DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Xoves, 10 de abril de 2025 Páx. 21692

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 8 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á reestruturación e reconversión da viña en Galicia e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR446A).

BDNS (Identif.): 825912.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/825912

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas viticultoras e futuras viticultoras cuxos viñedos se destinen á produción de uva para vinificación e que cumpran coa normativa vixente en materia de plantacións de viñedo, para todas as superficies de viñedo da súa explotación e coas disposicións relativas ás declaracións obrigatorias do sector vitivinícola.

2. As persoas viticultoras cuxas solicitudes de axuda fosen aprobadas en convocatorias anteriores do Programa de apoio ao sector vitivinícola (PASVE 2019-2023) ou da Intervención sectorial vitivinícola (ISV 2024-2027), segundo corresponda, non poderán acceder á axuda nas dúas convocatorias seguintes, se:

a) Renunciaron á axuda dunha operación solicitada, unha vez aprobada, agás que comunicasen a súa renuncia no prazo de 10 días desde a súa notificación.

b) Non solicitaron o pagamento dunha operación aprobada, unha vez finalizado o prazo para presentar a solicitude de pagamento dentro do segundo exercicio financeiro posterior a aquel en que se solicitou a axuda.

c) Non executaron unha operación aprobada para a cal solicitaron o pagamento.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas á reestruturación e reconversión do viñedo en Galicia e realizar a súa convocatoria para o ano 2025, en réxime de concorrencia competitiva, conforme os requisitos e condicións establecidos para esta intervención nas disposicións xerais do ámbito comunitario, estatal e autonómico e, en particular, no Real decreto 905/2022, do 25 de outubro, polo que se regula a Intervención sectorial vitivinícola no marco do Plan estratéxico da política agrícola común, e as súas modificacións.

Terceiro. Bases reguladoras

Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto na Orde do 8 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á reestruturación e reconversión da viña en Galicia e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR446A).

Cuarto. Prazo para presentar as solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes será ata o 25 de abril de 2025, desde o día seguinte ao de publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2025

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural