DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 9 de abril de 2025 Páx. 21335

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

ORDE do 31 de marzo de 2025 pola que se resolve a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante no Instituto Galego da Vivenda e Solo, convocada mediante a Orde do 18 de febreiro de 2025 (código do posto MA.O19.10.000.32001.001).

Mediante a Orde do 18 de decembro de 2025 publicada no Diario Oficial de Galicia número 41, do 28 de febreiro, convocouse a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo do Instituto Galego da Vivenda e Solo que se detalla no anexo desta orde.

De conformidade co establecido nos artigos 88.2 e 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e nos artigos 6.2, 8 e 27 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e en uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Resolver, con observancia do procedemento debido, a convocatoria pública efectuada pola Orde do 18 de febreiro de 2025 e adxudicar á persoa funcionaria de carreira indicada no anexo o posto que tamén se especifica, conforme o establecido nas bases da citada convocatoria.

Segundo. O cesamento no destino actual efectuarase no prazo de tres (3) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ou, de ser o caso, segundo o establecido na normativa de aplicación na Administración de procedencia.

A toma de posesión da praza adxudicada deberase efectuar no prazo de tres (3) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao do cesamento, se non implica cambio de residencia, ou de sete (7) días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será dun (1) mes, de conformidade co establecido no artigo 8.1 do Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, aprobado polo Decreto 151/2022, do 4 de agosto.

O cómputo dos prazos posesorios iniciarase cando finalicen os permisos ou licenzas que, de ser o caso, fosen concedidos. Nos supostos de incapacidade temporal, o cómputo do prazo iniciarase a partir da correspondente alta.

Terceiro. A Xefatura de persoal do centro en que cause baixa o persoal funcionario, así como a daquel en que obteña destino, efectuarán, dentro do prazo sinalado no punto anterior, as correspondentes dilixencias de cesamento e de toma de posesión, das cales se dará traslado á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.

Cuarto. Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous (2) meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2025

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

ANEXO

Apelidos e nome: Rodríguez Casal, Esther.

NRP/DNI: ******4024 A2051.

Grupo/subgrupo: A2.

Corpo/escala: xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Código do posto: MA.O19.10.000.32001.001.

Denominación: xefe/a da Área Provincial.

Nivel: 28A.

Centro directivo: Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Localidade: Ourense.

*O NRP/DNI encóntrase cifrado co fin de protexer os datos de carácter persoal.