DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Venres, 4 de abril de 2025 Páx. 20575

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 24 de marzo de 2025 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Voluntariado sénior e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento BS508C).

BDNS (Identif.): 824384.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/824384

Primeiro. Entidades beneficiarias

Entidades de acción voluntaria e entidades locais que realicen proxectos de voluntariado ao abeiro do programa Voluntariado sénior desde o 1 de xaneiro de 2025 ata o 31 de outubro de 2025.

Segundo. Obxecto e finalidade

Establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá o procedemento de concesión das subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Voluntariado sénior, que realicen proxectos do dito programa desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2025, e proceder á súa convocatoria para o ano 2025. O dito programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia persoas maiores de 55 anos para a súa colaboración como persoas voluntarias na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten ao abeiro desta convocatoria e dentro dos sectores de actuación establecidos na Lei 10/2011, do 28 de novembro.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 24 de marzo de 2025 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Voluntariado sénior e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento BS508C).

Cuarto. Orzamento

A contía global da convocatoria é de noventa e sete mil seiscentos euros (97.600 €), dos cales, con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.312F.460.0, corenta e dous mil seiscentos euros (42.600 €) se destinarán ás entidades locais e, con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.312F.481.0, cincuenta e cinco mil euros (55.000 €) se destinarán ás entidades de acción voluntaria.

En ningún caso a contía da axuda poderá superar os 2.400 €, que correspondería a un proxecto de oito (8) persoas voluntarias colaborando 3 horas ao día por un total de 60 días, ou a cantidade de 6.000 €, que correspondería a un proxecto de vinte (20) persoas voluntarias colaborando 3 horas ao día por un total de 60 días, naqueles casos en que se poida solicitar ata un máximo de vinte (20) persoas voluntarias.

Quinto. Outros datos

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Coa solicitude presentarase o proxecto de actividades. Admitirase un só proxecto por entidade, coa súa denominación/nome, os obxectivos, a identificación de problemas e o número aproximado de persoas beneficiarias. Este irá xunto co número de persoas voluntarias coas cales se pretende executar o proxecto, coas horas de execución deste por parte de cada unha destas persoas e co número de días que participará cada unha, así como co custo que correspondería por número de persoas voluntarias e días, e cun orzamento desagregado do custo das demais actividades. Este proxecto de actividades de voluntariado non pode ser igual ao presentado pola mesma entidade no caso de haber outra convocatoria de axudas desta consellería en materia de voluntariado.

A concesión da axuda tramítase en réxime de concorrencia competitiva seguindo a orde de prelación pola puntuación obtida. Requirirase unha puntuación mínima de 50 puntos e a concesión efectuarase por orde de puntuación ata esgotar o crédito orzamentario.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024)
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude