Mediante a Resolución do 25 de marzo de 2024 (DOG núm. 63, do 1 de abril) aprobáronse as listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas do proceso para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira do corpo auxiliar da Administración xeral e do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial, subgrupo C2, do persoal laboral fixo de diversas categorías e postos pertencentes ao grupo IV e V do V Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia, mediante o seu cambio de vínculo xurídico convocado pola Resolución do 15 de decembro de 2023 (DOG núm. 243, do 26 de decembro).
A Orde do 23 de decembro de 2024 (DOG núm. 2, do 3 de xaneiro) modificou o anexo do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, polo que se establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia. A dita modificación permite que o persoal da categoría 99 do grupo III (coidador/a a extinguir) e da categoría 4 do grupo IV (auxiliar de fogar) que dispoña da titulación habilitante para o acceso á escala de auxiliares de clínica poida optar pola súa funcionarización na escala auxiliar de coidadores ou na escala de auxiliares de clínica do subgrupo C2.
Mediante a Resolución do 17 de febreiro de 2025 (DOG núm. 38, do 25 de febreiro) modificouse a Resolución do 15 de decembro de 2023 para os efectos de permitir que as persoas aspirantes da categoría 99 do grupo III (coidador/a a extinguir) e da categoría 4 do grupo IV (auxiliar de fogar) que figuran nas listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas e que dispoñen da titulación exixida para o acceso á escala de auxiliares de clínica poidan optar pola súa funcionarización na dita escala, para o cal se habilitou un prazo de 15 días hábiles.
Unha vez transcorrido o dito prazo, cómpre modificar as ditas listaxes definitivas de acordo coa elección manifestada polas persoas aspirantes, polo que esta dirección xeral
RESOLVE:
Modificar as listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas ao proceso para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira do corpo auxiliar da Administración xeral e do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial, subgrupo C2, do persoal laboral fixo da categoría 99 (coidador/a a extinguir) do grupo III e da categoría 4 (auxiliar de fogar) do grupo IV e dar publicidade ás novas listaxes para a funcionarización na escala auxiliar de coidadores e na escala auxiliar de clínica.
As listaxes definitivas de persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación da causa determinante da súa exclusión, poderanse consultar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal
Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto no artigo 8.2 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, en relación co artigo 10.1 do mesmo texto legal.
Santiago de Compostela, 3 de abril de 2025
O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
