Na sesión que tivo o lugar o 31 de marzo de 2025, o tribunal nomeado pola Resolución do 10 de decembro de 2024 (DOG núm. 241, do 16 de decembro) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, grupo B, escala técnica de delineantes, convocado pola Resolución do 16 de novembro de 2023 (DOG núm. 221, do 21 de novembro),
ACORDOU:
Primeiro. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, e logo da revisión das reclamacións presentadas contra o primeiro exercicio do proceso selectivo, anúlanse as preguntas número 31, 40, 103, 105, 124 e 139 do primeiro exercicio e substitúense polas preguntas número 142, 143, 146, 147 e 148, respectivamente. Igualmente anúlase a pregunta de reserva identificada co número 151, sen que se proceda á súa substitución.
Así mesmo, modifícase o cadro de respostas correctas no relativo ás preguntas número 69, 94 e 141.
Desestímanse na súa totalidade as restantes reclamacións.
Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, superarán o primeiro exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes que obtivesen unha puntuación mínima de cincuenta puntos (50 puntos).
Para estes efectos, de conformidade coas bases da convocatoria, mediante resolución deste tribunal do 30 de xaneiro de 2025, estableceuse que as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número total de prazas convocadas, sempre que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.
Non obstante, de darse o caso de que o número de aspirantes que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 50 % das respostas netas sexa inferior ao resultado de multiplicar por catro o número de prazas convocadas, superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata acadar a devandita cifra, sempre que obtivesen, en cada unha das partes, o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.
Para os efectos do previsto nos dous parágrafos anteriores, e de acordo coa cláusula II.1.1.1. da convocatoria, o número total de prazas convocadas ascende a nove (9), xa que non hai aspirantes admitidos pola quenda de promoción interna.
Feita a corrección na sesión do 24 de marzo de 2025, un total de 54 aspirantes acadaron o mínimo do 50 % das respostas correctas en cada unha das partes, unha vez feitos os descontos correspondentes. En consecuencia, a nota de corte establécese no número de respostas correctas obtidas pola persoa aspirante que, alcanzando o limiar do 50 % de respostas correctas en cada unha das partes, obtivo a trixésimo sexta mellor puntuación.
Así, a valoración de 50 puntos corresponde con 68,75 respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes e alcanzado o 50 % de respostas correctas en cada parte.
As persoas declaradas aptas teñen unha cualificación distribuída entre os 50 e os 100 puntos, proporcional ao número de respostas correctas.
Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas ao primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo de técnicos de carácter facultativo de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, grupo B, escala técnica de delineantes, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal
Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Quinto. De conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, as persoas aspirantes que superaron o segundo exercicio disporán dun prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar a documentación xustificativa de que o día da publicación da convocatoria do proceso selectivo no DOG estaban en posesión do Celga 4 ou título equivalente debidamente homologado, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro). Non terá que presentar a documentación xustificativa de exención quen xa teña acreditada a posesión do Celga requirido e así conste na listaxe de persoas aspirantes publicada, xunto con esta resolución, pola Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal
Sexto. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 3 de abril de 2025
Beatriz Moar Ulloa
Presidenta do tribunal
