DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Xoves, 10 de abril de 2025 Páx. 21596

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 18 de marzo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PL400B).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 5, especifica que a lingua propia de Galicia é o galego e que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento. Segundo o artigo 27.20, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva da promoción e do ensino da lingua galega.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu título III, «Do uso do galego no ensino», establece que «o galego, como lingua propia de Galicia, é tamén lingua oficial no ensino en todos os niveis educativos» e que «as autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino».

O Decreto 79/2010, do 20 de maio, polo que se regula o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, no seu artigo 13.3 establece que «os materiais que se empreguen nas áreas, materias ou módulos a que se refire o punto 2 do mencionado artigo (impartidos en lingua galega e en linguas estranxeiras) terán a calidade científica e pedagóxica adecuada e atenderán, sen prexuízo da súa proxección universal, ás peculiaridades de Galicia. Con este fin, a consellería competente en materia de educación fomentará a elaboración e publicación dos materiais curriculares correspondentes».

Pola súa parte, a Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, establece no artigo 7.2 que a Xunta de Galicia potenciará a produción editorial en galego mediante unha liña de axudas que asegure a existencia dunha oferta suficiente de materiais didácticos naquelas áreas en que a lexislación educativa determine que a lingua galega sexa a vehicular da súa aprendizaxe.

O Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado o 21 de setembro de 2004, define como obxectivo para a área do ensino «garantir unha oferta de materiais didácticos de calidade e en soportes diversos que fagan atractivo o proceso da aprendizaxe, que axuden a percibir a utilidade da lingua e que capaciten para o seu uso correcto e eficaz».

Así mesmo, o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020 definía as áreas en que se agrupan as diferentes medidas deste plan e unha delas é, recollida tamén no Plan xeral de normalización da lingua galega, a área das relacións laborais. Aínda que a vixencia deste plan xa rematou, non remataron as eivas que promoveron esta acción de normalización e, por iso, na actualidade, comezaron os traballos para a súa reactivación. Neste marco segue estando vixente a necesidade de deseñar medidas que incrementen o uso do galego en todo o ámbito das relacións laborais e un dos obxectivos segue a ser asegurar a presenza da nosa lingua nas carreiras técnicas, no ensino non regrado e na formación profesional, espazo educativo onde a Secretaría Xeral da Lingua detectou unha exigua presenza da lingua galega, polo que cómpre seguir fomentando o seu uso nesta área.

A maiores, as persoas con necesidades específicas de apoio educativo non poden estar alleas á normalización lingüística e é preciso que o galego estea presente en materiais didácticos curriculares e complementarios que, en función das distintas necesidades, sirva de axuda ao desenvolvemento normal do alumnado nos diferentes niveis de ensino, neste caso, nos niveis non universitarios.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, regula o réxime xurídico propio das subvencións cuxo establecemento e xestión lle corresponden á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por último, o procedemento de concesión destas subvencións quedará suxeito ao Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro, serie L).

Tendo en conta o devandito marco legal, faise pública esta convocatoria, mediante a cal se pretende fomentar a elaboración e a publicación de recursos didácticos curriculares en lingua galega e favorecer o tecido da industria editorial galega, segundo as seguintes bases.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Obxecto

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto deste procedemento é establecer axudas para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares e complementarios destes para os niveis non universitarios, segundo establece a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro (código de procedemento administrativo PL400B).

Con esta orde apróbanse as bases e convócanse estas axudas en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2. Orzamento

O financiamento das axudas farase con cargo ao crédito da partida orzamentaria 13.02.151A.470.1, correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, por unha contía máxima total de 200.000,00 €, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán solicitar estas subvencións as empresas mercantís do sector editorial que elaboren os recursos didácticos curriculares obxecto desta orde, sexan persoas físicas ou xurídicas, sempre que, estando legalmente constituídas, cumpran os requisitos establecidos nestas bases. Ademais, non deberán estar incursas nalgún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin incumprir os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

Artigo 4. Recursos didácticos subvencionables

1. Serán subvencionables a elaboración e a edición en lingua galega dos recursos didácticos curriculares e complementarios destes, realizados en soportes impresos ou dixitais.

A elaboración de material didáctico para a formación regrada de persoas adultas en lingua galega deberá incorporar as directrices do Marco europeo común de referencia para as linguas do Consello de Europa. Este texto pode ser consultado na páxina web institucional da Secretaría Xeral da Lingua (http://www.lingua.gal/recursos/outros/_/publicacions/recurso_0001/marco-europeo-comun-referencia-para-linguas).

2. Para os efectos desta norma, considérase recurso didáctico complementario calquera tipo de material educativo que contribúa a afondar no coñecemento dos bloques temáticos contidos nos currículos oficiais das ensinanzas non universitarias da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Requisitos

1. As empresas solicitantes deberán dispor dun departamento de edición na Comunidade Autónoma de Galicia, na epígrafe «edición de libros», que acreditarán coa copia do último recibo do imposto de actividades económicas (IAE).

2. Os materiais ou proxectos propostos deberán cumprir os seguintes requisitos:

– Só se subvencionarán proxectos que estean correctamente realizados en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e Normas ortográficas e morfolóxicas aprobadas pola Real Academia Galega na sesión plenaria do día 12 de xullo de 2003). Malia o anterior, admitiranse proxectos trimestralizados de primaria en que, cando menos, o 50 % da proposta se realice en lingua galega e nos cales as materias de obrigada impartición en galego, segundo o Decreto 79/2010, do 20 de maio, estean en galego, única lingua que se terá en conta para a valoración e subvención correspondente destas publicacións.

– Os materiais editados en soporte impreso deberán ter unha tiraxe mínima de 1.000 exemplares e os editados en soporte dixital ou audiovisual, de 500. En calquera caso, as publicacións electrónicas, pola súa natureza, non están suxeitas a este requisito e, de se editar nalgún soporte tanxible (memoria USB, cedé, deuvedé ou outros), a tiraxe mínima será de 50 exemplares.

– Os materiais terán que estar destinados á venda e haberá que acreditar o correspondente número de ISBN e a referencia do depósito legal definitivo. As obras en formato electrónico ou noutros soportes análogos ou similares acreditarán a existencia do depósito legal segundo o indicado na normativa reguladora do depósito legal (Lei 23/2011, do 29 de xullo, modificada pola Lei 8/2022, do 4 de maio, e Real decreto 635/2015, do 10 de xullo, polo que se regula o depósito legal das publicacións en liña). O depósito legal terá unha data posterior ao 31 de decembro de 2023. En ausencia de depósito legal, considerarase esta mesma data límite, pero referida á da obtención do correspondente ISBN.

Artigo 6. Exclusións

Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta orde, mesmo cumprindo os requisitos exixidos no artigo precedente, os seguintes recursos:

1. A edición de material didáctico para o nivel universitario.

2. Libros de creación literaria, dicionarios e enciclopedias.

3. Os libros de bibliófila/o.

4. As publicacións de difusión gratuíta.

5. Os libros publicados por clubs do libro ou entidades similares, destinados a seren distribuídos entre as súas persoas subscritoras.

6. As obras que non sexan primeira edición.

7. Os proxectos con contidos idénticos aos xa subvencionados nalgunha das tres últimas convocatorias, con independencia do soporte ou formato en que se presenten.

CAPÍTULO II

Da convocatoria pública

Artigo 7. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal (anexo I).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Considerarase último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día do prazo for inhábil, prorrogarase ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude (anexo I) remitirase a seguinte documentación:

1.1. Documento acreditativo da personalidade da persoa solicitante, que será:

• Se a empresa fose unha persoa xurídica, a copia da escritura ou documento de constitución, estatutos ou acta fundacional, e de modificación, se é o caso, inscrita no Rexistro Mercantil, cando este requisito fose exixible conforme a lexislación que lle fose aplicable.

1.2. Xustificación da representación con que actúa a persoa asinante da solicitude:

• Cando a persoa asinante da solicitude actúe no nome dunha persoa xurídica, a copia dos estatutos ou dos acordos sociais dos cales se deduza a antedita representación, ou do poder notarial correspondente, debidamente inscritos no Rexistro Mercantil ou no rexistro que corresponda, agás que a persoa representante presente a solicitude cun certificado dixital de representación. Neste caso, non será necesario presentar a devandita documentación se o certificado utilizado está vixente e non expirou o límite temporal de 2 anos desde a súa expedición.

1.3. Copia do último recibo do imposto de actividades económicas onde consta que a empresa editorial dispón dunha sede na Comunidade Autónoma de Galicia na epígrafe de «edición de libros».

1.4. Constancia documental da existencia dun contrato debidamente asinado, se o houbese, coa persoa autora ou tradutora da obra, que respectará o establecido no Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.

1.5. Un exemplar completo da maqueta definitiva para os recursos didácticos en formato presencial e, no caso dos de soporte informático e recursos multimedia ou electrónicos, o contido definitivo das obras para as cales se solicita a subvención ou ben os guións e as imaxes cando se trate de vídeos didácticos.

1.6. No caso de que as obras estean xa editadas, achegarase un exemplar de cada título e, nas publicacións electrónicas, a clave para a súa lectura, con todos os manuais e o software que as acompañe. Deberán ter un depósito legal posterior ao 31 de decembro de 2023. En ausencia de depósito legal, considerarase esta mesma data límite, pero referida á da obtención do correspondente ISBN.

1.7. Unha certificación da persoa que posúa a condición de editora pola que se compromete a ter editada, se non o estivese, a obra subvencionable o día 1 de setembro de 2025 como data límite (anexo III).

1.8. Unha certificación do importe que se solicita, desagregado por conceptos, referido ao orzamento do custo de execución da obra, no cal, ademais, deberá constar expresamente a tiraxe de exemplares. No caso das publicacións electrónicas, cando non exista ningún soporte tanxible, achegarase unha estimación das licenzas que se prevén comercializar.

1.9. Deberá achegarse unha descrición da obra para a cal se solicita a subvención (anexo II).

1.10. Unha memoria explicativa na cal se recollan as características técnicas, a temporización da edición e as persoas destinatarias.

2. Ademais da documentación indicada nos números 1.1 ao 1.10 deste artigo, a persoa solicitante deberá xuntar unha declaración sobre as axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto, en que indique que non solicitou nin se lle concedeu ningunha outra axuda para este mesmo proxecto e, de conformidade co Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, tamén deberá indicar nesta o conxunto de todas as axudas de minimis recibidas durante os tres anos previos, suxeitas ao citado regulamento ou a outros regulamentos de minimis.

Esta declaración atópase incluída no anexo I e, na súa virtude, comprométese, igualmente, a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña en réxime de minimis, durante os tres anos previos, doutras administracións públicas e doutros entes públicos nacionais e internacionais a partir da declaración inicial contida no referido anexo.

A aplicación do Regulamento (UE) nº 2023/2831 implica que a empresa beneficiaria, como única empresa, de conformidade coa definición outorgada no artigo 2.2 daquel, non pode percibir axudas de minimis concedidas por un Estado membro por un importe superior a 300.000 euros durante os tres anos previos á data de concesión desta subvención.

3. As publicacións trimestralizadas consideraranse como un único proxecto subvencionable. Tratarase igualmente a edición de cadernos, separatas, unidades didácticas e demais publicacións que se precise adquirir conxunta ou separadamente co libro de texto durante o mesmo curso académico, e que se precisen para desenvolver o currículo. Polo tanto, terán que se presentar como unha soa solicitude de subvención.

4. Así mesmo, cando unha empresa editorial presente varias solicitudes da mesma obra ou publicación, en distintos soportes e/ou formatos, considerarase como un proxecto global e concederáselles unha única subvención, que determinará a aplicación dos criterios de valoración e concesión ao conxunto de todos os formatos ou soportes en que se achegue a obra subvencionable.

5. A documentación especificada nos puntos 1.1 a 1.3 deste artigo presentarase unha soa vez no caso de achegar varias solicitudes de subvención.

6. As solicitudes de subvención deberán presentarse por separado para cada un dos recursos didácticos curriculares e complementarios subvencionables no modelo de solicitude que figura como anexo I, xunto coa documentación e no prazo establecido, e achegar a documentación correspondente aos puntos 1.1 a 1.3 para a primeira solicitude e, de ser o caso, os documentos dos puntos 1.4 ao 1.10 para as sucesivas.

7. Desestimaranse as solicitudes que non se axusten estritamente aos requisitos das epígrafes anteriores e os expedientes arquivaranse sen máis trámite.

8. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os devanditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

9. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

10. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

11. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

12. Se a solicitude non cumpre os requisitos dos puntos anteriores ou non reúne os datos de identificación ou algún dos aspectos previstos no artigo 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirase a entidade ou o solicitante, de conformidade co establecido no artigo 68 da dita lei, para que nun prazo de 10 días emende as faltas ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, cos efectos previstos no artigo 21 da mesma lei.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante. DNI ou NIE se é persoa física.

b) Se é o caso, NIF da entidade representante. DNI ou NIE se é persoa física.

c) Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas tributarias co Estado, emitido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificado acreditativo de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Consulta de concesións pola regra de minimis.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio (anexo I) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Artigo 11. Publicidade

1. As entidades beneficiarias deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiráselle á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo do seu requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 13. Base de datos nacional de subvencións

1. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo seranlle comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

A entidade outorgante das axudas consignará na Base de datos nacional de subvencións, no prazo de vinte (20) días hábiles a partir da concesión da axuda, a información sinalada no artigo 6.1 do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L).

2. As subvencións outorgadas ao abeiro desta orde figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a persoa solicitante consente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar, agás nos casos legalmente establecidos, de acordo co regulado no artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

CAPÍTULO III

Da instrución do procedemento

Artigo 14. Instrución do procedemento

O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido no articulado básico da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu desenvolvemento, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O órgano instrutor do procedemento será a persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística.

Artigo 15. Comisión de Valoración

1. Aquelas solicitudes que cumpran cos requisitos desta convocatoria serán analizadas pola Comisión de Valoración que se creará para tal fin, segundo os criterios de valoración e concesión establecidos no artigo seguinte.

2. Esta comisión estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, que poderá delegar nunha persoa coa condición de persoal funcionario da secretaría xeral.

Secretario/a: unha persoa coa condición de persoal funcionario ou técnico da Secretaría Xeral da Lingua, con voz pero sen voto.

Vogais:

– Unha persoa experta en didáctica proposta pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

– Unha persoa técnica con amplos coñecementos no eido da edición en galego, proposta pola Asociación Galega de Editoras.

– Dúas persoas coa condición de persoal funcionario ou técnico da Secretaría Xeral da Lingua.

As persoas vogais e o/a secretario/a serán nomeados pola persoa titular da Secretaría Xeral da Lingua.

Calquera das persoas que formen parte da Comisión declararán por escrito que non teñen relación coas persoas solicitantes ou, de ser o caso, cos representantes das persoas xurídicas solicitantes da convocatoria e absteranse se se dá algunha das circunstancias do artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

3. A Comisión de Valoración ten atribuídas as seguintes funcións:

– A avaliación das solicitudes, de conformidade cos criterios de valoración previstos no artigo 16 destas bases, que se atopan motivados no Protocolo de obxectivación dos criterios de valoración, que foi elaborado e asinado o ano pasado, para aplicalos de maneira uniforme a todos os expedientes.

– Emitir o informe motivado de valoración das solicitudes segundo o cal o órgano instrutor formulará a proposta de resolución. Logo da correspondente avaliación, deixará constancia documental mediante un informe motivado onde se relacionarán as solicitudes examinadas por orde de prelación e sinalaranse os proxectos que obteñan maior puntuación. Para isto poderán contar cos informes técnicos dunha comisión de persoas expertas en deseños curriculares, nomeada pola persoa titular da Secretaría Xeral da Lingua, e do servizo de asesoramento lingüístico do departamento.

4. A Comisión quedará validamente constituída coa presenza do/da presidente/a, do/da secretario/a e da metade dos seus membros, conforme o establecido no artigo 17.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, e no artigo 19.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia.

No non previsto nesta convocatoria, o funcionamento desta comisión axustarase ao réxime establecido no capítulo II do título preliminar, sección 3ª, da devandita Lei 40/2015, e no título I, capítulo I, sección 3ª, da Lei 16/2010.

Artigo 16. Criterios de valoración para a concesión das propostas subvencionables

Consideraranse criterios de valoración para a concesión da subvención os seguintes:

a) Calidade da obra:

1. Adaptación dos materiais ao currículo oficial establecido. Valorarase a coherencia da proposta curricular, considerando os obxectivos, os contidos e o desenvolvemento das competencias clave do currículo, de 0 a 35 puntos.

De acordo co informe técnico da Comisión de Persoas Expertas, o órgano avaliador terá en conta os seguintes aspectos:

1.1. Obxectivos propostos e obxectivos propios da área/materia/ámbito/módulo abordados ao longo da obra.

– Se se abordan, valórase con 10 puntos.

– Se non se abordan, valórase con 0 puntos.

1.2. Contidos propostos e contidos propios da área/materia/ámbito/módulo abordados ao longo da obra.

– Se se abordan, valórase con 10 puntos.

– Se non se abordan, valórase con 0 puntos.

1.3. Competencias clave que se desenvolven e se fan explícitas ao longo de toda a obra.

– Se se desenvolven transversalmente e de forma explícita ao longo da obra, valórase con 15 puntos.

– No caso de que se desenvolvan transversalmente, pero non sexa de forma explícita, valórase con 10 puntos.

– Se non se desenvolven, valórase con 0 puntos.

A obtención de 0 puntos no número 1.1 ou 1.2 da alínea a), impedirá continuar coa valoración do proxecto e quedará excluído.

Así mesmo, a obtención dunha puntuación inferior a 30 puntos no número 1 da alínea a) deste artigo impediralle á persoa solicitante da pretendida subvención continuar no procedemento para a súa concesión e quedará excluída.

2. Tipo de actividades. Valorarase de 0 a 10 puntos a súa adecuación á diversidade e aos intereses do alumnado, e que promovan a adquisición das competencias, a autonomía do alumnado, a investigación, o traballo de grupo e a participación activa, a lectura comprensiva e a reflexión crítica, a iniciativa e a creatividade, así como a adquisición de hábitos intelectuais e técnicas de traballo.

De acordo co informe técnico da Comisión de Persoas Expertas, o órgano avaliador terá en conta os seguintes aspectos:

2.1. Que as actividades propostas sexan variadas e non repetitivas.

– No caso de seren variadas e non repetitivas, valórase con 2 puntos.

– No caso de seren pouco repetitivas e variadas, valórase con 1 punto.

– No caso de seren repetitivas e nada variadas, valórase con 0 puntos.

2.2. Se se axeitan á diversidade e aos intereses do alumnado.

– No caso de se axeitaren á diversidade e aos intereses do alumnado, valórase con 2 puntos.

– No caso de seren pouco axeitadas, valórase con 1 punto.

– No caso de non se axeitaren, valórase con 0 puntos.

2.3. Que promovan:

• A autonomía do alumnado.

Se se promove de forma completa, valórase con 1 punto.

Se non se fomenta ou se promove de forma escasa, valórase con 0 puntos.

• A investigación.

Se se promove de forma completa, valórase con 1 punto.

Se non se fomenta ou se promove de forma escasa, valórase con 0 puntos.

• O traballo colaborativo e a participación activa.

Se se promoven de forma completa, valórase con 1 punto.

Se non se fomentan ou se promoven de forma escasa, valórase con 0 puntos.

• A lectura comprensiva e a reflexión crítica.

Se se promoven de forma completa, valórase con 1 punto.

Se non se fomentan ou se promoven de forma escasa, valórase con 0 puntos.

• A iniciativa e a creatividade.

Se se promoven de forma completa, valórase con 1 punto.

Se non se fomentan ou se promoven de forma escasa, valórase con 0 puntos.

• A adquisición de hábitos intelectuais e técnicas de traballo.

Se se promoven de forma completa, valórase con 1 punto.

Se non se fomentan ou se promoven de forma escasa, valórase con 0 puntos.

3. Elementos motivadores. Valorarase de 0 a 5 puntos se o material dos recursos didácticos curriculares ou complementario destes toma en consideración os intereses do alumnado galego, as súas ideas previas, a súa idade, se é atractivo visualmente e se propón formas variadas e orixinais de introducir as unidades didácticas curriculares ou complementarias destes e os contidos asociados promovendo o desenvolvemento de habilidades e competencias. Terase en consideración se proporcionan oportunidades para a resolución de problemas, creatividade e pensamento crítico. Valorarase tamén a inclusión de mecanismos de retroalimentación como estratexias que lle permitan ao alumnado coñecer o seu progreso, logros e esforzos individuais e grupais, fomentando a autoestima e a motivación intrínseca. Así mesmo, valorarase que inclúa mecanismos que promovan a alfabetización dixital, mediática e informacional do alumnado.

De acordo co informe técnico da Comisión de Persoas Expertas, o órgano avaliador terá en conta os seguintes aspectos:

3.1. Que o material dos recursos didácticos curriculares ou complementario destes sexa visualmente atractivo.

– Se a escolla dos elementos gráficos (imaxes, fontes, cores etc.), así como a súa distribución, achega claridade, favorece e motiva a aprendizaxe, valórase con 1 punto.

– Se a escolla dos elementos gráficos, así como a súa distribución, achega certa claridade, favorece ou motiva a aprendizaxe, valórase con 0,5 puntos.

– Se a escolla dos elementos gráficos, así como a súa distribución, non achega claridade nin favorece ou motiva a aprendizaxe, valórase con 0 puntos.

3.2. Que relacione os contidos cos intereses e experiencias previas do alumnado e que teñan aplicacións prácticas na súa vida cotiá, de acordo coa súa idade e o seu nivel académico.

– Se relaciona os contidos cos intereses e experiencias previas do alumnado e teñen aplicacións prácticas na súa vida cotiá, de acordo coa súa idade e o seu nivel académico, valórase con 1 punto.

– Se non relaciona os contidos cos coñecementos que o alumnado previsiblemente ten de acordo coa súa idade e o seu nivel académico, valórase con 0 puntos.

3.3. Que propoña formas variadas e orixinais de introducir as unidades didácticas ou recursos complementarios destas e os contidos asociados a elas, promovendo o desenvolvemento de habilidades e competencias. Terase en consideración se proporcionan oportunidades para a resolución de problemas, creatividade e pensamento crítico.

– Se propón formas variadas e orixinais de introducir as unidades e os contidos asociados a elas, promovendo o desenvolvemento de habilidades e competencias e proporcionan oportunidades para a resolución de problemas, creatividade e pensamento crítico, valórase con 1 punto.

– Se propón pouca variedade ao introducir as unidades e os contidos asociados a elas, valórase con 0,5 puntos.

– Se non propón formas variadas e orixinais ao introducir as unidades e os contidos asociados a elas, puntúase con 0 puntos.

3.4. Que inclúan mecanismos de retroalimentación como estratexias que lle permitan ao alumnado coñecer o seu progreso, logros e esforzos individuais e grupais, fomentando a autoestima e a motivación intrínseca.

– Se inclúe mecanismos de retroalimentación, como estratexias que lle permiten ao alumnado coñecer o seu progreso, logros e esforzos individuais e grupais, promovendo a reflexión sobre os contidos, actividades e resultados, fomentando así a autoestima e a motivación intrínseca, valórase con 1 punto.

– Se non propón ningún mecanismo de retroalimentación, valórase con 0 puntos.

3.5. Que inclúa mecanismos que promovan a alfabetización dixital, mediática e informacional do alumnado para desenvolverse nos medios actuais, producir contido e entender dunha maneira crítica a información que recibe.

– Se inclúe mecanismos que promovan a alfabetización dixital, mediática e informacional do alumnado para desenvolverse nos medios actuais, producir contido e entender dunha maneira crítica a información que recibe: 1 punto.

– Se non propón mecanismos que promovan a alfabetización dixital, mediática e informacional do alumnado: 0 puntos.

O material didáctico curricular ou complementario deberá acadar 5 ou máis puntos no número 2 e un mínimo de 3 puntos no número 3 da alínea a) deste artigo, para ser susceptible de ser subvencionado.

4. Elementos transversais do currículo. Valoraranse de 0 a 5 puntos se o material trata, entre outros, con carácter transversal o seguinte:

A educación para o respecto mutuo e a cooperación entre iguais.

A igualdade de trato e a non discriminación.

A igualdade de xénero.

A educación para a saúde, incluída a afectivo-sexual.

A educación emocional e en valores.

A educación para a paz.

O emprendemento.

A educación para o consumo responsable e o desenvolvemento sostible.

A aprendizaxe da prevención e resolución pacífica de conflitos.

O fomento da creatividade e do espírito científico.

De acordo con informe técnico da Comisión de Persoas Expertas, o órgano avaliador terá en conta o seguinte:

– Se o material mostra todos os elementos integrados de forma contextualizada e coherente nos procesos didácticos, evidencia estes elementos mediante a recreación de situacións alleas ou próximas ao alumnado, desenvolve un asunto relevante desde a perspectiva dun ou varios temas transversais, entre outros, valórase con 5.

– Se se incorporan elementos curriculares que desenvolven só algún deles, valorase cada un con 0,50.

– Se non se desenvolven, valórase con 0.

5. Adecuación da linguaxe ao nivel académico e á diversidade do alumnado. Valorarase de 0 a 5 puntos.

De acordo co informe técnico da Comisión de Persoas Expertas, o órgano avaliador terá en conta os seguintes aspectos:

5.1. Proporciona opcións para a comprensión global.

Se ofrece opcións para que o alumnado acceda á comprensión partindo de coñecementos previos diversos, con estratexias e ferramentas variadas, valorarase ata 2 puntos.

5.2. Proporciona varias opcións de percepción.

Se ofrece diversas opcións que faciliten a percepción do alumnado con dificultades visuais, auditivas, de atención etc., valorarase ata 1,5 puntos.

5.3. Propón opcións de interacción diversas en diferentes soportes.

Se propón opcións de interacción diversas en diferentes soportes, valorarase ata 1,5 puntos.

6. Adaptación dos textos ás particularidades socioculturais de Galicia. Valorarase de 0 a 15 puntos que o material didáctico curricular ou complementario deste inclúa información, exemplos, exercicios ou actividades relacionados coa realidade social e cultural de Galicia. Así mesmo, valorarase a incorporación de elementos que fomenten o coñecemento e a valoración da propia identidade e contorno, proxectando unha imaxe de Galicia como unha comunidade innovadora, aberta ao mundo e plenamente integrada na realidade social europea, moderna e diversa, non restrinxida a aspectos folclóricos ou costumistas.

De acordo co informe técnico da Comisión de Persoas Expertas, o órgano avaliador terá en conta os seguintes aspectos:

6.1. Que o material didáctico curricular ou complementario deste adecúe os contidos tratados e os obxectivos á realidade de Galicia e incorpore elementos que fomentan o coñecemento e a valoración da propia identidade e contorno.

– Se existe adecuación, reflicte a realidade galega e incorpora elementos que fomentan o coñecemento e a valoración da propia identidade e contorno, valórase con 7 puntos.

– Se contén algunhas referencias (por exemplo, nomes propios, topónimos, referencia a cidades, etc.), valórase con 3,50 puntos.

– Se non hai referencias nin adecuación á realidade galega, valórase con 0 puntos.

6.2. Que a adecuación á realidade cultural e social de Galicia se faga por medios variados: a través de todas as ilustracións onde é posible mostrar a realidade de Galicia, por medio de exemplos, de textos, de autores/as escollidos para as citas, das realidades propostas como obxecto de estudo (persoeiros, obras, institucións, acontecementos, obras, institucións, datos demográficos e económicos, elementos xeográficos, arquitectónicos, artísticos, musicais…).

– Se a adecuación se fai por medios variados e de forma moi completa, valórase con 4 puntos.

– Se contén algunhas referencias, pero son escasas e pouco relevantes, valórase con 2 puntos.

– Se non hai referencias, valórase con 0 puntos.

6.3. A imaxe de Galicia que transmite.

– Se inclúe gran variedade de información, exemplos, exercicios ou actividades relacionadas, entre outras dimensións, coa realidade social, económica, política, ambiental, histórica e cultural de Galicia e transmite unha idea de comunidade innovadora, aberta ao mundo e plenamente integrada na realidade social europea, moderna e diversa, non restrinxida a aspectos folclóricos ou costumistas, valórase con 4 puntos.

– Se menciona algún exemplo, exercicio ou actividade relacionada coa realidade social, económica, política, ambiental, histórica e cultural de Galicia e a imaxe que transmite contén algunhas referencias, valórase con 2 puntos.

– Se non hai referencias, valórase con 0 puntos.

7. Calidade lingüística. Valorarase de 0 a 15 puntos.

De conformidade cos informes técnicos das persoas que compoñen o servizo de asesoramento lingüístico da Secretaría Xeral da Lingua, o órgano avaliador terá en conta os seguintes aspectos:

a. A redacción e a coherencia dos textos escritos.

b. A corrección lingüística.

Unha valoración inferior a 8 puntos neste número 7 da alínea a) desta orde suporá que a persoa solicitante da pretendida subvención quedará excluída do procedemento para a súa concesión.

b) Orixinalidade da obra:

De acordo co informe técnico da Comisión de Persoas Expertas, o órgano avaliador terá en conta os seguintes aspectos:

1. Recursos didácticos curriculares ou complementarios destes de creación propia. Valoraranse con 10 puntos.

2. Recursos didácticos curriculares ou complementarios destes que sexan obras de refundición ou adaptación. Valoraranse con 5 puntos.

Consideraranse adaptacións todas aquelas modificacións do texto orixinal para adecualas ás particularidades sociais, culturais, económicas, históricas, políticas, xeográficas, deportivas, etc. de Galicia. Neste caso, os recursos didácticos curriculares ou complementarios destes terán que incorporar obrigatoriamente contidos relacionados coa realidade social e cultural de Galicia.

3. Recursos didácticos curriculares ou complementarios destes que sexan traducións. Valoraranse con 3 puntos.

c) Criterios preferentes:

1. Os materiais curriculares ou complementarios destes destinados á formación profesional específica obterán un incremento final da puntuación global dun 20 % sobre a puntuación acadada, logo de aplicar os criterios de valoración das alíneas a) e b) deste artigo.

2. Os materiais curriculares ou complementarios destes destinados ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo obterán, así mesmo, un incremento de puntuación global do 20 % sobre a puntuación acadada, unha vez aplicados os criterios das alíneas a) e b) deste artigo.

Enténdese por alumnado con necesidade específica de apoio educativo as alumnas e os alumnos que requiren unha atención educativa diferente á ordinaria, por presentaren necesidades educativas especiais, por atraso madurativo, por trastornos do desenvolvemento da linguaxe e da comunicación, por trastornos de atención ou de aprendizaxe, por descoñecemento grave da lingua de aprendizaxe, por se atoparen en situación de vulnerabilidade socioeducativa, polas súas altas capacidades intelectuais, por se teren incorporado tarde ao sistema educativo ou por condicións persoais ou de historia escolar.

3. A puntuación que se asigne a cada proxecto obterase coa aplicación proporcional dos tramos do baremo anteriormente descrito, do cal resultará que cada unha das subvencións propostas se determinará establecendo a proporción entre os puntos obtidos e a dotación económica total da convocatoria.

4. Para que un proxecto determinado poida optar a unha subvención das reguladas nesta orde será preciso que acade unha puntuación global mínima do 50 % do resultado da suma dos diferentes puntos das alíneas a) e b) deste artigo.

Artigo 17. Proposta de resolución

1. A Comisión de Valoración realizará un informe coa relación de entidades ou persoas solicitantes, especificando a súa puntuación de acordo cos criterios de valoración establecidos na convocatoria, tendo en conta para cada proposta subvencionable a motivación contida no protocolo técnico de obxectivación de criterios de valoración, elaborado pola Comisión de Persoas Expertas en Deseños Curriculares, para analizar a adaptación da proposta ao currículo correspondente. Así mesmo, o órgano instrutor do procedemento formulará a correspondente proposta de resolución das subvencións e a súa contía, que elevará, xunto co informe da Comisión, á persoa titular da Secretaría Xeral da Lingua, quen resolverá, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, segundo o indicado na disposición adicional primeira desta convocatoria.

2. A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia e notificaráselle ás persoas interesadas propostas como beneficiarias. Na citada notificación comunicaráselle á persoa beneficiaria o importe da axuda, e o seu carácter de minimis facendo unha referencia expresa ao Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro, serie L).

3. Unha vez notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez (10) días naturais para non aceptala e, transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 18. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de a Administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a súa posta á disposición sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

CAPÍTULO IV

Terminación do procedemento

Artigo 19. Resolución

1. O prazo máximo para a resolución da concesión non poderá exceder os cinco meses, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Toda alteración das condicións observadas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Secretaría Xeral da Lingua no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, quen resolverá segundo o indicado na disposición adicional primeira desta convocatoria, ou ben interpor directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Logo de que transcorra o prazo máximo para resolver o procedemento, entenderase que se desestima a concesión da subvención e, polo tanto, o silencio administrativo terá carácter negativo.

Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias e xustificación de custos

1. O prazo para xustificar as subvencións concedidas remata o día 30 de setembro de 2025.

2. Co límite da devandita data, as entidades e persoas beneficiarias das axudas deberán remitirlle á Secretaría Xeral da Lingua a seguinte documentación:

2.1. Un exemplar da obra editada; no caso das publicacións electrónicas, a clave de acceso para a súa lectura.

2.2. Unha certificación da tiraxe, expedida pola persoa editora ou representante da editorial ou, se é o caso, pola empresa que realice os traballos de impresión. No caso dos formatos electrónicos, tendo en conta que non sempre contan con soporte tanxible, esta certificación expresará o número de licenzas que se comercializaron ou que se espera comercializar, se as houbese.

2.3. Acreditación da existencia do correspondente depósito legal. Para estes efectos, abondará cunha certificación emitida polo impresor ou, se é o caso, por quen represente legalmente a empresa, en que se exprese a posesión do depósito legal definitivo. No caso das obras que xa se presenten editadas a esta convocatoria, non se precisa xustificar este aspecto, por acreditalo coa documentación que achegaron coa solicitude.

Así mesmo, cos materiais que non dispoñen de depósito legal, polas súas características, acreditarase que a data de obtención do ISBN definitivo é posterior ao 31 de decembro de 2023, agás que xa se xustificase na fase da solicitude.

2.4. Anexo IV: declaracións complementarias do conxunto das axudas, incluídas, de ser o caso, as de minimis.

2.5. Para subvencións de importe superior aos 30.000 euros, cando a persoa solicitante estea incluída no ámbito de aplicación da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, os gastos subvencionables en que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ser aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro. Este prazo non superará os 60 días, en calquera caso.

Esta circunstancia acreditarase coa conta de perdas e ganancias abreviada, no suposto de que poida presentala e, na súa falta, coa certificación dun auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

2.6. Os xustificantes dos gastos e pagamentos realizados para a edición da obra, de acordo coa resolución de concesión, e nos termos expresados na proposta presentada, xunto cunha relación detallada e numerada destes, onde se indique: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, importe sen IVE, data de emisión, por un importe mínimo equivalente ao da subvención concedida (excluído o IVE).

Os gastos e pagamentos xustificaranse con copia das facturas en formato electrónico admisible legalmente e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa. Así mesmo, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados ou por calquera outro medio de proba que acredite a realización do pagamento, segundo especifican os artigos 42 e 49 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de que o pagamento se realice mediante banca electrónica, o xustificante da transferencia bancaria deberá presentarse asinado electronicamente pola persoa representante da empresa beneficiaria das subvencións.

En concepto de nóminas e Seguridade Social, só se admitirá un máximo do 30 % do total da contía da subvención concedida, para o cal haberá que achegar, ademais das nóminas correspondentes, unha certificación en que se faga constar expresamente a parte proporcional que se dedicou á realización da obra, en tempo e en custo. No caso das publicacións electrónicas, a porcentaxe citada poderá chegar ao 100 % do importe da subvención.

3. As persoas beneficiarias quedarán obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Secretaría Xeral da Lingua, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e/ou polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. Nas publicacións subvencionadas constará o carácter público do financiamento da Xunta de Galicia, empregando para iso os logotipos aprobados polo Manual de identidade corporativa, que poderán consultar no seguinte enderezo: https://www.xunta.gal/identidade-corporativa. O texto que se incluirá deberá ser: «Subvencionado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Secretaría Xeral da Lingua». A utilización indebida e/ou incorrecta deste texto será motivo de perda da subvención.

5. A falta de presentación da xustificación nos prazos establecidos ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e as demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, ditarase a oportuna resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 21. Pagamento

1. A subvención concedida aboarase mediante un pagamento único logo de que se presente electronicamente a documentación xustificativa.

2. Se o importe xustificado for inferior ao da subvención concedida, esta minorarase porcentualmente.

3. A contía fixada na resolución poderá ser revisada á baixa polo órgano responsable da concesión da axuda se a calidade e a tiraxe definitiva certificada non concordasen co inicialmente declarado na solicitude.

4. Esta subvención é compatible con calquera outra axuda para o mesmo proxecto, co límite do 100 % do investimento. No caso de que se lle conceda outra subvención para o mesmo proxecto no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicarllo á Administración autonómica. A este respecto, é de aplicación o disposto no artigo 11.d) e no 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o cal o importe da subvención se minorará cando a súa contía, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, supere o 100 % do custo da actividade subvencionada.

Artigo 22. Perda da subvención

Calquera alteración dos datos que figuran no impreso de solicitude e calquera outro incumprimento das normas contidas nesta orde terá como consecuencia a revogación da axuda, logo da audiencia á empresa interesada, e esta, se for o caso, terá que reintegrar as cantidades percibidas e mais os xuros de mora xerados desde o momento do seu pagamento, de acordo co estipulado no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste suposto, a Secretaría Xeral da Lingua, de conformidade co previsto no artigo 95 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, acordará, así mesmo, o arquivamento das actuacións e a caducidade do procedemento.

Disposición adicional primeira

Delégase expresamente no secretario xeral da Lingua o exercicio das facultades que a normativa en materia de axudas e subvencións públicas en réxime de concorrencia competitiva lle atribúe á persoa titular da consellería.

Disposición adicional segunda. Comisión de Valoración

Se cando a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha ou algún dos seus compoñentes non pode asistir, será substituída/o pola persoa que para o efecto designe o titular da Secretaría Xeral da Lingua.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral da Lingua para adoptar todos os actos e medidas necesarias para a execución, desenvolvemento e resolución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Normativa aplicable

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións, contida na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións, de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Supletoriamente, será de aplicación a regulación contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, así como a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, entre outras.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor un recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben interpoñer directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. No entanto, no caso de recorrer potestativamente en reposición, non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P. D. (Orde do 28.6.2024)
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file