DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Martes, 22 de abril de 2025 Páx. 22959

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 25/2025, do 7 de abril, polo que se crea a Rede de nodos de innovación sanitaria e se establece a súa composición, organización e funcións.

A Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, considera a investigación científica e técnica como concepto equivalente á investigación e desenvolvemento, entendido como o traballo creativo realizado de xeito sistemático para incrementar o volume de coñecementos e o uso destes para crear novas aplicacións, a súa transferencia e divulgación.

É neste contexto no que a Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, veu establecer o marco para o fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico, da transferencia e valorización de resultados e da innovación en Galicia en todas as súas vertentes, así como a súa xestión eficiente. Esta lei recolle, entre os seus obxectivos, no artigo 2, «favorecer e impulsar a innovación na xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do resto do sector público autonómico de Galicia e buscar a efectividade e a eficiencia, así como o máximo beneficio e servizo ás persoas usuarias».

Os servizos de saúde maduros desenvolven sistemas de xestión da investigación e da innovación, e convértense en xeradores de melloras e riqueza, a través de novos produtos e servizos. Nestes sistemas débense aliñar os obxectivos de I+D+i, os seus esforzos, recursos e talento coas necesidades non cubertas, preocupacións e obxectivos reais da organización.

A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, no seu capítulo III, da investigación e a innovación no Sistema público de saúde de Galicia, establece entre os seus principios xerais que «todos os centros e servizos sanitarios estarán en disposición de favorecer e desenvolver a investigación, e promoverán a cultura científica, tecnolóxica e de innovación»; ademais, a Administración sanitaria promoverá «un modelo de innovación aberta orientado a impulsar a creatividade, a cooperación e a aplicación no sistema sanitario dos cambios que acheguen valor a pacientes e profesionais».

De conformidade co anterior, mediante o Decreto 22/2013, do 24 de xaneiro, creouse o Consello para a Innovación en Materia Sanitaria, como órgano de carácter permanente e consultivo no cal participarán persoas de relevancia en materia de innovación en saúde e cuxa finalidade será a promoción da innovación na Consellería de Sanidade e no Servizo Galego de Saúde.

Ademais, a través do Decreto 112/2015, do 31 de xullo, creouse a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e aprobáronse os seus estatutos. A dita axencia é unha axencia pública autonómica que se encadra dentro das entidades públicas instrumentais reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e ten como fins xerais e obxectivos básicos actuar como un instrumento de xestión da formación no Sistema público de saúde de Galicia, así como para o fomento e a coordinación da investigación nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, a coordinación e o impulso da actividade innovadora da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, e a avaliación de tecnoloxías e servizos sanitarios, así como a formación continuada dos/das profesionais das institucións sanitarias.

En desenvolvemento dos seus fins, e dentro do marco global da política pública e da planificación da investigación e innovación, a Axencia ten entre os seus obxectivos «aplicar o modelo de xestión da innovación sanitaria aberta da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, coordinar os órganos colexiados da Plataforma de innovación e aqueloutros relacionados coas actividades de innovación», e atribuíuselle, no artigo 18 dos seus estatutos, á Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da Axencia a execución e a xestión de proxectos de investigación e innovación sanitaria e o deseño e execución da estratexia de valorización da innovación sanitaria desenvolvida no Sistema público de saúde de Galicia, dando soporte ás actividades da Plataforma de innovación sanitaria.

A Rede de nodos de innovación sanitaria busca que os/as profesionais do Sistema sanitario público galego, pacientes, coidadores/as, empresas e demais perfís implicados no sector da saúde acheguen as súas ideas de mellora ou proxectos co fin de substituír procesos ou servizos pouco eficientes por alternativas de maior impacto. A Rede recolle, valoriza e acompaña estas ideas ou proxectos co fin de convertelas en proxectos con resultados aplicables á realidade cotiá da práctica asistencial e estendelos a todo o Sistema público de saúde de Galicia. Para a promoción e dinamización da achega de ideas á rede por parte de calquera profesional do Sistema público de saúde de Galicia constitúese un nodo de innovación en cada unha das sete áreas sanitarias de Galicia, xunto cun nodo central, que recae na Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, para a canalización das ideas dos/das profesionais dos servizos centrais, e que realizará funcións de coordinación da rede.

Ademais, en todas as áreas sanitarias existen salas ou espazos de colaboración ao seu dispor para realizar as reunións do nodo e para manter encontros de traballo entre os/as profesionais, abertos á colaboración con outras entidades do ecosistema de innovación na proposta de ideas innovadoras e a pensar conxuntamente as solucións.

Nese senso, no artigo 6.q) do Decreto 134/2019, do 10 de outubro, polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia, recóllese, entre as competencias das xerencias, potenciar a cooperación en materia de innovación entre o sistema sanitario público, outras administracións, as empresas e as universidades, sobre todo coas da Comunidade Autónoma, sen prexuízo das competencias atribuídas á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

A normativa e os antecedentes mencionados fan necesaria a regulación da rede de nodos de innovación da Plataforma de innovación sanitaria, co fin de formalizar a súa organización, ámbito de actuacións e funcións, co obxectivo de impulsar e fomentar a innovación no ámbito sanitario.

O decreto consta de 16 artigos, divididos en dous capítulos. O capítulo I (artigos 1 a 12) refírese á creación, funcións e composición da Rede de nodos de innovación sanitaria, e o capítulo II (artigos 13 a 16) dedícase ao desenvolvemento e implantación de proxectos innovadores. Completan o texto unha disposición adicional única, relativa á inclusión da participación nas actividades da Rede de nodos de innovación sanitaria como mérito na carreira profesional, e unha disposición derradeira, relativa á entrada en vigor.

Na súa constitución cumpriuse co establecido no artigo 15 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que regulará, xunto coa Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, o seu réxime de organización e funcionamento. Así mesmo, foi obxecto de publicación no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia, e tamén foi sometido a informe económico-financeiro da consellería competente en materia de facenda, informe da consellería con competencias en materia de Administración pública e emprego público, informe sobre impacto de xénero e demográfico, así como informe da Asesoría Xurídica.

Na súa tramitación seguíronse as previsións contidas nos artigos 40 a 43 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e nos artigos 127 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Finalmente, no exercicio desta potestade regulamentaria, e en prol da mellora da calidade normativa, esta Administración actuou de conformidade cos principios de boa regulación, concretamente os de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade, simplicidade, eficacia e eficiencia, recollidos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, así como no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de abril de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Creación, funcións e composición da Rede de nodos de innovación sanitaria

Artigo 1. Creación e ámbito de actuación

1. Créase a Rede de nodos de innovación sanitaria, dependente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, co obxectivo de lograr que a Plataforma de innovación sanitaria se converta na ferramenta transversal da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde para potenciar e xestionar os resultados de innovación sanitaria enmarcados nun modelo de «innovación aberta» e «innovación social», entendidas como un mecanismo para canalizar as ideas dos/das profesionais, pacientes, coidadores/as, empresas e demais entidades implicadas no sistema sanitario, promover a valorización, a protección e a transferencia do amplo coñecemento xerado, e impulsar a creatividade, a cooperación e a aplicación dos cambios que acheguen, co obxecto de que os resultados se transfiran á sociedade, transformándoos en proxectos con resultados aplicables á realidade cotiá da práctica asistencial.

2. O seu ámbito de actuación será o do Sistema público de saúde de Galicia.

Artigo 2. Obxectivos da Rede de nodos de innovación sanitaria

Os obxectivos da Rede de nodos de innovación sanitaria son:

a) Promover a innovación entre os/as profesionais e os/as usuarios/as, situando os/as pacientes no centro da innovación.

b) Recoller tanto as necesidades identificadas como as ideas dos axentes do ecosistema de innovación para mellorar a experiencia dos/das pacientes na asistencia e os resultados en saúde.

c) Intercambiar as boas prácticas e actividades de innovación entre os nodos da rede de innovación.

d) Trasladar os proxectos de innovación exitosos realizados nun nodo ao resto de áreas sanitarias.

e) Avaliar de forma rápida e áxil as propostas de proxectos de innovación para detectar as máis prioritarias.

f) Axilizar os trámites administrativos necesarios para implantar as propostas prioritarias.

g) Buscar unha vía de financiamento rápido e directo para proxectos de baixo custo, compatible coa procura de convocatorias de financiamento para proxectos de maior envergadura.

h) Promover a formación e a promoción da innovación aberta entre os/as profesionais, aplicando criterios de paridade e fomentando a superación da fenda de xénero no ámbito da investigación.

Artigo 3. Funcións dos nodos de innovación

1. As funcións ás cales deben atender os nodos, en colaboración coas xerencias das áreas sanitarias e coa Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, son as seguintes:

a) Apoiar o Servizo Galego de Saúde e os/as profesionais das áreas sanitarias para identificar os principais retos de innovación de cada unha delas, priorizalos e axudar na procura de financiamento.

b) Dinamizar a xeración de ideas innovadoras en cada área sanitaria para lograr a súa transformación en proxectos e acadar a súa implantación, transferencia e escalado ao conxunto do sistema.

c) Ser unha ferramenta en mans das xerencias das áreas sanitarias para xestionar e homoxeneizar o proceso de innovación na área, desde a captación de ideas ata a xestión dos seus resultados.

d) Dinamizar e promover proxectos de innovación sanitaria que partan desde os/as profesionais, pacientes ou persoas usuarias do Servizo Galego de Saúde.

e) Dar soporte e definir programas de formación específica para a correcta xestión de proxectos de innovación, destacando a formación en dereitos de propiedade intelectual.

f) Ser a porta de acceso ás fontes de financiamento competitivo nacional- europeo, xunto coa Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, para financiar fases críticas ou a intensificación de profesionais sanitarios.

g) Dotar as ideas ou proxectos innovadores de servizos de apoio metodolóxico e de xestión, facilitando o acceso a programas e fontes de financiamento.

h) Canalizar as iniciativas de innovación de ámbito nacional e europeo en que participa o Sistema público de saúde de Galicia, coordinando e impulsando a execución das tarefas que correspondan ás áreas sanitarias nestes proxectos.

i) Servir de ponte para implantar boas prácticas ou ideas innovadoras que se estean levando adiante noutras áreas sanitarias.

2. As funcións descritas anteriormente deben sempre promover a conciliación, a igualdade e a participación do xénero infrarrepresentado, e respectar a protección da innovación, mediante dereitos de propiedade intelectual co fin de non perder a vantaxe competitiva.

Artigo 4. Composición

1. A Rede de nodos de innovación sanitaria é unha rede de estruturas de coordinación despregadas nas sete áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde e dependente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

2. Establécese un nodo central de innovación sanitaria, que se corresponderá coa Dirección da Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, que realizará as funcións de coordinación da rede.

3. Dependente da xerencia de cada unha das sete áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde, constituirase un nodo de innovación, do cal formarán parte:

a) Unha persoa coordinadora do nodo de innovación, nomeada pola correspondente xerencia da área sanitaria, quen llo notificará á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

b) O equipo do nodo de innovación da área sanitaria, que estará composto por un máximo de 15 membros, nomeados pola persoa titular da xerencia da área sanitaria, oída a persoa nomeada como coordinadora do equipo do nodo, entre profesionais dela, con coñecementos e participación no impulso de proxectos de innovación.

Na composición do equipo procurarase unha representación equilibrada de homes e mulleres, potenciando a presenza do xénero infrarrepresentado, e deberá contar, cando menos, con profesionais do ámbito sanitario, do administrativo e do correspondente ás tecnoloxías da información.

Así mesmo, na composición deste equipo deberán estar representados todos os distritos sanitarios que conforman a área sanitaria correspondente, e incluiranse profesionais pertencentes aos distintos ámbitos asistenciais, tanto de atención hospitalaria como de atención primaria.

A xerencia da área sanitaria notificaralle á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde a composición deste equipo do nodo e dos cambios que se leven a cabo nel.

c) As persoas colaboradoras dos nodos de innovación, considerando como tal o persoal que colabore co nodo en actividades ou proxectos concretos en materia de innovación sanitaria. Procurarase unha representación equilibrada de homes e mulleres, potenciando a presenza do xénero infrarrepresentado.

d) As persoas colaboradoras externas. Poderán incluírse persoas doutras institucións coas cales as áreas sanitarias ou o Servizo Galego de Saúde manteñan acordos ou convenios de colaboración en materia de innovación. Procurarase unha representación equilibrada de homes e mulleres, potenciando a presenza do xénero infrarrepresentado.

