Na sesión efectuada polo xurado provincial o día 18.3.2025, figura o seguinte acordo:
Monte Augas Mestas, pertencente aos veciños da parroquia de Augas Mestas, no concello de Quiroga. Expediente 32_73/2022_253.
O día 29.9.2022, a comunidade do MVMC de Augas Mestas presenta un escrito dirixido ao Xurado Provincial de Clasificación de MVMC polo que solicita que se proceda á revisión de esbozo. Así mesmo, o día 29.1.2023 presentan documentación adicional, que mellora a solicitude da proposta de revisión de esbozo.
O 30.10.2024, o xurado ditou a resolución pola que aprobou a revisión do esbozo do MVMC Augas Mestas conforme o informe en que se recolle a revisión do esbozo revisado. Este acordo foi publicado no Diario Oficial de Galicia o 11.12.2024.
O 24.12.2024 tivo entrada un recurso de reposición presentado pola comunidade propietaria do MVMC Augas Mestas. En síntese, expoñen que o esbozo resultante do acordo adoptado polo xurado é contrario a dereito por producirse indefensión e un prexuízo irreparable aos seus dereitos e intereses lexítimos ao non requirir á comunidade a emenda da solicitude incompleta e negárselle o dereito a alegar e presentar documentos que coidara pertinentes, dereitos que quedan regulados nos artigos 68 e 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Examinado o recurso de reposición, o xurado, por unanimidade, acorda estimalo, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución.
Contra esta resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.
Lugo, 25 de marzo de 2025
Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Lugo
