BDNS (Identif.): 825803.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS):
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/825803
Primeiro. Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas os organismos intermedios empresariais de Galicia.
Consideraranse, así mesmo, beneficiarias as empresas que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento núm. 651/2014 da Comisión, incluso autónomos, que teñan un centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia con polo menos un traballador no momento da presentación da axuda e que participen directamente nas accións subvencionadas e ás que se lles imputará a axuda de minimis que lles corresponda segundo o gasto subvencionado. Cada peme participante deberá declarar o cumprimento dos requisitos de peme e as axudas de minimis solicitadas e/ou concedidas nos tres anos previos á concesión da axuda.
As empresas deben estar dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do final do prazo de presentación de solicitudes de axuda, a través do procedemento do Igape IG192.
Segundo. Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto impulsar a posta en marcha de proxectos de internacionalización que reforcen a proxección e o posicionamento das empresas galegas nos mercados internacionais. Para iso, fomentarase a realización conxunta de accións de promoción no exterior, promovendo cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 31 de marzo de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios 2025), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG421A).
Cuarto. Importe
Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7810 e cos seguintes importes e distribución plurianual: 1.000.000 € con cargo ao ano 2025 e 500.000 € con cargo ao ano 2026.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computarse transcorridos 5 días hábiles a contar desde o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará o 30 de setembro de 2025, ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.
Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2025
Patricia Villajos Grande
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica
