DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 7 de abril de 2025 Páx. 20900

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 25 de marzo de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución do recurso de reposición contra o acordo de revisión de esbozo do monte veciñal de Pena do Lobo e Cotón, no concello de Vilalba (expediente 126_79/2022_48).

Na sesión realizada polo Xurado Provincial o día 18.3.2025 figura o seguinte acordo:

Monte Pena Lobo e Cotón, pertencente á Comunidade de Veciños da Parroquia de Santa María de Soaxe, no concello de Vilalba (expediente 126_79/2022_48).

O 18.8.2022 tivo entrada unha solicitude da dita comunidade para que se revise o esbozo do seu monte veciñal. Durante a tramitación do procedemento foron presentadas alegacións:

– O 27.2.2023 Javier Pena Pereira expón ser propietario da parcela catastral 27065A14400192 e doutros predios integrados nas parcelas catastrais 27065A14400183, 27065A14400189 e 27065A14400316.

–O 1.2.2023 presentou alegacións José Díaz González, nas cales expón ser propietario dos predios denominados A Chaira, Albariza e Rego do Pico.

O 30.10.2024 o Xurado ditou a resolución pola que aprobou a revisión do esbozo do MVMC Pena do Lobo e Cotón, de acordo co informe elaborado polo Servizo de Montes do 2.10.2024, no cal se recolle que os predios reclamados polos interesados se manteñen dentro do esbozo, de acordo coa titularidade catastral das parcelas -a favor da Comunidade tanto no Catastro actual como no Catastro Histórico-, por ser insuficiente a acreditación da propiedade particular. Este acordo foi publicado no Diario Oficial de Galicia o 12.12.2024.

O 27.12.2024 tivo entrada un recurso de reposición presentado por Javier Pena Pereira. En síntese, expón:

– O esbozo resultante do MVMC Pena Lobo e Cotón inclúe terreos pertencentes a súa propiedade, como xa facía referencia nas alegación presentadas, e non se axusta ao procedemento descrito na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, de montes de Galicia.

– Solicita a caducidade do procedemento sustentándose no artigo 21.3 da LPAC.

O 9.1.2025 tivo entrada un recurso de reposición presentado por José Díaz González. En síntese, expón:

– O esbozo resultante do MVMC Pena Lobo e Cotón inclúe terreos pertencentes á súa propiedade, como xa facía referencia nas alegación presentadas, e non se axusta ao procedemento descrito na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, de montes de Galicia.

– Solicita a caducidade do procedemento sustentándose no artigo 21.3 da LPAC.

Unha vez examinados os recursos de reposición, o Xurado, por unanimidade, acorda desestimalos, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución.

Contra esta resolución poderá interporse recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte á súa notificación ou publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 25 de marzo de 2025

María Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de
Montes Veciñais en Man Común de Lugo