seminarios, campañas, xornadas informativas, concursos, catas, degustacións e outros eventos, relativos ao produto e ao réxime de calidade que os ampara; ou unha misión comercial directa ou inversa.

e) Actividades. Son as actuacións realizadas no marco dunha acción.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as agrupacións definidas na alínea a) do artigo 3 que reúnan produtores (entendidos como tales os titulares de explotacións agrarias ou de instalacións de transformación) que cooperen entre si para a información e promoción dos produtos agrícolas e alimenticios amparados por un réxime de calidade dos definidos na alínea b) do devandito artigo.

Quedan excluídas destas axudas as entidades que teñan a consideración de empresas en crise, segundo os criterios establecidos no artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, así como as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

Artigo 5. Actividades subvencionables

1. Serán subvencionables as actividades das agrupacións de produtores enmarcadas en proxectos de cooperación dirixidos a inducir o consumidor a adquirir produtos incluídos no marco de réximes de calidade. En particular, e sen ánimo exhaustivo, serán subvencionables as actividades que se realicen no marco das seguintes accións:

a) Accións promocionais, tales como:

– Catas comentadas.

– Degustacións.

– Presentacións públicas, en particular, as accións para a mellora da imaxe e presentación do produto.

– Presentacións en puntos de venda, como a identificación do produto con rótulos informativos no lugar de venda e/ou produción.

– Xornadas técnicas, seminarios ou talleres que teñan por obxecto a información e a promoción.

b) Accións publicitarias.

– Publicidade en medios de comunicación, internet, revistas e guías especializadas.

– Accións de relacións públicas e misións comerciais.

– Creación, deseño e actualización de páxinas web publicitarias e/ou redes sociais.

– Banners.

– Anuncios publicitarios na rede.

c) Información e difusión dos requisitos técnicos do réxime de calidade e coñecementos científicos relacionados con el.

d) Organización de misións comerciais directas ou inversas.

e) Elaboracións de plans estratéxicos, estudos técnicos, estudos de mercado, estudos de concepción e creación de produtos dentro do marco definido no prego de condicións como produto amparado.

f) Elaboración de material divulgativo e de promoción.

g) Accións dirixidas á organización, o patrocinio e/ou á participación en foros, intercambio de coñecemento entre empresas, concursos, exhibicións, exposicións, feiras, visitas educativas e outros eventos.

2. As accións e actividades a que se refire o parágrafo 1 anterior salientarán as características ou as vantaxes específicas dos produtos en cuestión, especialmente a calidade, os métodos de produción específicos ou as estritas normas aplicadas para garantir o benestar dos animais e o respecto do ambiente vinculadas ao réxime de calidade de que se trate, e poderán incluír a divulgación de coñecementos científicos e técnicos sobre eses produtos.

3. No caso dos viños e bebidas espirituosas, nas actividades de información e promoción deberá facerse sempre clara referencia ás exixencias legais e regulamentarias aplicables ao consumo responsable destas bebidas alcohólicas e ao risco que supón o abuso do consumo de alcohol.

Artigo 6. Restricións, exclusións e outros requisitos aplicables ás actividades subvencionables

1. Quedan excluídas da axuda as seguintes actuacións:

a) A promoción de empresas ou marcas comerciais específicas.

b) As accións que se desenvolvan fóra do mercado interior da Unión Europea.

c) Aquelas actividades que induzan o consumidor a comprar un produto pola súa orixe particular, excepto no caso das denominacións de orixe e das indicacións xeográficas reguladas no Regulamento (UE) 2024/1143 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de abril de 2024. Non obstante, poderá indicarse a orixe dun produto, sempre que tal indicación quede subordinada á mensaxe principal.

2. Como requisito previo á realización das actividades que se pretende que sexan subvencionadas, o material piloto informativo, promocional e publicitario que se utilice deberá ser remitido á Axencia para verificar a súa adecuación á normativa comunitaria.

3. Non serán subvencionables as campañas publicitarias e outras accións de promoción que inclúan mensaxes sexistas e discriminatorias para as mulleres.

4. Non poderán ser obxecto de subvención actividades xa realizadas antes da data de presentación da solicitude de subvención. Con todo, de forma excepcional e sempre que sexa debidamente acreditado, poderán admitirse traballos preparatorios de accións do proxecto, nos casos en que a data da convocatoria ou o prazo de presentación da solicitude dificulten a adaptación da actividade subvencionada aos citados períodos.

5. Cando a agrupación de produtores solicitante da axuda sexa un consello regulador, como entidade xestora do correspondente réxime de calidade exixirase que todas as accións de promoción que se presenten se enmarquen dentro dun plan de promoción anual ou plurianual en que se detallen os obxectivos que se van perseguir no período a que se refira e a estratexia e as accións deseñadas para acadalos. Os gastos relacionados cos estudos de mercado precisos para a elaboración do dito plan de promoción serán tamén elixibles.

6. No caso de que no proxecto de cooperación presentado por unha agrupación se prevexa algunha acción consistente na participación nalgunha feira, certame ou outro evento en que tamén participe a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, o proxecto debe considerar a cooperación coa Axencia para contribuír da mellor forma ao obxectivo da promoción coherente dos diferentes réximes de calidade de Galicia.

Artigo 7. Gastos subvencionables

1. De acordo co artigo 77 do Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC), financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derrogan os regulamentos (UE) 1305/2013 e (UE) 1307/2013, poderanse conceder as axudas como un importe global que cubra tanto os custos da cooperación como os custos das operacións executadas.

2. Terán o carácter de gastos subvencionables da actividade obxecto de subvención aqueles realizados no marco do proxecto de información e promoción presentado, que fosen efectivamente pagados pola entidade beneficiaria con anterioridade á finalización do período de xustificación, excluídos os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, e os impostos persoais sobre a renda, e que obedezan ao seguinte, de acordo co establecido no PEPAC para esta intervención:

a) Gastos derivados das actividades subvencionables a que se refire o artigo 5.

b) Desprazamentos, gastos de manutención e aloxamento do persoal vinculado ao proxecto.

c) Custos de persoal adscrito ao proxecto, ata o 20 % do total aprobado para o proxecto. No proxecto especificarase o tempo de dedicación do persoal propio a cada unha das accións previstas e o custo asociado. No contrato laboral deste persoal deberá figurar a súa dedicación, total ou parcial, a actividades de promoción. Só no caso do persoal dedicado exclusivamente ás actividades recollidas no proxecto e para o que contractualmente se recolla a dedicación exclusiva a actividades de promoción, non será necesaria a imputación de tempos e custos a cada acción.

d) Gastos derivados da coordinación e cooperación.

3. Nas actividades realizadas, os produtos alimenticios elaborados polos integrantes da agrupación empregados no proxecto de cooperación poderán ser considerados como parte da achega ao gasto correspondente á agrupación solicitante. Neste caso, os produtos valoraranse segundo os prezos en orixe, sen prexuízo da aplicación dos límites máximos a que se refire o artigo seguinte.

Artigo 8. Moderación de custos nas actividades subvencionables

1. Para os efectos da moderación dos custos, no anexo III recóllense importes máximos de gasto subvencionable para determinadas actuacións relacionadas coas actividades que poden beneficiarse das axudas reguladas nesta resolución.

2. Os gastos derivados da cooperación e coordinación do proxecto de promoción a que se refire a alínea d) do número 2 do artigo 7 non poderán ser superiores ao 10 % do orzamento do proxecto.

3. No caso de asistencia a feiras e certames comerciais, no proxecto de cooperación poderanse incluír os gastos correspondentes á contratación dun máximo de dúas persoas para a atención do posto ou, de ser o caso, os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención dun máximo de dúas persoas por entidade solicitante. No caso de accións desenvolvidas no estranxeiro, poderá admitirse adicionalmente o gasto relativo a unha persoa de atención ao público que poida actuar de intérprete.

4. Nas accións consistentes na asistencia a feiras e certames comerciais, o gasto elixible máximo será de 30.000 euros cando se trate dun evento realizado no territorio da comunidade autónoma, de 40.000 euros se se realizase no resto do territorio peninsular e de 60.000 euros no caso de ser fóra do territorio peninsular.

No caso de asistencia a feiras de dous ou máis consellos reguladores de forma conxunta baixo un pavillón común da Comunidade Autónoma de Galicia, non se terán en conta os límites establecidos no parágrafo anterior. Nese caso, o gasto para o deseño e construción do posto poderá superar os custos de referencia indicados, pero non será superior a 250 euros por metro cadrado ocupado no caso de feiras celebradas en España e de 550 euros por metro cadrado en feiras celebradas fóra de España.

5. No caso de accións consistentes na organización de feiras ou certames comerciais, o gasto elixible non superará os 60.000 euros por cada evento.

6. Nas accións consistentes en estudos técnicos, estudos de mercado, estudos de concepción e creación de produtos, o gasto elixible non superará os 20.000 euros por estudo. Non obstante, cando se trate dun estudo de mercado para a realización dunha estratexia de promoción global do réxime de calidade de que se trate, o gasto subvencionable poderá chegar ata 90.000 euros. Neste caso, só se poderá aprobar un estudo de mercado en todo o período de aplicación desta subintervención do PEPAC.

Artigo 9. Contía das axudas

1. As axudas serán do 70 % do gasto subvencionable.

2. Sen prexuízo do cumprimento da intensidade máxima da axuda que se recolle no número 1 anterior, a axuda máxima por beneficiario en cada convocatoria anual será de 200.000 euros. Este límite poderá ampliarse ata 250.000 euros se, unha vez valorados todos os expedientes e asignada a subvención correspondente, houber un remanente de crédito dispoñible. Se aínda despois desta asignación houber remanente, este límite poderá ampliarse noutros 50.000 euros adicionais, e así sucesivamente, ata chegar a un máximo de 400.000 euros. A asignación desta ou destas cantidades adicionais, respectando sempre a intensidade máxima de axuda que se recolle no número 1 deste artigo, farase de acordo coa puntuación que obteñan os expedientes logo de aplicar os criterios de valoración que se indican no artigo 10.

Artigo 10. Criterios de valoración

1. Para a selección dos proxectos de cooperación que se van aprobar utilizaranse os seguintes criterios de valoración:

a) Peso relativo da agrupación solicitante no sector do produto de calidade de que se trate (ata un máximo de 20 puntos).

A puntuación obtida segundo este criterio será a resultante de aplicar sobre a puntuación máxima a porcentaxe que represente a produción da agrupación sobre o total da produción do réxime de calidade de que se trate no último exercicio pechado.

b) Grao de coñecemento do réxime de calidade (ata un máximo de 10 puntos).

Con este criterio valórase a menor antigüidade do réxime de calidade, de xeito que reciben máis puntos as accións desenvolvidas en relación con réximes de calidade que comezaron a súa actividade máis recentemente. Os puntos concederanse de acordo coa seguinte escala:

Antigüidade (anos)

Puntuación

0 - 15

10

16 - 25

5

≥ 26

0

Para o cálculo da antigüidade do programa terase en conta a data de constitución do correspondente consello regulador nos programas de calidade para os cales exista. Para os programas para os cales non exista un consello regulador, tomarase como referencia a data de inscrición do programa nos diferentes rexistros europeos de denominacións de orixe protexidas, indicacións xeográficas protexidas e especialidades tradicionais garantidas, e no caso da artesanía alimentaria, o da aprobación das normas técnicas correspondentes.

Cando a acción involucre varios réximes de calidade, a puntuación obterase con base na media ponderada da puntuación que corresponda a cada un deles.

c) Cooperación múltiple (máximo 10 puntos).

Outorgaranse tantos puntos como agrupacións e réximes de calidade diferentes colaboren na acción, cun máximo de 10 puntos, de acordo coa seguinte táboa:

Número de agrupacións e réximes de calidade

Puntuación

2 a 5

5

6 ou máis

10

d) Produción ecolóxica (máximo 5 puntos).

Concederanse 5 puntos ás accións dirixidas a promover o réxime de calidade da produción ecolóxica ou aquelas en que este réxime de calidade teña unha presenza preponderante.

e) Desenvolvemento de zonas desfavorecidas e de montaña (máximo 5 puntos).

Calcularase a relación porcentual que, do número total dos concellos que abrangue o réxime e a agrupación, representan os que están clasificados como zona desfavorecida ou de montaña. Para a asignación da puntuación utilizarase a seguinte táboa:

Porcentaxe

Puntuación

≥ 80 %

5

< 80 % e ≥ 60 %

4

< 60 % e ≥ 40 %

3

< 40 % e ≥ 20 %

2

< 20 %

1

Cando a acción involucre varios réximes de calidade e as correspondentes agrupacións de produtores, a puntuación obterase con base na media ponderada da puntuación que corresponda a cada un deles.

f) Relación custo das accións/valor da produción da agrupación (máximo 5 puntos).

Para o cálculo da puntuación de acordo con este criterio, obterase a suma do gasto subvencionable do conxunto das accións programadas por cada agrupación para a convocatoria anual e calcularase a porcentaxe que representa esta cifra en relación co valor da produción acollida ao réxime de calidade no último exercicio pechado. Unha vez obtido o valor porcentual, aplicarase a seguinte escala:

Porcentaxe

Puntuación

≤ 2,50 %

5

2,51 a 5,00 %

4

5,01 a 7,50 %

3

7,51 a 10,00 %

2

10,01 a 12,50 %

1

> 12,50

0

g) Ámbito territorial das actuacións (máximo 5 puntos).

Segundo este criterio, valorarase o ámbito territorial en que se vai producir a acción que se subvenciona e outorgarase a maior puntuación ás accións realizadas fóra do ámbito territorial do Estado (exterior) e a menor puntuación ás accións realizadas en Galicia. No caso de expedientes que teñan en conta actuacións en diferentes ámbitos territoriais, terase en conta a porcentaxe do orzamento que se pretenda empregar en cada ámbito territorial. A puntuación outorgarase conforme a seguinte escala:

Ámbito territorial das actuacións

Puntuación

Galicia >50 % gasto

1

Galicia <50 % gasto, España > 25 % gasto e exterior < 25 % gasto

3

Galicia < 50 % gasto e exterior > 25 % gasto

5

Para os efectos dos cálculos necesarios para a puntuación deste requisito, os gastos relativos a misións comerciais inversas ou visitas a Galicia de axentes de promoción foráneos computarán como accións realizadas en Galicia. Os gastos do persoal que realice accións de promoción tamén terán esa consideración se o dito persoal ten a súa residencia en Galicia. Así mesmo, os gastos relacionados con páxinas web e redes sociais tamén terán esa consideración.

2. Para cada expediente farase a avaliación de cada unha das accións deseñadas. A avaliación global do proxecto para cada un dos criterios recollidos no número 1 anterior obterase mediante o cálculo da media ponderada en función do peso económico de cada acción dentro do conxunto do proxecto.

3. Aínda que a puntuación máxima teórica é de 60 puntos, a puntuación máxima que pode acadar un proxecto é de 55 puntos, xa que non son compatibles os 5 puntos no criterio Produción ecolóxica e os 10 do criterio Grao de coñecemento en función da antigüidade. Só serán atendibles os proxectos de cooperación que acaden a puntuación mínima de 20 puntos.

4. Se, aplicados os criterios do número 1, existe empate, resolverase dando prioridade ás solicitudes que obteñan maior puntuación no criterio de valoración a). Se o empate persiste, teranse en conta as puntuacións dos criterios b), c), d), e), f) e g), sucesivamente.

Artigo 11. Solicitudes e prazo de presentación

1. Todas as accións de información e promoción que presente unha mesma agrupación se incluirán nun único proxecto.

2. As solicitudes presentaranse no formulario dirixido á Axencia, de acordo co modelo que figura no anexo I que se xunta a esta resolución, acompañado da documentación complementaria que se indica no artigo 12.

No caso de solicitudes presentadas por agrupacións distintas dos consellos reguladores, quen asine a petición deberá acreditar a súa condición de representante de xeito fidedigno utilizando calquera medio válido en dereito.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo de presentación das solicitudes será o que se estableza na convocatoria anual correspondente.

Artigo 12. Documentación complementaria

1. As agrupacións interesadas deberán achegar, coa solicitude, un proxecto de cooperación para a promoción de produtos agrícolas e alimenticios, que deberá incluír, cando menos, a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa do proxecto de cooperación en que se recollan, cando menos, os seguintes aspectos:

1º. Produtoras e produtores que participan no proxecto.

2º. Situación inicial de partida.

3º. Obxectivos que se pretenden acadar.

4º. Descrición detallada das accións que se van desenvolver: descrición de cada unha das actividades previstas que vai realizar a agrupación. Detallaranse e describiranse ao máximo todas e cada unha das actividades.

5º. Acreditación da viabilidade técnica, económica e financeira do proxecto.

6º. Relación de efectivos humanos e medios materiais de que se dispón.

7º. Plan cronolóxico dos traballos.

b) Orzamento pormenorizado dos gastos previstos, no cal que se detallará especificamente o ámbito territorial (Galicia, España, exterior) a que corresponde o gasto de cada partida en cada acción, de non corresponderen todas a un mesmo ámbito xeográfico.

No caso de que no orzamento se imputen gastos de persoal propio, deberá cuantificarse e xustificarse o importe previsto destes gastos para cada acción segundo o que se indica na alínea c) do artigo 7.2 e sen prexuízo da excepción que se recolle nel.

Débese respectar a moderación de custos tal como establece o artigo 82 do Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común. Para iso, para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda –con excepción dos relativos a aloxamento, manutención, desprazamento con vehículo propio e adquisición de produtos alimentarios que figuran cun custo de referencia máximo no anexo III– deberanse solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores antes da contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que, polas especiais características dos gastos subvencionables, non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir os seguintes requisitos:

1º. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou a subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta.

2º. Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

3º. Deberán incluír, como mínimo, o NIF, o nome e o enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados.

Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan estes requisitos, o que poderá dar lugar á exclusión como subvencionable do gasto xustificado con esa oferta.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme os criterios de eficiencia e economía, e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que, polas súas especiais características, non conten no mercado número suficiente de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado, no cal se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

Non se considerarán subvencionables os gastos para os cales non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados nesta epígrafe.

c) No caso das solicitudes de agrupacións de produtores que non sexan consellos reguladores, xustificación relativa ao volume de produción certificado dentro do réxime de calidade no ano anterior ao da solicitude correspondente ás persoas que participan na agrupación.

d) No caso de agrupacións de produtores para as cales o imposto sobre o valor engadido non é susceptible de recuperación ou compensación, presentarase unha declaración responsable ou outra documentación acreditativa desta circunstancia.

e) Ademais, no caso de agrupacións de produtores distintas dos consellos reguladores, achegarase a seguinte documentación:

– Copia dos estatutos.

– Relación de persoas inscritas e certificado emitido pola persoa que desempeñe a secretaría da entidade, no cal se indique cales delas participan nun réxime de calidade dos alimentos a que se refire a alínea b) do artigo 3 desta resolución.

– Documentación acreditativa da condición de representante da persoa que asina a solicitude.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada que os achegue.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado acreditativo de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren coa súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar logo da presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Obrigas tributarias, coa Seguridade Social, coa Facenda autonómica e outros requisitos para ter a condición de beneficiario

Non poderán ter a consideración de beneficiarios aqueles solicitantes que non cumpran os requisitos que se establecen para eles no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En particular, non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda).

Artigo 17. Instrución e resolución

1. Correspóndelle á Área de Calidade Alimentaria a instrución do procedemento, para o que poderá solicitar do peticionario calquera documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

2. O exame e a valoración das solicitudes levaraos a cabo unha comisión de valoración constituída do seguinte xeito:

Presidencia: a persoa que ocupe a xefatura da Área de Calidade Alimentaria.

Vogais: dúas persoas do persoal funcionario do Departamento de Promoción da Calidade Alimentaria.

Secretaría: unha persoa do cadro de funcionarios do dito departamento, que actuará con voz e voto.

3. A Comisión de Valoración, aplicando os criterios establecidos no artigo 10 desta resolución, examinará as solicitudes presentadas e emitirá un informe en que se concretará o resultado da avaliación efectuada e, como consecuencia, a proposta de resolución, que será realizada pola persoa responsable da Área de Calidade Alimentaria. De acordo co dito informe, a persoa titular da Dirección da Axencia resolverá a concesión das axudas.

4. A persoa titular da Dirección da Axencia resolverá as solicitudes no prazo máximo de cinco meses contados desde o día seguinte ao de finalización do prazo de presentación. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, poderase entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

5. A resolución de concesión indicará os gastos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que se consideren necesarias para garantir o cumprimento dos obxectivos da axuda. Especificamente, indicará o prazo máximo para a realización e xustificación dos gastos realizados, que será polo menos posterior en dez días á finalización da realización da actividade subvencionada, segundo o calendario presentado. Os gastos subvencionables realizados ata o 30 de setembro financiaranse con cargo á anualidade corrente e a data límite para a súa xustificación non superará o 10 de outubro. Pola súa parte, os gastos subvencionables realizados a partir do 1 de outubro do ano corrente e os realizados na anualidade seguinte financiaranse con cargo a esa anualidade, e o prazo de xustificación non superará a data límite do 1 de marzo.

6. De conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións de concesión publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 18. Tramitación do pagamento das axudas

1. Executados os investimentos, a agrupación presentará a seguinte documentación:

a) Xustificantes dos gastos efectuados: facturas, acompañadas dunha relación numerada delas, así como a documentación que acredite o seu pagamento. Especificarase a que acción e actividade corresponde cada un dos xustificantes achegados.

b) Declaración da agrupación beneficiaria sobre outras axudas solicitadas ou concedidas para os mesmos gastos, conforme o modelo do anexo II desta resolución.

c) Ademais, e xunto coa documentación relacionada nas anteriores epígrafes, as agrupacións solicitantes deberán presentar con carácter xeral:

1º. No caso de campañas de publicidade: un exemplar de cada un dos elementos integrantes da campaña (carteis, folletos, anuncios etc.), así como unha memoria explicativa do seu desenvolvemento, na cal se indiquen cales foron os medios finalmente empregados. Deberá achegarse un exemplar orixinal do medio de comunicación escrito ou un documento de audio ou vídeo, cando corresponda. No caso de insercións repetitivas bastará con achegar un só documento orixinal e unha relación dos días de emisión ou publicación da campaña.

2º. No caso de participación en feiras ou exposicións ou da súa organización: unha memoria explicativa en que se indiquen os medios materiais e humanos empregados, a especificación dos gastos realizados e a súa vinculación co evento, así como unha valoración do seu desenvolvemento.

3º. No caso de xornadas técnicas, seminarios e congresos: unha memoria en que se inclúa un resumo dos temas expostos e das conclusións obtidas.

4º. No caso da realización doutro tipo de eventos, unha memoria explicativa da súa execución, en que se incluirá algunha evidencia desa execución.

As memorias a que se refiren os ordinais 1º, 2º, 3º e 4º anteriores deberán incluír unha reportaxe gráfica ou proba similar, para un mellor coñecemento da acción desenvolvida.

5º. No caso de plans estratéxicos, estudos técnicos, estudos de mercado ou de concepción e creación de produtos: unha copia destes.

2. A xustificación económica dos gastos e pagamentos por entrega de bens e prestacións de servizos axustarase ao establecido no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. De acordo co previsto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios poderán subcontratar totalmente a realización das actividades subvencionadas. Segundo o indicado no número 3 do dito artigo, cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 % do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida á subscrición por escrito dun contrato, que deberá ser autorizado previamente polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. Para eses efectos, o interesado fará chegar á dita Axencia, a través sede electrónica do procedemento, unha solicitude de autorización xunto co borrador do contrato.

No caso de subcontratación, cumpriranse ademais os restantes requisitos establecidos no citado artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño e, en particular, os relativos ás prohibicións establecidas no número 7.

4. De acordo co establecido no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderanse efectuar pagamentos á conta a medida que o beneficiario xustifique a realización das accións subvencionadas. Estes pagamentos non superarán o 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, e o importe restante librarase no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e das demais condicións para as cales lle foi concedida. Ademais, de acordo co recollido no número 4 do artigo 67 do citado decreto, exonéranse os beneficiarios da constitución de garantía, logo da autorización do Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 19. Seguimento e control

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión, o beneficiario poderá solicitar a modificación do seu contido sempre e cando non se alteren substancialmente a natureza e os obxectivos da axuda aprobada e non se produzan danos en dereitos de terceiros. Esta modificación será resolta pola persoa titular da Dirección da Axencia, sempre respectando o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A dita solicitude de modificación deberá ser presentada, como mínimo, sete días antes da realización da actividade.

3. No caso de que na xustificación dos gastos realizados o importe xustificado sexa inferior ao aprobado, a subvención verase reducida na contía proporcional correspondente, sempre que non se alteren os obxectivos iniciais.

4. A Axencia realizará os controis sobre o terreo e as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o seguimento e control das axudas concedidas. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos correspondentes da Axencia, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro das entidades competentes e, en particular, da Consellería do Medio Rural, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), do Consello de Contas, do Tribunal de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

5. Os beneficiarios das axudas proporcionarán á autoridade de xestión, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade delegue a realización deste tipo de tarefas, toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e a avaliación dos compromisos, en particular en relación co cumprimento dos obxectivos e prioridades, de conformidade co disposto no artigo 131 do Regulamento (UE) 2021/2115, do 2 de decembro de 2021.

6. Seralles de aplicación ás axudas previstas nesta resolución o referido a controis administrativos, sobre o terreo e a posteriori, segundo o recollido no Regulamento de execución (UE) 2022/128 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello sobre os organismos pagadores e outros órganos, a xestión financeira, a liquidación de contas, os controis, as garantías e a transparencia, e o Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común.

7. Conforme o disposto no artigo 123.2.b).i) do Regulamento (UE) nº 2021/2115, do 2 de decembro de 2021, o beneficiario da axuda deberá levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas á operación subvencionada.

Artigo 20. Incumprimento, reintegro e réxime de infraccións e sancións

1. Se a persoa beneficiaria da axuda cumpre as condicións establecidas na resolución de concesión, de xeito que executa e xustifica todos os conceptos dos gastos aprobados nos prazos establecidos e cumpre co resto dos requisitos da resolución de concesión, aboarase a totalidade da subvención concedida. No caso contrario, considerarase un incumprimento e aplicaranse os seguintes criterios:

a) Cando a persoa beneficiaria non realice nin xustifique, dentro dos prazos establecidos, ningunha das actuacións obxecto da axuda, considerarase un incumprimento total e non se pagará ningunha axuda.

b) Cando a persoa beneficiaria realice parcialmente e xustifique nos prazos establecidos as actuacións obxecto da axuda, aboarase a subvención proporcional correspondente, sempre que estea relacionada con actuacións finalizadas e se cumpran o resto das condicións establecidas, de conformidade co artigo 9 da Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regula o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas, e a normativa de desenvolvemento correspondente, en concreto, o Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións tidas en conta no Plan estratéxico da política agrícola común, e se modifican varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027.

2. En calquera caso, procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ao abeiro desta resolución e dos xuros de demora correspondentes no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos establecidos na normativa de aplicación vixente. Para estes efectos, os xuros de demora calcularanse de acordo co establecido no artigo 10.2 da Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regula o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, en materia de infraccións e sancións será de aplicación o disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no título II da Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regulan o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas, así como o Real decreto 147/2023, do 28 de decembro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións tidas en conta no Plan estratéxico da política agrícola común, e se modifican varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027.

Artigo 21. Compatibilidade

1. O réxime de compatibilidade destas subvencións é o previsto na normativa que resulte de aplicación e, en particular, na regulamentación comunitaria correspondente ao Feader. Conforme iso:

a) As subvencións reguladas nesta orde son incompatibles con calquera outra subvención que, concedida para a mesma finalidade, estea financiada mediante fondos estruturais, fondo de cohesión ou calquera outro instrumento financeiro da Unión Europea, de acordo co establecido no artigo 36 do Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, sobre o financiamento, a xestión e o seguimento da política agrícola común e polo que se derroga o Regulamento (UE) 1306/2013.

b) As subvencións reguladas nesta orde son compatibles con outras que, para a mesma finalidade, poidan conceder outras administracións públicas ou entes públicos ou privados, con fondos non incluídos na alínea a) anterior.

c) Con todo, o importe total das subvencións concedidas non poderá superar en ningún caso, de xeito illado ou en concorrencia, o límite do 70 %.

2. A entidade beneficiaria ten a obriga de comunicar de inmediato ao órgano concedente calquera subvención, axuda ou ingreso que para a mesma finalidade e de calquera procedencia solicitase ou lle fose concedida ou pagada.

3. A obtención de subvencións vulnerando este réxime de compatibilidade dará lugar á modificación da resolución de outorgamento da subvención, logo da necesaria audiencia da persoa interesada. Ademais, pode ser causa de reintegro das cantidades indebidamente percibidas, xunto aos xuros correspondentes, así como dar lugar á apertura dun procedemento sancionador, de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Medidas informativas e publicitarias das axudas cofinanciadas polo Feader

1. As axudas que recolle esta resolución están cofinanciadas con fondos da Unión Europea, a través do Feader, cunha participación do 60 %, así como con fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Xunta de Galicia, cunha participación do 12 % e do 28 %, respectivamente. Nos instrumentos de información e difusión que utilice a Axencia farase constar que, á marxe doutras fontes de financiamento público, concorre o financiamento con fondos Feader.

2. Conforme o carácter público do financiamento da actividade subvencionada, o beneficiario estará obrigado a dar a axeitada publicidade desta circunstancia, para o que adoptará as medidas que, en cumprimento da normativa comunitaria e de acordo co que se indica no número 4, se especificarán na resolución de concesión.

3. Na resolución da concesión da axuda relacionaranse, de ser o caso, as obrigas de difusión e publicidade que asume o beneficiario ao ser receptor da subvención e, en particular:

a) A procedencia do financiamento dos fondos, indicando que as accións se subvencionan en virtude do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC) de España, encadrada na subintervención 7132.03, e contribúe ao cumprimento do obxectivo específico OE3, Mellorar a posición dos agricultores na cadea de valor.

b) A advertencia de que os seus datos persoais serán obxecto das publicacións legalmente establecidas.

c) Os medios publicitarios que, de ser o caso, cabe adoptar para facer visible ante o público a orixe do financiamento da axuda, de acordo co establecido no número 4 seguinte.

4. Os beneficiarios destas axudas deberán respectar as obrigas de información e publicidade relacionadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), que deberán levarse a cabo de acordo co disposto no Regulamento de execución (UE) 2022/129 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen normas para os tipos de intervención relativos ás sementes oleaxinosas, o algodón e os subprodutos da vinificación, en virtude do Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, así como para os requisitos en materia de información, publicidade e visibilidade relacionados coa axuda da Unión e os plans estratéxicos da PAC e na Instrución ARX PEPAC 01/2023 información, publicidade e visibilidade.

Artigo 23. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta resolución non porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso de alzada ante a Presidencia da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 25. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

CAPÍTULO II

Convocatoria de 2025

Artigo 26. Convocatoria

Convócanse, de acordo coas bases reguladoras establecidas no capítulo I desta resolución, as axudas para o apoio á cooperación en actividades de información e promoción dos produtos agrícolas e alimenticios galegos en réximes de calidade realizadas por grupos de produtores, correspondentes ao exercicio orzamentario 2025. Nesta convocatoria poderanse atender accións de información e promoción que se realicen durante o ano 2025, así como aquelas que se inicien no dito ano e que finalicen, como máis tarde, o 31 de xaneiro de 2026. As solicitudes, a documentación, as condicións e o procedemento de xestión das axudas serán os establecidos, con carácter xeral, nos artigos anteriores.

Artigo 27. Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, no caso de que no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 28. Financiamento das axudas

1. As axudas concedidas financiaranse con cargo á partida orzamentaria 15.A2.713D.781.0, código de proxecto 2025.00004, por un importe de dous millóns de euros (2.000.000 €) para a anualidade 2025 e dun millón de euros (1.000.000 €) para a anualidade 2026. Esta partida serve para financiar a subintervención 7132.03, Promoción tipo 3, que se enmarca na intervención 7132, Cooperación para a promoción dos produtos agrícolas e alimenticios en réximes de calidade, do Plan estratéxico da PAC 2023-2027. A intensidade máxima da axuda é do 70 % e está cofinanciada nun 60 % polo Feader.

2. Os importes establecidos nesta resolución poderanse incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional única. Réxime xurídico

En todas aquelas cuestións non previstas nesta resolución haberá que aterse ao disposto nas seguintes normas:

– Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC), financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos (UE) 1305/2013 e (UE) 1307/2013.

– Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, sobre o financiamento, a xestión e o seguimento da política agrícola común e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1306/2013.

– Regulamento (UE) 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

– Regulamento delegado (UE) 2022/127 da Comisión, do 7 de decembro de 2021, que completa o Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello con normas relativas aos organismos pagadores e outros órganos, a xestión financeira, a liquidación de contas, as garantías e o uso do euro.

– Regulamento de execución (UE) 2022/128 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello sobre os organismos pagadores e outros órganos, a xestión financeira, a liquidación de contas, os controis, as garantías e a transparencia.

– Regulamento de execución (UE) 2022/129 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen normas para os tipos de intervención relativos ás sementes oleaxinosas, o algodón e os subprodutos da vinificación en virtude do Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, así como para os requisitos en materia de información, publicidade e visibilidade relacionados coa axuda da Unión e os plans estratéxicos da PAC.

– Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC) de España para a axuda da Unión financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2022) 6017 final, do 31 de agosto de 2022, e as súas modificacións, que deron lugar á versión vixente do PEPAC, aprobada pola Decisión de execución da Comisión C (2024) 6133 final, do 30 de agosto de 2024.

– Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regula o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas.

– Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común.

– Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións tidas en conta no Plan estratéxico da política agrícola común, e se modifican varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027.

– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Instrucións para a aplicación desta resolución

A Dirección da Axencia Galega da Calidade Alimentaria poderá ditar as instrucións que sexan necesarias para a aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2025

Martín Alemparte Vidal
Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Custos de referencia

Tipo de gasto

Unidade

Importe unitario máximo (€)

Persoal de apoio en feira nacional

Persoa e día

170,00

Persoal de apoio en feira internacional

Persoa e día

200,00

Queixo DOP fresco ou pasta branda

kg

10,50

Queixo DOP curado

kg

12,50

Viño DOP/IXP sen elaboración especial

Botella 0,75 l

8,50

Viño DOP/IXP de elaboración especial (crianza, ecolóxico, escumoso)

Botella 0,75 l

12,00

Viño DOP Tostado

Botella 0,50 l

45,00

Copas serigrafiadas degustación viño

Copa

2,00

Augardentes/licores con indicación xeográfica

Botella 0,35 l

14,00

Pemento de Herbón ou do Couto

kg

6,00

Pemento da Arnoia ou de Oímbra

kg

4,00

Tarta de Santiago

kg

15,00

Lacón Gallego

kg

8,00

Faba de Lourenzá

kg

12,50

Grelos de Galicia frescos

kg

2,00

Grelos de Galicia procesados

kg

3,50

Ternera Gallega pezas selectas

kg

35,00

Ternera Gallega pezas medias

kg

25,00

Ternera Gallega pezas menores

kg

15,00

Vaca Gallega-Buey Gallego

kg

40,00

Deseño e construción posto conxunto en feiras en España

250,00

Deseño e construción posto conxunto en feiras na Unión Europea, agás España

550,00

Manutención media xornada España

1/2 día

37,50

Manutención xornada enteira España

Día

75,00

Manutención media xornada fóra de España

1/2 día

45,00

Manutención xornada enteira fóra de España

Día

90,00

Aloxamento España

Noite

140,00

Aloxamento estranxeiro

Noite

200,00

Desprazamentos coche

km

0,26

Coche alugamento

Día

100,00