4. As persoas compoñentes da Rede de nodos de innovación sanitaria non percibirán retribucións adicionais ás que lles corresponde no seu posto de traballo polas tarefas realizadas no nodo.

5. Na composición da Rede de nodos de innovación sanitaria procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres, potenciando a presenza do xénero infrarrepresentado, e estableceranse as medidas de conciliación necesarias para fomentar a dita participación.

Artigo 5. Funcións do Nodo central de innovación sanitaria

O Nodo central de innovación sanitaria representará os diferentes departamentos dos servizos centrais da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde coas competencias que ten asumidas a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde en materia de innovación sanitaria, de acordo coas seguintes funcións:

a) Coordinar e apoiar as actividades dos sete nodos de innovación.

b) Xestionar e coordinar o funcionamento dos procesos da Rede de nodos de innovación sanitaria do Sistema público de saúde de Galicia.

c) Canalizar a información sobre os proxectos de innovación de ámbito nacional e/ou europeo cara aos nodos de innovación, fomentando a participación de profesionais nas actividades que deban realizarse nas áreas sanitarias relativas a estas iniciativas.

d) Identificar os proxectos de innovación e as boas prácticas susceptibles de transferirse entre nodos.

e) Coordinar as actividades de formación en materia de innovación como entidade encargada da formación dos/das profesionais sanitarios/as, por proposta dos/das coordinadores/as dos nodos de innovación.

f) Organizar conxuntamente cos nodos de innovación os premios anuais de innovación do Sistema público de saúde de Galicia.

g) Certificar as actividades realizadas polas persoas coordinadoras, os/as compoñentes do equipo de soporte e a participación dos/das profesionais colaboradores/as nos proxectos e actividades da Rede de nodos de innovación sanitaria co fin do recoñecemento profesional. Para tal efecto, estableceranse as medidas de conciliación necesarias para posibilitar a participación do xénero infrarrepresentado, garantindo a súa correcta progresión na carreira investigadora.

Artigo 6. Funcións da persoa coordinadora do nodo de innovación da área sanitaria

A persoa coordinadora do nodo de innovación da área sanitaria atenderá ás seguintes funcións:

a) Coordinar as actividades do equipo do nodo de innovación.

b) Asistir ás reunións de coordinación da Rede de nodos de innovación sanitaria e da Plataforma de innovación sanitaria convocadas polo Nodo central da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

c) Comunicarlle ao Nodo central de innovación sanitaria, á dirección da que depende funcionalmente e á xerencia da área sanitaria aqueles proxectos que superan a fase de presentación de ideas e as persoas que se incorporan como participantes en proxectos de innovación.

d) Comunicarlle ao Nodo central de innovación sanitaria e á xerencia da área sanitaria as actividades do nodo de innovación, tales como xornadas, sesións e outras.

e) Proporlle a oferta formativa en materia de innovación ao Nodo central de innovación sanitaria.

f) Colaborar na organización dos premios anuais de innovación do Sistema público de saúde de Galicia.

g) Facilitar a comunicación con entidades do ámbito local susceptibles de formar parte do ecosistema de innovación a nivel local.

h) Identificar iniciativas susceptibles de realizarse no modelo de living lab.

i) Elevarlle ao Nodo central de innovación sanitaria e á xerencia da área sanitaria a memoria anual que recolle as actividades do nodo de innovación e as persoas que o integran, para os efectos de recoñecemento profesional, incluíndo datos desagregados por sexo. De conformidade co previsto no artigo 27.2 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, da totalidade das estatísticas e investigacións en materia de xénero enviaráselle copia ao órgano competente en materia de igualdade.

A memoria anual será obxecto de publicación na páxina web do Servizo Galego de Saúde, para xeral acceso e coñecemento pola cidadanía.

Artigo 7. Funcións do equipo do nodo de innovación da área sanitaria

As funcións do equipo do nodo de innovación da área sanitaria serán as seguintes:

a) Dinamizar as ideas e proxectos de innovación na área sanitaria, mantendo un rexistro destes e o control da súa evolución ata a súa realización ou desistencia.

b) Manter unha listaxe de liñas asistenciais e non asistenciais en que os/as profesionais da área desenvolven actividades de innovación.

c) Identificar necesidades non cubertas susceptibles de xerar proxectos de innovación, fomentando o modelo de compra pública innovadora e o modelo living lab a través da rede de living labs de saúde de Galicia (Labsaúde).

d) Apoiar a xeración de proxectos de innovación participando en convocatorias a nivel autonómico, nacional e/ou europeo co fin de lograr financiamento para a súa posta en marcha.

e) Levar o control da metodoloxía de avaliación e dos resultados dos proxectos de innovación.

f) Participar na difusión dos proxectos de innovación do nodo da área e da Rede de nodos de innovación sanitaria.

g) Detectar e animar os/as profesionais que teñan inquietudes innovadoras a formar parte do nodo de innovación e a presentar propostas de proxectos á plataforma de innovación sanitaria. Para tal efecto, potenciarase a presenza do xénero infrarrepresentado, establecendo as medidas de conciliación necesarias para fomentar a dita participación.

h) Manter unha lista de persoas colaboradoras do nodo e informar periodicamente as persoas incluídas na lista das actividades do nodo e das propostas formativas relacionadas con innovación que se van realizar dentro ou fóra do propio sistema sanitario.

i) Organizar as actividades do nodo de innovación, como reunións, xornadas, sesións abertas ou outras, fixando a axenda e elaborando unha memoria breve desta e a relación de asistentes. Para tal efecto, estableceranse as medidas de conciliación necesarias para posibilitar a participación do xénero infrarrepresentado, garantindo a súa correcta progresión na carreira investigadora.

j) Elaborar unha memoria anual que recolla as actividades do nodo de innovación, integrantes do equipo do nodo e persoas colaboradoras do nodo de innovación. A memoria anual será obxecto de publicación na páxina web do Servizo Galego de Saúde, para xeral acceso e coñecemento pola cidadanía.

Artigo 8. Funcións dos/das colaboradores/as do nodo de innovación da área sanitaria

1. A participación dos/das colaboradores/as do nodo será voluntaria:

a) A alta dun/dunha profesional como colaborador/a producirase ao enviar unha consulta, idea ou pola participación en actividades de difusión ou formación en innovación. O/a profesional será notificado/a desta alta, e poderá posteriormente solicitar a súa baixa. A presentación dunha consulta ou idea, ou a participación en actividades do nodo, levará implícito o consentimento do/da profesional á súa consideración como colaborador/a, así como a aceptación das súas implicacións.

b) A baixa producirase por petición propia e poderáselle solicitar ao nodo de innovación que non se lle envíen correos de comunicación.

c) Os/as colaboradores/as serán convocados/as a actividades de formación e a reunións temáticas.

d) Ofreceráselles participación nas actividades de proxectos ou xornadas de innovación, que serán acreditadas.

e) Participarán na presentación de proxectos de innovación ao nodo e á plataforma de innovación sanitaria. No caso de que o proxecto logre pórse en marcha, recibirán acreditación de participación no proxecto xunto cos membros do equipo que o formen.

2. No caso de non enviar propostas de proxectos, non asistir a actividades de formación ou reunións no período dun ano, serán dados/as de baixa como colaboradores/as do nodo de innovación.

3. Para tal efecto, estableceranse as medidas de conciliación necesarias para posibilitar a participación do xénero infrarrepresentado, garantindo a súa correcta progresión na carreira investigadora.

Artigo 9. Coordinación cos institutos e fundacións públicas galegas de investigación biomédica

1. Co fin de fomentar a colaboración e mellorar a coordinación entre as actividades de investigación e innovación desenvolvidas nos institutos e fundacións públicas galegas de investigación biomédica e as iniciativas de innovación promovidas polos nodos, as persoas representantes das fundacións e institutos de investigación galegos poderán participar nas reunións da Rede de nodos de innovación sanitaria.

2. As fundacións promoverán iniciativas conxuntas cos nodos de innovación para financiar proxectos innovadores que deberán desenvolver na rede asistencial os/as profesionais sanitarios/as.

3. Os nodos de innovación poderán apoiarse nas fundacións de investigación para a xestión de proxectos de innovación financiados por terceiros para as tarefas de xestión.

4. A xestión dos beneficios obtidos pola explotación de proxectos de innovación atenderá ao disposto polo decreto en vigor que regula a protección, a valorización e a transferencia dos resultados da investigación, desenvolvemento e innovación no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia. A distribución de beneficios correspondente ao Servizo Galego de Saúde e ás súas entidades instrumentais, no tocante a proxectos impulsados polos nodos, deberá destinarse ao financiamento das actividades do correspondente nodo.

