DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Mércores, 23 de abril de 2025 Páx. 23350

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 10 de abril de 2025 pola que se modifica a Orde do 8 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de estadías formativas en empresas ou entidades vinculadas a sectores económicos estratéxicos de Galicia, dirixidas ás persoas mozas inscritas e beneficiarias do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (programa Xuventude Mentoring na Empresa, código de procedemento BS324D).

Mediante a Orde do 8 de xaneiro de 2025 establecéronse as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de estadías formativas en empresas ou entidades vinculadas a sectores económicos estratéxicos de Galicia, dirixidas ás persoas mozas inscritas e beneficiarias do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+Galicia 2021-2027, e procedeuse á súa convocatoria para o ano 2025 (programa Xuventude Mentoring na Empresa, código de procedemento BS324D).

A referida orde está destinada á posta en marcha de programas de estadías formativas en empresas ou entidades públicas ou privadas, vinculadas a sectores estratéxicos en Galicia, de modo que se incrementen as posibilidades de inserción laboral das persoas mozas participantes, posibilitando a captación e retención de talento naqueles sectores económicos considerados claves para a nosa economía e, polo tanto, reforzando a empregabilidade e as habilidades e competencias profesionais das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación.

Estas subvencións son outorgadas en réxime de concorrencia competitiva con cargo aos créditos que para cada ano se especifiquen na correspondente lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia e estarán cofinanciadas nunha porcentaxe do 60 % pola Unión Europea no marco do programa FSE+Galicia 2021-2027, dentro do obxectivo político 4, Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais; prioridade 5, Emprego xuvenil; obxectivo específico ESO4.1, Mellorar o acceso ao emprego e as medidas de activación de todos os demandantes de emprego e, en particular, das persoas mozas, especialmente a través da aplicación da garantía xuvenil, das persoas desempregadas de longa duración e os grupos desfavorecidos no mercado laboral, e das persoas inactivas, así como mediante a promoción do emprego por conta propia e a economía social, e medida 5.A.05, prácticas formativas en países europeos ou en Galicia.

Na orde disponse que as estadías formativas poderán comezar a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de concesión das subvencións e unha vez aceptada esta e rematado o proceso de selección das persoas mozas participantes, e que deberán finalizar, como data límite, o 31 de outubro de 2025. Así mesmo, establécese que o período de realización das estadías formativas nas empresas ou entidades será dun mínimo de 3 e un máximo de 4 meses consecutivos, agás causa xustificada, motivada por escrito.

Pola súa vez, realízase unha distribución inicial de créditos para cofinanciar programas de estadías formativas en Galicia vinculadas a sectores estratéxicos presentadas por concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia validamente constituídas con cargo á aplicación orzamentaria 2025 13 05 313A460.0 (código de proxecto 2023 00133), cuxa contía é de 455.684,22 €, e con cargo á aplicación orzamentaria 2025 13 05 313A 4810 (código de proxecto 2023 00133), cunha contía de 815.611,50 €, para cofinanciar programas de estadías formativas en Galicia vinculadas a sectores estratéxicos presentadas por entidades privadas sen ánimo de lucro, con sede permanente ou domicilio social en Galicia.

Os importes de cada aplicación orzamentaria poderán ser incrementados ou minorados como consecuencia da asignación ou da redistribución ou transferencias de crédito entre ambas as aplicacións de fondos destinados ao financiamento dos programas do Sistema nacional de garantía xuvenil, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para realizar o incremento ou minoración do crédito é necesario o informe favorable previo da modificación orzamentaria por parte do organismo intermedio do programa FSE+ Galicia 2021-2027, actualmente a Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos.

A orde determina que as entidades solicitantes que cumpran os requisitos exixidos e non sexan propostas como adxudicatarias, inicialmente, por esgotarse o crédito orzamentario correspondente pasarán a conformar unha lista de agarda por orde de puntuación e que, no suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, o órgano instrutor poderá propoñer novas concesións de subvencións á solicitude ou solicitudes seguintes, pola orde de puntuación obtida, figurando como data límite da realización de novas propostas o día 1 de maio de 2025.

En previsión de que exista remanente nunha das aplicacións orzamentarias e coa finalidade de poder incrementar o crédito dispoñible na outra aplicación orzamentaria para favorecer a posta en marcha do máximo de programas de estadías formativas e incrementar as posibilidades de inserción laboral das persoas mozas, é preciso modificar as datas límite de realización de novas propostas de resolución, de finalización das estadías formativas, así como do período de subvencionabilidade e de xustificación da subvención concedida só para aquelas entidades en lista de agarda que poidan resultar adxudicatarias nunha nova proposta de resolución.

Consecuentemente con todo o anterior e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 8 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de estadías formativas en empresas ou entidades vinculadas a sectores económicos estratéxicos de Galicia, destinados ás persoas mozas inscritas e beneficiarias do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciados pola Unión Europea no marco do programa FSE+Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (programa Xuventude Mentoring na Empresa, código de procedemento BS324D)

Aprobar a modificación da Orde do 8 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de estadías formativas en empresas ou entidades vinculadas a sectores económicos estratéxicos de Galicia, dirixidas ás persoas mozas inscritas e beneficiarias do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciados pola Unión Europea no marco do programa FSE+Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (programa Xuventude Mentoring na Empresa, código de procedemento BS324D), nos seguintes termos:

Un. Modifícase o artigo 5.1 da referida orde, relativo á duración e características dos programas de estadías formativas-programa Xuventude Mentoring na Empresa, que queda redactado do seguinte xeito:

«1. As estadías formativas poderán comezar a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de concesión das subvencións e unha vez aceptada esta e rematado o proceso de selección das persoas mozas participantes, de acordo co establecido nos artigos 22 e 23 desta orde. Deberán finalizar, como data límite, o 31 de outubro de 2025 agás para aquelas entidades que o órgano instrutor propoña nunha nova proposta de resolución ao abeiro do artigo 21 desta orde, caso en que a data de finalización será o 30 de novembro de 2025».

Dous. Modifícase o artigo 7.2 da referida orde, relativo aos gastos subvencionables, que queda redactado do seguinte xeito:

«2. O período de subvencionabilidade dos ditos gastos será desde o día seguinte ao da publicación das bases reguladoras ata o 15 de novembro de 2025, agás para aquelas entidades que o órgano instrutor propoña nunha nova proposta de resolución ao abeiro do artigo 21 desta orde, en que a data límite será o 15 de decembro de 2025».

Tres. Modifícase o artigo 21.3 da referida orde, relativo á lista de agarda, que queda redactado do seguinte xeito:

«3. A partir do 1 de xullo de 2025 non se realizarán novas propostas de resolución, co fin de que se poidan rematar os programas que se van subvencionar a través desta orde no prazo máximo previsto».

Catro. Modifícase o artigo 24.3 da referida orde, relativo á xustificación da subvención, que queda redactado do seguinte xeito:

«3. Establécese como data límite de xustificación da subvención concedida o 15 de novembro de 2025, agás para aquelas entidades que o órgano instrutor propoña nunha nova proposta de resolución ao abeiro do artigo 21 desta orde, en que a data límite será o 15 de decembro de 2025».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Elvira Mª Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude