O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.
Así mesmo, o artigo 10 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo, establece que, cando a folga se declare en empresas encargadas da prestación de calquera xénero de servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade e concorran circunstancias de especial gravidade, a autoridade gobernativa poderá acordar as medidas necesarias para asegurar o funcionamento dos servizos.
Ademais, a xurisprudencia do Tribunal Constitucional, entre outras a STC 183/2006, do 19 de xuño, vén considerando como servizos esenciais aqueles que satisfagan dereitos e intereses dos cidadáns vinculados aos dereitos fundamentais, liberdades públicas e bens constitucionalmente protexidos, como son os dereitos á protección da saúde e o dereito á seguridade e hixiene no traballo.
O exercicio deste dereito na Administración, así como nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os cales se encontra a sanidade.
O desempeño da prestación da asistencia sanitaria pública non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este. Isto implica a necesidade de conxugar o citado exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, en prol de preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.
O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.
Mediante escrito dirixido á Delegación do Goberno en Galicia, a Confederación Intersindical Galega (CIG) comunicou unha convocatoria de folga no Servizo de Fisioterapia do Instituto Médico Quirúrgico San Rafael, S.A., situado na Coruña, centro sanitario de titularidade privada, para os días 3, 10, 11, 21, 22 e 25 de abril de 2025, das 00.00 ás 24.00 horas, e con carácter de indefinida a partir das 00.00 horas do día 5 de maio de 2025.
Cómpre sinalar que a dita comunicación foi recibida nesta consellería o día 4 de abril de 2025, isto é, con posterioridade á data de inicio prevista para ela, por ser presentada nun rexistro non habilitado para os efectos.
Por outra banda, e con motivo da comunicación da devandita convocatoria de folga á empresa, o día 28 de marzo de 2025 tivo lugar unha xuntanza, á cal asistiron os representantes do centro hospitalario e o Comité de Folga, co fin de acordar os servizos mínimos durante o período de folga.
Tras as negociacións mantidas na dita reunión e co obxectivo de garantir a prestación adecuada dun servizo esencial como é o da fisioterapia, acadouse un acordo entre a Dirección do centro hospitalario e o Comité de Folga sobre a determinación dos servizos mínimos que cumpría establecer durante o período de folga, que lle foi comunicado a esta Consellería de Sanidade mediante un escrito de data 28 de marzo de 2025.
En virtude do exposto, ao ter constancia da formalización da comunicación do aviso previo da folga en prazo e ao existir un acordo expreso entre as partes implicadas sobre os servizos mínimos, que se considera que cumpre coa actividade mínima necesaria para asegurar que o dito servizo funcione adecuadamente, e tendo en conta o período para o cal está convocada a dita folga, correspóndelle a esta consellería ratificar os servizos mínimos que cómpre establecer durante a folga, con carácter extemporáneo ao seu inicio.
Con base no que antecede, á vista do acordo alcanzado entre o Comité de folga e os representantes do Hospital Instituto Médico Quirúrgico San Rafael, S.A., e no exercicio das competencias atribuídas,
DISPOÑO:
Artigo 1
Ratificar o acordo subscrito o 28 de marzo de 2025 entre a dirección do Hospital Instituto Médico Quirúrgico San Rafael, S.A. e o Comité de Folga sobre o establecemento dos servizos mínimos durante a folga do servizo de fisioterapia do devandito hospital, convocada desde as 00.00 as 24.00 horas dos días 3, 10, 11, 21, 22 e 25 de abril de 2025 e con carácter indefinido a partir das 00.00 horas do día 5 de maio de 2025.
A convocatoria da folga referida entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo o acordo alcanzado entre o Comité de Folga e os representantes do Hospital Médico Quirúrgico San Rafael, S.A., que se ratifican nesta orden.
Os servizos mínimos acordados teñen por finalidade garantir a continuidade asistencial das persoas hospitalizadas e evitar prexuízos graves e irreparables para a saúde dos pacientes que requiren atención fisioterapéutica.
Os/as pacientes ingresados/as precisan do control axeitado que permita asegurar o seguimento da súa evolución e a supervisión do tratamento, para evitar estadías innecesarias que puideren modificar ou complicar a dita evolución.
Segundo consta na acta levantada na xuntanza mantida o 28 de marzo de 2025 entre o Comité de Folga e os representantes do Hospital Instituto Médico Quirúrgico San Rafael, S.A., sería suficiente para cubrir os doentes ingresados no devandito hospital con que un traballador/a cubrise ese servizo mínimo.
Polo tanto, existe o acordo entre o Comité de Folga e os representantes do Hospital Instituto Médico Quirúrgico San Rafael, S.A. de cubrir os servizos mínimos cun fisioterapeuta para a atención exclusivamente de pacientes ingresados, ben en quenda de mañá ou de tarde, o que evitaría que se causase un prexuízo grave aos devanditos doentes.
De acordo coa motivación anterior, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a cobertura axeitada do servizo esencial da asistencia sanitaria, con total seguridade para os/as pacientes, sen pór en risco a realización da actividade asistencial, para os efectos de evitar así que se produzan graves prexuízos á cidadanía. Ao mesmo tempo responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado.
Estas circunstancias, unidas á necesidade de garantir a presenza dun mínimo de persoal que poida atender de forma permanente a actividade imprescindible e esencial nese ámbito, determinan que se establezan os servizos mínimos que figuran no anexo desta resolución.
Artigo 2
O Hospital Instituto Médico Quirúrgico San Rafael, S.A. adoptará as medidas organizativas necesarias para asegurar o cumprimento efectivo dos servizos mínimos durante a vixencia da folga.
O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación ao comezo da folga.
A designación nominal de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será determinada pola empresa e notificada ao persoal designado.
O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.
Artigo 3
Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE número 58, do 9 de marzo).
Artigo 4
O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.
Artigo 5
Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios/as dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.
Disposición derradeira
Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 8 de abril de 2025
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
ANEXO
Nas xornadas de folga a que fai referencia esta orde terán a consideración de servizos mínimos os que a continuación se relacionan:
• Quenda de mañá: 1 fisioterapeuta.
• Quenda de tarde: 1 fisioterapeuta.
