DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Martes, 8 de abril de 2025 Páx. 21157

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

ANUNCIO do 20 de marzo de 2025, do Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia Centro, de apertura do trámite de competencia de proxectos do expediente de solicitude dunha concesión de augas superficiais no encoro de San Cosmade, con destino a uso industrial, no concello de Cerceda (clave DH.A15.102541).

O ente público empresarial Augas de Galicia, mediante o presente anuncio, somete a competencia de proxectos a instancia presentada relativa á solicitude dunha concesión de augas superficiais para uso industrial no encoro de Vilasenín ou San Cosmade, conforme preceptúan os artigos 104 e seguintes do Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico (en diante RDPH), que establece un procedemento de tramitación de concesións e autorizacións administrativas para a instalación, ampliación ou adaptación de aproveitamentos de augas.

– Nome e enderezo da peticionaria:

Sociedade Galega do Medioambiente, S.A.

Morzós, núm. 10.

15187 Cerceda (A Coruña).

– Destino do aproveitamento: uso industrial.

– Caudal máximo instantáneo de auga solicitado: 70,00 l/s.

– Corrente de onde derivarán as augas: encoro de Vilasenín ou San Cosmade.

– Concello onde radican as obras: Cerceda (A Coruña).

A dita petición tramitarase de conformidade co disposto no artigo 105 do RDPH, abríndose deste modo o trámite de competencia de proxectos para que no prazo dun (1) mes, contado desde a publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, a peticionaria presente a instancia en que concrete a correspondente petición e demais aspectos previstos no dito artigo 105 e achegue con ela o proxecto e a demais documentación prescrita no artigo 106 do regulamento; durante este prazo, tamén se admitirán outras peticións que teñan o mesmo obxecto que aquela ou sexan incompatibles con ela, e xunto con estas poderanse presentar proxectos en competencia.

Denegarase a tramitación posterior de toda petición que supoña unha utilización de caudal superior ao dobre do que figura máis enriba como petición base do concurso, de acordo co artigo 105 do RDPH, sen prexuízo de que a peticionaria que o pretenda poida, dentro do prazo fixado neste anuncio para a admisión de peticións, acollerse á tramitación indicada no parágrafo 3 do dito artigo 105 do RDPH, remitindo a súa petición na forma prevista no seu artigo 104 e solicitando a paralización do trámite da solicitude publicada inicialmente. Neste caso, coa petición achegará o xustificante acreditativo do ingreso na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública dunha fianza pola cantidade de sesenta mil (60.000) euros por cada m3/s de caudal solicitado, para responder da presentación do documento técnico correspondente á súa petición.

O desprecintado dos documentos técnicos realizarase na forma sinalada no artigo 107 do RDPH e terá lugar transcorridos quince días desde a conclusión do prazo de presentación de peticións nas dependencias do edificio administrativo de Augas de Galicia, sitas na rúa Tomiño, 16, baixo, 15781 Santiago de Compostela.

As peticións presentaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia, utilizando o modelo xenérico de presentación de escritos (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR004A) indicando no destino a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Augas de Galicia e facendo referencia á clave do expediente que figura no encabezamento deste anuncio. Os documentos técnicos e ambientais presentaranse nun sobre debidamente precintado e lacrado (catro exemplares: un en formato papel e tres en formato dixital, con acceso restrinxido con clave), na forma indicada para a presentación de arquivos que superen os 50 MB, de xeito que se presentarán presencialmente nalgunha das oficinas de rexistro. No exterior deste sobre indicarase tamén como destino a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, Augas de Galicia, e farase referencia á clave do expediente que figura no encabezamento deste anuncio.

Alternativamente ao recollido no parágrafo anterior, a peticionaria, se o desexa, poderá presentar, ao abeiro do disposto no artigo 106 do RDPH, a súa petición xunto cos catro exemplares da documentación técnica e ambiental (un en formato papel e tres en formato dixital), nun sobre ou paquete pechado debidamente precintado e lacrado, perante o rexistro dos servizos centrais de Augas de Galicia, sito na praza Camilo Díaz Baliño, 7-9, 15781 Santiago de Compostela, á atención da directora de Augas de Galicia, especificando no exterior do sobre ou paquete o expediente de solicitude da concesión de referencia e a clave deste que figura no encabezamento deste anuncio. Nesta modalidade de presentación será necesario pedir cita previa para levar a termo a presentación, nalgún dos seguintes teléfonos: 981 54 47 26 e 981 56 68 80.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2025

Jesús Antonio Manrique Merino
Xefe do Servizo Territorial da Zona Hidrográfica Galicia Centro