DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Martes, 8 de abril de 2025 Páx. 21083

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 1 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorgan a autorización de desmantelamento das instalacións actuais do parque eólico Coriscada, a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Coriscada (repotenciación), sito nos concellos de Mañón e Ortigueira (A Coruña) e promovido por Sistemas Energéticos Mañón Ortigueira, S.A. (expediente IN408A/2023/064).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Sistemas Energéticos Mañón Ortigueira, S.A., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Coriscada (repotenciación), constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 31 de marzo de 1997, da Dirección Xeral de Industria, autorizáronse as instalacións electromecánicas, declarouse a utilidade pública, aprobouse o proxecto de execución e recoñeceuse a condición de instalación acollida ao réxime especial do parque eólico denominado Coriscada (expediente IN407A 96/201-1). (DOG nº 78, do 24 de abril).

Segundo. Mediante a Resolución do 7 de agosto de 1997, da Dirección Xeral de Industria, ordenouse a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se aproban definitivamente os proxectos sectoriais dos parques eólicos Paxareiras I, Paxareiras II a e Coriscada, de incidencia supramunicipal (DOG nº 176, do 12 de setembro).

Terceiro. O 4 de marzo de 1998, a Delegación Provincial da Coruña da Consellería de Industria, Comercio e Turismo autorizou a posta en servizo do parque eólico.

Cuarto. Con data do 21 de decembro de 2023 a promotora, Sistemas Energéticos Mañón Ortigueira, S.A. presentou solicitude de autorización administrativa da modificación das instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación do proxecto parque eólico Coriscada ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, consistente en forma xeral na retirada das actuais infraestruturas (cunha potencia total de 24 MW repartida en 40 aeroxeradores de 600 kW de potencia unitaria), e a instalación de novas máquinas e infraestruturas de conexión entre elas, reducíndose o número de aeroxeradores a 4 unidades, aumentando a dimensión e a potencia unitaria de cada un e modificando a actual subestación transformadora, mantendo a mesma potencia total evacuada. O 16 de febreiro de 2024, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

Quinto. O 16 de febreiro de 2024, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou o informe a que fai referencia o artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

Sexto. O 19 de marzo de 2024, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33 da Lei 8/2009 onde se indica que das coordenadas dos 4 aeroxeneradores recollidas na memoria conclúese que as súas posicións cumpren a referida distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto 2.1.1 do PSEGA respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

A disposición adicional quinta da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental indica que como medio para asegurar a compatibilidade do desenvolvemento eólico coa ordenación do territorio e o urbanismo, a distancia dos aeroxeradores ás delimitacións de chan de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado será a maior destas dúas: 500 metros ou 5 veces a altura total do aeroxerador (buxa máis pa).

Estes requisitos de distancias serán aplicables ás solicitudes de autorización administrativa previa e de construción de parques eólicos cuxa implantación se proxecte no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non serán aplicables estes requisitos de distancia aos proxectos de modificacións substanciais (repotenciaciones) de parques que estean en funcionamento antes da entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro (LG 2021, 1105) , de medidas fiscais e administrativas, nas que, para manter a súa potencia total en funcionamento, exista imposibilidade técnica xustificada da súa implantación. En todo caso, os aeroxeradores deberán situarse á máxima distancia posible, cun mínimo de 500 metros, ás delimitacións de chan de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado.

Sistemas Energéticos Mañón Ortigueira, S.A., indicou, ao respecto da imposibilidade técnica xustificada mencionada no parágrafo anterior que co fin de manter a potencia de evacuación en funcionamento, 24 MW, no parque eólico Coriscada (renovación tecnolóxica), debido á imposibilidade técnica motivada, entre outros, pola localización dos diferentes núcleos con respecto ao parque eólico Coriscada existente, a orografía do terreo e a existencia de contornos de protección dos diferentes elementos de patrimonio cultural identificados no emprazamento que acoutan a área dispoñible para a instalación de aeroxeradores, os devanditos aeroxeradores situáronse á máxima distancia posible, sendo o núcleo máis próximo o da Panda, a unha distancia de 625 metros do aeroxerador CO-03.

Sétimo. O 22 de marzo de 2024, a entón Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Coriscada repotenciación á Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación para a continuación da tramitación de acordo co indicado no artigo 33.9 da Lei 8/2009.

Oitavo. Mediante o Acordo do 13 de maio de 2024, da Dirección Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e o estudo de impacto ambiental (EIA) do proxecto do parque eólico Coriscada (renovación tecnolóxica), nos concellos de Mañón e Ortigueira (A Coruña) (expediente IN408A 2023/064).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia nº 97, do 21 de maio de 2024. Así mesmo, foi remitido para a exposición ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados (Mañón e Ortigueira), e nas dependencias da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático do Departamento Territorial da Coruña. Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Noveno. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o Departamento Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión das correspondentes condicións técnicas, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Concello de Mañón, Concello de Ortigueira, Deputación Provincial da Coruña, Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación do Servizo de Comunicación Audiovisual, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, I-de Redes Eléctricas Inteligentes, S.A., Telefónica Móviles España, S.A., Retegal, S.A. e Cellnex Telecom, S.A.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, as correspondentes condicións técnicoas: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa o 28 de xuño de 2024, Concello de Mañón o 25 de xuño de 2024, Dirección Xeral de Telecomunicación e Ordenación do Servizo de Comunicación Audiovisual o 21 de maio de 2024, Dirección Xeral de Defensa do Monte o 1 de agosto de 2024, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o 21 de xuño de 2024 e Retegal, S.A. o 14 de xuño de 2024.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta ás condicións emitidas.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión das condicións técnicas do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estas condicións no prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo. Con data do 16 de maio de 2024, Sistemas Energéticos Mañón Ortigueira, S.A. achegou ante esta dirección xeral autorización da Agencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) do 29 de abril de 2024.

Décimo primeiro. Con data do 10 de xaneiro de 2025, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo segundo. O 23 de xaneiro de 2025 o Servizo de Enerxías Renovables do Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático emitiu informe técnico sobre o proxecto refundido do parque eólico achegado por Sistemas Energéticos Mañón Ortigueira, S.A. o 2.1.2025 denominado Proxecto executivo de parque eólico Coriscada (renovación tecnolóxica) (visado nº PA230435 do 19 de decembro de 2024 e asinado por Marta Gómez Sánchez, enxeñeira Industrial, colexiada número 1358 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Palencia), no cal conclúe que en vista do proxecto de execución presentado, pódese informar sobre que este se axusta e dá cumprimento aos requisitos mínimos establecidos no Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas Instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, polo que se emite informe de xeito favorable.

Décimo terceiro. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Axencia de Turismo de Galicia, Concello de Mañón, Concello de Ortigueira, Subdirección Xeral de Residuos e Economía Circular, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica e Instituto de Estudos do Territorio.

Cuberta a tramitación ambiental, o 30 de xaneiro de 2025, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 31 de xaneiro de 2025, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de renovación tecnolóxica do parque eólico Coriscada, nos concellos de Mañón e Ortigueira (A Coruña) (expediente 2025/0003) (DOG nº 30, do 13 de febreiro).

Décimo cuarto. Con data do 3 de febreiro de 2025, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático requiriulle á promotora a documentación técnica refundida resultante como consecuencia das diversas condicións técnicas e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente.

Décimo quinto. Con data do 14 de febreiro de 2025 Sistemas Energéticos Mañón Ortigueira, S.A. deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior e indicou que o proxecto de execución refundido do parque eólico Coriscada (renovación tecnolóxica), situado nos concellos de Mañón e Ortigueira (A Coruña) con visado nº PA230435 (data 19.12.2024) e presentado con data do 2 de xaneiro de 2025, describe a configuración definitiva do proxecto, sendo este o documento definitivo e non sendo necesario presentar un novo proxecto de execución refundido.

Décimo sexto. Con data do 18 de febreiro de 2025, Sistemas Energéticos Mañón Ortigueira, S.A. achegou unha separata técnica para obter a condición favorable do Concello de Mañón e declaracións responsables en que indican que as modificacións levadas a cabo no proxecto de execución do parque eólico Coriscada (renovación tecnolóxica), situado nos concellos de Mañón e Ortigueira (A Coruña) con visado nº PA230435 e data do 19.12.2024, con respecto ao proxecto orixinal con visado nº PA230435 e data 9.2.2024, non provocan ningunha afección adicional á parte das xa previstas e informadas previamente para os seguintes organismos: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Concello de Ortigueira, Deputación Provincial da Coruña, Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación do Servizo de Comunicación Audiovisual, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, I-de Redes Eléctricas Inteligentes, S.A., Telefónica Móviles España, S.A., Retegal, S.A. e Cellnex Telecom, S.A.

Décimo sétimo. De acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, esta dirección xeral remitiulle, para a emisión das correspondentes condicións técnicas, a separata do proxecto de execución do parque eólico ao seguinte organismo: Concello de Mañón.

Con data do 6.3.2025 o Concello de Mañón remitiulle a esta dirección xeral as correspondentes condicións técnicas, ao que deu resposta Sistemas Energéticos Mañón Ortigueira, S.A. con data do 13.3.2025.

Con data do 26.3.2025 o Concello de Mañón remitiulle a esta dirección xeral resposta á antedita contestación da promotora en que indica que da consulta das manifestacións expostas por parte de Julio Lozano Cuba, en nome e representación de Sistemas Enerxéticos Mañón Ortigueira, S.L., no escrito dirixido á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, do 10 de marzo de 2025, e de acordo co previsto no artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, por parte do técnico que subscribe maniféstase a conformidade coas matizacións a que se fai referencia no citado escrito.

Faise constar que na separata que foi obxecto de informe polo técnico que subscribe con data do 6.3.2025, inclúese un cambio de emprazamento do espazo previsto para a provisión de materiais que afecta unhas parcelas non incluídas no proxecto orixinario e cuxa situación corresponde a chan rústico de protección agropecuaria e, parcialmente, a chan rústico de protección de infraestruturas.

De acordo co exposto, estímase que para a actuacións a que se fai referencia no punto anterior, deberán solicitarse as preceptivas autorizacións sectoriais da Deputación Provincial da Coruña e da Consellería do Medio Rural, agás que, do mesmo xeito que para o resto das autorizacións sectoriais e de acordo co previsto no artigo 40.2 da citada Lei 8/2009, a competencia sectorial corresponda a un órgano autonómico e este pronunciouse favorablemente no trámite previsto no artigo 33.12 da mesma lei, nese caso non será necesaria a emisión dunha nova autorización ou informe.

A promotora prestou a súa conformidade ás condicións emitidas.

Décimo oitavo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 24 MW.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, no Decreto 192/2024, do 9 de decembro, polo que se modifica o Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático; e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e as demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido, as respostas efectuadas pola promotora e o resto de documentación que consta no expediente cómpre manifestar o seguinte:

O PE Coriscada foi autorizado por resolución da Dirección Xeral de Industria o 31.3.1997. O que exixiu a declaración de efectos ambientais de conformidade cos criterios do Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais de Galicia, de aplicación nese momento. E foron avaliados os efectos de impactos causados pola ocupación do terreo, impacto sobre a flora e a fauna, impacto paisaxístico e xeración de residuos.

O obxecto do presente proceso de alegacións, é para o proxecto de repotenciación do PE Coriscada, para dar cumprimento á Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental. Aplícase a todos os plans, programas e proxectos cuxa avaliación ambiental estratéxica ou avaliación de impacto ambiental iniciase a partir do día da entrada en vigor da presente lei. Polo que non proceden alegacións respecto das obras anteriores á entrada en vigor da normativa vixente actualmente.

É competencia da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático emitir informe respecto da avaliación de impacto ambiental do proxecto de repotenciación.

Para os efectos de poder mellorar a información da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, o alegante non achega información ou ningunha proba para remitir a ese organismo da presenza na zona das especies que indica (voitre leonado, voitre negro ou branco) na zona obxecto de estudo.

O impacto sobre as especies queda recollido no estudo de impacto ambiental. É competencia da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático revisar o contido e adecuación destes documentos e emitir o informe ao respecto na avaliación de impacto ambiental.

O Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia ten por obxecto declarar como ZEC os LIC presentes en Galicia e aprobar o Plan director da Rede Natura 2000 como instrumento de planificación e xestión que establece un conxunto de obxectivos e medidas de xestión para os espazos naturais que se inclúen no seu ámbito de aplicación Os citados LIC non se atopan incluídos na listaxe de ZEC que forman parte da Rede Natura 2000. O alegante cita o LIC Río Sor ES1120018, situado a máis de 0,9 km en dirección oeste da zona de repotenciación do PE, e o LIC Rio Baleo ES1110019 (pero é ES1110220) a máis de 3,3 km en dirección oeste da zona. As fontes citadas polo alegante teñen a consideración de proposta, pero sen resolución firme de inclusión na Rede Natura 2000. É competencia da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático emitir informe respecto da avaliación de impacto ambiental do proxecto de repotenciación.

O estudo de impacto ambiental cita fontes oficiais coma o inventario nacional de biodiversidade, censos elaborados por ONG Seo-BirdLife, Atlas das Aves Reprodutoras de España, Atlas de morcegos de Galicia, Atlas e Libro Vermello dos Anfibios e Réptiles de España, Atlas e Libro Vermello dos Mamíferos Terrestres de España.

É competencia da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático emitir informe respecto da avaliación de impacto ambiental do proxecto de repotenciación, así como da veracidade ou criterio de valor da información achegada.

Cuarto. A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Coriscada repotenciación, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, e Sostibilidade o 31 de xaneiro de 2025:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade resolveu formular a declaración de impacto ambiental do proxecto de renovación tecnolóxica do parque eólico Coriscada, nos concellos de Mañón e Ortigueira (A Coruña), promovido por Sistemas Energéticos Mañón Ortigueira, S.A., en cumprimento do disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, concluíndo que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado e o programa de vixilancia e seguimento ambiental que figuran ao longo deste documento, que prevalecerán sobre todo o anterior.

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Coriscada.

Nas epígrafes 5 e 6 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

5. Condicións ambientais.

5.1. Condicións particulares.

5.2. Condicións xerais.

5.2.1. Protección da atmosfera.

5.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

5.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

5.2.4. Xestión de residuos.

5.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

5.2.6. Integración paisaxística e restauración.

5.3. Outras condicións.

6. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

6.1. Aspectos xerais.

6.2. Aspectos específicos.

6.3. Informes do programa de vixilancia

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a autorización de desmantelamento das instalacións actuais do parque eólico Coriscada, as súas características principais son as seguintes:

Solicitante: Sistemas Energéticos Mañón Ortigueira, S.A.

Enderezo: avenida Fernando Casas Novoa, 35, portal B, 2º andar, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Denominación do proxecto: parque eólico Coriscada.

Potencia instalada: 24 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 24 MW.

Concellos afectados: Mañón e Ortigueira (A Coruña).

Orzamento de execución material (sen IVE): 1.137.613,12 €.

Instalacións que se van desmantelar:

• 40 aeroxeradores G-42 de 600 kW de potencia nominal unitaria e cunha altura da buxa de 45 m e cun diámetro de rotor de 42 m.

• 40 centros de transformación instalados no interior das góndolas dos aeroxeradores.

• Cimentacións, plataformas de montaxe e canalizacións eléctricas subterráneas de media tensión que queden sen uso.

• 1 torre meteorolóxica de 43,4 m de altura.

• Desmantelamento das casetas auxiliares existentes na zona onde se prevé construír o novo edificio da subestación.

• Desmantelamento e restauración dos vieiros que queden sen uso.

Segundo. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do modificado parque eólico Coriscada, sito nos concellos de Mañón e Ortigueira (A Coruña) e promovido por Sistemas Energéticos Mañón Ortigueira, S.A., para unha potencia de 24 MW.

Terceiro. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Coriscada (repotenciación), composto polo documento «Proxecto executivo do parque eólico Coriscada (renovación tecnolóxica)», visado. nº PA230435 do 19 de decembro de 2024 e asinado por Marta Gómez Sánchez, enxeñeira Industrial, colexiada número 1358 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Palencia.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Sistemas Energéticos Mañón Ortigueira, S.A.

Domicilio: avenida Fernando Casas Novoa, 35, portal B, 2º andar, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Denominación: parque eólico Coriscada (repotenciación).

Potencia instalada: 26,4 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 24 MW.

Produción neta: 92.350 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.498 h.

Concellos afectados: Mañón e Ortigueira (A Coruña).

Orzamento de execución material (sen IVE): 26.596.544,16 €.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

601.657,22

4.834.454,20

2

600.896,83

4.834.453,80

3

600.995,42

4.835.616,46

4

601.026,48

4.836.550,48

5

601.402,28

4.837.080,06

6

601.822,60

4.837.363,86

7

601.865,18

4.838.457,30

8

602.015,74

4.839.665,28

9

602.539,70

4.840.430,67

10

602.862,65

4.841.045,60

11

603.317,03

4.840.893,18

12

602.928,43

4.839.795,11

13

602.611,96

4.838.969,95

14

602.613,87

4.837.827,61

15

602.222,56

4.836.845,85

16

602.022,05

4.836.528,86

17

602.034,34

4.835.998,39

18

601.750,94

4.835.413,45

19

602.087,91

4.835.153,76

20

602.156,84

4.834.934,18

21

601.324,02

4.833.301,67

22

601.139,00

4.833.301,67

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

CO-01

601.457,05

4.835.100,81

CO-02

601.518,99

4.836.179,16

CO-03

601.867,00

4.836.873,00

CO-04

602.311,09

4.838.722,18

Coordenadas da explanada da subestación:

SE

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

601.968,68

4.837.397,04

2

602.012,91

4.837.400,38

3

601.970,80

4.837.368,72

4

602.014,98

4.837.372,08

Coordenadas da torre meteorolóxica:

Torre meteorolóxica

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

TM

602.220,00

4.838.355,00

Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

• 4 aeroxeradores Siemens Gamesa modelo SG 6.6-170 ou similar, de potencia unitaria de 6,6 MW, con rotor de tres pas de 170 m de diámetro, altura ata a buxa de 115 m, con velocidade e paso variable e sistema de orientación activo.

• 4 centros de transformación situados no interior do aeroxerador, de potencia unitaria de 7,3 MVA e relación de transformación de 0,690/20 kV, coas correspondentes celas de seccionamento, manobra e protección.

• Unha torre meteorolóxica de 117 metros de altura.

• Rede subterránea de media tensión a 20 kV e liña de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación transformadora existente, composta por 3 circuítos con condutores tipo RH5Z1, de 18/30 kV, de diferentes seccións.

• Rede de terra, común para todo o parque eólico, con condutor espido de Cu 50 mm2, formando un circuíto equipotencial de posta á terra.

• Rede de comunicacións, constituída por condutor de fibra óptica que interconectará os aeroxeradores e a torre meteorolóxica co centro de control situado na subestación.

• A enerxía procedente do parque eólico recollerase na subestación transformadora existente de Coriscada. Adecuarase o edificio principal existente da subestación Coriscada, así como a construción dun novo almacén.

Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Sistemas Energéticos Mañón Ortigueira, S.A. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras e na fase de desmantelamento. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, en 199.474 e 265.965 euros, respectivamente.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. As actuacións de desmantelamento das instalacións iniciais do parque eólico realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como as consideracións das epígrafes 5.1.4 e 5.1.7 da DIA.

En todo caso, a retirada das cablaxes existentes deberán xestionarse a través de xestor autorizado.

Tamén deberán ter en conta as consideracións indicadas polo Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Rural no seu informe do 21 de xuño de 2024 para o cal Sistemas Energéticos Mañón Ortigueira, S.A. deu a súa conformidade o 29 de xullo de 2024.

5. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 30 de xaneiro de 2025, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras de construción, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de acordo coas epígrafes 5.1.2, 5.1.3 e 5.1.5 da DIA.

6. A promotora deberá comunicar o inicio das obras con anterioridade ao prazo de dez (10) días á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático e achegar toda a documentación necesaria establecida nesta resolución e na declaración de impacto ambiental.

7. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar ao Servizo de Seguimento e Oficina Técnica da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 6 da Declaración de Impacto Ambiental.

8. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

De acordo co recollido nos informes do Concello de Mañón do 6.3.2025 e do 26.3.2025, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá solicitar a preceptiva autorización ou informe favorable da Deputación Provincial da Coruña e da Consellería do Medio Rural, logo de tramitación do título habilitante municipal.

10. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante o departamento territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

11. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

12. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

13. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

14. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 30 de xaneiro de 2025, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

15. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

16. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

17. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que coiden pertinente.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2025

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático