DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 2 de abril de 2025 Páx. 20178

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 26 de marzo de 2025 pola que se convoca un curso selectivo de acceso á escala básica, categoría de oficial dos corpos da policía local.

Dentro das actividades programadas para o ano 2025, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, e o establecido no artigo 56 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, anúnciase a convocatoria dun curso selectivo para o acceso á categoría de oficial da policía local, conforme as seguintes bases:

Obxectivos:

– Mellorar o compromiso profesional de servizo público aos cidadáns, baixo parámetros actitudinais de eficacia e de ética policial.

– Facilitarlle ao alumando unha actualización xurídico-normativa e de operativa profesional que lle permita un mellor exercicio da súa función.

– Dotalos das ferramentas de coñecemento necesarias para a organización e estruturación adecuada dos recursos humanos e dos medios materiais de que dispoñan.

Persoal destinatario:

Persoal dos corpos de policía local que superou o proceso selectivo para a categoría de oficial e que non realizase este curso.

Prazas:

Sen límite.

Solicitudes:

1. Os concellos deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública en que soliciten a participación no curso da/das persoa/s que se encontren nesta situación, para efectuar a correspondente reserva de praza para a realización do dito curso.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 14 de abril de 2025.

3. Para aquel alumnado que superou o proceso selectivo unitario convocado a través da Orde do 14 de agosto de 2024 a reserva e a solicitude son automáticas, sen necesidade de que o concello de procedencia efectúe a dita reserva.

Duración e contido:

O curso terá unha duración de 250 horas lectivas e desenvolverase de xeito semipresencial na Academia Galega de Seguridade Pública e na súa plataforma de teleformación (https://formacion-agasp.xunta.gal/).

Este curso conterá os seguintes módulos:

– Módulo I: módulo operativo.

– Módulo II: módulo xurídico.

– Módulo III: módulo técnico.

– Módulo IV: módulo administrativo.

– Módulo V: módulo de comunicación.

– Módulo VI: módulo práctico.

Datas:

O curso realizarase do 22 de abril de 2025 ao 30 de maio de 2025, coa seguinte distribución horaria:

– Presencial na sede da Agasp (poderanse levar a cabo actividades en lugares diferentes a ela, logo de aviso ao alumnado).

22, 23, 24, 29 e 30 de abril.

6, 7, 8, 9, 10, 13, 14, 15, 20, 21, 22, 23, 24, 27, 28, 29 e 30 de maio.

– Teleformación (con sesións de telepresenza que se indicarán ao comezo do curso).

Os restantes días entre as sesións presenciais da Agasp.

Desenvolvemento do curso:

Os/as alumnos/as da Academia Galega de Seguridade Pública, durante o seu período de permanencia nesta, rexeranse polo seu Regulamento de réxime interior, publicado pola Orde de 4 de febreiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no DOG número 30, do 12 de febreiro.

Este curso selectivo non se desenvolverá en réxime de internado; aquel alumnado que estea interesado en pernoitar na residencia da Agasp deberá comunicalo previamente ao enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.gal

No suposto de pernoitar na Agasp, aplicarase o réxime de internado vixente para os/as alumnos/as dos cursos selectivos, en relación coa uniformidade e cos horarios.

O horario do curso será, como norma xeral, das 9.30 ás 19.30 horas.

O alumnado vestirá o uniforme regulamentario de policía local do concello de pertenza durante a súa estadía na Academia; á Agasp entregaralle a uniformidade deportiva, as insignias como alumno/a da categoría de oficial, así como a gorra.

Certificado:

Unha vez superado este curso, a Agasp emitirá un informe ao concello correspondente certificando esta circunstancia, de xeito que se poida proceder ao nomeamento como funcionario de carreira e á toma de posesión na categoría de oficial, escala básica do corpo de policía local do concello respectivo.

Modificacións:

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 26 de marzo de 2025

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública