DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Venres, 4 de abril de 2025 Páx. 20582

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 1 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se aproban e se fan públicas as listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de letrados.

Mediante a Resolución do 24 de febreiro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DOG núm. 40, do 27 de febreiro), aprobáronse as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de letrados, convocado pola Resolución do 16 de setembro do 2024 (DOG núm. 182, do 20 de setembro).

Unha vez transcorrido o prazo para presentar reclamacións sobre as ditas listaxes, de conformidade co artigo 12 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e coa base I.4.2 das que rexen o proceso selectivo, esta dirección xeral

RESOLVE:

Aprobar as listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas ano proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de letrados.

As persoas aspirantes poderán consultar o estado das solicitudes de inscrición presentadas e a situación como admitidas ou excluídas en fides.xunta.gal

A listaxe definitiva completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación da causa determinante da súa exclusión, poderase consultar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

A Administración devolverá o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas aspirantes excluídas de maneira definitiva, ou ben que non figuren en ningunha das listaxes, que así o soliciten no prazo de dous (2) meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación no DOG das listas definitivas persoas admitidas e excluídas.

Para iso será necesario presentar un escrito dirixido á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal en que se solicite a devolución, e deberá incluír un número de conta bancaria na aplicación Fides na epígrafe expediente>datos persoais. A presentación deste escrito fóra de prazo ou a non inclusión dos datos bancarios na aplicación Fides suporá a perda do dereito á devolución do importe ingresado.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas solicitantes admitidas provisional ou definitivamente.

De acordo co disposto na base II.1.1 da convocatoria, as persoas aspirantes, con carácter voluntario e non eliminatorio, poderán presentarse a un exercicio de lectura e tradución de linguas estranxeiras. Para estes efectos, e no prazo de dez (10) días hábiles seguintes ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da listaxe definitiva de admitidos e excluídos, as persoas interesadas que desexen realizar este exercicio deberán comunicarlle á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal a súa elección de idioma. Do mesmo xeito, para a exención prevista no terceiro exercicio, as persoas aspirantes deberán presentar o documento xustificativo (orixinal ou copia auténtica) de estar en posesión do Celga 4, curso de perfeccionamento de galego ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (publicada no DOG núm. 146, do 30 de xullo).

Esta documentación deberá presentarse nas oficinas de rexistro da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, oficinas de Correos e demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Contra esta resolución poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou poderase interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto no artigo 8.2 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, en relación co artigo 10.1 do mesmo texto legal.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2025

Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público
e Administración de Persoal