Artigo 10. Formación dos integrantes da Rede de nodos de innovación sanitaria

1. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, como entidade encargada da formación dos/das profesionais sanitarios/as, organizará anualmente a formación para o persoal do equipo de innovación dos nodos, o persoal coordinador e para os/as profesionais colaboradores/as, e deixará abertas as prazas que poidan quedar vacantes a outros/as profesionais interesados/as por proxectos de innovación, a través do Plan estratéxico de formación.

2. A formación estará orientada á adquisición de habilidades propias da innovación, como xestión de proxectos de innovación, presentación de proxectos ou metodoloxías de innovación, entre outras. Tamén incluirá a perspectiva de xénero e fomentará a participación do xénero infrarrepresentado, fomentando o seu acceso e progresión na carreira investigadora.

3. Os/as coordinadores/as e membros do equipo do nodo de innovación terán preferencia para asistir ás actividades formativas programadas especificamente para os nodos de innovación. Posteriormente poderánselles ofertar tamén as ditas actividades aos/ás colaboradores/as do nodo, e aos demais profesionais, por esta orde de prelación.

4. En todo caso, serán consultados os/as coordinadores/as dos nodos de innovación para que propoñan anualmente a formación en innovación que consideren máis necesaria para o desenvolvemento das súas funcións.

Artigo 11. Certificación da participación nas actividades da Rede de nodos de innovación sanitaria

1. A Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, por proposta da Dirección da Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria, e en virtude das competencias en innovación sanitaria outorgadas pola Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, certificará a participación nas actividades da Rede de nodos de innovación sanitaria co fin do recoñecemento profesional que, de ser o caso, corresponda. Para tal efecto, estableceranse as medidas de conciliación necesarias para posibilitar a participación do xénero infrarrepresentado, garantindo a súa correcta progresión na carreira investigadora.

2. Establécense os seguintes requisitos para certificar a participación nas actividades da Rede de nodos de innovación sanitaria:

a) Coordinadores dos nodos de innovación: asistencia ás reunións convocadas polo Nodo central de innovación e a participación na organización das actividades reflectidas na memoria anual.

b) Membros do equipo dos nodos de innovación: participación acreditada polos/as coordinadores/as dos nodos nas actividades reflectidas na memoria anual.

c) Colaboradores/as dos nodos de innovación: a participación nalgunha das seguintes actividades permitirá certificar a participación nas actividades da Rede de nodos de innovación sanitaria como membro colaborador durante o ano:

1º. Asistencia ás reunións e/ou xornadas organizadas polo nodo da área sanitaria (mínimo 3 reunións ao ano). O equipo responsable do nodo elaborará unha acta das reunións que teña o nodo ao longo do ano e un control de sinaturas ao iniciar e ao finalizar as reunións. A acta e as sinaturas de cada reunión remitiránselle ao Nodo central de innovación. Ao final do ano elaborarase unha listaxe coas persoas que asistiron ao número mínimo de reunións validada polo/a coordinador/a do nodo, e incluiranse datos desagregados por sexo.

2º. Realización de cursos de temática de innovación organizados pola Rede de nodos de innovación sanitaria, incluíndo datos desagregados por sexo.

3º. Presentación de propostas e/ou participación en proxectos innovadores (mínimo 1 proposta/proxecto ao ano). Desde o Nodo central de innovación elaborarase unha listaxe das propostas presentadas que alcancen a fase de proxectos, ou da participación en proxectos de innovación da Rede de nodos de innovación sanitaria.

3. Os nodos poderán realizar as súas sesións a distancia, de conformidade co previsto no artigo 17 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. Nas sesións telemáticas, as persoas integrantes do órgano poderán atoparse en distintos lugares, sempre e cando se asegure por medios electrónicos, considerándose tamén como tales os telefónicos e audiovisuais, a identidade dos membros ou persoas que os suplan, o contido das súas manifestacións, o momento en que estas se producen, así como a interactividade e intercomunicación entre elas en tempo real e a dispoñibilidade dos medios durante a sesión.

Para tal efecto, as convocatorias remitiranse a través de medios electrónicos, e farase constar nelas a orde do día xunto coa documentación necesaria para a súa deliberación, cando sexa posible, as condicións en que se vaia realizar a sesión, o sistema de conexión e, de ser o caso, os lugares en que estean dispoñibles os medios técnicos necesarios para asistir e participar na reunión. Cando se asista por vía telemática, os acordos entenderanse adoptados na sede do órgano e, na súa falta, onde estea situada a súa presidencia.

Para os efectos da certificación da participación dos membros, abondará coa certificación e coa acta expedidas pola secretaría do órgano, en que se recollerán as persoas participantes.

4. De conformidade co previsto no artigo 27.2 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, da totalidade das estatísticas e investigacións en materia de xénero enviaráselle copia ao órgano competente en materia de igualdade.

Artigo 12. Recoñecemento na carreira profesional da participación nas actividades da Rede de nodos de innovación sanitaria

As actividades realizadas polas persoas membros da Rede de nodos de innovación sanitaria recoñeceranse na carreira profesional como méritos na epígrafe de innovación, logo de certificación pola Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, de acordo cos criterios establecidos no artigo 11.

CAPÍTULO II

Desenvolvemento e implantación de proxectos innovadores

Artigo 13. Apoio para o desenvolvemento e implantación de ideas e proxectos innovadores pola Rede de nodos de innovación sanitaria

1. A través da Rede de nodos de innovación sanitaria procúrase o desenvolvemento e a implantación de solucións innovadoras para o Sistema público de saúde de Galicia que xeren maior calidade e dean resposta aos retos en saúde que presenta a nosa sociedade.

2. A través da Rede de nodos de innovación sanitaria levaranse a cabo as seguintes actividades:

a) Canalizar as ideas dos/das profesionais, pacientes, coidadores/as, empresas e demais perfís implicados no sistema sanitario público galego.

b) Transformar as ideas en proxectos con resultados aplicables á realidade cotiá da práctica asistencial.

c) Introducir cambios de forma áxil no sistema sanitario e substituír os procesos pouco eficientes por alternativas de maior calidade.

d) Avaliar e apoiar o desenvolvemento de proxectos.

e) Realizar o seguimento dos proxectos logo da súa implantación.

f) Axilizar os trámites administrativos e a toma de decisións.

g) Buscar as convocatorias de financiamento máis adecuadas e identificar e contactar con posibles socios para a súa posta en marcha.

h) Realizar tarefas de asesoramento e soporte para que o proxecto se transforme nun novo produto ou servizo sanitario.

3. A Rede de nodos de innovación sanitaria conta cunha plataforma de innovación aberta permanentemente, onde recoller as ideas e facer seguimento delas.

Artigo 14. Criterios de priorización das propostas innovadoras

1. As ideas e propostas innovadoras presentadas deberán demostrar que xeran un valor para os/as pacientes e o sistema sanitario, mellorando a calidade de vida dos/das pacientes ou a eficiencia do servizo sanitario no ámbito da provisión de servizos, prácticas asistenciais ou de xestión.

Non poderán presentarse propostas xa comercializadas, transferidas á industria nin aquelas que teñan comprometida a súa licenza con algunha organización ou empresa.

2. Na valoración das propostas teranse en conta os seguintes criterios:

a) Prioridade estratéxica de innovación do Sistema público de saúde de Galicia: valorarase o grao de idoneidade para desenvolver un proxecto nun momento concreto polas circunstancias específicas que o determinen.

b) Aliñamento e impacto coa Estratexia do Servizo Galego de Saúde: valorarase o grao de consonancia do proxecto proposto coa Estratexia do Servizo Galego de Saúde.

c) Escalabilidade: valorarase o nivel en que as ideas son transferibles máis alá do centro en que se propoñen.

d) Innovación: valorarase a achega innovadora que supón fronte á práctica habitual.

e) Beneficios para o sistema sanitario público galego ou persoas usuarias do sistema.

f) Participación da cidadanía e pacientes.

g) Recursos necesarios para o seu desenvolvemento.

h) Identificación de compoñentes tecnolóxicos e de sistemas de información.

i) Identificación de métodos de avaliación de resultados.

j) Implicacións co tratamento de datos de carácter persoal: necesidade de avaliación dos comités de ética da investigación e da Comisión de Estudos de Alto Impacto.

Artigo 15. Xestión das achegas de propostas innovadoras á Rede de nodos de innovación sanitaria

1. Calquera profesional, usuario/a ou axente externo poderá enviar as súas propostas de proxectos de innovación para a mellora do sistema sanitario a través da plataforma de innovación sanitaria.

2. Todas as propostas que se reciban a través da plataforma de innovación terán unha avaliación individual de acordo cos criterios xerais establecidos no artigo 14. Os/as coordinadores/as dos nodos de innovación das áreas sanitarias e/ou as persoas membros do equipo do nodo en que delegue reuniranse como mínimo trimestralmente para avaliar todas as propostas da súa área.

3. Os/as coordinadores/as dos nodos comunicaranlle a través das reunións periódicas convocadas polo Nodo central de innovación ao resto dos nodos das áreas sanitarias as propostas recibidas, xunto coa avaliación efectuada e, de ser o caso, a posta en marcha do proxecto ou grao de implantación, co fin de ser coñecidas polo resto das áreas sanitarias.

4. Todas as propostas recibidas deberán ser respondidas aos/ás seus/súas promotores/as, o que poderá consistir na inadmisión, a admisión do proxecto para a súa implantación no sistema, a proposta de mellora da idea ou a etiquetaxe como proposta «realizable» para a posterior inclusión nun proxecto maior ou iniciativa futura.

5. Ademais, co fin de axilizarse a posta en marcha de proxectos, o nodo proporá o financiamento directo daquelas ideas avaliadas positivamente que teñan un custo menor para xestionar pola área sanitaria ou a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, segundo a dispoñibilidade orzamentaria.

6. No caso de propostas avaliadas positivamente que requiran dun financiamento para o cal non exista dispoñibilidade orzamentaria suficiente, elevaráselle ao Comité de Valoración da Plataforma de innovación sanitaria, descrito no artigo 16, a proposta dos nodos de innovación. No caso de aprobación, isto quedará supeditado á dispoñibilidade orzamentaria ou á captación de fondos de innovación mediante programas ou convocatorias que permitan o seu financiamento.

Artigo 16. Comité de Valoración da Plataforma de innovación sanitaria

1. O Comité de Valoración da Plataforma de innovación sanitaria é o órgano colexiado ao cal se elevarán, para a súa avaliación, aquelas propostas susceptibles de ser aplicadas en toda a organización e/ou cun impacto económico que requiran de financiamento adicional, logo da avaliación positiva por parte da Rede de nodos de innovación sanitaria.

2. Formarán parte deste comité as persoas designadas pola Presidencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, ata un máximo de 15 membros. Os membros non percibirán retribucións de ningún tipo.

3. Na súa composición procurarase acadar unha representación equilibrada en función da tipoloxía de proxectos dos diferentes órganos que conforman a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e as demais entidades instrumentais do sistema público galego, e unha presenza equilibrada de homes e mulleres, potenciando a presenza do xénero infrarrepresentado, polo que se establecerán as medidas de conciliación necesarias para fomentar a dita participación.

4. A Presidencia do Comité recaerá na persoa que ocupe a Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e a Secretaría, na persoa que ocupe a Dirección da Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria.

5. Este comité reunirase con carácter cuadrimestral ou cando o número de propostas sexa significativo.

6. O Comité de Caloración da Plataforma de innovación sanitaria avaliará as propostas recibidas segundo as fases aplicables en casa caso: ideación, desenvolvemento da solución, solicitude de financiamento externo, desenvolvemento de proxectos de compra pública innovadora, avaliación en contornos living lab da rede Labsaúde e/ou opcións de protección, valorización e transferencia, como creación de spin-offs, e proporá e asesorará os órganos correspondentes da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde sobre as medidas que cumprirá adoptar no desenvolvemento ou na implantación destes proxectos.

Disposición adicional única. Inclusión da participación nas actividades da Rede de nodos de innovación sanitaria como mérito na carreira profesional

As actividades realizadas polas persoas membros da Rede de nodos de innovación sanitaria recoñeceranse na carreira profesional como méritos na epígrafe de formación, docencia, investigación e innovación ou, de ser o caso, na de implicación ou compromiso coa organización.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de abril de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade