BDNS (Identif.): 825128.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/825128
Primeiro. Entidades colaboradoras
Poderán ser entidades colaboradoras as entidades financeiras privadas con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar, validamente constituídas, que cumpran os seguintes requisitos:
– Ter oficinas comerciais abertas, cando menos, nos concellos de máis de 20.000 habitantes das catro provincias galegas.
– Ter colaborado na xestión financeira da Xunta de Galicia nos últimos dous anos.
A entidade financeira colaboradora actuará en nome do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, entregando e distribuíndo os fondos públicos aos comercios adheridos ao programa.
Segundo. Obxecto
O obxecto da colaboración é a entrega e distribución das axudas do programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio.
Para estes efectos, subscribirase o oportuno convenio de colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, segundo o modelo que figura como anexo I da orde.
Terceiro. Bases reguladoras
As bases reguladoras para a concesión de axudas do programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio publicaranse conxuntamente coa convocatoria do programa.
Cuarto. Compensación económica
A compensación económica a favor da entidade colaboradora polos gastos de posta en funcionamento, seguimento e control do Programa bonos Activa comercio é de 90.000,00 €, financiados con cargo á aplicación orzamentaria 14.06.751A.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo máximo de presentación de solicitudes será de cinco días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2025
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
