Feitos:
Primeiro. O día 12 de febreiro de 2025 tivo entrada nesta unidade a solicitude para a inscrición no Rexistro de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade do III Convenio colectivo de ámbito autonómico de Galicia para a actividade arqueolóxica.
Segundo. Unha vez revisada a dita solicitude, obsérvanse defectos no texto do convenio, polo tanto, o 14 de febreiro de 2025 requírese para que os emende. O día 3 de marzo de 2025 presenta a emenda ao requirimento.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. A Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais ten atribuídas, entre outras funcións, as competencias que como autoridade laboral lle corresponden á Consellería, de conformidade co disposto no Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Segunda. De acordo co artigo 25 do citado Decreto 147/2024, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais é o órgano competente de coordinación dos rexistros administrativos de eleccións sindicais, de asociacións empresariais e sindicais (Deose), de convenios colectivos (Rexcon) e de empresas acreditadas para intervir no proceso de contratación no sector da construción (REA).
Terceira. O artigo 8 do Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos e acordos colectivos de traballo e plans de igualdade, regula o procedemento de inscrición de solicitudes de rexistro e convenios e acordos colectivos de traballo e establece que a autoridade laboral competente, procederá a ditar resolución ordenando o seu rexistro, depósito e publicación no boletín oficial correspondente.
Revisada a documentación achegada e tendo en conta a normativa aplicable, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, na súa condición de autoridade laboral,
RESOLVE:
Primeiro. Ordenar o depósito e a inscrición no Rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo e plans de igualdade do III convenio colectivo de ámbito autonómico de Galicia para a actividade arqueolóxica (anos 2025-2030).
Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2025
Pablo Fernández López
Secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais
III Convenio colectivo de ámbito autonómico de Galicia para a actividade arqueolóxica (anos 2025-2030)
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Partes asinantes
Son partes asinantes deste convenio colectivo, dunha parte, a Asociación de Empresas Galegas de Arqueoloxía (AEGA) e, doutra, a Federación de Banca, Aforro, Seguros e Oficinas da Confederación Intersindical Galega (CIG), recoñecéndose mutuamente lexitimación para negociar este convenio.
Artigo 2. Ámbito funcional
1. Este convenio colectivo subscríbese ao abeiro do artigo 83.1 e 2 do Real decreto lexislativo 1/1995 polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, en conexión coa súa disposición transitoria sexta.
2. Este convenio regula as relacións laborais entre calquera que interveña en traballos relativos ao sector, sexan persoas xurídicas e físicas, empresas e/ou entidades privadas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, que teñan e desenvolvan a actividade de prestación de servizos relacionados con actividades arqueolóxicas, incluída a conservación e restauración de bens arqueolóxicos e a xestión e difusión do patrimonio histórico e arqueolóxico, xa sexa por si mesmas ou ben para outras empresas ou organismos públicos e privados.
3. Enténdese por actividades arqueolóxicas, para os efectos previstos neste artigo, as establecidas no artigo 95 do capítulo IV do título VII da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. Con carácter supletorio e no non previsto aquí aplicarase o Estatuto dos traballadores.
4. O ámbito funcional será o do sector da arqueoloxía en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do disposto no artigo 1.4 do Estatuto dos traballadores. Por este convenio están afectadas as empresas, autónomos e traballadores do sector, en todos os seus diversos aspectos, así mesmo, aquelas empresas, autónomos e centros de traballo que leven a cabo traballos arqueolóxicos ou de carácter auxiliar á arqueoloxía, ou subcontratados en empresas públicas ou privadas.
5. Afecta o persoal que actualmente presta servizos nas referidas empresas, así como a aquel que ingrese no futuro, tanto nas empresas xa establecidas como nas que no futuro puidesen establecerse.
Artigo 3. Ámbito territorial
Este convenio será de aplicación en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do disposto no artigo 1.4 do Estatuto dos traballadores, e será de aplicación a todas as empresas e autónomos con domicilio social na dita comunidade autónoma e a aquelas que teñan o seu domicilio social noutra comunidade autónoma ou Estado, mentres desenvolvan algunha das súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia e contraten persoal nesta comunidade.
Artigo 4. Ámbito persoal
1. A normativa deste convenio será de obrigada e xeral observancia para todas as empresas, autónomos/as, promotores, entidades públicas ou privadas e traballadores/as das actividades enumeradas no artigo 2 deste convenio, con independencia do domicilio social destas.
2. En todo o non previsto neste convenio, atenderase o disposto no Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, na Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, así como nas demais normas laborais de carácter xeral.
Artigo 5. Ámbito temporal
1. Este convenio estenderá a súa vixencia desde o momento do seu asinamento ata o 31 de decembro do ano 2030, aínda que as condicións económicas entrarán en vigor desde o momento da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).
2. Para evitar o baleiro normativo que noutro caso se produciría unha vez rematada a súa vixencia inicial, o contido normativo deste convenio seguirá rexendo en toda a súa totalidade mentres non sexa substituído por outro.
Artigo 6. Procedemento para a revisión do convenio
1. A revisión do convenio poderá solicitala por escrito calquera das partes asinantes, polo menos con tres meses de antelación ao remate da súa vixencia.
2. Denunciado este convenio colectivo e mentres non sexa substituído por outro novo convenio, manterá a súa ultractividade e prorrogarase tacitamente de ano en ano, mentres non se chegue a un acordo entre as partes. Poderase denunciar, a partir do remate da vixencia do actual convenio, de ano en ano, sempre que se denuncie con unha antelación de tres meses antes do remate do ano natural que corresponda.
3. De non existir denuncia, o convenio prorrogarase, por períodos anuais, e revisaranse os conceptos económicos co IPC real no momento en que se teña constancia del.
4. De mutuo acordo, proponse unha subida máxima salarial anual con respecto ao IPC cun máximo do 3 % en relación coa do ano inmediatamente anterior, tomando de base as táboas salariais establecidas no actual convenio e ata a finalización do período de vixencia deste, indicada no artigo 5 deste documento.
Artigo 7. Condicións máis beneficiosas
Todas as condicións que establece este convenio teñen a consideración de mínimas, polo que os pactos, as cláusulas, as condicións e as situacións actuais implantadas individual ou colectivamente entre a empresa ou autónomo/a e os traballadores e traballadoras que en conxunto impliquen condicións máis beneficiosas que as pactadas neste convenio téñense que respectar integramente.
Artigo 8. Vinculación á totalidade
1. As condicións aquí pactadas forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente.
2. No suposto de que a autoridade do traballo ou a xurisdición competente, facendo uso das súas atribucións, anule ou invalide algún dos pactos contidos neste convenio, as partes negociadoras considerarán se é válido por si só o resto do texto aprobado ou ben se é necesaria unha nova, total ou parcial, renegociación deste.
3. Neste suposto, as partes asinantes deste convenio comprométense a reunirse dentro dos dez días seguintes ao da publicación da resolución correspondente, co obxecto de resolver o problema suscitado.
4. Se no prazo de 45 días, a partir do da publicación da resolución en cuestión, as partes asinantes non acadan un acordo, comprométense a fixar un calendario de xuntanzas para a negociación do convenio na súa totalidade.
Artigo 9. Comisión Mixta Paritaria
1. Ambas partes acordan establecer unha Comisión Mixta de interpretación e seguimento do cumprimento deste convenio.
2. Esta Comisión Mixta estará integrada por tres representantes das organizacións sindicais e tres da organización empresarial asinante. A constitución da Comisión Mixta conformarase cunha marxe de 30 días despois da publicación oficial do Convenio e terá consideración de permanente ata a sinatura do seguinte convenio.
3. No acto da súa constitución, a Comisión Mixta, en sesión plenaria, escollerá un/unha presidente/a e dous/dúas secretarios/as, un pola parte empresarial e outro pola parte sindical. Estes/as últimos/as serán rotativos/as cada ano.
4. Así mesmo, a Comisión poderá solicitar os servizos de asesores ocasionais ou permanentes en todas as materias que sexan da súa competencia, que serán libremente designados polas partes.
5. A Comisión elaborará o seu propio regulamento de funcionamento.
6. A Comisión, que tomará os acordos, cando proceda, por maioría de dous membros de cada unha das representacións, deberase reunir polo menos unha vez ao ano.
7. A Comisión terá as seguintes funcións:
1º. A interpretación do Convenio, así como o seguimento do seu cumprimento.
2º. Entender, de forma previa e obrigatoria á vía administrativa e xurisdicional, de todos os conflitos colectivos que poidan ser interpostos polos que están lexitimados para iso, en relación coa aplicación e interpretación dos preceptos derivados deste convenio, sen que iso poida dar lugar a demoras que prexudiquen as accións das partes, de tal maneira que entre a entrada da solicitude de intervención e a pertinente resolución non haberá máis de quince días, xa que, superados estes, quedará expedita a vía correspondente polo simple transcurso deste prazo. As decisións que adopte a Comisión neste tipo de conflitos terán a mesma eficacia normativa que teñen as cláusulas deste convenio.
3º. Poderá elaborar un informe anual en relación co grao de cumprimento do Convenio, sobre as dificultades xurdidas na súa aplicación e interpretación, así como sobre aquelas cuestións que as partes presentes na comisión coiden convenientes para un mellor desenvolvemento e aplicación deste.
4º. A elaboración de recomendacións ou criterios para a negociación colectiva con vistas a unha racionalización desta e a unha progresiva extensión da actividade negociadora.
5º. De conformidade co artigo 92.2 do Estatuto dos traballadores, esta comisión será a encargada de emitir informe previo co fin de estender o Convenio colectivo.
6º. A Comisión velará activamente para que a Administración autonómica e municipal con competencias en patrimonio cultural empregue o convenio de arqueoloxía como criterio de mínima calidade na valoración da execución dos proxectos arqueolóxicos.
7º. Cantas outras funcións deriven do estipulado neste acordo.
8. O domicilio da Comisión queda constituído para todos os efectos na sede da CIG.
Artigo 10. Adhesión ao AGA
Cando a Comisión Mixta Paritaria non acade no seu seo un acordo na solución dos conflitos que se lle sometan en virtude do artigo anterior, as partes están obrigadas a recorrer aos mecanismos do Acordo interprofesional galego sobre solución extraxudicial de conflitos laborais (AGA), acordo e regulamento que as partes dan por ratificado.
CAPÍTULO II
Clasificación dos/das traballadores/as
Artigo 11. Clasificación profesional
A clasificación profesional do persoal consignada neste convenio colectivo non implica que as empresas deban ter previstos todos os grupos profesionais se as necesidades e o volume destas non o require.
Artigo 12. Grupos profesionais
1. O persoal incluído no ámbito deste convenio colectivo estrutúrase sobre a base dos seguintes grupos e escalas profesionais:
|
Grupo profesional |
Escala |
|
A. Arqueólogo/a |
A1. Director/a |
|
A2. Técnico/a |
|
|
A3. Arqueólogo/a de empresa |
|
|
B. Técnicos especializados |
B1. Restaurador/a-conservador/a en arqueoloxía B2. Técnico/a especialista |
|
C. Oficiais especializados |
Oficial de arqueoloxía |
|
D. Persoal auxiliar ou de apoio |
Auxiliar de arqueoloxía |
|
E. Persoal administrativo |
Administrativo/a |
2. Só o persoal do grupo profesional A pode realizar labores de técnico e dirección nunha intervención arqueolóxica, de acordo coa táboa recollida neste convenio.
3. É condición para poder exercer no grupo profesional A a posesión da titulación de licenciatura ou grao en Historia ou equivalente dentro das titulacións do Sistema universitario galego (ou equivalentes fóra da Comunidade Autónoma de Galicia) consideradas como habilitantes para o exercicio de labores técnicos, de acordo co Decreto 199/1997, do 10 de xullo, que regula a actividade arqueolóxica de Galicia, ou a normativa que o suceda.
4. A proporción mínima de persoal correspondente a cada grupo profesional recóllese na táboa adxunta do artigo 14 deste convenio, de obrigado cumprimento.
5. Queda totalmente prohibida a cesión temporal de traballadores/as de empresas da construción ou similares para a realización dos traballos específicos en arqueoloxía recollidos neste convenio, de acordo co indicado no seu artigo 22.
6. Un/unha traballador/a de calquera grupo profesional poderá e deberá realizar, se así se require por motivos de operatividade, as tarefas de calquera dos grupos profesionais inferiores, sempre e cando non inflúa no desempeño das competencias que lle son propias. Non así á inversa, nunca se poderán realizar tarefas correspondentes a grupos profesionais superiores.
7. A Comisión paritaria homologará todas as escalas non previstas neste convenio e que eventualmente poidan xurdir.
Artigo 13. Definición dos grupos e escalas profesionais
1. A definición dos labores e tarefas técnicas específicas para cada escala profesional baséase naqueles reflectidos no Decreto 199/1997, do 10 de xullo, que regula a actividade arqueolóxica de Galicia, así como os futuros decretos que o substitúan.
2. Entre os labores propios dos traballos arqueolóxicos inclúense:
a. Inventarios e catalogacións de elementos patrimoniais e arqueolóxicos.
b. Propostas de áreas de protección e cautelas ao redor dos bens patrimoniais e arqueolóxicos.
c. Propostas de medidas cautelares para eventuais afectacións sobre elementos patrimoniais e arqueolóxicos e as súas áreas de protección.
d. Prospeccións arqueolóxicas territoriais superficiais, tanto lineais como en área.
e. Controis e seguimentos de obra en ámbitos de protección arqueolóxica.
f. Comprobacións avaliativas de incidencias arqueolóxicas, tanto en fase de obra como casuais.
g. Escavacións de sondaxes arqueolóxicas valorativas e todos os labores especificamente arqueolóxicos inherentes a esta activade.
h. Escavacións arqueolóxicas en área e todos os labores especificamente arqueolóxicos inherentes a esta activade.
i. Valorización ou posta en valor de xacementos arqueolóxicos, incluídas as tarefas de consolidacións e restauración.
j. Supervisión na elaboración de contidos didácticos e divulgativos relacionados co patrimonio arqueolóxico.
k. Labores de limpeza e mantemento de xacementos e estruturas arqueolóxicas.
l. Labores de estudo, tratamento e inventarios de material arqueolóxico moble e inmoble.
m. Labores de asesoramento ou peritaxe en materia propia da disciplina arqueolóxica ou do patrimonio cultural.
3. Para garantir uns mínimos de calidade no traballo, tamén se deberá especificar, se non é nominalmente si numericamente, a composición do resto do persoal que conforme os equipos das intervencións, para garantir o respecto aos grupos laborais e profesionais, así como as competencias de cada un deles, recollidas neste documento.
4. En función dos grupos profesionais establecidos neste convenio, a cada un deles correspóndelle desenvolver as seguintes tarefas ou competencias:
Grupo profesional A:
Arqueólogo/a: é aquel/a traballador/a coa titulación superior correspondente entendida como habilitante de acordo co Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica de Galicia (licenciatura ou grao en Historia ou directamente relacionada, con especialidade en Prehistoria e Arqueoloxía, ou en calquera outra disciplina susceptible de ser estudiada con metodoloxía arqueolóxica), que o/a faculta para exercer como arqueólogo/a con responsabilidades técnicas.
Neste grupo distínguense as seguintes escalas profesionais:
Escala A1:
Director/a arqueólogo/a: é aquel/a traballador/a que pode realizar as funcións inherentes á dirección técnica, científica e/ou facultativa de intervencións arqueolóxicas de calquera clase e en calquera medio, así como todo tipo de tarefas inherentes ao traballo arqueolóxico.
É competencia e responsabilidade do/da director/a arqueólogo/a a redacción e sinatura de proxectos, informes, memorias e a emisión de calquera outro tipo de documentación, científica, técnica ou administrativa derivada da intervención arqueolóxica que dirixa.
Inclúese nesta responsabilidade a coordinación do traballo dos técnicos, oficiais, auxiliares e outros especialistas ao seu cargo durante o transcurso dos traballos arqueolóxicos sometidos á súa dirección.
O/a director/a dunha intervención estará presente durante a realización dos traballos ao seu cargo, tal e como marca o Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, no seu capítulo III, artigo 9, en que se especifica a necesidade de notificar á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a substitución excepcional do/da director/a por parte dun axudante de dirección, escollido entre os técnicos contratados.
Segundo o Decreto 199/1997, no seu capítulo III, artigo 9, é responsabilidade do/da arqueólogo/a director/a remitir á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a relación nominal do persoal técnico da intervención ao final desta, polo que se considerará prioritaria esta comunicación coa finalidade de que a Administración comprobe a validez e cualificación dos técnicos de cada intervención.
Segundo o artigo 97 da Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia, o director dunha intervención arqueolóxica ten que asumir persoalmente a dirección efectiva desa actuación. No mesmo artigo, número 4, sinálase que a intervención arqueolóxica e a responsabilidade do director só remata coa entrega da memoria técnica na consellería responsable, polo que a contratación dun director contratado debe de ser na mesma condición.
Escala A2:
Técnico/a arqueólogo/a: é aquel/a traballador/a que, sempre baixo a supervisión e control do/da director/a arqueólogo/a, en atención á súa experiencia e coñecementos, desenvolve as seguintes funcións:
a. Apoio ao/á director/a nas tarefas de prospección, control, seguimento arqueolóxico ou calquera outra actividade que requira apoio técnico.
b. Apoio ao/á director/a ou realización directa baixo a súa supervisión nos procesos de rexistro inherentes ás intervencións arqueolóxicas (estratigrafía, materiais, mostras, fotografía, debuxo...).
c. Calquera outra tarefa que, dentro dos parámetros de definición recollidos pola escala profesional, lle sexan encargados pola escala inmediatamente superior antes citada ou pola dirección da empresa e que non supoña a realización de tarefas propias das escalas superiores.
d. Tratamento, procesamento e estudo de materiais arqueolóxicos.
Escala A3:
Arqueólogo/a de empresa: é aquel/a traballador/a contratado/a con carácter indefinido que, pola súa experiencia e coñecementos, pode realizar calquera tipo de actividade arqueolóxica como técnico dentro da empresa, tanto en campo como en gabinete.
Enténdese que o carácter indefinido debe aparecer como tal no contrato laboral, polo que a figura do fixo descontinuo non se corresponde en ningún caso cun arqueólogo de empresa.
Considérase que un traballador é arqueólogo/a de empresa cando o tempo de duración do seu contrato sexa, cando menos, de 12 meses.
No caso de que o/a arqueólogo/a de empresa desempeñe labores propios da escala de director/a arqueólogo/a en campo, seralle aplicado nos seus emolumentos o complemento de dirección proporcional correspondente ao tempo de desempeño nese grupo profesional superior, tal e como se indica no artigo 32 deste convenio.
Grupo profesional B:
Técnico/a especializado/a: é aquel/a traballador/a que, sen ser arqueólogo/a e tendo a titulación e experiencia necesarias, é especialista en técnicas afíns á arqueoloxía.
Neste grupo profesional distínguense as seguintes escalas profesionais:
Escala B1:
Conservador/a-restaurador/a en arqueoloxía: é aquel/a traballador/a coa titulación superior correspondente (título, título superior, grado en ensinanzas artísticas superiores e grado en Conservación e Restauración de Bens Culturais ou Patrimonio Cultural e licenciatura en Belas Artes coa especialidade ou itinerario en Conservación e Restauración de Bens Arqueolóxicos, ou equivalentes) que o/a faculta para exercer como conservador/a restaurador/a do patrimonio cultural, cando realiza a súa actividade dentro do ámbito da disciplina arqueolóxica.
Escala B2:
Técnico/a especialista: é aquel/a traballador/a que, sen ser arqueólogo/a é especialista en técnicas afíns á arqueoloxía e pode levar a cabo tarefas ou técnicas de apoio ao rexistro dentro dunha intervención arqueolóxica.
Grupo profesional C:
Oficial especializado: establécese este grupo profesional como escala intermedia entre o corpo técnico e o auxiliar, debido á necesidade de formación ou especialización para o desempeño das súas funcións, pero sen implicar unha responsabilidade técnica no exercicio destas.
Escala C1:
Oficial de arqueoloxía: é aquel traballador que, contando con titulación académica habilitante ou, na súa falta, cunha experiencia laboral acreditada en escavacións arqueolóxicas, sempre baixo a supervisión e control das escalas técnicas superiores ou da dirección da empresa, desenvolve as seguintes funcións:
a. Procesos manuais de limpeza, definición e escavación de estruturas ou estratos arqueolóxicos.
b. Calquera outra tarefa que, dentro dos parámetros de definición recollidos pola escala profesional, lle sexan encargados polos grupos superiores antes citados ou pola dirección da empresa e que non supoña a realización de tarefas propias das escalas superiores.
c. Estas tarefas non comprenden os labores de prospección, control ou seguimento arqueolóxico, que deberán ser sempre realizados pola escala técnica.
A experiencia para os oficiais non titulados acreditarase mediante a vida laboral, tendo exercido especificamente labores vinculados a escavacións arqueolóxicas polo menos durante 6 meses.
Grupo profesional D:
Auxiliar de arqueoloxía: é aquel/a traballador/a que, pola súa titulación básica ou non relacionada coa disciplina arqueolóxica, só pode realizar as tarefas vencelladas coa actividade da empresa que non requiran coñecementos de carácter técnico, nunha escavación, no laboratorio ou no almacén.
Os labores que desenvolva contarán sempre coa supervisión dalgún corpo das escalas técnicas superiores. Realiza as seguintes funcións nunha escavación arqueolóxica:
a. Apoio nas tarefas elementais de documentación topográfica (medicións e cotas).
b. Limpeza e acondicionamento das superficies escavadas ou estruturas arqueolóxicas previamente documentadas.
c. Limpeza e conservación das ferramentas e dos equipamentos arqueolóxicos.
d. Traslado de equipos e material.
e. Calquera outra tarefa que non represente unha maior responsabilidade e que lle sexa encargada e supervisada polo persoal técnico superior.
Un auxiliar que acumule máis de 6 meses de experiencia acreditada en traballos auxiliares en escavación arqueolóxica a través da vida laboral poderá acceder ao corpo de oficial especializado.
Grupo profesional E:
Persoal administrativo: é aquel/a traballador/a que, pola súa titulación específica, só pode realizar as tarefas de carácter administrativo vencelladas coa actividade da empresa.
O persoal administrativo recóllese nunha única escala, debendo cumprir os requisitos de formación ou experiencia exixibles, e realizará as funcións que comportan a integración, coordinación e supervisión de tarefas homoxéneas de carácter administrativo.
Artigo 14. Ratios e conformación de equipos
1. En calquera actividade arqueolóxica a conformación do equipo deberá respectar as seguintes proporcións ou ratios, para o respecto aos grupos profesionais e ás competencias que desempeñan reflectidas neste convenio, e serán de obrigado cumprimento.
2. O número de auxiliares non poderá ser superior ao de oficiais.
3. As ratios refírense a mínimos, en todo caso calquera posto poderá ser cuberto, en canto ao cómputo das proporcións das escalas integrantes dos equipos, por un traballador dunha escala sempre superior ao posto que entre en cálculo.
4. Nunha escavación arqueolóxica, o persoal técnico suporá na conformación do equipo polo menos o 30 % do persoal, o que se traduce en que de cada 4 traballadores polo menos 1 deberá ser técnico.
5. Os traballos de prospección arqueolóxica, tanto por motivos de seguridade como operatividade, deberán estar conformados, cando menos, por 2 traballadores técnicos, adquirindo sempre un deles a categoría de director ou equivalente.
6. Os traballos de control e seguimento de obra deberán ser realizados sempre por traballadores das escalas técnicas (grupo profesional A).
|
Total traballadores |
3 |
4 |
5 |
6 |
7 |
8 |
9 |
10 |
11 |
12 |
13 |
14 |
15 |
16 |
17-20 |
>de 20 |
|
Director/a |
1 |
1 |
1 |
1 |
1 |
1 |
1 |
1 |
1 |
1 |
1 |
1 |
1 |
1 |
1 |
1 |
|
Técnico/a |
1 |
1 |
1 |
1 |
2 |
2 |
2 |
2 |
3 |
3 |
3 |
4 |
4 |
4 |
4 |
Proporción semellante |
|
Oficiais/auxiliares |
1 |
2 |
3 |
4 |
4 |
5 |
6 |
7 |
7 |
8 |
9 |
9 |
10 |
11 |
12-15 |
Proporción semellante |
CAPÍTULO III
Contratación
Artigo 15. Regulación da contratación
En razón das características do servizo na empresa, o persoal clasificarase de acordo cos tipos de contratos que se atopen definidos na lexislación laboral vixente.
Artigo 16. Período de proba
Establécese un período de proba de 2 meses para contratos fixos no grupo profesional A e B, e de 1 mes para o resto dos supostos e grupos profesionais.
O período de proba quedará en suspenso durante períodos de incapacidade temporal ou calquera outro suposto de suspensión temporal de contrato recollido neste convenio.
O período de probas só se poderá aplicar unha vez por traballador nunha mesma empresa.
Artigo 17. Bolsa de emprego
1. As partes asinantes do convenio constatan as dificultades especiais de acceso á estabilidade do emprego no sector, como consecuencia da oscilación do traballo derivada das condicións específicas da actividade. Polo dito, a Comisión Mixta terá a capacidade de crear un mecanismo denominado Bolsa de emprego no sector da arqueoloxía profesional.
2. Esta bolsa de emprego, de carácter informativo e non vinculante, estará conformada por unha base de datos, actualizada periodicamente, dos traballadores que desexen realizar a súa actividade no sector da arqueoloxía, especificando os grupos profesionais que, pola súa titulación ou experiencia acreditadas, poidan desenvolver.
3. A xestión, actualización e difusión desta bolsa de emprego correrá a cargo das organizacións sindicais interesadas.
Artigo 18. Contrato eventual por circunstancias da produción
1. Cando, por exixencias circunstanciais da carga de traballo ordinaria, os cadros de persoal das empresas non poidan asumir as tarefas, poderase contratar segundo a lexislación vixente mediante esta figura.
2. No caso dunha desproporción entre as actividades laborais puntuais da empresa e o seu cadro de persoal, sexa por redución no número de empregados ou pola propia dinámica laboral, tamén sería legal a contratación mediante este tipo de contrato eventual, ao abeiro da normativa vixente.
3. Os contratos que se realicen con arqueólogos/as directores/as das intervencións arqueolóxicas de empresa non rematarán co traballo de campo senón que finalizarán obrigatoriamente no momento en que se entregue a preceptiva memoria arqueolóxica na consellería correspondente. Esta vinculación tamén se poderá realizar a través dun contrato específico para a elaboración da memoria e nun período que, en ningún caso, superará os seis meses desde o remate da intervención de campo.
4. En todos os supostos regulados nos puntos anteriores, e segundo o previsto no artigo 49.1.c) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, establécese unha indemnización por cesamento de 12 días por ano traballado, calculada sobre os conceptos salariais das táboas do convenio aplicable, devindicados durante a vixencia do contrato, actualizable sempre en consonancia coa lexislación vixente.
Artigo 19. Contrato fixo descontinuo
1. Tal e como recoñece a normativa vixente, este contrato concertarase para realizar traballos que teñan carácter descontinuo e non se repitan en datas certas, dentro do volume normal de actividade da empresa.
2. A empresa garantirá un mínimo de 3 meses de traballo ao ano para que o traballador poida adquirir a categoría de fixo descontinuo.
3. No caso de que un traballador fixo descontinuo prolongue a contratación a 10 meses, excluído o período de vacacións correspondente, seralle recoñecida a condición de traballador indefinido.
4. Criterios polos que se rexe o chamamento de fixos descontinuos:
a. O chamamento deberá realizarse por escrito ou mediante calquera medio electrónico que deixe constancia do chamamento, para o cal os/as traballadores/as estarán obrigados/as a facilitar á empresa unha vía de contacto.
b. A notificación realizarase cunha antelación mínima de sete días naturais.
c. Na notificación do chamamento deberá especificarse a duración e as condicións da incorporación.
d. Os chamamentos realizaranse por criterios obxectivos: antigüidade na empresa, experiencia, especialidade, proximidade, etc., sen menoscabo da perda de dereitos en canto á acumulación do tempo mínimo requirido para a non perda de dereitos:
• Antigüidade na empresa.
• Experiencia.
• Titulación.
• Especialidade.
• Proximidade.
e. Non poderá suspenderse a actividade de traballadores fixos descontinuos mentres permanezan en alta na empresa traballadores contratados con carácter temporal, salvo que estes dous tipos de traballadores estean empregados en grupos profesionais distintos ou en intervencións diferentes e independentes, para non alterar o bo transcurso dos traballos.
f. No caso de máis de dous chamamentos non atendidos sen causa xustificada por parte do traballador, este perderá a condición de fixo descontinuo.
g. Serán causas xustificadas para non atender o chamamento e, polo tanto, sen perda da condición de fixo descontinuo, as seguintes:
• Estar en situación de alta laboral noutro traballo alleo á empresa.
• Baixa médica.
h. O incumprimento das cláusulas anteriores comportará perda da condición de fixo descontinuo.
Artigo 20. Contrato indefinido
A normativa vixente recolle este tipo de contratación para o persoal das empresas. Neste convenio colectivo refírese especialmente ao arqueólogo de empresa, figura que desenvolve diversas actividades arqueolóxicas dentro da mesma empresa ao longo do ano, sen menoscabo de se aplicar a mesma figura ao resto dos corpos e escalas en función da lexislación laboral vixente.
Artigo 21. Profesionais autónomos e subcontratación
1. Queda totalmente prohibida a contratación de profesionais autónomos para cubrir calquera posto de traballo, excepto o grupo profesional A1, pola dificultade de cubrir o dito posto.
2. Co fin de evitar a utilización xeneralizada ou abusiva de profesionais autónomos para eludir as obrigas pactadas neste convenio, as empresas non poderán contratar con aqueles/as a prestación de servizos independentes por baixo dos custos laborais que derivarían da contratación dun/unha traballador/a por conta allea do mesmo grupo profesional e nas mesmas condicións laborais, tendo en conta salarios, cotizacións e outros custos indirectos.
Artigo 22. Cesión ilegal de traballadores
1. A cesión de traballadores, especialmente por parte de empresas da construción, para actividades arqueolóxicas mingua a carga de traballo para o persoal afectado por este convenio. Queda, polo tanto, totalmente prohibida a cesión temporal de traballadores de empresas da construción ou similares para realizar calquera traballo arqueolóxico recollido neste convenio.
2. Enténdese que se incorre na cesión ilegal de traballadores recollida neste artigo cando se produza algunha das seguintes circunstancias: que o obxecto dos contratos de servizos entre as empresas se limite a unha simple posta á disposición das persoas traballadoras da empresa cedente á empresa cesionaria, ou que a empresa cedente careza dunha actividade ou dunha organización propia e estable dedicada á arqueoloxía, ou non conte cos medios necesarios para o desenvolvemento da súa actividade, ou non exerza as funcións inherentes á súa condición de empresario.
3. Os empresarios, cedente e cesionario, que infrinxan o sinalado nos puntos anteriores responderán solidariamente das obrigacións contraídas cos traballadores e coa Seguridade Social, sen prexuízo das demais responsabilidades, mesmo penais, que procedan polos devanditos actos.
Artigo 23. Voluntariado
1. As partes asinantes comprométense a non fomentar a precarización do sector e a eliminar o voluntariado das intervencións arqueolóxicas.
2. Non está permitido, polo tanto, o voluntariado para a realización de tarefas arqueolóxicas, e considérase intrusión laboral.
Artigo 24. Prácticas
1. Non se prevé a forma de contrato de prácticas.
2. Unicamente poderá participar en intervencións arqueolóxicas persoal en prácticas ao abeiro dalgún convenio entre a empresa/institución en que se dea e unha universidade do Sistema universitario galego (SUG) ou do Sistema universitario español e europeo. En todo caso, estas prácticas serán recoñecidas e nelas só poderán participar estudantes vinculados ás carreiras relacionadas coa disciplina histórica ou arqueolóxica (Arqueoloxía, Historia, Historia da Arte, Humanidades, Antropoloxía e Conservación-Restauración de Bens Culturais).
3. A incorporación de persoal en prácticas afectará as porcentaxes e ratios indicadas neste convenio, e non computará nunca como persoal técnico dos grupos A ou B.
4. O persoal en prácticas incorporarase á empresa coa intención de se formar e achegar o seu traballo a ela, pero nunca poderá substituír un posto do corpo técnico no cálculo desas ratios e porcentaxes na conformación de equipos.
Artigo 25. Tarxeta profesional
1. As partes asinantes consideran que un dos instrumentos básicos determinante para combater decisivamente a sinistralidade no sector é mellorar as condicións de seguridade e saúde e que todos os traballadores que prestan servizos nas escavacións teñan a formación necesaria e adecuada ao seu posto de traballo ou función en materia de prevención de riscos laborais, de forma que coñezan os riscos e as medidas para previlos.
2. Ademais e tendo en conta a presenza dos traballadores sen experiencia nun sector tan específico como a arqueoloxía, a formación e información dirixida a este persoal será a adecuada e necesaria ás súas características.
3. En consecuencia, as partes asinantes consideran necesario que unha comisión do convenio, designada polos negociadores, leve a cabo, no prazo de 3 a 6 meses, os proxectos e accións formativas necesarios para o desenvolvemento dun sistema de prevención de riscos laborais no sector.
4. Como forma de acreditar a formación específica recibida polos traballadores en materia de prevención de riscos laborais, acórdase implantar, tras as conclusións que emanen da comisión designada para o efecto, unha cartilla ou carné profesional que será único para toda Galicia e terá validez no conxunto do sector, como forma de acreditar a formación dos traballadores, a denominada «Tarxeta profesional do sector da arqueoloxía» (TPSA).
Artigo 26. Excedencias
1. Excedencia por coidados:
1º. As persoas traballadoras terán dereito a un período de excedencia de duración non superior a tres anos para atender o coidado de cada fillo/a, tanto cando o sexa por natureza como por adopción, ou nos supostos de acollemento, tanto permanente como preadoptivo, contado desde a data de nacemento ata os cinco anos, ou, se é o caso, da resolución xudicial ou administrativa. Durante o período de excedencia aplicarase a suspensión de contrato e cotización.
2º. Tamén terán dereito a un período de excedencia, de duración non superior a dous anos, as persoas traballadoras para atender o coidado dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non poida valerse por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída.
3º. A excedencia recollida neste punto, cuxo período de duración poderá gozarse de xeito fraccionado, constitúe un dereito individual das persoas traballadoras, homes ou mulleres. Non obstante, se dúas ou máis persoas traballadoras da mesma empresa xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, as empresas poderán limitar o seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa.
4º. Cando un novo suxeito causante dea dereito a un novo período de excedencia, o inicio desta dará fin ao que, se é o caso, se viñese gozando.
5º. O período en que a persoa traballadora permaneza en situación de excedencia conforme o establecido neste artigo será computable para os efectos de antigüidade e a persoa terá dereito á asistencia a cursos de formación profesional, a cuxa participación deberá ser convocada polo empresario, especialmente con ocasión da súa reincorporación. As excedencias recollidas no artigo 46.3 ET referidas ao nacemento de fillo/a (4 anos) e dependencia (2 anos) terán reserva de posto de traballo ata a fin destas.
2. Excedencia especial:
1º. As persoas traballadoras terán dereito a unha excedencia especial de ata un máximo de 6 meses, con reserva do posto de traballo e suspensión do contrato e cotización durante este período.
2º. Esta excedencia deberá solicitarse como mínimo cun mes de antelación á data de desfrute do dereito, sempre de común acordo coas necesidades da empresa.
3º. O período de duración da excedencia especial será acordado entre o traballador e a empresa contratante, e poderá prorrogarse as veces que sexa preciso, de novo de mutuo acordo, ata o máximo de 1 ano.
4º. Para ambas as excedencias aplicarase o tope do 50 % do persoal que poida gozalas simultaneamente, establecendo preferencia por data de solicitude.
5º. A excedencia especial non poderá ser solicitada para traballar noutra empresa do sector, salvo común acordo entre o traballador e a empresa contratante.
Artigo 27. Teletraballo
1. No referido a este punto, remítese a todo o recollido na Lei 10/2021, do 9 de xullo, sobre o traballo a distancia. De mutuo acordo entre o traballador e a parte contratante, poderase realizar teletraballo nas condicións reguladas pola referida lei.
2. Promocionarase o dito tipo de traballo a distancia no caso daqueles/as traballadores/as que, por razón de garda legal, teñan ao seu cargo directo algún menor de 12 anos ou unha persoa con necesidades especiais que non realice ningunha actividade retribuída, para a elaboración de proxectos, informes, planimetrías, memorias, estudos de materiais ou calquera outra actividade que non requira a presenza física do/da traballador/a na oficina ou en campo. Terá o mesmo dereito quen precise encargarse do coidado directo dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non se poida valer por si mesmo/a e que non desempeñe actividade retribuída, sempre de mutuo acordo coa empresa e se as necesidades do servizo o permiten.
3. Do mesmo xeito, de mutuo acordo entre a empresa contratante e o/a traballador/a, poderanse realizar as ditas tarefas antes mencionadas, mediante teletraballo, nas condicións reguladas pola lei.
Artigo 28. Extinción do contrato de traballo
1. As causas, as formas, os procedementos e os efectos tanto das suspensións como das extincións colectivas de contrato de traballo son as establecidas na lexislación vixente ou por acordo entre os/as traballadores/as e a dirección da empresa.
2. No referente á extinción individual do contrato de traballo por vontade do/da traballador/a, establécese que quen desexe cesar voluntariamente no servizo á empresa estará obrigado a poñelo en coñecemento dela, por escrito, con 15 días de antelación.
3. O incumprimento por parte do/da traballador/a desta obriga de avisar previamente coa suficiente antelación dará dereito a que se lle desconte da liquidación final o importe do salario real dun día por cada día de demora no aviso previo, máis o seu equivalente en partes proporcionais.
4. De cumprir o/a traballador/a o aviso previo estipulado, se a empresa non lle entrega ou aboa a pertinente liquidación final por todo o último día de traballo e iso non se debe ao rexeitamento inxustificado dela por parte do/da traballador/a, este terá dereito a que se lle aplique o importe da liquidación final, a partir do mencionado día, do xuro por demora que legalmente estea establecido.
5. O contrato nunca poderá ser extinguido por motivos meteorolóxicos.
Artigo 29. Xubilación
1. Os/as traballadores/as interesados/as na xubilación parcial poderán concertar de común acordo coa empresa o pertinente contrato de remuda, de conformidade co previsto na lexislación vixente e o artigo 15.2 do Estatuto dos traballadores.
2. Igualmente, de conformidade co Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo, aqueles/as traballadores/as con sesenta e catro anos feitos que desexen acollerse á xubilación co 100 % dos seus dereitos, de mutuo acordo coa empresa, serán substituídos por outros/as traballadores/as perceptores de prestacións por desemprego ou mozo/a demandante de primeira ocupación, mediante contrato de igual natureza ao que se extinga coa xubilación.
CAPÍTULO IV
Réxime de retribucións
Artigo 30. Retribucións
1. Na estrutura do salario distínguense os seguintes conceptos:
1º. Salario base: entenderase por tal o que figura por cada categoría na táboa salarial do artigo 31.
2º. Pagas extraordinarias: correspóndese coas dúas pagas extraordinarias anuais.
Artigo 31. Táboa salarial
1. Para os grupos profesionais sinalados no artigo 14, a táboa salarial para o ano 2024 quedaría como se representa na táboa adxunta.
2. Esta táboa non recolle os custos da Seguridade Social, cotizacións etc. a que se debe ver sometido o contratante, e estes deben sumarse aos salarios para o cálculo dos gastos de contratación. Deberanse ter en conta os custos derivados destes conceptos no momento da contratación.
3. Co fin de renovar o poder adquisitivo do persoal afectado por este convenio acórdase que a táboa salarial para os anos seguintes ao de entrada en vigor deste acordo, e mentres non sexa renovado, será a que resulte de aplicarlles aos salarios do ano anterior o IPC real ata un máximo de 3 % de subida anual, con efectos do 1 de xaneiro de cada ano.
4. Esta táboa revisada anualmente servirá de base de cálculo para o incremento do ano seguinte.
|
Grupo profesional |
Posto |
Salario base |
PPEE |
Salario bruto mes |
|
A1 |
Director/a |
2.225,00 |
370,83 |
2.595,83 |
|
A2 |
Técnico/a |
1.668,00 |
278,00 |
1.946,00 |
|
A3* |
Arqueólogo/a de empresa |
1.457,50 |
242,92 |
1.700,42 |
|
B1 |
Técnico/a especialista/ Restaurador/a-conservador/a |
1.551,50 |
258,58 |
1.810,08 |
|
C1 |
Oficial de arqueoloxía |
1.405,75 |
234,29 |
1.640,04 |
|
E |
Auxiliar de arqueoloxía |
1.385,00 |
230,83 |
1.615,83 |
|
F |
Administrativo/a |
1.252,00 |
208,67 |
1.460,67 |
Artigo 32. Complemento de dirección
Co fin compensar a maior responsabilidade na dirección e na coordinación de equipos, establécese un complemento de 300,00 €/mes para o/a arqueólogo/a de empresa. Este complemento é aplicable só durante o traballo de campo (escavacións, sondaxes, prospeccións, etc.) e calcularase por día efectivo de traballo.
Artigo 33. Pagas extraordinarias
1. O persoal comprendido no ámbito de aplicación deste convenio ten que percibir, como complemento periódico de vencemento superior a un mes, o importe de 2 gratificacións extraordinarias, equivalentes cada unha a unha mensualidade de salario base.
2. As ditas gratificacións extraordinarias faranse efectivas antes do día 15 do mes de xullo e antes do 23 de decembro, respectivamente.
3. A contía das pagas extraordinarias será, para cada grupo profesional, o importe que figura na táboa salarial do artigo 31. Ao persoal que ingrese ou cese no transcurso de cada semestre natural devindicarase a paga en proporción ao tempo de permanencia na empresa durante o mesmo período.
4. Para os efectos do cómputo para o cálculo das pagas extraordinarias, establécese un cómputo semestral. Porén, as ditas pagas poderán ratearse mensualmente ao longo do ano, sempre de mutuo acordo entre a empresa e o persoal.
Artigo 34. Pagamento de haberes
1. Todas as percepcións, agás as de vencemento superior ao mes, se aboarán mensualmente por períodos vencidos e dentro dos cinco primeiros días hábiles do mes seguinte ao da súa devindicación.
2. No caso de obras que rematen antes do día 15 dun mes, a empresa aboará nos tres días seguintes as retribucións.
3. As empresas quedan obrigadas, agás acordo específico co/coa traballador/a, a pagar as retribucións mediante transferencia bancaria, para o cal o traballador deberá achegar os datos necesarios.
4. O/a traballador/a deberá facilitar á empresa, no momento do seu ingreso ou incorporación a esta, o seu número de identificación fiscal (NIF), de conformidade coa normativa aplicable ao respecto.
Artigo 35. Gastos de desprazamento, manutención e aloxamento
1. Enténdese por desprazamento o percorrido existente fóra do centro de traballo, correspondéndose este coa sede fiscal da empresa contratante.
2. No caso de que a empresa comunique un lugar de traballo distinto ao centro de traballo, e o traballador resida no mesmo concello, este acordará coa empresa a distancia de desprazamento ata o lugar de traballo, que será sempre remunerada e adecuada á distancia percorrida.
3. Serán por conta da empresa os gastos de locomoción que se orixinen como consecuencia da situación de desprazamento fóra do centro de traballo, xa sexa poñendo medios propios á disposición, xa aboándolle a compensación correspondente.
4. No caso de que calquera traballador empregue o seu vehículo propio para o desprazamento, ten dereito a unha compensación de 0,26 céntimos por quilómetro percorrido, que non inclúe as peaxes. A compensación poderase revisar anualmente e adecuarse aos incrementos de prezos segundo a lexislación vixente.
5. O tempo de desprazamento fóra do centro de traballo computará como xornada laboral.
6. Cando o persoal desprazado que poida volver durmir na súa residencia habitual, e así o deciden entre o traballador e a empresa, teña que empregar, como consecuencia do desprazamento, máis de 60 minutos en cada unha das viaxes de ida e volta ao lugar de traballo desde o centro de traballo correspondente, utilizando medios ordinarios de transporte, o exceso aboaráselle pro rata do salario de convenio.
7. Os traballadores terán os gastos de desprazamento, manutención e aloxamento cubertos na súa totalidade pola empresa a que pertencen.
Artigo 36. Complemento de IT
1. Nos casos de incapacidade transitoria derivada de accidente de traballo acontecido dentro do horario laboral, as empresas aboarán un complemento que, sumado ás prestacións regulamentarias, garanta o 100 % do salario base fixado na táboa de retribucións deste convenio e durante un período máximo de seis meses, agás que finalice antes do contrato de traballo ou a obra.
2. No caso de enfermidade común, así como de incapacidade temporal derivada de enfermidade común, as empresas aboarán un complemento que, sumado ás prestacións regulamentarias, garanta o 100 % do salario base. Durante un mes como máximo e cunha moratoria dunha xornada.
Artigo 37. Seguridade e saúde no traballo arqueolóxico
1. As partes asinantes deste convenio son conscientes da importancia que ten preservar a vida humana e o dereito á integridade física de todos/as os/as que interveñen neste sector, e por iso se extrema a vixilancia no cumprimento das normas establecidas.
2. As prospeccións arqueolóxicas son unha actividade que entraña un risco importante derivado das características do territorio galego, polo que os equipos de prospección serán dun mínimo de dous arqueólogos.
3. Do mesmo xeito, nos controis e seguimentos de obras de grande entidade e lineais (estradas, liñas férreas, gasodutos, oleodutos, parques eólicos, liñas eléctricas e calquera outra en que se empregue maquinaria pesada), os equipos de traballo comporanse de, polo menos, dous arqueólogos cando os traballos arqueolóxicos impliquen que o persoal teña que estar a pé de obra durante o desenvolvemento dos traballos arqueolóxicos de campo.
4. A empresa queda obrigada a facilitarlles a todos os traballadores, desde o momento da súa contratación, a roupa de traballo e o equipamento exixido pola lexislación vixente, adecuada en cada caso ás condicións climáticas e tipo de traballo desenvolvido. Faise especial fincapé na entrega dos equipos de protección individual (EPI) no caso da execución de calquera tipo de obra ou escavación.
5. A empresa deberá emtregarlle ao persoal, anualmente ou cando sexa necesario por desgaste ou rotura, roupa de traballo axeitada á súa actividade, consistente en camisetas, unha ou varias chaquetas e calquera outra peza de roupa que a empresa considere, podendo figurar publicidade da empresa na dita roupa, así como calzado axeitado á actividade que se vai desenvolver en cada momento. No caso de traballadores de nova incorporación, a roupa entregarase antes do comezo do traballo efectivo.
6. Os traballadores aos cales non se lles facilite a roupa de traballo no momento da súa contratación, ou que non se lles renove ao cabo dun ano, poderanlle reclamar á empresa para os anos de vixencia do convenio a cantidade de 75 €. Esta cantidade non abrangue o EPI, só a roupa de uso común.
Artigo 38. Recoñecementos médicos
1. A empresa está obrigada a realizar recoñecemento médico previo á admisión e recoñecementos médicos periódicos a todos os traballadores ao seu servizo, cando menos unha vez ao ano.
2. Os recoñecementos posteriores ao primeiro ano serán de libre aceptación por parte do/da traballador/a, agás cando sexa imprescindible para o acceso á obra. A non aceptación do recoñecemento deberá ser deixada por escrito e asinada polo/a traballador/a.
3. O recoñecemento médico será axeitado ao posto de traballo de que se trate.
4. Serán por conta exclusiva da empresa os custos dos recoñecementos médicos e, nos periódicos, os gastos de desprazamentos orixinados por estes.
Artigo 39. Aspectos relativos á saúde nos centros de traballo
1. Nos lugares de traballo, cando estes sexan distintos ao domicilio da empresa (centro de traballo), esta garantirá a existencia de, cando menos, un baño químico portátil cando os traballos superen unha duración mínima de 4 días.
2. Nos centros de traballo, cando este sexa distinto ao domicilio da empresa, esta garantirá a existencia dunha caseta para o resgardo do persoal, independente da destinada ao resgardo da ferramenta, en que o persoal poida gardar as súas pertenzas, cambiarse e, de ser o caso, comer ao abrigo das inclemencias meteorolóxicas.
3. Para cumprir co establecido no artigo 9.3 da Directiva 90/270 no relativo á protección dos ollos e da vista dos traballadores, as empresas deberán proporcionar aos traballadores dispositivos correctores especiais para o traballo de que se trata (filtros ou monitores que cumpran a normativa vixente).
Artigo 40. Organización sindical dos traballadores da empresa
1. As horas sindicais poderán acumularse nun ou en varios dos distintos membros de comités de empresa ou, se é o caso, dos delegados de persoal, sen tope de horas.
2. Os/as delegados/as sindicais e de persoal terán 40 horas mensuais retribuídas para realizar o seu labor de representación nas empresas con máis de 25 traballadores/as
3. As empresas deberán respectar o dereito constitucional dos/das traballadores/as a sindicarse libremente e admitirán que poidan desenvolver as funcións propias da actividade sindical, como é o mantemento de reunións, recadación de cotas e distribución de información sindical sen interromper a produción nas horas de traballo. Non se poderá suxeitar o emprego dun/dunha traballador/a á condición de que non se afilie ou renuncie á súa afiliación sindical, nin tampouco despedir un/unha traballador/a ou ben sometelo/a a agravio e dano de calquera outra forma debido á súa afiliación ou actividade sindical.
4. Delegados sindicais. As empresas que teñan máis de 25 traballadores/as terán dereito á creación da sección sindical e o seu delegado/a sindical deberá ser traballador/a en activo na empresa. Este/a será designado/a de acordo cos estatutos da central sindical ou sindicato a que representa. Terá recoñecidos, entre outros, os mesmos dereitos que ten o Comité de Empresa.
5. Debido ao reducido tamaño das empresas do sector, poderase elixir un delegado ou delegada de persoal naquelas empresas que conten con catro ou máis traballadores, se así o deciden estes por maioría, cos dereitos regulados no artigo 62 do ET.
6. Funcións dos delegados sindicais:
1º. Representar e defender os intereses do sindicato que representan e os afiliados deste na empresa e servir de instrumento de comunicación entre a súa central sindical ou sindicato e a dirección das respectivas empresas.
2º. Poderán asistir ás reunións do comité de empresa, comités de saúde laboral no traballo, comités paritarios de interpretación, con voz e sen voto.
3º. Terán acceso á mesma información e documentación que a empresa debe pór á disposición do comité de empresa, de acordo co regulado a través da lei, e están obrigados a gardar sixilo profesional nas materias en que legalmente proceda. Posuirán as mesmas garantías e dereitos recoñecidos pola lei e convenios colectivos que os membros do comité de empresas.
4º. Serán escoitados pola empresa no tratamento daqueles problemas de carácter colectivo que afecten os/as traballadores/as en xeral e os/as afiliados/as do sindicato.
7. Os delegados sindicais serán, así mesmo, informados e oídos pola empresa con carácter previo:
1º. Acerca dos despedimentos e sancións que afecten os afiliados dos sindicatos.
2º. En materia de reestruturación do cadro de persoal, regulacións de emprego, traslados de traballadores, cando revista carácter colectivo, ou do centro de traballo en xeral, e sobre todo proxecto a acción empresarial que poida afectar substancialmente os intereses dos/das traballadores/as.
3º. A implantación ou revisión de sistemas de organización do traballo ou calquera da súas posibles consecuencias.
8. Poderán recadar cotas aos/ás seus/súas afiliados/as, repartir propaganda sindical e manter reunións sen interromper o proceso produtivo.
9. Coa finalidade de facilitar a difusión daqueles avisos que poidan interesar aos respectivos afiliados ao sindicato e aos/ás traballadores/as en xeral, a empresa porá á disposición do sindicato cuxa representación desempeñe o/a delegado/a un taboleiro de anuncios que deberá establecerse na empresa en lugar accesible a todos os traballadores.
10. En materia de reunións, ambas as partes, en canto ao procedemento se refire, axustarán a súa conduta á normativa legal vixente.
11. Os/as delegados/as cinguiranse nas súas tarefas á realización das funcións sindicais que lles sexan propias.
12. Cota sindical. Por requirimento dos/das traballadores/as afiliados/as, as centrais ou sindicatos que desempeñen a representación a que se refire este punto, as empresas descontarán na nómina mensual dos/das traballadores/as o importe da cota sindical correspondente. O/a traballador/a interesado/a na realización de tal operación remitirá á dirección da empresa un escrito en que expresará con claridade a orde de desconto, a central ou sindicato a que pertence, a cantidade da cota, así como o número da conta corrente ou cartilla a que deba ser transferida a correspondente cantidade.
13. A dirección da empresa entregará copia da transferencia á representación sindical na empresa.
14. O total de horas retribuídas que por lei correspondan á representación sindical na empresa poderá ser acumulado, de xeito que poida ser gozado por un ou varios representantes sen exceder o máximo total.
15. As empresas facilitarán local adecuado, caso de que dispoñan del, para reunión ou consultas dos/das delegados/as ou comité dos delegados cos traballadores/as, así como un taboleiro para poñer comunicacións, avisos, carteis, etc.
CAPÍTULO V
Xornadas, horarios, horas extraordinarias
Artigo 41. Xornada laboral
1. O número de horas de traballo corresponde ás retribucións fixadas neste convenio, distribuídas en xornadas semanais de 40 horas, con carácter xeral de luns a venres. O número de horas axustarase sempre á lexislación laboral vixente e pode reducirse, de darse o caso.
2. Inclúese na xornada laboral o tempo de desprazamento segundo o estipulado no artigo 35.
3. A xornada laboral diaria poderá ser continuada ou partida, estenderase de luns a venres, cos descansos entre xornada e semanal correspondentes.
4. As empresas distribuirán os horarios concretos de traballo coa participación dos/das traballadores/as afectados/as.
5. Na xornada continuada de seis ou máis horas establécese un período de descanso diario de vinte minutos, que terá a consideración de traballo efectivo. Na xornada partida os traballadores terán dereito a un período de descanso de 15 minutos, que non terá a consideración de tempo de traballo.
6. A xornada dos venres será continuada de mañá desde o mes de maio ata o mes de outubro, finalizando como máis tarde ás 15.00 horas, sempre de acordo co persoal e coa distribución de horas correspondente aos restantes días da semana.
7. Os/as directores/as dos controis e seguimentos arqueolóxicos poderán prestar os seus servizos os venres pola tarde sempre que exista actividade de obra que necesite a súa presenza.
8. Cando, por inclemencia do tempo, existan actividades nas cales non se poida traballar, a criterio da dirección da empresa, e esta dispoña a volta do persoal aos seus correspondentes domicilios sen darlle unha tarefa alternativa para desenvolver, aboarase todo o día e todos os conceptos retribuídos, sendo aplicable ao primeiro día de inclemencia. No segundo e/ou sucesivos días, pactarase entre as partes a fórmula de recuperación dos días perdidos.
Artigo 42. Horas extraordinarias
1. As partes asinantes deste convenio aceptan reducir ao mínimo imprescindible a realización de horas extras e a intención das partes é a supresión total destas. No caso de ter que realizalas, a súa normativa será a que segue.
2. As horas extraordinarias, en todo caso, pola súa natureza, serán voluntarias de acordo coas disposicións vixentes, agás as que veñan motivadas por causas de forza maior. Tanto as horas extraordinarias compensadas con descanso como as efectuadas para previr ou reparar danos imprevistos e urxentes non se terán en conta para o cómputo do número máximo de horas extras autorizadas legalmente.
3. O importe da hora extraordinaria terá un incremento dun 75 % sobre a hora ordinaria.
4. As empresas, sempre e cando non se perturbe o normal proceso produtivo, poderán compensar a retribución das horas extraordinarias por tempos de descanso na proporción dunha hora e corenta e cinco minutos por hora traballada.
Artigo 43. Vacacións
1. Todo o persoal afectado por este convenio, sexa cal for a súa modalidade de contratación laboral, terá dereito a dispor dun período de vacacións retribuídas de 30 días naturais por cada ano completo de servizo activo.
2. Dos 30 días de vacacións, polo menos 22 serán días laborables.
3. As vacacións poderanse desfrutar en calquera momento do ano, sometidas á organización e necesidades de cada empresa.
4. As vacacións determinaranse co persoal cunha antelación mínima de 2 meses antes do seu desfrute.
5. Se o tempo traballado, dentro de cada ano natural, é inferior ao ano, terase dereito aos días que correspondan proporcionalmente.
6. O dereito a vacacións non é susceptíbel de compensación económica. Porén, o persoal que non continúe durante o transcurso do ano terá dereito ao aboamento do salario correspondente á parte de vacacións non gozadas, como concepto integrante da liquidación pola súa baixa na empresa, aínda que as vacacións a que teña dereito en parte correspondan ao ano natural anterior.
Artigo 44. Calendario laboral
1. Os traballadores afectados por este convenio colectivo disporán dos seguintes días festivos:
1º. Festividades estatais.
2º. Festividades galegas.
3º. Festividades locais (referentes ao domicilio social da empresa).
4º. Así mesmo, por convenio, establécense como festivos o 24 e o 31 de decembro (permutables por outras datas se coinciden en fin de semana).
2. No caso de que, por acordo entre empresa e traballadores, se decida traballar en día festivo, este compensarase por outro en xornada distinta, como máximo dentro do trimestre seguinte e, preferentemente, a continuación dun descanso semanal.
3. Polo que respecta ao traballo en días festivos, só se prevé nos casos estipulados pola lexislación vixente. Neste caso, as horas traballadas terán a consideración de horas extraordinarias.
4. Establécese o día 18 de agosto como Día da Arqueoloxía, laborable pero declarado como de actividades conxuntas entre a empresa e os traballadores, de carácter voluntario pero retribuído, especialmente encamiñado a abrir o traballo arqueolóxico ao público e, en xeral, á divulgación da profesión.
5. O calendario laboral será establecido ao inicio de cada ano pola Comisión Negociadora da Actividade Arqueolóxica en Galicia, composta por representantes da Ataga (Asociación de Traballadores de Arqueoloxía de Galicia) e da AEGA (Asociación de Empresas Galegas de Arqueoloxía), en función dos festivos indicados anteriormente.
Artigo 45. Permisos retribuídos
1. Os/as traballadores/as afectados/as por este convenio, logo de aviso á empresa e posterior xustificación, poderanse ausentar ou faltar ao traballo con dereito a seguir mantendo a súa remuneración como se prestasen servizo, por algún dos motivos e durante os períodos seguintes:
a. Por matrimonio ou unión de feito: 15 días.
b. En caso de morte do cónxuxe ou persoa convivente, pais/nais ou fillos/as: 3 días se o feito acontece na mesma provincia e 5 días se acontece fóra dela. O permiso será tamén de 3 días e de 5 días, respectivamente, en caso de falecemento de avós/as, pais/nais políticos/as, netos/as, irmás e irmáns políticos.
c. En caso de operación dun cónxuxe ou persoa convivente, pais/nais ou fillos/as, o permiso necesario para visitalos será de ata 8 horas distribuídas durante unha semana.
d. Por nacemento de fillo/a: 3 días naturais e, en caso de desprazamento fóra da provincia, 5 días naturais.
e. 4 días ao ano por causa de forza maior, por motivos familiares urxentes e imprevisibles que poden ser distribuídos por horas.
f. Por cambio de domicilio habitual: 1 día.
g. Pola consulta ao/á médico/a especialista: o/a traballador/a presentaralle á empresa o correspondente volante do/da médico/a de cabeceira que propoña a visita ao/á médico/a especialista, e posteriormente o/a traballador/a deberá xustificar documentalmente o tempo utilizado; na segunda e posteriores visitas ao/á especialista, co xustificante daquel/a será suficiente, sempre que sexa de profesionais da sanidade pública ou mutuas.
h. 5 días laborables nos casos de accidente, enfermidade grave, hospitalización ou operación que precise repouso domiciliario de parentes ata o segundo grao de consanguinidade.
i. Ás persoas traballadoras que desempeñen cargo de representación sindical concederáselles o permiso horario que legal ou convencionalmente estea establecido.
l. As traballadoras ou os traballadores, por lactación do/da seu/súa fillo/a menor de 9 meses, teñen dereito a un permiso de 1 hora de ausencia do traballo que poderán dividir en dúas fraccións. Este dereito poderase substituír por unha redución da xornada correspondente a 1 hora ao inicio ou ao final da xornada. Este dereito poderá ser exercido indistintamente por un ou outro dos proxenitores, no caso de que ambos traballen. No caso de nacementos múltiples, cada fillo/a dará lugar a un novo dereito.
m. As traballadoras embarazadas terán dereito a ausentarse do seu traballo, con dereito a remuneración, para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación do parto, logo de aviso á empresa e xustificación da necesidade da súa realización dentro da xornada de traballo.
n. Quen, por razón de garda legal, teña ao seu cargo directo algún menor de 12 anos ou unha persoa con necesidades especiais que non realice ningunha actividade retribuída, terá dereito a unha redución da xornada de traballo coa diminución proporcional do salario ou retribución, polo menos, dun terzo e, como máximo, da metade da duración daquela. Terá o mesmo dereito quen precise encargarse do coidado directo dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non se poida valer por si mesmo e que non desempeñe actividade retribuída.
o. A redución de xornada recollida neste punto constitúe un dereito individual dos traballadores, homes ou mulleres. Porén, se dous ou máis traballadores da mesma empresa xeran este dereito para o mesmo suxeito causante, o/a empresario/a poderá limitar o seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa.
p. A concreción horaria e a determinación do período de desfrute do permiso de lactación e de redución de xornada, previstos nos anteriores puntos deste artigo, corresponderalle ao/á traballador/a, dentro da súa xornada horaria. O/a traballador/a deberá avisar previamente o/a empresario/a con 15 días de antelación á data en que se reincorporará á súa xornada ordinaria.
q. Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.
r. As persoas traballadoras cun ano de antigüidade ou máis terán dereito a un día de asuntos propios por ano.
s. Terá a mesma consideración que o matrimonio a parella de feito estable, legalmente acreditada, con relación aos permisos aquí descritos.
t. Se a lexislación vixente establece o dereito para as/os traballadoras/es á licenza ou permisos para a conciliación da vida familiar, os permisos retribuídos establecidos neste artigo sumaranse aos establecidos na lexislación de carácter xeral.
u. Para os casos non recollidos se remite á lexislación vixente.
CAPÍTULO VI
Igualdade de xénero e oportunidades
Artigo 46. Protección da maternidade
1. A avaliación dos riscos laborais do sector deberá comprender a determinación da natureza, o grao e a duración da exposición das traballadoras en situación de embarazo ou parto recente a axentes, procedementos ou condicións de traballo que poidan influír negativamente na saúde das traballadoras ou do feto, en calquera actividade susceptible de presentar un risco específico. Se os resultados da avaliación revelasen un risco para a seguridade e a saúde ou unha posible repercusión sobre o embarazo ou a lactación das citadas traballadoras, o empresario adoptará as medidas necesarias para evitar a exposición ao devandito risco, a través dunha adaptación das condicións ou do tempo de traballo da traballadora afectada. As devanditas medidas incluirán, cando resulte necesario, a non realización de traballo nocturno ou de traballo por quendas.
2. Cando a adaptación das condicións ou do tempo de traballo non resulte posible ou, a pesar de tal adaptación, as condicións dun posto de traballo poidan influír negativamente na saúde da traballadora embarazada ou do feto, e así o certifiquen os servizos médicos do Instituto Nacional da Seguridade Social ou das mutuas, en función da entidade con que a empresa teña concertada a cobertura dos riscos profesionais, co informe do médico do Servizo Nacional de Saúde que asista facultativamente a traballadora, esta deberá desempeñar un posto de traballo ou función diferente e compatible co seu estado. O empresario deberá determinar, logo de consulta cos representantes dos traballadores, a relación dos postos de traballo exentos de riscos para estes efectos.
3. O cambio de posto ou función levarase a cabo de conformidade coas regras e criterios que se apliquen nos supostos de mobilidade funcional e terá efectos ata o momento en que o estado de saúde da traballadora permita a súa reincorporación ao anterior posto.
4. No caso de que, aínda aplicando as regras sinaladas no parágrafo anterior, non exista posto de traballo ou función compatible, a traballadora poderá ser destinada a un posto non correspondente ao seu grupo profesional ou categoría equivalente, aínda que conservará o dereito ao conxunto de retribucións do seu posto de orixe.
5. Se o devandito cambio de posto non resulta técnica ou obxectivamente posible, ou non pode razoablemente exixirse por motivos xustificados, poderá declararse o paso da traballadora afectada á situación de suspensión do contrato por risco durante o embarazo, recollida no artigo 45.1.d) do Estatuto dos traballadores (RCL 1995, 997), durante o período necesario para a xornada.
6. Conforme o teor literal do número 4 bis do vixente artigo 37 do Estatuto dos traballadores: «Nos casos de nacementos de fillos prematuros ou que, por calquera causa, deban permanecer hospitalizados a continuación do parto, a nai ou o pai terán dereito a ausentarse do traballo durante unha hora. Así mesmo, terán dereito a reducir a súa xornada de traballo ata un máximo de dúas horas, coa diminución proporcional do salario. Para o desfrute deste permiso observarase o previsto no número 6 deste artigo».
7. Conforme o teor literal do número 3.bis do vixente artigo 40 do Estatuto dos traballadores: «A traballadora vítima de violencia de xénero que se vexa obrigada a abandonar o posto de traballo na localidade onde viña prestando os seus servizos, para facer efectiva a súa protección ou o seu dereito á asistencia social integral, terá dereito preferente a ocupar outro posto de traballo, do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente, que a empresa teña vacante en calquera outro dos seus centros de traballo».
8. As medidas de igualdade que se adopten axustaranse en todo caso á normativa aplicable e especificamente ao previsto polos seguintes artigos da Lei orgánica 3/2007.
Artigo 47. Permiso por atención de fillos/as lactantes
1. No referido ao dito permiso, remítese ao artigo 45.d) deste convenio colectivo e á lexislación vixente. En todo o non regulado neste artigo, aplícase o artigo 37.4 do Estatuto dos traballadores.
2. A concreción horaria, a determinación do período de desfrute do permiso de lactación e da redución de xornada corresponderá á persoa traballadora, dentro da súa xornada ordinaria e do período de referencia legal.
3. A persoa traballadora deberá avisar previamente o empresario con 15 días de antelación da data en que se reincorporará á súa xornada ordinaria.
4. As discrepancias xurdidas entre a empresa e a persoa traballadora sobre a concreción horaria e a determinación dos períodos de desfrute previstos serán resoltas pola xurisdición competente a través do procedemento establecido no artigo 139 de la Lei da xurisdición social.
CAPÍTULO VII
Faltas e sancións
Artigo 48. Criterios xerais
1. A empresa poderá sancionar, como falta laboral, as accións ou omisións dos traballadores que se produzan con ocasión ou como consecuencia da relación laboral e que supoñan unha infracción ou incumprimento contractual dos seus deberes laborais, de acordo coa tipificación e gradación das faltas establecidas neste capítulo ou noutras normas laborais ou sociais.
2. As faltas cometidas polos traballadores ao servizo das empresas do sector clasificaranse atendendo á súa importancia e, se é o caso, á súa reincidencia, en leves, graves e moi graves, de conformidade co recollido no Estatuto dos traballadores.
Artigo 49. Sancións e aplicación
1. As sancións que as empresas poden aplicar, segundo a gravidade e circunstancias das faltas cometidas, serán as seguintes:
a. Faltas leves:
• Amoestación verbal.
• Amoestación por escrito.
b. Faltas graves:
• Suspensión de emprego e soldo de un a quince días.
c. Faltas moi graves:
• Suspensión de emprego e soldo de dezaseis a noventa días.
• Despedimento.
2. Para a aplicación e gradación das sancións que anteceden no número 1 terase en conta:
a. Maior ou menor grao de responsabilidade do que comete a falta.
b. O grupo profesional deste/a.
c. A repercusión do feito nos demais traballadores e na empresa.
3. Previamente á imposición de sancións por faltas graves ou moi graves aos/ás traballadores/as que teñan a condición de representante legal ou sindical seralles instruído expediente contraditorio por parte da empresa, en que serán oídos, á parte da persoa interesada, os restantes membros da representación a que este/a pertenza, se os houber.
4. A obriga de instruír o expediente contraditorio aludido anteriormente esténdese ata o ano seguinte ao de cesamento no cargo representativo.
5. Naqueles supostos en que a empresa pretenda impor unha sanción a aqueles traballadores dos que teña constancia que están afiliados a un sindicato deberá, con carácter previo á imposición de tal medida, dar audiencia aos delegados sindicais, se os houber.
Disposición adicional primeira
Segundo o Regulamento de eleccións a órganos de representación dos/das traballadores/as na empresa, establécese unha antigüidade mínima na empresa de tres meses para concorrer como candidato/a a eleccións sindicais (Real decreto 1844/1994, do 9 de setembro).
Disposición adicional segunda
As partes asinantes deste convenio coinciden na necesaria sensibilización das empresas e dos traballadores en materia de seguridade e saúde. Lémbraselles ás primeiras a súa obriga ineludible de lles prestar a protección adecuada e eficaz aos traballadores e a estes, a súa dilixencia e colaboración, como primeiros destinatarios en cantas medidas preserven a súa saúde e integridade física.
Disposición adicional terceira
A complexidade inherente a esta materia aconsella que as empresas pequenas e medianas, sen suficiente estrutura para iso, concerten con empresas especializadas a necesaria avaliación inicial de riscos e as súas posibles revisións e o asesoramento adecuado para o seguimento da observancia estrita das súas obrigas en todo o que atinxe a seguridade e saúde laboral.
Disposición adicional cuarta
O texto deste convenio foi elaborado en lingua galega e será este o idioma que sirva de base para calquera interpretación ou aclaración da Comisión Paritaria.
Disposición adicional quinta. Acoso sexual e moobing
As partes afectadas por este convenio asumen o compromiso de velar por que exista na empresa un ambiente exento de risco para a saúde e, en concreto, para o acoso sexual, establecendo procedementos nas empresas para que quen sexa vítima de tales tratos presente queixas, co fin de obter axuda inmediata, utilizando para iso o código de conduta comunitario, relativo á protección da dignidade da muller e do home no traballo.
Disposición derradeira
Ambas as dúas partes acordan a incorporación e aplicación dos novos aspectos da Lei de igualdade que non están incluídos no convenio ou que se modifican con esta nova lei e os novos aspectos en materia de prevención de riscos laborais e da Lei de dependencia que non recolla este convenio e calquera aspecto doutra lei de carácter social que, durante a vixencia deste convenio, poida incidir no contido deste.
