DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Martes, 8 de abril de 2025 Páx. 21100

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

EXTRACTO da Resolución do 1 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorgan a autorización de desmantelamento das instalacións actuais do parque eólico Coriscada, a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Coriscada (repotenciación), sito nos concellos de Mañón e Ortigueira (A Coruña) e promovido por Sistemas Energéticos Mañón Ortigueira, S.A. (expediente IN408A/2023/064).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 1 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorgan a autorización de desmantelamento das instalacións actuais do parque eólico Coriscada, a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción, ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Coriscada (repotenciación).

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Primeiro. Outorgar a autorización de desmantelamento das instalacións actuais do parque eólico Coriscada.

Segundo. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do modificado parque eólico Coriscada, sito nos concellos de Mañón e Ortigueira (A Coruña), e promovido por Sistemas Energéticos Mañón Ortigueira, S.A., para unha potencia de 24 MW.

Terceiro. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Coriscada (repotenciación), composto polo documento «Proxecto executivo de parque eólico Coriscada (renovación tecnolóxica)» visado nº PA230435 do 19 de decembro de 2024 e asinado por Marta Gómez Sánchez, enxeñeira industrial, colexiada número 1358 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Palencia.

Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Sistemas Energéticos Mañón Ortigueira, S.A. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras e na fase de desmantelamento. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, en 199.474 e 265.965 euros, respectivamente.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. As actuacións de desmantelamento das instalacións iniciais do parque eólico realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como as consideracións das epígrafes 5.1.4 e 5.1.7 da DIA.

En todo caso, a retirada das cablaxes existentes deberán xestionarse a través de xestor autorizado.

Tamén deberán ter en conta as consideracións indicadas polo Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería do Medio Rural no seu informe do 21 de xuño de 2024, para o cal Sistemas Energéticos Mañón Ortigueira, S.A. deu á súa conformidade o 29 de xullo de 2024.

5. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 30 de xaneiro de 2025, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras de construción, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de acordo coas epígrafes 5.1.2, 5.1.3 e 5.1.5 da DIA.

6. A promotora deberá comunicar o inicio das obras con anterioridade ao prazo de dez (10) días á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático e achegar toda a documentación necesaria establecida nesta resolución e na declaración de impacto ambiental.

7. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar ao Servizo de Seguimento e Oficina Técnica da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 6 da declaración de impacto ambiental.

8. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

De acordo co recollido nos informes do Concello de Mañón do 6.3.2025 e 26.3.2025, con carácter previo ao inicio das obras a promotora deberá solicitar a preceptiva autorización ou informe favorable da Deputación Provincial da Coruña e da Consellería do Medio Rural previa tramitación do título habilitante municipal.

10. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante o departamento territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

11. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

12. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

13. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

14. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 30 de xaneiro de 2025, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

15. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo audiencia do interesado.

16. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

17. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución:

1. Mediante a Resolución do 31 de marzo de 1997, da Dirección Xeral de Industria, autorizáronse as instalacións electromecánicas, declarouse a utilidade pública, aprobouse o proxecto de execución e recoñeceuse a condición de instalación acollida ao réxime especial, do parque eólico denominado Coriscada (expediente IN407A 96/201-1). (DOG nº 78, do 24 de abril).

2. Mediante a Resolución do 7 de agosto de 1997, da Dirección Xeral de Industria, ordenouse a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se aproban definitivamente os proxectos sectoriais dos parques eólicos Paxareiras I, Paxareiras II a e Coriscada, de incidencia supramunicipal. (DOG nº 176, do 12 de setembro).

3. O 4 de marzo de 1998, a Delegación Provincial da Coruña da Consellería de Industria, Comercio e Turismo autorizou a posta en servizo do parque eólico.

4. Con data do 21 de decembro de 2023 a promotora, Sistemas Energéticos Mañón Ortigueira, S.A. presentou solicitude de autorización administrativa da modificación das instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación do proxecto do Parque eólico Coriscada ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, consistente en forma xeral na retirada das actuais infraestruturas (cunha potencia total de 24 MW repartida en 40 aeroxeradores de 600 kW de potencia unitaria), e a instalación de novas máquinas e infraestruturas de conexión entre elas, reducíndose o número de aeroxeradores a 4 unidades, aumentando a dimensión e a potencia unitaria de cada un e modificando a actual subestación transformadora, mantendo a mesma potencia total evacuada. O 16 de febreiro de 2024, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

5. O 16 de febreiro de 2024, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou o informe a que fai referencia o artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

6. O 19 de marzo de 2024, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33 da Lei 8/2009 onde se indica que as coordenadas dos 4 aeroxeneradores recollidas na memoria conclúese que das súas posicións cumpren a referida distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto 2.1.1 do PSEGA respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

A disposición adicional quinta da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental indica que como medio para asegurar a compatibilidade do desenvolvemento eólico coa ordenación do territorio e o urbanismo, a distancia dos aeroxeradores ás delimitacións de chan de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado será a maior destas dúas: 500 metros ou 5 veces a altura total do aeroxerador (buxo máis pa).

Estes requisitos de distancias serán aplicables ás solicitudes de autorización administrativa previa e de construción de parques eólicos cuxa implantación se proxecte no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non serán aplicables estes requisitos de distancia aos proxectos de modificacións substanciais (repotenciaciones) de parques que estean en funcionamento antes da entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro (LG 2021, 1105), de medidas fiscais e administrativas, nas que, para manter a súa potencia total en funcionamento, exista imposibilidade técnica xustificada da súa implantación. En todo caso, os aeroxeradores deberán situarse á máxima distancia posible, cun mínimo de 500 metros, ás delimitacións de chan de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado.

Sistemas Energéticos Mañón Ortigueira, S.A., indicou, ao respecto da imposibilidade técnica xustificada mencionada no paragrafo anterior que co fin de manter a potencia de evacuación en funcionamento, 24 MW, no parque eólico Coriscada (renovación tecnolóxica), debido á imposibilidade técnica motivada, entre outros, pola localización dos diferentes núcleos con respecto ao parque eólico Coriscada existente, a orografía do terreo e a existencia de contornos de protección dos diferentes elementos de patrimonio cultural identificados no emprazamento que acoutan a área dispoñible para a instalación de aeroxeradores, os devanditos aeroxeradores situáronse á máxima distancia posible, sendo o núcleo máis próximo o da Panda, a unha distancia de 625 metros do aeroxerador CO-03.

7. O 22 de marzo de 2024, a entón Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Coriscada repotenciación á Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación para a continuación da tramitación de acordo co indicado no artigo 33.9 da Lei 8/2009.

8. Mediante o Acordo do 13 de maio de 2024, da Dirección Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e o estudo de impacto ambiental (EIA) do proxecto do parque eólico Coriscada (renovación tecnolóxica), nos concellos de Mañón e Ortigueira (A Coruña) (expediente IN408A 2023/064).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia nº 97, do 21 de maio de 2024. Así mesmo, foi remitido para a exposición ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados (Mañón e Ortigueira), e nas dependencias da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático do Departamento Territorial da Coruña. Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

9. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o Departamento Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión das correspondentes condicións técnicas, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Concello de Mañón, Concello de Ortigueira, Deputación Provincial da Coruña, Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación do Servizo de Comunicación Audiovisual, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, I-de Redes Electricas Inteligentes, S.A, Telefónica Móviles España, S.A., Retegal, S.A. e Cellnex Telecom, S.A.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicións técnicas: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa o 28 de xuño de 2024, Concello de Mañón o 25 de xuño de 2024, Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación do Servizo de Comunicación Audiovisual o 21 de maio de 2024, Dirección Xeral de Defensa do Monte o 1 de agosto de 2024, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o 21 de xuño de 2024 e Retegal, S.A. o 14 de xuño de 2024.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta ás condicións emitidas.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión das condicións técnicas do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estas condicións no prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

10. Con data do 16 de maio de 2024, Sistemas Energéticos Mañón Ortigueira, S.A. achegou ante esta dirección xeral autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) do 29 de abril de 2024.

11. Con data do 10 de xaneiro de 2025, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

12. O 23 de xaneiro de 2025 o Servizo de Enerxías Renovables do Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático emitiu informe técnico sobre o proxecto refundido do parque eólico achegado por Sistemas Energéticos Mañón Ortigueira, S.A. o 2.1.2025 denominado Proxecto executivo de parque eólico Coriscada (renovación tecnolóxica) (visado nº PA230435 do 19 de decembro de 2024 e asinado por Marta Gómez Sánchez, enxeñeira Industrial, colexiada número 1358 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Palencia) no cal conclúe que en vista do proxecto de execución presentado, pódese informar sobre que este se axusta e da cumprimento aos requisitos mínimos establecidos no Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas Instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, polo que se emite informe de xeito favorable.

13. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Axencia de Turismo de Galicia, Concello de Mañón, Concello de Ortigueira, Subdirección Xeral de Residuos e Economía Circular, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica e Instituto de Estudos do Territorio.

Cuberta a tramitación ambiental, o 30 de xaneiro de 2025, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 31 de xaneiro de 2025, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de renovación tecnolóxica do parque eólico Coriscada, nos concellos de Mañón e Ortigueira (A Coruña) (expediente 2025/0003) (DOG nº 30, do 13 de febreiro).

14. Con data do 3 de febreiro de 2025, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático requiriulle á promotora a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversas condicións técnicas e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente.

15. Con data do 14 de febreiro de 2025 Sistemas Energéticos Mañón Ortigueira, S.A. deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior e indicou que o proxecto de execución refundido do parque eólico Coriscada (renovación tecnolóxica), situado nos concellos de Mañón e Ortigueira (A Coruña) con visado nº PA230435 (data 19.12.2024) e presentado con data do 2 de xaneiro de 2025, describe a configuración definitiva do proxecto, sendo este o documento definitivo e non sendo necesario presentar un novo proxecto de execución refundido.

16. Con data do 18 de febreiro de 2025, Sistemas Energéticos Mañón Ortigueira, S.A. achegou unha separata técnica para obter a condición favorable do Concello de Mañón e declaracións responsables en que indican que «as modificacións levadas a cabo no proxecto de execución do parque eólico Coriscada (renovación tecnolóxica), situado nos concellos de Mañón e Ortigueira (A Coruña) con visado nº PA230435 e data do 19.12.2024, con respecto ao proxecto orixinal con visado nº PA230435 e data 9.2.2024, non provocan ningunha afección adicional á parte das xa previstas e informadas previamente» para os seguintes organismos: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Concello de Ortigueira, Deputación Provincial da Coruña, Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación do Servizo de Comunicación Audiovisual, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, I-de Redes Electricas Inteligentes, S.A, Telefónica Móviles España, S.A., Retegal, S.A. e Cellnex Telecom, S.A.

17. De acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, esta dirección xeral remitiulle, para a emisión das correspondentes condicións técnicas, a separata do proxecto de execución do parque eólico ao seguinte organismo: Concello de Mañón.

Con data do 6.3.2025 o Concello de Mañón remitiulle a esta dirección xeral o correspondentes condicións técnicas, ao que deu resposta Sistemas Energéticos Mañón Ortigueira, S.A. con data do 13.3.2025.

Con data do 26.3.2025 o Concello de Mañón remitiulle a esta dirección xeral resposta á antedita contestación da promotora na que indica que da consulta das manifestacións expostas por parte de Julio Lozano Cuba, en nome e representación de Sistemas Enerxéticos Mañón Ortigueira, S.L., no escrito dirixido á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, do 10 de marzo de 2025, e de acordo co previsto no artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, por parte do técnico que subscribe maniféstase a conformidade coas matizacións a que se fai referencia no citado escrito.

Faise constar que na separata que foi obxecto de informe polo técnico que subscribe con data do 6.3.2025, inclúese un cambio de emprazamento do espazo previsto para a provisión de materiais que afecta a unhas parcelas non incluídas no proxecto orixinario e cuxa situación corresponde a chan rústico de protección agropecuaria e, parcialmente, a chan rústico de protección de infraestruturas.

De acordo co exposto, estímase que para as actuacións a que se fai referencia no punto anterior, deberán solicitarse as preceptivas autorizacións sectoriais da Deputación Provincial da Coruña e da Consellería do Medio Rural, agás que, do mesmo xeito que para o resto das autorizacións sectoriais e de acordo co previsto no artigo 40.2 da citada Lei 8/2009, a competencia sectorial corresponda a un órgano autonómico e este pronunciouse favorablemente no trámite previsto no artigo 33.12 da mesma lei, nese caso non será necesaria a emisión dunha nova autorización ou informe.

A promotora prestou a súa conformidade ás condicións emitidas.

18. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 24 MW.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2025

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático